Orde do 11 de decembro de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundacion Escuela del Desarrollo Armonico del Ser Humano e se ordena a sua inscricion no Rexistro de Fundacions de Interese Galego. - Diario Oficial de Galicia, de 05-01-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 2
  • Fecha de Publicación: 05/01/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Con data do 6 de outubro de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de setembro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Escuela del Desarrollo Armónico del Ser Humano, adscribíndose á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, departamento ao que corresponde o exercicio das funcións de protectorado.

A fundación, segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, ten por obxecto ser un centro educacional orientado aos seguintes fins: descubrir e desenvolver novos métodos para mellorar a vida e axudar ao desenvolvemento integral das persoas. Apoiar o desenvolvemento dos talentos innatos dos nenos e adultos, cultura das relacións en parella, que inclúe coñecementos para construír a relación día a día elixindo a parella conscientemente, segredos das relacións íntimas, saúde sexual e conflitos coa parella, a forma de saber resolver os conflitos, de manter e desenvolver o amor verdadeiro e a preparación adecuada para ter fillos, forma de vida saudable, educación dos fillos para que medren con harmonía e felicidade cunha alimentación sa, exercicio físico, ioga e unha cultura emocional adecuada, para que se convirta nun adulto capaz de expresar as súas emocións, réximes de nutrición de acordo coas estruturas psíquico-emocionais da persoa e métodos de prevención do estrés para o corpo físico, as emocións e o centro intelectual. Novos principios para a medicina do futuro, estudos do cerebro e das capacidades do ser humano, escola de desenvolvemento dos talentos, técnicas anti estres, de revitalización e relaxación para afrontar a vida diaria.

A escritura pública de constitución da fundación contén os extremos previstos no artigo 11 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos seus estatutos constan os requisitos exixidos polo artigo 12 da mesma lei autonómica.

Os fins, dotación fundacional, elementos organizativos e demais normas reguladoras da fundación cumpren os requisitos e condicións establecidos pola mencionada lei.

O expediente o promoveron persoas lexitimadas para iso e na súa tramitación cumpríronse os requisitos legais e regulamentarios exixidos, tanto pola lexislación autonómica vixente en materia de fundacións de interese galego como polas normas básicas estatais de xeral aplicación.

Polo exposto, en virtude das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co disposto no artigo 32.3 do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e logo do informe da asesoría xurídica,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Escuela del Desarrollo Armónico del Ser Humano, ao cumprir os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a lexislación aplicable en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-A fundación cumprirá co disposto na Lei 12/2006, e demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación, especialmente coas obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades e da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Así mesmo, estará obrigada a presentar ao protectorado as contas anuais e xustificar a través da memoria anual o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar un plan de actuación con anterioridade ao inicio de cada exercicio económico, no que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que prevexa desenvolver durante o exercicio seguinte xunto cunha previsión das partidas de ingresos e gastos e unha memoria explicativa deste, e a realizar as preceptivas comunicacións ao protectorado nos supostos legalmente establecidos.

Cuarto.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados en ambos casos a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2009

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria


No hay versiones para esta norma