INSTRUCIÓN 10/2011, do 29 de xuño, sobre a aplicación da disposición transitoria décimo segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación ao recoñecemento administrativo da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas., - Diario Oficial de Galicia, de 19-07-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 138
  • Fecha de Publicación: 19/07/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, establece as bases dunha política territorial sobre o medio rural dirixida a harmonizar o desenvolvemento e benestar dun mundo rural coa preservación e revitalización dos bens naturais e culturais que se deben conservar para legalos ás xeracións futuras.

A regulación dos usos do solo establecidas por esta lei constrúese sobre parámetros non sempre compatibles con determinadas actividades económicas que teñen unha gran repercusión sobre o solo en que se desenvolven, como é o caso das actividades extractivas de recursos minerais. Non obstante, estas actividades constitúen na actualidade un sector industrial que se pode cualificar de estratéxico para Galicia e cunha evidente utilidade pública e interese social en determinadas zonas da nosa comunidade.

Os recursos minerais son recursos naturais cunha distribución heteroxénea sobre o territorio que non permite establecer, con carácter previo, a localización das explotacións minerais seguindo criterios estritamente urbanísticos. Como consecuencia disto, coa entrada en vigor da Lei de ordenación urbanística, un gran número de explotacións mineiras en activo e autorizadas conforme a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, pasaron a atoparse nunha situación irregular desde o punto de vista urbanístico. Estas actividades axústanse na súa evolución temporal e espacial ao proxecto de explotación aprobado no procedemento de autorización, proxecto que, ademais, se desenvolve anualmente conforme os plans de labores suxeitos á aprobación da autoridade mineira.

Para resolver o problema de regularización urbanística das explotacións mineiras existentes estableceuse un réxime na disposición transitoria décimo segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro. Este réxime transitorio foi modulado pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e foi obxecto dunha profunda modificación en virtude da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia. Esta última modificación coincidiu no tempo coa aprobación do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula o procedemento de avaliación de incidencia ambiental. Tamén a Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (DOG n.º 61, do 31 de marzo; corrección de erros DOG do 23 de abril de 2010), modificou a disposición transitoria décimo segunda da devandita norma relativa ás explotacións mineiras existentes en solo rústico, especialmente no que respecta ao recoñecemento administrativo da dirección xeral competente en materia de minas ao obxecto de dar resposta aos problemas aparecidos na súa aplicación.

Segundo a nova disposición, as explotacións mineiras, as actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras, cando estas estivesen en activo no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, localizados en solo rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal ou das augas que non dispoñen de licenza urbanística municipal para continuar a súa actividade deberán obtela, para o que bastará co recoñecemento administrativo da dirección xeral con competencia en materia de minas. A estas categorías de solo debe engadirse o solo rústico de especial protección agrícola onde o uso mineiro é autorizable polo concello respectivo previa a declaración da preexistencia tal e como resulta do disposto na disposición transitoria 12.ª e dos artigos 36 e 37 da lei segundo a interpretación dada polo número 24 da Instrución 1/2011, do 12 de abril, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a aplicación da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (DOG n.º 91, do 11 de maio de 2010).

Como se dixo, o Decreto 133/2008, do 12 de xuño (DOG n.º 126, do 1 de xullo), paralelamente estableceu na súa disposición adicional segunda, número 2, que as actividades extractivas de recursos minerais desenvolvidas nas explotacións mineiras previstas na disposición transitoria décimo segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, non estarán suxeitas ao procedemento de incidencia ambiental agás nos casos de modificación substancial, ou de renovación da concesión.

O recoñecemento administrativo configúrase, por tanto, como esencial para a obtención da licenza urbanística municipal que non require para seu outorgamento doutro requisito -tampouco do previo ou simultáneo trámite de incidencia ambiental e consecuente licenza de actividade- que o propio recoñecemento administrativo conforme a redacción dada na Lei urbanística e na disposición adicional segunda, número 2, do Decreto 133/2008, do 12 de xuño.

Non obstante, a experiencia adquirida no período de tempo transcorrido desde o ditado dos primeiros recoñecementos administrativos pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ata a actualidade amosou as dificultades interpretativas que existen sobre o alcance do recoñecemento administrativo a efectos tanto do outorgamento da licenza urbanística municipal como do arquivo dos expedientes de restauración da legalidade urbanística que se poidan ter incoado respecto das explotacións, actividades ou establecementos obxecto do recoñecemento.

Co obxecto de aclarar o contido e efectos do recoñecemento administrativo que emite a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da existencia das explotacións mineiras, actividades extractivas ou establecementos de beneficio vinculados dítase esta instrución, que ten a natureza de instrución ou orde de servizo ditada ao abeiro do disposto polo artigo 26.3 b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector autonómico de Galicia (DOG n.º 251, do 31 de decembro).

Aínda que esta instrución, de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica considérase conveniente a súa publicación para que todos os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nesta materia.

Primeiro. O recoñecemento administrativo que expida a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas en aplicación da disposición transitoria décimo segunda da Lei 3/2008, do 23 de maio, de acordo coa nova redacción dada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, acreditará a existencia, á entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, das explotacións mineiras, actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio a que faga referencia. Estes deberán estar localizados en solo rústico de protección ordinaria e de especial protección agrícola, forestal ou das augas e ter acreditado ante a autoridade mineira que se atopaban en activo na devandita data.

Segundo. O recoñecemento administrativo acreditará o cumprimento da normativa sectorial vixente e só procederá daquelas explotacións ou actividades extractivas que consten debidamente autorizadas pola autoridade mineira con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro. O seu ámbito limitarase aos termos do título de autorización ou concesión vixente o 1 de xaneiro de 2003 e ao proxecto de explotación e plan de restauración que serviron de base para o seu outorgamento. Non será obxecto de recoñecemento administrativo calquera ampliación ou modificación do proxecto de explotación ou de renovación da concesión posterior á devandita data.

Terceiro. Polo que respecta aos establecementos de beneficio vinculados ás explotacións mineiras, bastará coa preexistencia en activo con anterioridade á Lei 9/2002 da explotación mineira a que atenda o establecemento de beneficio para que este poida continuar a actividade. O recoñecemento expedirase daqueles establecementos autorizados conforme a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e tamén daqueles outros que respondan ao concepto de establecemento de beneficio recollido no artigo 138 do Regulamento para o réxime da minaría de 1978 e que consten debidamente inscritos no rexistro industrial na data do 1 de xaneiro de 2003. Neste caso, a autoridade mineira deberá ter acreditado a vinculación do establecemento a unha explotación mineira en activo con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002.

Cuarto. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas dará traslado dos recoñecementos administrativos expedidos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para seu coñecemento e efectos nos expedientes incoados sobre explotacións mineiras, actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio a que faga referencia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas


No hay versiones para esta norma