Orde do 10 de maio de 2010 pola que se convoca a seleccion e a renovacion de plans de autoavaliacion e mellora da calidade da educacion en centros educativos para o curso 2010-2011. - Diario Oficial de Galicia, de 19-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 93
  • Fecha de Publicación: 19/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A mellora da calidade da educación constitúe un dos piares da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), que a define como un dos seus principios fundamentais xunto coa exixencia da equidade da súa repartición. Así, sinala que se debe garantir unha igualdade efectiva de oportunidades, prestando os apoios necesarios tanto ao alumnado que o requira como aos centros en que está escolarizado, con vistas á mellora do nivel educativo, cunha permanente vocación de mellora, de adaptación ás demandas do contorno e ao servizo dunha formación integral.

O Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dispón no seu artigo 7 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ten entre as súas funcións o deseño de instrumentos e posta en práctica dos procesos de avaliación do sistema educativo.

No número 5º do artigo 7, asígnase á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, entre outras, a realización das accións de avaliación xeral e de mellora do sistema educativo non universitario de Galicia, e no número 5º.2 do mesmo artigo sinálase como unha das funcións do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo a elaboración e coordinación dos plans de avaliación dos centros e de mellora da calidade.

Como unha acción encamiñada a cumprir os obxectivos da LOE, véñense convocando plans de mellora da calidade da educación dos centros educativos, coa finalidade de contribuír a que os centros incorporen progresivamente unha cultura de autoavaliación e mellora continua na súa organización e nos seus planeamentos pedagóxicos, servíndose para iso do establecemento de plans propios xestionados de maneira autónoma.

Os resultados acadados e o grao de satisfacción dos centros participantes aconsellan propiciar a renovación destes plans naqueles centros educativos interesados en afondar no traballo emprendido, ao tempo que posibilitar a outros centros a incorporación a este tipo de iniciativa e o desenvolvemento de novos plans.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular as condicións e o procedemento de participación dos centros educativos nos plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación para o curso escolar 2010-2011, coa finalidade de fomentar prácticas de avaliación interna, identificar puntos fortes e débiles da institución e pór en marcha medidas conducentes á súa optimización ou mellora.

2. Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Aspectos xerais.

1. Os centros participantes deberán realizar unha avaliación interna sobre algún aspecto básico curricular ou organizativo, e proporán a posta en marcha dun plan de mellora da calidade da educación coherente con ela.

2. O proxecto de autoavaliación e mellora debe contar coa aprobación do claustro de profesores e do consello escolar. Esta aprobación supón o seu compromiso para facilitar a posta en práctica do proxecto.

3. O profesorado participante no proxecto suporá, cando menos, un terzo do número total do profesorado do claustro. Unha das persoas participantes, con destino definitivo no centro, realizará a coordinación do proxecto. A súa función consistirá en dinamizar e impulsar o proxecto, elaborar as actas das reunións, servir de interlocutor coa Administración educativa e redactar a memoria final coa colaboración dos restantes participantes.

4. As actividades de mellora propostas deberán figurar na programación xeral anual do centro.

5. Os centros con plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación seleccionados deberán presentar ao remate da súa realización unha memoria final, segundo o indicado no artigo 13º desta orde.

Artigo 3º.-Liñas prioritarias de traballo.

Para os efectos desta convocatoria, considéranse temas prioritarios, e polo tanto terán preferencia na selección dos proxectos, os seguintes:

a) As competencias básicas no desenvolvemento do currículo.

b) Revisión das medidas de atención á diversidade.

c) Integración das actitudes e valores no currículo.

d) Aspectos metodolóxicos xerais e de coordinación didáctica.

e) Criterios de avaliación, cualificación, promoción e titulación.

Artigo 4º.-Documento de síntese da avaliación interna.

1. O centro realizará un proceso de avaliación interna sobre un tema elixido por el e que se recollerá nun documento síntese no que, cando menos, se reflectirán os seguintes puntos:

a) Xustificación do tema escollido para a súa avaliación interna.

b) Obxectivos que se pretenden.

c) Metodoloxía empregada para a recollida e análise dos datos.

d) Resultados da avaliación interna.

e) Aspectos susceptibles de mellora.

2. No desenvolvemento da avaliación interna, os centros que o desexen poderán solicitar información e apoio aos centros de formación e recursos (CFR) dos que dependan.

3. A realización da avaliación interna é requisito previo á elaboración do plan de mellora da calidade do centro.

4. A extensión máxima deste documento será de 10 páxinas.

Artigo 5º.-Elaboración do plan de mellora da calidade da educación.

1. Finalizado o proceso de autoavaliación á que se refire o artigo 2º.1, os centros deberán presentar un plan de mellora da calidade da educación coherente con ela e dun máximo de 15 páxinas que, cando menos, deberá incluír:

a) Título do proxecto.

b) Breve resumo do proxecto e xustificación del en relación coa avaliación interna realizada.

c) Obxectivos.

d) Actividades que se van desenvolver, detallando responsables, recursos e temporalización.

e) Necesidades formativas e orzamentarias.

f) Criterios para o seguimento e avaliación do plan.

g) Relación nominal de participantes con indicación expresa da persoa coordinadora.

2. No deseño e desenvolvemento do plan de mellora, os centros que o desexen poderán solicitar información e apoio aos centros de formación e recursos (CFR) dos que dependan. A supervisión e avaliación destes plans corresponde á inspección educativa.

3. O desenvolvemento do plan de mellora da educación dará comezo non máis tarde do 4 de outubro de 2010.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Ás solicitudes, segundo o modelo de instancia do anexo I desta orde, deberá xuntárselle a seguinte documentación:

a) Certificacións da aprobación por parte do claustro de profesores e do consello escolar da asunción dos compromisos necesarios para a participación nesta convocatoria, segundo os modelo dos anexos II e III.

b) Documento de síntese da avaliación interna realizada polo centro, de acordo co artigo 4º da convocatoria.

c) Plan de mellora da calidade da educación proposto, segundo se recolle no artigo 5º da convocatoria.

2. As instancias e demais documentación, dirixidas ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781, Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude fose remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación.

3. O prazo de presentación de instancias será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Artigo 7º.-Centros participantes nos plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación durante o curso 2009-2010.

1. Os centros educativos que durante o curso 2009-2010 foron seleccionados para desenvolver un plan de autoavaliación e mellora da calidade da educación, e que desexen continuar traballando no mesmo tema, poderán solicitar a súa renovación. Neste caso, están exentos de presentar o documento síntese de avaliación interna a que se refire o artigo 4º, debendo presentar a restante documentación nos prazos establecidos.

2. O plan de mellora deberá xustificar e concretar aqueles obxectivos presentes no proxecto anterior nos que se quere profundar e/ou os novos obxectivos incorporados.

3. A renovación do plan só poderá ser concedida, como norma xeral, unha soa vez. Excepcionalmente, poderá ser concedida unha segunda renovación se, a xuízo da comisión de selección, concorren as seguintes circunstancias:

a) Contar coa avaliación positiva da memoria do plan de autoavaliación e mellora da calidade da educación do curso 2009-2010.

b) Existir razóns obxectivas que xustifiquen a súa continuidade.

c) Contar con evidencias razoables de que a continuidade do proxecto para o curso 2010-2011 é relevante para completar a liña de traballo iniciada nos dous cursos anteriores.

4. No caso de que o centro desexe participar cunha liña de traballo diferente á seleccionada para o curso 2009-2010, deberá presentar, ademais, a documentación a que se refire o artigo 4º.

Artigo 8º.-Dotación orzamentaria.

1. As dotacións económicas correspondentes a estes plans de mellora da calidade da educación realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.423A.640.3 dos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2010, por un importe global de 146.300 €.

2. Cada centro seleccionado recibirá ata un máximo de 4.000 €, segundo a adaptación do proxecto aos criterios desta orde e logo da análise das súas necesidades.

3. O importe concedido a cada centro seleccionado deberá destinarse a sufragar gastos que estean debidamente xustificados no proxecto e corresponderanse coas epígrafes do anexo IV.

4. As cantidades asignadas por esta convocatoria serán transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2010.

Artigo 9º.-Recoñecemento da actividade.

1. Para os efectos de recoñecemento, os plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación considéranse programas de innovación educativa, segundo o establecido na Orde do 1 de marzo de 2007 (DOG do 11 de abril) pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e innovación e das titulacións.

2. A certificación expedida aos participantes recollerá a súa consideración de actividade de innovación educativa. Así mesmo, farase constar nela o número de horas de formación permanente do profesorado que se lle recoñecen.

3. Á persoa que desenvolva funcións de coordinación, faráselle constar este particular na súa certificación.

4. Tal e como se reflicte no artigo 12º.1, a comisión de selección determinará a equivalencia en horas de formación do profesorado que se recoñecerán e certificarán aos participantes, ata un máximo de 50 horas.

Artigo 10º.-Comisión de selección.

1. A selección dos proxectos realizarase por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membro da Inspección educativa.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección aterase á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración Autonómica de Galicia.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica para os efectos de elaboración de informes sobre os plans de mellora presentados.

Artigo 11º.-Criterios de selección dos proxectos.

Darase prioridade á selección dos proxectos que posúan as seguintes características, valorándose coas seguintes porcentaxes:

a) Ter relación con algunha das liñas de traballo consideradas como prioritarias nesta convocatoria: 20%.

b) Rigor no deseño, na recollida de datos e na análise da avaliación interna: 25%.

c) Grao de coherencia entre os resultados da avaliación realizada e o proxecto presentado: 15%.

d) Viabilidade do plan de mellora trazado: 25%.

e) Grao de implicación do claustro e do equipo directivo no plan e a súa previsible repercusión na mellora da calidade do centro: 15%.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A comisión de selección, unha vez valoradas as solicitudes presentadas, emitirá unha proposta provisional de resolución que incluirá aqueles plans que mellor se adecúen ás bases da convocatoria, indicando as cantidades asignadas a cada un deles e a equivalencia en horas de formación do profesorado que se recoñecerán e certificarán aos participantes.

2. Esta proposta provisional farase pública no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seguinte enderezo electrónico: http:/www.edu.xunta.es

3. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta, abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que se poidan presentar cantas alegacións se consideren oportunas. No mesmo prazo poderá realizarse a renuncia á participación na convocatoria. Unha vez revisadas as reclamacións, a comisión elevará a proposta definitiva ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

4. A resolución, ditada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e que incluirá a listaxe de centros seleccionados, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao do remate do período de solicitudes.

5. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas peticións.

Artigo 13º.-Memoria final.

1. Antes do 1 de xuño de 2011, os centros presentarán unha memoria final do plan de autoavaliación e mellora da calidade da educación executado, dirixida ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. O incumprimento desta obriga supón a invalidación da totalidade do proxecto para os efectos do recoñecemento dos méritos dos participantes.

2. A memoria irá acompañada dunha certificación da secretaría do centro a proposta da persoa coordinadora e co visto e prace da dirección, na que se fará constar a relación do profesorado que participou no proxecto e a persoa que desenvolveu as funcións de coordinación. As actas das xuntanzas realizadas xuntaranse como anexo á memoria.

3. A memoria final deberá prever unha valoración global do proxecto, o grao de consecución dos obxectivos propostos, as actividades desenvolvidas, o grao de implicación do centro e da comunidade educativa, as actividades de formación organizadas, a avaliación realizada, as previsións de futuro e a xustificación económica.

4. A xustificación económica citada no parágrafo anterior consistirá nunha certificación emitida polo consello escolar antes do 31 de decembro de 2010, segundo o anexo IV.

5. A non entrega da memoria final, incluíndo a xustificación do gasto no prazo sinalado, poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas, debendo proceder o centro ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

6. O incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Artigo 14º.-Compromisos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dos centros docentes candidatos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria gardará a debida confidencialidade sobre os resultados das avaliacións que se efectúen a centros docentes, con ocasión do desenvolvemento do previsto nesta convocatoria.

2. O seguimento dos plans poderá incluír visitas aos centros polo persoal que determine a Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

3. Os centros premiados comprométense a participar nas accións de difusión de mellores prácticas que se organicen por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, prestarán a súa autorización para a publicación, se é o caso, das memorias.

4. A presentación da solicitude de participación nesta convocatoria supón a completa aceptación destas bases.

Artigo 15º.-Recursos.

Contra esta orde poderase recorrer potestativamente mediante recurso de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, coas modificacións da Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma