Orde do 10 de febreiro de 2006 pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres/as e profesores/as de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 20-02-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 35
  • Fecha de Publicación: 20/02/2006
  • Este documento NO tiene versiones

Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, como o Decreto 247/1995, que a desenvolve no tocante ao ensino non universitario, buscan, por unha parte, que o alumnado vaia acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do castelán, e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da Administración educativa, senón tamén das actividades de relación, organizativas e culturais dos centros educativos.

Para axudar a isto, cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente non só para impartir as clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellorar o dominio que, desa lingua, teña o alumnado.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas ao profesorado, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, axeitándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para acadar ese equilibrio. A estrutura e o contido destes cursos regúlaos a Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril) .

Por todo isto, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega, con carácter gratuíto, para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que se realizarán naquelas localidades que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos respectivos gabinetes de normalización das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica,

tendo en conta o número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 04.60.353E. 640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, aprobados pola Lei 7/2005, do 29 de decembro, por unha contía máxima de 59.400 A.

3. Os módulos de retribución dos cursos son os que a seguir se relacionan:

-Retribución profesor/a docente (75 horas a 40 A/hora) .

-Retribución coordinación, só en casos excepcionais e logo de autorización da secretaria xeral de Política Lingüística (180 A) .

-Retribución persoal subalterno ou auxiliar para os cursos que se realicen en centros educativos (150 A) .

-Material para o curso (máximo 150 A) .

Artigo 2º.-Asistencia, contidos e recoñecemento.

1. Os cursos impartiranse durante o ano 2006. A data de comezo, o lugar de celebración e o horario determinaraos a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos respectivos gabinetes de normalización das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán aos contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril) .

3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada unha das persoas asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

4. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder aos principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para o que se efectuarán as probas necesarias. Ao remate de cada curso, ás persoas asistentes que teñan superadas as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

5. Estes cursos recoñeceránselle, para os efectos de cómputo de sexenios, ao profesorado que os realice e os supere.

Artigo 3º.-Solicitudes, prazos e resolución.

1. As solicitudes presentaranse, utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou ben, por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será o dos vinte días hábiles seguintes ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o con selleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, que se contará a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 4º.-Límites e requisitos.

1. O número de persoas asistentes a cada curso será de 35 como máximo e de 15 como mínimo.

2. Para acceder ao curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación. Ao formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación.

Artigo 5º.-Profesorado. O profesorado destes cursos nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da proposta dos gabinetes de normalización lingüística, a través dos/das delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta os límites establecidos na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e no Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades, así como tamén no Decreto 165/1988, do 16 de xuño, polo que se declara de interese público a realización de cursos e actividades de formación de lingua galega, no que respecta ao persoal docente que impartirá estes cursos, feito que se acreditará enviando declaración xurada na que, de xeito expreso, se poña de manifesto que non incorre nos casos previstos nas disposicións anteriores, contemplando, así mesmo, que, ao abeiro do disposto no artigo 200 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, de contratos das administracións públicas, se vai designar o profesor docente tendo en conta a súa solvencia técnica e científica para impartir as actividades referidas.

Artigo 6º.-Normativa. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística) , ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2006. José Luís Méndez Romeu Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

Orde do 10 de febreiro de 2006 pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres/as e profesores/as de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.


No hay versiones para esta norma