Orde do 10 de maio de 2010 pola que se modifica a Orde do 16 de decembro de 2009, que regula, para o ano academico 2009-2010, a proba de acceso as ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia para o alumnado que estea en posesion do titulo de bacharel ou equivalente. - Diario Oficial de Galicia, de 19-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 93
  • Fecha de Publicación: 19/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei orgánica 2/2006 atribúe ao Goberno do Estado o establecemento das características básicas da proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades españolas.

O Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, polo que se regulan as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades españolas, regula a proba de acceso que terá en conta as modalidades do bacharelato e as vías que poidan seguir os estudantes, versará sobre as materias de segundo de bacharelato e terá validez para o acceso ás distintas titulacións das universidades españolas.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, dispón no número 2 do artigo 17º que as administracións educativas organizarán a proba de acceso á universidade establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a partir do ano académico 2009-2010.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por Orde do 16 de decembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 12 de xaneiro de 2010), modificada pola Orde do 11 de febreiro de 2010, regulamentou, para o ano académico 2009-2010, a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel ou equivalente.

Desde a publicación do Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, polo que se regulan as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades españolas, púxose de manifesto a necesidade de precisar determinados aspectos relativos fundamentalmente á organización das probas de acceso que nel se regulan, así como os criterios que serán de aplicación aos novos procedementos de admisión ás universidades públicas en próximas convocatorias, polo que o Ministerio de Educación publica o Real decreto 558/2010, do 7 de maio, polo que se modifica o Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, polo que se regulan as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades españolas.

De acordo co anteriormente exposto faise necesario modificar a Orde do 16 de decembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 12 de xaneiro de 2010), modificada pola Orde do 11 de febreiro de 2010, que regula, para o ano académico 2009-2010, a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel ou equivalente, establecendo aqueles aspectos que poidan incidir nunha mellor organización, xestión e desenvolvemento das probas de acceso.

Por todo o dito, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único.-Modificación da Orde do 16 de decembro de 2009.

Modifícase a Orde do 16 de decembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 12 de xaneiro de 2010), modificada pola Orde do 11 de febreiro de 2010, que regula, para o ano académico 2009-2010, a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel ou equivalente.

Un.-Modifícase o punto 1 e engádese un punto 5 ao artigo 7º, nos seguintes termos:

«1. Na fase específica cada estudante poderá examinarse dun máximo de catro materias de entre as de modalidade do segundo curso de bacharelato que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para a fase xeral, sempre que o estudante se examine da fase xeral e da fase específica na mesma convocatoria. Estas materias son as establecidas no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia».

«5. Para a realización dos exercicios, os candidatos poderán empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia».

Dous.-O artigo 9º.3 queda redactado da seguinte forma:

«3. A nota media do bacharelato será a media aritmética das cualificacións de todas as materias, expresada con dúas cifras decimais, arredondada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior. Para o cálculo da nota media non se computará, para os efectos de acceso á universidade, a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión, de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

A nota media do bacharelato, no caso dos estudantes aos cales lles fosen validados estudos de sistemas educativos estranxeiros polos de primeiro de bacharelato, será calculada a partir da nota media do curso validado e da de segundo de bacharelato. A nota media do curso validado será a que figure na credencial de validación ou no seu certificado complementario, calculada segundo a Resolución do 29 de abril de 2010 da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional».

Tres.-Suprímese o punto 4 do artigo 11º e modifícase o punto 1 do mesmo artigo, que queda redactado da seguinte forma:

«1.-Os estudantes poderán presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación da fase xeral. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior».

Catro.-O artigo 12º.5, queda redactado da seguinte forma:

«5. O estudante que presente solicitude de segunda corrección, terá dereito a ver o exame corrixido unha vez finalizado na súa totalidade o proceso de corrección e reclamación establecido no número 3 deste artigo, no prazo de dez días e na data, o lugar e a hora que estableza a comisión organizadora da proba, sempre que se solicitase en tempo e forma».

Cinco.-A disposición adicional segunda queda redactada da seguinte forma:

«1. Aos estudantes que teñan superada a proba de acceso á universidade con anterioridade ao ano 2010 e pretendan acceder a ensinanzas universitarias oficiais de grao en que se presenten procedementos de concorrencia competitiva, calcularáselle a nota de admisión conforme a fórmula:

Nota de admisión=CDA + a*C1 + b*C2

CDA=a cualificación definitiva da proba de acceso superada con anterioridade ao ano 2010.

C1, C2=as dúas materias do segundo exercicio da proba de acceso que fai valer, cun valor mínimo de 5 puntos, con maior cualificación unha vez aplicados os parámetros de ponderación.

A nota de admisión incorporará as cualificacións das citadas materias de exame no caso de que coincidan con materias adscritas á rama de coñecemento do título a que se queira ser admitido.

O anterior será de aplicación no procedemento que se realice para a admisión no ano académico 2010-2011.

2. Non obstante o anterior, poderán presentarse á fase específica establecida no artigo 7º desta orde. Neste caso a nota de admisión á que se fai referencia no artigo 10º desta orde, obterase da seguinte fórmula:

Nota de admisión=CDA + a*M1 + b*M2

CDA=cualificación definitiva da proba de acceso á universidade anterior á establecida nesta orde.

M1, M2= as dúas materias superadas da fase específica con mellor cualificación unha vez aplicados os parámetros de ponderación.

a, b=parámetros de ponderación das materias da fase específica.

3. Sen prexuízo do anterior, os estudantes que teñan superada a proba de acceso á universidade con anterioridade ao ano 2010, poderán optar por realizar a nova proba de acceso, ben sexa completa ou en calquera das súas fases, xeral ou específica, de acordo co establecido nesta orde».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria


No hay versiones para esta norma