Orde do 11 de maio de 2010 pola que se aproba o Regulamento da indicacion xeografica protexida Pemento do Couto e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador provisional. - Diario Oficial de Galicia, de 20-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 94
  • Fecha de Publicación: 20/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Cos estudos e documentación técnica e histórica pertinentes, o expediente de solicitude de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas correspondente á indicación xeográfica protexida Pemento do Couto foi remitido aos servizos da Comisión Europea. Logo da oportuna tramitación, mediante o Regulamento (UE) 147/2010 da Comisión do 23 de febreiro, publicado no DOUE nº L 47, do 24 de febreiro, produciuse a inscrición definitiva desta indicación xeográfica protexida.

Pola súa parte, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece no seu artigo 4 que, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, por orde do titular da consellería competente segundo a natureza do produto, aprobarase o regulamento da denominación e do seu consello regulador, que será publicado no Diario Oficial de Galicia. Ademais, segundo o citado decreto, a dita orde recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do Pleno do consello regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da indicación xeográfica ata a celebración do proceso electoral polo que se constitúa un novo órgano de xestión.

Na súa virtude, por proposta do sector, tendo en conta as consideracións expostas e o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto e do seu Consello Regulador.

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto e do seu Consello Regulador, que figura como anexo a esta disposición.

Artigo 2º.-Nomeamento do Consello Regulador Provisional.

Noméase, por proposta do sector, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto, con carácter provisorio ata que teñan lugar eleccións na forma determinada pola normativa vixente.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidente: José Manuel Castro Leirachá.

Vogais:

-Santiago Galego Castro.

-Juan José Fraga Alonso.

-Juan José Pita Casal.

-José Antonio Blanco Montero.

-Juan Fernández Veiga.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida

Pemento do Couto e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparados coa indicación xeográfica protexida Pemento do Couto os pementos que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, recolección, almacenamento e comercialización todos os requisitos exixidos por este, polo prego de condicións que serviu de base para a inscrición desta indicación xeográfica no Rexistro de Denominacións de Orixe Protexidas e de Indicacións Xeográficas Protexidas e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A indicación xeográfica protexida Pemento do Couto quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, neste regulamento e demais normativa concordante.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade dos pementos amparados queda encomendado ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano de control e certificación para os produtos da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto é o Ingacal, de acordo co disposto no artigo 15.1º c) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 66 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto, que serán integrados no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante, manual de calidade.

Capítulo II

Características do produto

Artigo 5º.-Características do produto.

1. Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto son os froitos da especie Capsicum annuum, L, do ecotipo local coñecido por ese mesmo nome, procedentes de parcelas inscritas no correspondente rexistro.

2. As plantas deste ecotipo son de consistencia herbácea, moi ramificadas, porte medio, acadando entre 80 e 100 cm en cultivo ao aire libre e entre 115 e 130 cm en cultivo baixo cuberta. Son de ciclo semiprecoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración.

3. O froito é apañado en verde, en estado inmaturo precoz para a súa comercialización en fresco, debendo presentar as características seguintes:

a) Categoría comercial I, de acordo co Regulamento (CE) 1221/2008.

b) Forma: sección lonxitudinal troncocónica-trapezoidal e sección transversal redondeada. En ocasións a sección transversal aparece lixeiramente sucada e co extremo apical marcado con tres ou catro cantos.

c) Peso: entre 4 e 6 gramos por unidade.

d) Lonxitude do froito: entre 4 e 8 cm.

e) Largo aproximado: 2 cm.

f) Pedúnculo: entre 2 e 3 cm, sempre de menor lonxitude que o froito. É ríxido e normalmente recto ou con escasa curvatura.

g) Pel: de cor verde escura, con pouco brillo.

h) Espesor da parede ou carne: presenta un espesor fino de aproximadamente entre 1 e 1,5 mm.

i) Cata: carne de textura fina e zumarenta, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e sen picor debido á ausencia de capsicina, con aroma de intensidade moderada e con escasa presenza de sementes.

Capítulo III

Produción e envasado

Artigo 6º.-Zona de produción.

A área de produción de pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto está constituída pola totalidade da comarca do Ferrol, integrada polos seguintes municipios: Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, Neda, Fene, Mugardos e Ares.

Artigo 7º.-Aspectos xerais do cultivo.

1. As condicións idóneas para o cultivo son as de humidade relativa alta, temperaturas moderadas, baixa oscilación térmica, solos lixeiramente ácidos e suficiente circulación de aire para favorecer o movemento de pole entre as distintas plantas.

2. A fertilización será a adecuada de cara a manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta, tendo en conta deste modo as extraccións do cultivo, o estado nutricional da planta, o nivel de fertilidade do solo e as achegas realizadas por outras vías (auga, materia orgánica, etc.).

3. A loita contra posibles pragas e/ou enfermidades estará dirixida á aplicación de métodos culturais como: desinfección de sementes, tratamento de sementeiros e menores doses de rega, evitando sempre o encharcamento do terreo e os aporcados excesivos. Potenciarase a loita biolóxica.

4. No caso de resultar necesaria a intervención química, as materias activas empregadas serán as que xeren menor impacto ambiental, maior eficacia, menor toxicidade e problema de residuos, menor efecto sobre a fauna auxiliar e menor problema de resistencia.

Artigo 8º.-Obtención de semente e plántula.

1. Unicamente poderán empregarse sementes de plantacións inscritas, pertencentes a liñas seleccionadas, as cales garantan a obtención dun produto de máxima calidade e coa homoxeneidade que o mercado demanda.

A selección practicada, así como o seu coidado por evitar hibridacións indesexables, son factores decisivos á hora de obter un pemento con ausencia total de picor (ao menos baixo as condicións ambientais da comarca), aspecto pouco frecuente en pementos de similares características.

Co fin de evitar hibridacións non desexadas, as sementes obteranse de plantacións realizadas baixo cuberta ou en lugares suficientemente distanciados de parcelas con cultivos ao aire libre doutras liñas de pementos deste ecotipo.

2. Unha vez recollido o froito maduro sécase e extráeselle a semente, a cal unha vez desinfectada, está en condicións de ser sementada.

3. A preparación do sementeiro iníciase no mes de outubro, continuando en novembro, decembro e xaneiro.

A sementeira realízase en caixóns sobre un substrato composto por unha mestura de turba e area a partes iguais. Tras a xerminación, e unha vez que a planta alcanzou 5 cm aproximadamente, procédese ao repicado, sendo transplantadas a bandexas con alvéolos.

4. Debe procederse á rega, mantendo unha humidade suficiente e constante do sementeiro, sobre todo desde a fase de xerminación ata o nacemento da planta.

Artigo 9º.-Técnicas de cultivo.

1. O cultivo realízase tanto ao aire libre como protexido baixo cuberta. Para o cultivo utilizaranse plántulas procedentes de explotacións inscritas no correspondente rexistro da indicación xeográfica.

2. No cultivo baixo cuberta non hai uso de calefacción nin iluminación artificial, sendo utilizados unicamente para protexer o cultivo das ocasionais xeadas e sobre todo, para permitir adiantar a entrada en produción e prolongala unhas semanas no outono. Tamén se estendeu o seu uso para salvagardar as liñas seleccionadas deste ecotipo de pemento de hibridacións indesexables.

3. A plantación baixo cuberta efectúase en febreiro e marzo, para comezar a recolección dos froitos a mediados de abril. A densidade é de 2 a 4 plantas por metro cadrado, sendo práctica habitual cubrir o chan con láminas de polietileno para impedir a competencia das malas herbas. Non é necesario entitorar xa que co marco de plantación establecido unhas plantas se apoian noutras. Os rendementos máximos permitidos serán de 6 kg/m2.

4. Ao aire libre a plantación lévase a cabo durante os meses de abril e maio, a densidade é de 3 a 5 plantas por metro cadrado. Os rendementos máximos permitidos serán de 4 kg/m2.

5. Os límites produtivos sinalados nos puntos 3 e 4 anteriores poderán ser modificados en función das condicións climáticas de cada temporada.

6. Nas primeiras etapas tras a plantación deberá haber unha restrición de auga, xa que iso favorecerá un mellor desenvolvemento do sistema radicular co fin de que a planta poida aguantar sen dobrarse durante toda a fase de produción.

Artigo 10º.-Recolección e almacenamento.

1. A recolección será manual e realizarase no momento en que, a xuízo dos experimentados horticultores da zona, o pemento presente as condicións idóneas para a súa comercialización, coincidentes coas características físicas relacionadas no artigo 5º. Constará de tantas pasadas como sexan precisas para a obtención de froitos de excelente calidade, cos medios materiais e humanos necesarios para evitar a deterioración destes.

2. Os pementos apañados serán trasladados en caixas ou outro tipo de contedores ríxidos, evitando o seu esmagamento, ata o almacén manipulador. A descarga realizarase de modo que se minimicen os efectos de caída libre do produto. O traslado farase coa maior prontitude posible ao almacén manipulador.

3. Os lugares de almacenamento atoparanse correctamente aireados, cunha adecuada temperatura e humidade relativa.

Artigo 11º.-Envasado e comercialización do produto.

1. O período de comercialización estará comprendido entre o 15 de abril e o 31 de outubro. O órgano de control poderá alongar ou acurtar este período cando, en razón das circunstancias climáticas da temporada, as características do produto o aconsellen.

2. O envasado realizarase en lotes homoxéneos en canto a procedencia e lonxitude do froito e en bolsas con pesos de 200 gramos ou 400 gramos, de materiais para uso alimentario autorizados pola lexislación vixente. Poderanse establecer outras formas de presentación cando se comprobe que non afectan negativamente a calidade do produto.

4. Co obxecto de obter un produto de calidade superior, os pementos acollidos á indicación xeográfica protexida Pemento do Couto serán sometidos a unha esmerada selección, debendo presentarse:

-Enteiros e firmes.

-Sans, excluíndo os froitos podres ou que presenten outras alteracións que os fagan impropios para o consumo.

-Exentos de manchas.

-Limpos e exentos de materias estrañas visibles.

-Provistos de pedúnculo.

-Exentos de humidade exterior anormal.

Capítulo IV

Control e certificación do produto

Artigo 12º.-Autocontrol.

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade, en primeira instancia, dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do manual de calidade.

Artigo 13º.-Control e certificación.

1. O Ingacal realizará o control e certificación dos pementos acollidos á indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, instalacións e os produtos estarán sometidas ao control levado a cabo polo Ingacal co obxecto de verificar que os produtos que posúan a indicación xeográfica protexida Pemento do Couto cumpren os requisitos deste regulamento e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións, almacéns e industrias, revisión da documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos neste regulamento.

Poderá procederse, ademais, á realización de análises multirresiduos. A súa finalidade será comprobar que os valores obtidos nos praguicidas investigados se atopan por debaixo dos límites máximos de residuos (LMR) fixados pola lexislación vixente para o cultivo colleitado.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria do produto, que se someterán a análises das súas características físicas. O órgano de control, á vista do resultado das análises así como dos demais datos relativos ao produto, resolverá o que proceda en relación coa certificación.

5. No manual de calidade recolleranse as normas que permitan o perfecto control dos pementos e mesmo tamén das partidas defectuosas ou non certificadas, garantindo a orixe e calidade do produto amparado pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

6. As industrias que posúan outras liñas de produción distintas dos pementos acollidos á indicación xeográfica protexida farano constar expresamente no momento da súa inscrición e someteranse ás inspeccións que se establezan para controlar estes produtos e garantir, en todo caso, a orixe e calidade dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida.

7. Co fin de garantir a orixe do produto queda prohibido durante o período de comercialización definido no artigo 11º, que as industrias que envasen pementos co distintivo da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto envasen tamén outros pementos de similares características que procedan de parcelas non rexistradas, salvo naqueles casos nos que estea implantado un sistema de rastrexabilidade axeitado a xuízo do órgano de control.

8. Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida con destino ao consumo levarán unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Ingacal, de acordo coas normas establecidas no manual de calidade. O dito distintivo será colocado, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 14º.-Produto non certificable.

1. No caso de que se constatase calquera tipo de incumprimento nas características dos pementos, ou que na súa produción, acondicionamento ou maduración non se cumprisen os preceptos deste regulamento, do manual de calidade e das demais disposicións legais que lles afecten, os pementos non serán certificados. Neste caso, o órgano de control poderá levantar unha non conformidade, que será comunicada ao interesado para que a corrixa no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicar ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

2. Cando as irregularidades detectadas polo órgano de control poidan ser constitutivas de infracción, este dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

3. Os pementos que o órgano de control non considere aptos para ser amparados, ademais de perderen o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizados e perfectamente identificados, baixo a súa supervisión. O órgano de control vixiará en todo momento o destino deses pementos que, en ningún caso, poderán ser protexidos coa indicación xeográfica protexida.

4. Os pementos a que se refire a alínea 3 anterior poderán ser utilizados para obter outros produtos ou para consumo directo se a alteración ou defecto non constitúe perigo para o consumo. Nese caso poderán comercializarse sen o amparo da indicación xeográfica protexida e sempre baixo a supervisión do órgano de control, empregando, en todo caso, outras marcas distintas das autorizadas para o produto protexido.

Artigo 15º.-Control dos volumes de produción.

O órgano de control verificará en cada campaña as cantidades de pemento certificado pola indicación xeográfica protexida que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita nos rexistros de almacéns e plantas envasadoras. Confirmará así que é correcta a súa relación coas cantidades adquiridas aos produtores censados no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas cultivadas na campaña.

Artigo 16º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, colleita, almacenaxe, envasado e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade dos pementos certificados pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares das plantacións e as titulares das instalacións de almacenaxe e envasado estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións de pemento susceptible de ser amparado pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto presentarán ao órgano de control as seguintes declaracións:

1º Declaración de sementeira, na que se especificará:

-Datos de identificación dos sementeiros.

-Cantidade e procedencia da semente.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

2º Declaración de plantación, na que se especificará:

-Superficie plantada e densidade de plantación.

-Datos de identificación das parcelas utilizadas con tal fin.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

b) Todas as firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e envasado levarán un libro de control, segundo modelo adoptado no manual de calidade, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia dos pementos adquiridos.

-Cantidade de pemento envasado baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes presentarán ao órgano de control unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, sendo suficiente con copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. O órgano de control poderá solicitar calquera outra declaración complementaria que considere oportuna.

3. As declaracións especificadas no presente artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 17º.-Circulación do produto.

Toda expedición de pemento con dereito a protección que se realice antes da súa etiquetaxe regulamentaria entre persoas físicas ou xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación, segundo se estableza no manual de calidade, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 18º.-Almacenaxe e envasado do produto non protexido.

As instalacións de almacenaxe e envasado que manipulen ou envasen pementos non protexidos pola indicación xeográfica protexida farano constar expresamente no momento da súa inscrición e, ademais, someteranse ás normas establecidas no manual de calidade para efectuar o seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe e separación do produto, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos produtos protexidos pola denominación.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 19º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de produtores e plantacións.

b) Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

Artigo 20º.-Rexistro de produtores e plantacións.

1. Neste rexistro inscribiranse todas as explotacións que, estando situadas na zona de produción e reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, pretendan producir semente ou plántula e queiran destinar toda ou parte da súa produción de pementos a ser comercializada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

2. Na inscrición figurarán os seguintes datos:

-Nome do propietario (persoa física ou xurídica) e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a plantación.

-Relación das parcelas en que estea previsto a produción de plántula e/ou pemento susceptible de ser amparado pola indicación xeográfica protexida, identificadas mediante as súas respectivas referencias no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac).

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas que se van inscribir.

Artigo 21º.-Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

1. Neste rexistro inscribiranse todas aquelas instalacións que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, se dediquen a almacenar e/ou envasar pementos que poidan optar a ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

2. Na inscrición figurarán os seguintes datos:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións

-Capacidade de almacenaxe e, de ser o caso, de envasado.

-No caso de sociedades exixirase inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións que pretendan inscribir.

3. Ademais dos datos e documentación que se recollen na alínea 2 anterior, tamén se xuntará copia de:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

-Canta outra documentación sexa necesaria para a cualificación, localización e correcta identificación dos almacéns e plantas envasadoras.

Artigo 22º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no manual de calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano de control, para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, despois do informe favorable do órgano de control, o Consello Regulador entregará ao interesado un certificado acreditativo da inscrición indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido na alínea 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderá interpoñerse recurso de alzada perante a consellaría competente en materia de agricultura.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 23º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da indicación xeográfica e demais normativa de aplicación, e deberá comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender provisoria ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada catro anos no caso dos produtores e cada dous anos no caso dos almacenistas e envasadores. O órgano de control fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 24º.-Baixa nos rexistros.

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Quen sexa dado de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 25º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas plantacións e almacéns e instalacións nos rexistros indicados no artigo 19º poderán destinar a súa produción a ser amparada pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

2. Unicamente os pementos que se cultiven de acordo coas condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, nas parcelas e polos produtores inscritos no correspondente rexistro, poderán ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto.

3. Do mesmo xeito, so poderán obter o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto os pementos manipulados e envasados en instalacións inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador.

4. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas, é exclusivo dos operadores inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador e baixo a aprobación deste.

Artigo 26º.-Obrigas xerais.

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento así como no manual de calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura, o Consello Regulador e o órgano de control.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para se poderen beneficiar dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as súas inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 37º deste regulamento, o incumprimento do indicado nas alíneas 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata un ano nos dereitos do inscrito ou a súa baixa, trala decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser obxecto de recurso perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 27º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador de marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Ademais, de conformidade co disposto no parágrafo 6 do artigo 9 da Lei 2/2005 e no parágrafo 3 do artigo 12 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, as marcas comerciais que se utilicen en produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto non poderán ser utilizadas noutros pementos de similares características que non estean acollidos á súa protección.

Artigo 28º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas comerciais dos pementos amparados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención «indicación xeográfica protexida Pemento do Couto» e, optativamente, o seu logotipo e o identificador europeo das indicacións xeográficas protexidas, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Artigo 29º.-Logotipo da indicación xeográfica.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto adoptará como logotipo o que figura no anexo deste regulamento.

2. No exterior dos locais das empresas inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras deberá figurar, nun lugar destacado, unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica protexida, de acordo co que se estableza no manual de calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto amparado poderán utilizar o logotipo da indicación xeográfica para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor e de acordo coas normas que se recollan no manual de calidade.

Capítulo VII

O Consello Regulador

Artigo 30º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto é unha corporación de dereito público á cal se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola denominación -en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización- e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, en que deberá observarse o dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión dos rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ao control da administración, de acordo co establecido nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

5. Consonte os parágrafos 3 e 4 anteriores, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 31º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 32º.-O Pleno: composición e funcións.

1. O Pleno está constituído por cinco vogais, elixidos democraticamente por e entre os titulares de explotacións inscritas nos rexistros de produtores e plantacións e os titulares de instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario ou secretaria do Consello Regulador.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dúas persoas que actuarán como delegadas da Administración e que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 33º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por qué contar coa condición previa de vogal. No caso de que así sexa, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 34º.-A Vicepresidencia.

1. O Consello Regulador contará cunha Vicepresidencia, que será desempeñada pola persoa elixida por e entre os vogais do Pleno.

2. A persoa que exerza a Vicepresidencia substituirá o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 35º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará formada polas persoas que exerzan a Presidencia e a Vicepresidencia e, se así o decide o Pleno, por un ou varios dos seus vogais.

2. O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son as misións específicas que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente seranlle comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este celebre.

Artigo 36º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto contará co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación de persoal adaptará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas cales teña participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación. Tamén poderá asinar acordos e contratos co Ingacal para que este lle preste os servizos que libremente acorden en relación coas funcións e actividades do Consello Regulador.

2. O Consello Regulador contará cun secretario ou secretaria, designado/a polo Pleno, que terá como misións específicas as sinaladas na alínea 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. A persoa que ocupe a secretaría poderá pertencer ao cadro de persoal do consello ou estar adscrita ao do Ingacal.

Capítulo VIII

Réxime económico e contable

Artigo 37º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Conforme a citada normativa, establécense neste regulamento as seguintes cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Titulares das plantacións:

-Cota de inscrición: satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación do rexistro: satisfarase cunha periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación: aboarase anualmente e equivalerá a unha porcentaxe do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie declarada, o rendemento agronómico e o prezo medio percibido polos agricultores.

b) Titulares dos almacéns e plantas envasadoras.

-Cota de inscrición: satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación do rexistro: satisfarase con periodicidade bienal, coincidindo coa renovación de datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación: será proporcional ao valor da súa produción e equivalerá a unha porcentaxe do valor do produto certificado, calculado en función do prezo medio de venda en orixe.

-Cota polas contra-etiquetas expedidas: será satisfeita polos envasadores que soliciten contra-etiquetas e o seu importe será ata o dobre do valor material de produción e distribución.

3. O Pleno do Consello Regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada campaña os rendementos por unidade de superficie e o prezo do produto ao agricultor e ao envasador así como o das contra-etiquetas, para o cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de carácter fixo e as porcentaxes que serven de base para o cálculo das variables.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada unha das cotas. En caso de que non se aboe no prazo voluntario, o Pleno poderá fixar outro prazo adicional para exixir o pagamento. No caso de que nos devanditos prazos non se realice o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquidase a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, logo da instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo cos artigos 24º e 26º.

Artigo 38º.-Réxime contable.

O réxime contable do Consello Regulador é o que se determina no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e máis no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo IX

Réxime electoral

Artigo 39º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo X

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 40º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Pemento do Couto é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma