Orde do 11 de xullo de 2007 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Pontevedra. - Diario Oficial de Galicia, de 27-07-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 145
  • Fecha de Publicación: 27/07/2007
  • PDF de la disposición

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición, o Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Pontevedra acordou en asemblea xeral realizada o 13 de decembro de 2007, a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores

de Pontevedra

TÍTULO I

Do colexio, a súa organización e goberno

Capítulo I

Do colexio

Artigo 1º

O Ilustre Colexio de Procuradores dos Tribunais de Pontevedra é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, o funcionamento da cal e estrutura interna haberán de ser democráticos.

O colexio denominarase Ilustre Colexio de Procuradores dos Tribunais de Pontevedra.

1. A sede do colexio radica no edificio do Pazo de Xustiza de Pontevedra, ou a que no seu caso se determine en Xunta Xeral extraordinaria, en todo caso sempre dentro do territorio da cidade de Pontevedra.

2. O seu ámbito territorial circunscríbese a esta capital de Pontevedra, sede da audiencia provincial, e os partidos xudiciais de Cangas, Marín, Cambados, Vilagarcía, Caldas, A Estrada, Lalín e Redondela en canto ao territorio que corresponde ao concello de Soutomaior, e aqueles que por lei correspondan, se creen ou adscriban a este colexio.

Artigo 2º

Son fins esenciais do colexio:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia e de acordo co previsto nas leis, do exercicio da profesión dentro do seu territorio.

b) A representación exclusiva da procuradoría e a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos seus colexiados.

c) A formación profesional permanente dos procuradores.

d) O control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario en garantía da sociedade.

e) A colaboración activa no correcto funcionamento, promoción e mellora da Administración de xustiza.

Artigo 3º

Son funcións propias do colexio, dentro do seu territorio, as seguintes:

a) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera Administración pública, institucións, tribunais, entidades e particulares.

b) Informar, nos seus respectivos ámbitos de competencia, daqueles proxectos ou iniciativas lexislativas que afecten á procuradoría, cando así se lles requira.

c) Colaborar co Poder Xudicial e demais poderes públicos realizando os estudos, informes, traballos estatísticos e demais actividades relacionadas cos seus fins.

d) Organizar e xestionar os servizos correspondentes de oficio e xustiza gratuíta.

e) Participar en materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos interprofesionais, de conformidade cos supostos previstos na lexislación aplicable.

f) Asegurar a representación da procuradoría nos consellos sociais, nos termos establecidos nas normas que os regulen.

g) Organizar cursos de formación e perfeccionamento profesional e manter e propoñerlle ao Consello Xeral, ou Consello de Colexios de Comunidade Autónoma no seu caso, a homologación de escolas de práctica xurídica e outros medios para facilitar o inicio da actividade profesional.

h) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares; exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial e redactar os seus propios estatutos, normas de desenvolvemento das deontolóxicas e regulamentos de funcionamento, co visado e aprobación definitiva da Administración autonómica, sen prexuízo do disposto na lexislación autonómica.

i) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional, cando legalmente se estableza.

j) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre eles. Outorgar amparo, logo da deliberación da Xunta de Goberno, ao colexiado que o solicite.

k) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir o intrusismo profesional.

l) Intervir, logo de solicitude, en vías de conciliación ou arbitraxe en cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados, ou entre estes e os os seus clientes.

m) Resolver as discrepancias que poidan xurdir en relación coa actuación profesional dos colexiados e a percepción dos seus dereitos, mediante laudo ao que previamente se sometan de modo expreso as partes.

n) Encargarse do cobramento das percepcións, provisións de fondos, remuneracións, honorarios ou dereitos profesionais, cando algún colexiado o solicite libre e expresamente, no suposto de que o colexio teña creados os servizos axeitados para iso, nas condicións que se determinen.

o) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as disposicións legais e estatutarias que afecten a profesión, así como velar pola observancia das normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

p) A organización dos servizos e funcións que lles encomenden as leis, a Lei de axuizamento civil e outras normas procesuais.

q) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses da profesión, dos colexiados e demais fins da procuradoría ou que veñan dispostas pola lexislación estatal ou autonómica, e en particular, a realización de servizos de poxas por entidade especializada, incluída a venda directa, o servizo de depósito de bens mobles embargados e o servizo de valoracións.

r) Por medio da asemblea xeral, corresponde a delimitación da demarcación territorial para o exercicio profesional, de acordo co artigo 13 do Estatuto xeral dos procuradores.

s) Coidar de que se celebre, por razóns históricas, a festividade da patroa deste colexio, a Santísima Virxe da O, e fíxase para a devandita celebración ou ben o día 18 de decembro, por ser o propio da festividade, ou ben algún dos sábados inmediatamente anteriores, sempre dentro do mes de decembro.

Artigo 4º

O colexio posuirá o escudo distintivo deste consistente nun conxunto integrado polo escudo representativo da xustiza xunto co escudo da cidade de Pontevedra unidos polo seu vértice superior cunha lixeira inclinación á dereita e á esquerda respectivamente, achándose na súa parte superior a coroa real e pechando a base de ambos os dous escudos a palabra «Pontevedra», todo iso orlado de loureiros coas inscricións na parte superior I.C.P.P. (Ilustre Colexio de Procuradores de Pontevedra).

Artigo 5º

1. Este colexio de procuradores rexerase polas disposicións legais estatais ou autonómicas que o afecten, polo Estatuto xeral, o do Consello Galego de Procuradores, polos seus estatutos particulares e regulamentos de réxime interior e polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas competencias.

2. Para o funcionamento do colexio haberá unha Xunta de Goberno elixida por este, na forma e coas atribucións que máis adiante se expresarán.

O colexio de procuradores será rexido polo decano, a Xunta de Goberno e a Xunta Xeral, sen prexuízo daqueloutros órganos que poidan constituírse conforme a lei autonómica ou normas aprobadas estatutariamente polo colexio.

3. O colexio poderá establecer delegacións naquelas demarcacións territoriais en que resulte conveniente para o mellor cumprimento dos seus fins e maior eficacia das funcións colexiais. As delegacións terán a representación colexial no ámbito da súa demarcación, coas facultades e competencias que lles atribúa a Xunta de Goberno do colexio no momento da súa creación ou en acordos posteriores.

4. O acordo de disolución por calquera causa procedente en dereito, ou de fusión con outro colexio de ámbito superior, requirirá para a súa aprobación o acordo da maioría dos colexiados na Xunta Xeral extraordinaria convocada para ese só efecto.

5. No caso de disolución, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, procedendo conforme dispuxera a Xunta Xeral acerca da liquidación e adxudicación do patrimonio colexial, sucesión dos dereitos e obrigas da corporación e extinción ou cesión das súas potestades e competencias administrativas.

6. A Xunta de Goberno, por acordo propio ou por requirimento da Xunta Xeral, poderá encargarlles a persoas físicas ou xurídicas legalmente habilitadas e alleas ao colexio a realización de auditorías sobre o patrimonio e contas do colexio, ou sobre determinadas actividades ou servizos.

Capítulo II

Das xuntas xerais

Sección primeira

Clases e atribucións

Artigo 6º

As xuntas xerais son o órgano supremo de decisión do Ilustre Colexio de Procuradores de Pontevedra.

Artigo 7º

Serán xuntas xerais as realizadas polo colexio, logo da convocatoria pola de Goberno, baixo a presidencia do decano ou quen legalmente o substitúa.

Artigo 8º

As convocatorias levaranse a efecto por medio de comunicación escrita e dirixida a cada colexiado, subscrita polo secretario, na que se fará expresión da orde do día, lugar, data e hora en que deba realizarse en primeira e segunda convocatoria. A devandita comunicación cursarase con polo menos trinta días de antelación ao da data en que deba realizarse.

Artigo 9º

As xuntas xerais serán ordinarias e extraordinarias.

Teñen dereito a asistir, con voz e voto, ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, todos os colexiados incorporados con anterioridade á data en que se convoque a devandita Xunta Xeral.

Artigo 10º

1. Haberá anualmente dúas xuntas xerais ordinarias:

a) A primeira Xunta Xeral ordinaria terá lugar no primeiro trimestre de cada ano e, na súa orde do día constará, necesariamente, o exame e votación do balance ou conta xeral de gastos ou ingresos do exercicio anterior, así como cantas cuestións considere de interese a Xunta de Goberno.

b) A segunda Xunta Xeral ordinaria realizarase o último trimestre de cada ano e, na súa orde do día, constará, necesariamente, a presentación do orzamento de ingresos e gastos para o ano seguinte, así como cantas cuestións considere de interese a Xunta de Goberno.

2. Ata cinco días antes da xunta, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter a deliberación e acordo da Xunta Xeral, e que serán incluídas na orde do día para ser tratadas na parte denominada proposicións. Estas deberán aparecer subscritas por, polo menos, o vinte e cinco por cento do número de colexiados.

Artigo 11º

1. Xunta Xeral extraordinaria de carácter xeral:

a) A Xunta Xeral extraordinaria terá lugar en calquera tempo, para tratar de asuntos que a motiven, por iniciativa do decano, da Xunta de Goberno ou por instancia dun terzo dos colexiados.

b) A convocatoria das xuntas xerais extraordinarias farase por acordo da Xunta de Goberno, e comunicaráselles a todos os colexiados mediante un escrito, no que constará o lugar, día e hora en que haberá de realizarse a sesión en primeira e en segunda convocatoria, e a orde do día.

2. Xunta Xeral extraordinaria por moción de censura:

a) O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros, deberá substanciarse sempre en Xunta Xeral extraordinaria, convocada para ese só efecto.

b) A solicitude desa convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria deberá ser subscrita, como mínimo, por un terzo dos colexiados exercentes, e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

c) A Xunta Xeral extraordinaria a que se fai referencia neste artigo, deberá ter lugar dentro dos trinta días hábiles, contados desde que se presentase a solicitude, e non poderán debaterse nesta outros asuntos que os expresados na convocatoria. Ata transcorrido un ano non poderá volver formularse outra moción de censura.

d) Para a válida constitución da devandita Xunta Xeral extraordinaria requirirase a concorrencia persoal de máis da metade do censo colexial con dereito a voto, e o voto será sempre, nesta xunta, persoal, directo e secreto.

e) Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo de dous terzos dos concorrentes.

Artigo 12º

Nas xuntas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias:

1. Non poderá iniciarse a sesión en primeira convocatoria se non está presente o 50 por 100 dos colexiados. En segunda convocatoria a xunta realizarase cos que concorran, calquera que sexa o seu número. Tampouco poderá iniciarse a sesión sen a presenza do decano-presidente e do secretario, ou daqueles que regulamentariamente os substitúan.

2. Os acordos adoptaranse pola maioría simple de asistentes, salvo que para algunha cuestión puntual se exixa maioría cualificada.

3. Unha vez adoptados, os acordos das xuntas xerais serán obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo do réxime de recursos establecido no Estatuto xeral e nas normas reguladores do procedemento administrativo.

4. Se reunida a Xunta Xeral non puidesen nunha sesión tratarse todos os asuntos comprendidos na orde do día, xa sexa por falta de tempo e outro motivo, suspenderase e continuará o día que no mesmo acto se sinale, ou no seu defecto no que posteriormente sinale a Xunta de Goberno.

Artigo 13º

As atribucións da Xunta Xeral ordinaria son:

1. Aprobar, se é o caso, as proposicións que de interese xeral se presenten ao seu sometemento.

2. Someter a exame e aprobación a liquidación de contas correspondente ao exercicio anterior e que deberá presentar oportunamente o tesoureiro. Entregarase copia detallada con polo menos dez días de antelación a todo colexiado que a solicite.

3. Aprobar os orzamentos xerais de gastos e ingresos.

4. Aprobar no seu caso as derramas que houbesen de facerse entre os colexiados cando iso fose necesario.

5. Examinar e someter a aprobación os acordos que polo seu carácter de urxencia ou calquera outra circunstancia lexítima fosen adoptados pola Xunta de Goberno e iso correspondese á xeral.

6. Aprobar o importe das cotas de incorporación, conforme o establecido polo artigo 50.6º deste estatuto, e as ordinarias que deban satisfacer os colexiados, para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

Artigo 14º

Son atribucións das xuntas xerais extraordinarias as seguintes:

1. Elección do decano-presidente, así como dos demais membros da Xunta de Goberno.

2. Canto se trate acerca da adquisición de prestacións de orde asistencial, de previsión, seguros ou análogos.

3. A modificación e aprobación de estatutos e dereitos.

4. A interposición de voto de censura á Xunta de Goberno ou a calquera dos seus membros en particular.

5. Instaurar a concesión con carácter permanente ou circunstancial de empréstitos, axudas económicas, doazóns e pensións aos colexiados, modificar as súas contías ou acordar a supresión de calquera delas.

6. Autorizar a Xunta de Goberno, o investimento dos fondos do colexio, cando se pretenda fóra das potestades que a este respecto lle corresponden.

7. Autorizar a Xunta de Goberno á adquisición, alienación e gravame de bens inmobles.

8. Aprobación da xestión da Xunta de Goberno e do seu presidente.

Artigo 15º

Cando a convocatoria da Xunta Xeral fose interesada polos colexiados e esta se funde na moción de censura á Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros, detallarase ademais na devandita solicitude os seus motivos.

Artigo 16º

Non poderán transcorrer máis de quince días desde a solicitude de xunta polos colexiados ata a súa convocatoria e un mes desde esta ata a súa realización.

Sección segunda

Do modo de proceder nas xuntas xerais

Artigo 17º

Aberta a sesión, darase lectura da acta da Xunta Xeral anterior polo secretario ou quen o substitúa. Se acerca do contido da acta se pretendese algunha observación por parte dalgún colexiado, concederáselle a palabra para este único obxecto. Posteriormente, someterase a aprobación, sendo válido o acordo da maioría.

Artigo 18º

Polo decano-presidente someteranse posteriormente a discusión da xunta as cuestións sobre as que deba de recaer o acordo.

Artigo 19º

Soamente poderán facer uso da palabra tres colexiados en favor dunha cuestión concreta e outros tres en contra. Esta declararase suficientemente debatida cando se consuman estas quendas, que excepcionalmente poderán ser ampliados polo presidente.

Artigo 20º

Os compoñentes da Xunta de Goberno poderán facer uso da palabra sen consumir a súa quenda.

Artigo 21º

A Presidencia está facultada para ampliar ou estender o debate cando a gravidade do asunto así o aconselle. Tamén poderá acordar o peche dunha discusión se a considera suficientemente debatida.

Artigo 22º

En todas as discusións se concederá a palabra pola orde en que se pedise.

Artigo 23º

Quen estea no uso da palabra non poderá ser interrompido, salvo para ser chamado á orde, ben por traer cuestións alleas ao tema que se discute ou por reincidir no xa dito ou anteriormente debatido.

Artigo 24º

Serán chamados á orde:

1. Os que profiran palabras ou vertesen conceptos ofensivos ao decoro da Xunta Xeral, dos seus asistentes ou calquera persoa, entidade ou institución.

2. Cando retirada a palabra a un orador, pretendese continuar no uso daquela.

3. Cando con interrupcións deliberadas, ou por calquera outro medio, se altere a orde das xuntas xerais.

De todo o anterior farase constancia na acta.

Artigo 25º

Se na discusión ou lectura de documentos se crese aludido algún dos colexiados presentes, poderá facer uso da palabra para contestar e defenderse, logo de petición desta. Da mesma forma procederase se algún dos presentes se crese na obriga de saír en defensa dalgún colexiado ausente. Neste último caso só terá dereito a unha intervención.

Artigo 26º

As cuestións de orde terán preferencia sobre calquera outras.

Sección terceira

Das votacións

Artigo 27º

Para adoptar acordos válidos, as xuntas xerais deberán estar reunidas estatutariamente e coa asistencia sinalada nestes estatutos, e deberán ser aprobadas por maioría simple as cuestións sometidas a discusión, sen prexuízo doutros sistemas ou porcentaxes de maioría que para casos concretos se establecen nestes estatutos.

Artigo 28º

Terán o mesmo dereito de voto todos os colexiados.

Artigo 29º

As votacións serán: xerais ou a brazo alzado, nominais e secretas; procederase das dúas últimas formas cando o interesen polo menos dez dos colexiados presentes e, no seu caso, sometido a posterior votación xeral. Serán secretas nas eleccións para cargos da xunta, para mocións de censura e cuestións de confianza.

Artigo 30º

Non serán válidos os votos delegados.

Artigo 31º

Poderá efectuarse o voto por correo na forma establecida no artigo 65º.2 deste estatuto.

Artigo 32º

As votacións non poderán interromperse salvo por causa de forza maior e durante o seu desenvolvemento non se concederá o uso da palabra.

Artigo 33º

A votación xeral ou a brazo alzado levarase a cabo por decisión da Presidencia, levantándose primeiro os que aproben, posteriormente os que desaproben e finalmente os que se absteñan.

Procederá ao seu reconto o secretario e se houbese dúbidas ou o reclamasen máis de dez colexiados presentes, repetirase a votación.

Artigo 34º

A votación nominal desenvolverase nomeándose polo secretario a cada un dos presentes, por orde alfabética, que irán pronunciándose sobre a cuestión, do que se tomará a oportuna anotación.

Artigo 35º

A votación secreta farase por medio de papeletas que deberá proporcionar previamente a Xunta de Goberno. O secretario chamará os colexiados para votar, seguindo a orde alfabética e depositaranse as papeletas na urna destinada para o efecto.

Artigo 36º

As papeletas a que se fai referencia no artigo anterior serán as proporcionadas pola secretaría do colexio, non sendo válida calquera outra que se presente. Inserirase a expresión «non exercente» no seu caso.

Artigo 37º

O reconto de votos realizarano os presidentes ou presidente da mesa, segundo o caso, con dous interventores que poderán designar os colexiados.

Artigo 38º

As papeletas serán extraídas da urna, unha a unha, dándose lectura en voz alta, polo presidente, do contido de cada unha delas. Finalizado o escrutinio, o decano-presidente fará público o resultado.

Artigo 39º

As impugnacións non suspenderán a executividade dos acordos salvo que se dispoña outra cousa.

Capítulo III

Da Xunta de Goberno

Sección primeira

A súa composición e requisitos nos colexiados

Artigo 40º

A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Procuradores de Pontevedra é o órgano colexiado para a administración e dirección do colexio, e estará composta polos seguintes membros: decano-presidente, vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro e catro vogais, dos cales tres serán delegados dos partidos xudiciais deste colexio. Os que a desempeñen poderán usar como distintivo, nos actos oficiais, a medalla creada por Real decreto do 26 de xuño de 1913. Poderán asistir ás xuntas de Goberno, con voz pero sen voto, os delegados dos partidos xudiciais non representados por ningún integrante da xunta.

Artigo 41º

Todos os cargos son honorarios e gratuítos e poderán ser desempeñados unicamente por colexiados exercentes, de pleno dereito e cunha antigüidade ininterrompida no exercicio da profesión de polo menos cincos anos, agás para o de decano, que deberá levar dez ininterrompidamente. Os cargos de decano, secretario, vicesecretario, tesoureiro e 1º vogal só poderán recaer en colexiados exercentes en Pontevedra.

Os membros da Xunta de Goberno levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes aos que asistan en exercicio do seu cargo.

Os membros da Xunta de Goberno pertencentes a partido xudicial distinto do de Pontevedra terán dereito a percibir axudas de custo pola súa asistencia ás xuntas de goberno, así como calquera membro da Xunta de Goberno ou colexiado que sendo designado para representar o colexio, acuda a calquera acto fóra da cidade de Pontevedra e o seu partido.

Artigo 42º

Non poderá ser elixido membro da Xunta de Goberno calquera colexiado que fora sancionado por vía de corrección disciplinaria en calquera colexio, salvo que fose previamente rehabilitado. Tampouco aqueles que se atopen condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión de cargo público.

Artigo 43º

A duración dos cargos será por un período de catro anos, transcorridos os cales haberán de someterse a nova elección.

Cando haxa vacantes na Xunta de Goberno serán cubertas na primeira Xunta Xeral extraordinaria que se realice desde que se produciran as vacantes.

Estes cargos ocuparanse polo tempo que faltase para completar o mandato do cargo vacante.

Artigo 44º

Todos os cargos son obrigatorios polo período determinado, salvo xusta causa de renuncia, aprobada pola Xunta de Goberno.

Artigo 45º

Se non houbera candidato voluntario para cubrir algún cargo da Xunta de Goberno, procederase á súa elección, por votación secreta, entre os colexiados que reúnan as condicións necesarias para iso.

Artigo 46º

Se por causa de forza maior, o colexiado que resultase elixido polo procedemento do artigo anterior non puidese exercer o cargo, este recaerá no seguinte máis votado.

Artigo 47º

A Xunta de Goberno reunirase cando menos unha vez ao mes, tras a súa convocatoria polo decano que se cursará xuntamente coa orde do día a todos os membros, con polo menos corenta e oito horas de antelación, salvo que a urxencia do tema o xustifique doutro modo. Na convocatoria expresarase o lugar, o día e a hora, en que deba realizarse a sesión.

Serán válidas as sesións de goberno nas que sen cumprirse os requisitos para ser convocada en forma, asistisen a totalidade dos seus membros.

Se o decano non convocase Xunta de Goberno conforme o establecido nos números anteriores, esta poderase convocar por iniciativa da metade dos membros que a compoñan, con establecemento da orde do día e asuntos para tratar.

Artigo 48º

Para que a Xunta de Goberno poida quedar validamente constituída, será necesaria a concorrencia de máis da metade dos seus membros e a presidencia do decano e secretario, ou dos que os substitúan.

Artigo 49º

Os acordos adoptaranse por maioría de votos, no caso de empate decidirá o voto de quen actúe como decano.

1. Todos os acordos deste órgano colexial serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa.

2. Calquera acto deste colexio de procuradores que sexa consecuencia do exercicio de potestades administrativas rexerase, con carácter supletorio, pola lexislación administrativa común, tal como dispón a disposición transitoria primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As causas de nulidade e de anulabilidade dos actos colexiais serán as previstas nas normas administrativas vixentes.

4. A Xunta de Goberno deberá, en todo caso, suspender e revisar de oficio ou formular recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

5. As persoas con interese lexítimo poderán formular recurso de alzada ante o Consello Galego de Procuradores, contra os acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, no seu caso, notificación aos colexiados ou persoas ás cales afecten, salvo que a lexislación autonómica dispoña outra cousa.

6. O recurso será presentado ante a Xunta de Goberno que ditou o acordo, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello Galego de Procuradores dentro dos quince días seguintes á data de presentación, salvo que de oficio repoña o seu propio acordo no devandito prazo. En materia de recursos administrativos, observaranse as seguintes especialidades:

a) A Xunta de Goberno estará lexitimada para formular recurso contra os acordos das xuntas xerais, na forma e prazos que determine a lexislación administrativa vixente.

b) Se a Xunta de Goberno entendese que o acordo recorrido é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do colexio, poderá solicitar a suspensión do acordo recorrido.

1. Os actos emanados das xuntas xerais e da Xunta de Goberno, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

2. Os prazos deste estatuto expresados en días entenderanse referidos a días hábiles, salvo que expresamente se diga outra cousa.

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase a cantas resolucións supoñan exercicio de potestades administrativas, conforme establece a disposición transitoria primeira desta. En todo caso, a dita lei terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto e no Estatuto xeral.

Sección segunda

Atribucións da Xunta de Goberno

Artigo 50º

Correspóndelle á Xunta de Goberno:

1. Someter á Xunta Xeral asuntos concretos de interese do colexio ou da profesión, na forma que a propia xunta estableza.

2. Resolver sobre as solicitudes de incorporación, baixa e xubilación dos colexiados. No caso de urxencia, o decano poderá resolver sobre a solicitude, que quedará sometida á ratificación da Xunta de Goberno.

3. Vixiar, co maior celo, que os colexiados se conduzan de forma adecuada na súa relación cos tribunais, cos seus compañeiros procuradores e cos seus clientes, asegurándose de que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.

4. Exercitar as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir o intrusismo, non permitindo o exercicio da profesión a quen, colexiados ou non, a exerce en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluír as persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

5. Aplicar as condicións e requisitos de acceso, o funcionamento e a designación das quendas de oficio e xustiza gratuíta, conforme a normativa legal vixente.

6. Propoñerlle á Xunta Xeral o importe das cotas de incorporación, co límite que veña determinado polo Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais, e as ordinarias que deban satisfacer os colexiados para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

7. Propoñerlle á Xunta Xeral o establecemento de cotas extraordinarias aos seus colexiados.

8. Recadar o importe das cotas e das pólizas establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do Consello Galego de Procuradores, no seu caso, do Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais e da Mutualidade de Previsión Social dos Procuradores dos Tribunais de España, así como dos demais recursos económicos previstos neste Estatuto xeral, e dispoñer a cobranza das cantidades que correspondan ao colexio por calquera concepto, a exacción das multas que se impoñan aos colexiados e outros ingresos e o pagamento dos gastos da corporación.

9. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno, dispoñendo o necesario para a súa elección, conforme as normas legais e estatutarias, e aprobar a renuncia dos seus membros.

10. Convocar xuntas xerais, ordinarias e extraordinarias, por propia iniciativa ou a instancias dos colexiados, na forma establecida nestes estatutos.

11. Exercer as facultades disciplinarias, respecto aos colexiados, conforme o Estatuto xeral, estatutos do Consello Galego de Procuradores e os particulares do colexio, instruíndo, ao efecto, o oportuno expediente.

12. Redactar ou modificar os estatutos e regulamentos de réxime interior do colexio, e sometelos á aprobación da Xunta Xeral, antes de remitirllos á Xunta de Galicia, para a súa aprobación definitiva.

13. Establecer, crear ou aprobar as delegacións ou comisións de colexiados que sexan necesarios para o bo réxime ou que interesen aos fins da corporación, regulando o seu funcionamento, fixando as facultades, no seu caso, delegadas e designando, entre os seus colexiados, os seus integrantes.

14. Vixiar para que, no exercicio profesional, os colexiados desempeñen as súas funcións co decoro, dilixencia, probidade e demais circunstancias exixibles ao procurador, así como propiciar a harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal, conforme a legalidade vixente.

15. Informar os colexiados, con prontitude, de cantas cuestións coñeza que poidan afectalos, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

16. Defender os colexiados no desempeño das súas funcións da profesión, ou con ocasión destas, cando o considere procedente e xusto, velando para que lles sexan gardadas, a todos e cada un dos colexiados, as consideracións que lle son debidas.

17. Promover, ante o Goberno central, os gobernos autonómicos, locais e os órganos de goberno do Poder Xudicial, as autoridades, o Consello Galego de Procuradores ou ante o Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta administración de xustiza ou convenientes á corporación.

18. Exercitar os dereitos e accións que correspondan ao colexio e, en particular, contra quen entorpezan o bo funcionamento da Administración de xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.

19. Distribuír e administrar os fondos do colexio, dispoñendo o máis conveniente aos seus intereses, respecto á situación ou investimentoinvestimento destes, por proposta do tesoureiro e dando conta do acordado á Xunta Xeral. Para adquirir, allear ou gravar bens inmobles precisará a aprobación da Xunta Xeral.

20. Convocar, para maior información, calquera dos colexiados. Estes comparecerán á convocatoria salvo escusa xustificada.

21. Redactar as bases polas que han de rexerse os concursos que se convoquen para cubrir as prazas de empregados do colexio, e proceder á súa contratación, xa sexa con ocasión de vacante ou de prazas de nova creación, en función das necesidades da corporación.

22. Vixiar, programar e controlar a actividade dos departamentos e servizos colexiais.

23. Resolver, segundo corresponda, as reclamacións que se lle fixeran ao colexio respecto dalgún dos seus colexiados.

24. Manter coas autoridades, corporacións e entidades oficiais a comunicación e relacións que a cada colexio corresponde e, en particular:

a) Emitir os informes, ditames, consultas e demais documentos que se interesen do colexio.

b) Organizar o servizo de notificacións ao que se refire o artigo 272 da Lei orgánica do Poder Xudicial, así como calquera outro servizo que, por lei, puidese serlle atribuído ao colexio, de acordo coa regulamentación vixente en cada momento.

c) Desempeñar as funcións que lles atribúe aos colexios a Lei de asistencia xurídica gratuíta.

d) Facer as designacións que ao colexio correspondan dos membros de comisións ou órganos regulados pola devandita lei.

1. Executar os acordos adoptados pola Xunta Xeral.

2. Resolver as solicitudes e nomeamento de oficiais habilitados.

3. E cantas outras establezan as leis, o Estatuto xeral e o do Consello Galego de Procuradores, así como os correspondentes regulamentos.

Artigo 51º

Os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Procuradores dos Tribunais de Pontevedra, cesarán polas seguintes causas:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Ausencia inicial ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do prazo para o que foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas, no termo dun ano, logo de acordo de propia xunta.

f) Se se aprobase unha moción de censura.

g) Se non fose aceptada a cuestión de confianza que se formule.

Artigo 52º

1. Cando, por calquera causa, queden vacantes máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello Galego de Procuradores ou, no seu defecto, o Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais, designará unha Xunta Provisional, de entre os colexiados exercentes con maior antigüidade, a cal convocará eleccións dentro dos trinta días seguintes ao da súa constitución. Esta Xunta Provisional cesará cando tomen posesión os candidatos que resulten elixidos, e só poderá tomar acordos que sexan de carácter urxente e inaprazable.

2. É obriga de todos os colexiados comunicar inmediatamente ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais e, no seu caso, ao Consello Galego de Procuradores, que se produciu a situación a que se refire o artigo anterior.

Sección terceira

Da elección do decano do colexio e dos membros

da Xunta de Goberno

Artigo 53º

O decano-presidente e os membros da Xunta de Goberno serán elixidos entre os colexiados exercentes e sempre que non concorra neles algunhas das limitacións que se expresan nos artigos 41º e 42º.

Artigo 54º

Os cargos da Xunta de Goberno e do decano-presidente terán unha duración de catro anos, e prorrogarase, se é o caso, polo tempo necesario ata a toma de posesión dos candidatos electos.

Artigo 55º

Sempre que haxa eleccións, cubriranse tamén os cargos que se atopen vacantes, pero neste caso a súa duración será polo tempo que media ata completar o período que restaba aos que produciron a vacante.

Artigo 56º

Se entre unha e outra elección se producisen máis de dúas vacantes, procederase á súa elección nun prazo máximo de sesenta días, contados a partir do momento en que se produce a segunda delas. A duración destes cargos será a determinada no artigo anterior.

Artigo 57º

As eleccións celebraranse mediante Xunta Xeral extraordinaria, convocada pola Xunta de Goberno, aténdose aos seguintes criterios:

1. A convocatoria anunciarase cun mínimo de trinta días naturais antes da realización das eleccións.

2. Dentro dos cincos días naturais seguintes ao da data de convocatoria, e pola secretaría do colexio, porase en coñecemento dos colexiados, mediante publicación no taboleiro de anuncios, os extremos seguintes:

a) Cargos que han de ser obxecto de elección e requisitos para poder optar a cada un deles.

b) Publicaranse por este medio e en listas separadas as relacións de colexiados exercentes e non exercentes con dereito a voto.

3. A votación será directa e secreta, na que poderán participar como electores todos os colexiados.

Artigo 58º

As candidaturas deberán presentarse na secretaría do colexio, con polo menos quince días naturais de antelación á data sinalada para a realización da Xunta Xeral.

Artigo 59º

As candidaturas presentaranse por escrito na secretaría, e conterán a expresión do cargo ao que se opta e en sobre pechado, que permanecerá baixo a custodia do secretario ata o día da súa publicación, o seguinte a expirar o prazo de presentación.

Artigo 60º

As candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos ou individuais para algún determinado, que deberá estar sempre subscrita polos propios candidatos.

Artigo 61º

Ningún colexiado poderá presentarse a máis dun cargo simultaneamente, dos que haxan de ser elixidos na mesma convocatoria.

Artigo 62º

Os colexiados que pretendan formular reclamación contra as listas de electores deberán facelo dentro dos cinco primeiros días hábiles seguintes á súa publicación e deberá a Xunta de Goberno pronunciarse dentro dos cinco seguintes á expiración do prazo para formulalas, notificando a resolución a cada reclamante no termo de dous días.

Artigo 63º

Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta de Goberno convocará un representante de cada unha delas, o cal consignaría previamente o seu nome na secretaría con este fin e, na súa presenza abriranse os sobres, levantándose acta polo secretario. A continuación procederase á proclamación de candidatos, sempre que reúnan os requisitos establecidos nestes estatutos.

Artigo 64º

Os candidatos que non teñan opoñente, considéranse electos no mesmo acto da súa proclamación e deberán ser posteriormente ratificados pola Xunta Xeral extraordinaria e sen necesidade de someterse a votación.

Artigo 65º

1. O modelo de papeletas mediante as que se exercerá o voto será aprobada pola Xunta de Goberno e os candidatos ou os seus representantes no caso de candidaturas conxuntas. As devanditas papeletas serán entregadas polo colexio aos candidatos ou representantes con dez días de antelación á Xunta Xeral extraordinaria.

Na Xunta Xeral en que haxan de realizarse as votacións, unicamente serán admitidas estas papeletas oficiais.

2. Cando algún elector prevexa estar ausente o día da votación ou non poder comparecer, poderá exercer o seu dereito por correo, segundo os seguintes requisitos:

Cunha antelación mínima de dez días remitirá o seu voto na papeleta oficial, que introducirá nun sobre que será pechado e, á súa vez, introducido noutro maior, no que tamén se incluirá unha copia do documento nacional de identidade do elector, quen asinará sobre esta.

O voto presentarase en calquera das oficinas colexiais, debendo constar a data da presentación. O envío farase ao colexio de procuradores, facendo constar xunto ao enderezo: «Para A MESA ELECTORAL». O colexio rexistrará a entrada destes envíos e sen abrir o sobre entregaráselle á mesa electoral o día da votación.

Non serán válidos os votos presentados fóra do prazo previsto.

Artigo 66º

A mesa para a elección formarana o decano-presidente, secretario e os dous procuradores de máis recente colexiación que se atopasen presentes, que exercerán de escrutadores.

Artigo 67º

Se se suscitare cuestión sobre a nulidade ou validez dalgún voto, ou por calquera outro motivo diferente á elección, decidirase no acto polos membros da Mesa, prevalecerá o acordo da maioría e decidirá o presidente no caso de empate.

Artigo 68º

Finalizada a votación, procederase ao escrutinio, léndose en voz alta cada unha das papeletas.

Artigo 69º

As papeletas que conteñan rascaduras, raspaduras ou expresións alleas ao contido da votación serán declaradas nulas.

Artigo 70º

As papeletas que conteñan erro na elección dun cargo serán declaradas parcialmente nulas con respecto a este, pero válidas en canto aos que estean debidamente cubertos.

Artigo 71º

As urnas destinadas ás eleccións poderán ser previamente examinadas polos colexiados presentes no acto.

Artigo 72º

Constituída a mesa, darase inicio ao acto, logo de anuncio polo presidente.

Artigo 73º

Para proceder á votación, chamarase pola Presidencia a cada uns dos colexiados que estean incluídos na lista previamente publicada, seguindo a orde alfabética establecida nesta. Posteriormente, e de igual forma farano os colexiados non exercentes. Se no acto se contara con dúas urnas, os compoñentes de cada lista depositarían o voto por separado.

Artigo 74º

Depositado o voto polos presentes, a continuación farano os compoñentes da Mesa para posteriormente e polo presidente, dar o acto por finalizado, logo de introdución en urna de votos que pudiesen producirse por correo.

Artigo 75º

Rematada a votación, procederase ao escrutinio, sacando o presidente unha a unha as papeletas da urna, léndoas en alta voz e tomándose a oportuna anotación polo secretario e os escrutadores.

Artigo 76º

Os colexiados que votaran poderán examinar as papeletas unha vez anunciado o resultado da votación.

Artigo 77º

O resultado da votación anotarase na acta, a cal se asinará polos compoñentes da Mesa.

Artigo 78º

No caso de empate, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no colexio e, se se mantivese o empate, o de maior idade.

Artigo 79º

1. Tras o anuncio do resultado, a Mesa declarará elixidos para os correspondentes cargos á Xunta de Goberno, os que obtivesen maioría de votos e os que por falta de opoñentes non se someteran a votación, os cales tomarán posesión dos seus cargos no acto, o cal será comunicado ao Consello Xeral, Consello Galego de Procuradores, tribunais e demais organismos competentes.

2. Os candidatos proclamados electos tomarán posesión, conforme ao establecido nos presentes estatutos, logo de xuramento ou promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo e gardar segredo das deliberacións da Xunta de Goberno. Cando os candidatos electos tomen posesión do seu cargo, destituirán os substituídos.

3. Se calquera dos cargos electos estivese incurso nalgún dos supostos previstos no artigo 42º, a Xunta de Goberno impedirá a súa toma de posesión ou decretará o seu cesamento. Esta resolución será recorrible conforme ás previsións deste estatuto.

4. A aceptación dos designados para integrar a Xunta de Goberno será inescusable e irrenunciable.

Sección cuarta

Do vicedecano e os vogais

Artigo 80º

Corresponderalle ao vicedecano substituír o decano en ausencias, enfermidades e vacantes. Auxiliarao en cantos asuntos lle encomende.

Artigo 81º

Os vogais substituirán, por orde correlativa, o decano en defecto do vicedecano. Substituirán tamén por igual orde o tesoureiro e secretario en ausencia do vicesecretario, sen que en ningún caso, sobre un mesmo vogal, recaian dúas ou máis substitucións simultáneas.

Artigo 82º

Tanto o vicedecano como os vogais que se atopasen en substitución do decano emitirán os informes e certificacións que corresponderen e exercerán a presidencia das comisións e das xuntas.

Sección quinta

Do tesoureiro

Artigo 83º

O tesoureiro será o membro administrador e xestor da Xunta de Goberno sobre quen recaerá a responsabilidade de controlar todos os documentos de carácter económico cuxa utilización sexa obrigatoria para todos os colexiados, xestionando os fondos e demais recursos do colexio, establecendo os criterios máis axeitados para o seu correcto investimento. Os devanditos fondos estarán depositados no establecemento destinado para tal efecto pola propia Xunta de Goberno.

Artigo 84º

Correspóndelle ao tesoureiro:

1. Realizar os pagamentos, cobramentos e recadacións que corresponderen, por si mesmo ou mediante os empregados do colexio.

2. Levar os libros contables, tanto os que son destinados ao control de gastos e ingresos, como os que se deberán ter ao día por imposición das leis orzamentarias.

3. Levar o control das morosidades que se produzan, dando conta destas á Xunta de Goberno.

4. Autorizar coa súa sinatura e a do decano os pagamentos que se deban facer, na forma que se estableza, dando conta destas á Xunta de Goberno.

5. Dar conta trimestralmente á Xunta de Goberno do estado dos fondos que lle foron encomendados.

6. Formar e entregar conta xeral documentada de cada exercicio económico que deberá render ante a Xunta de Goberno, logo da súa presentación definitiva ante a Xunta Xeral ordinaria.

7. Formar así mesmo os orzamentos anuais de ingresos e gastos.

8. Facer entrega, dentro do prazo de 15 días, de todos os fondos, libros, contas e documentos ao tesoureiro que o suceda, debendo, dentro do devandito termo, dar conta da súa xestión á Xunta de Goberno para a súa posterior aprobación pola Xunta Xeral.

Sección sexta

Secretario e vicesecretario

Artigo 85º

Correspóndelle ao secretario:

1. Asistir a todas as xuntas de goberno e xerais que se celebran e redactar e autorizar as súas actas, dar conta das anteriores, así como dos expedientes e asuntos que nestas deban tratarse.

2. Levar os libros de actas e acordos, e outro coas actas que especificamente conteñan os acordos de proceder disciplinariamente contra calquera colexiado ou as correccións disciplinarias impostas, se é o caso.

3. Redactar e autorizar as certificacións e actas que se expidan e as comunicacións, convocatorias, circulares e disposicións que se dirixan por acordo do decano, da Xunta de Goberno ou da Xeral aos colexiados.

4. Levar o rexistro de colexiados, onde se farán constar os antecedentes individuais de cada un deles.

5. Formar expediente para cada colexiado, ao que se unirán os documentos e antecedentes que sexan pertinentes.

6. Acompañar o decano-presidente ou quen o substitúa cando este desempeñe actos propios do colexio, presida xuntas ou requira a súa presenza.

7. Ter ao seu cargo os arquivos e selos do colexio.

8. Será o encargado da oficina colexial e do persoal contratado polo colexio, asumindo a xefatura do persoal administrativo e das dependencias do colexio.

9. Supervisar e levar o control da quenda de oficio.

Artigo 86º

O vicesecretario auxiliará o secretario en cantas obrigas do cargo este lle solicite. Substituirao, ademais, en casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

Sección sétima

Réxime económico do colexio

Artigo 87º

O exercicio económico do colexio coincidirá co ano natural e terá un orzamento anual ao que deberá axustarse, e levará unha contabilidade ordenada e detallada dos seus ingresos e gastos.

Todos os colexiados poderán examinar as contas do colexio, durante os cinco días hábiles anteriores á data da celebración da Xunta Xeral que deba resolver sobre elas.

Os ingresos do colexio serán ordinarios e extraordinarios.

Serán ordinarios:

1. Os rendementos de bens e dereitos que conformen o patrimonio do colexio.

2. A cota de entrada que deberán satisfacer os colexiados á hora da súa incorporación, que será fixada pola Xunta de Goberno, sen poder exceder das cantidades que para tal fin fixe o Consello Xeral.

3. O importe das multas que se impoñan aos colexiados en concepto de sanción ou correccións disciplinarias.

4. A cota fixa que estableza a Xunta Xeral, que de forma periódica deberán satisfacer os colexiados en razón do tipo de procedemento e/ou contía por cada un dos asuntos cuxa representación procesual posúa para atender os gastos derivados das competencias conferidas polo artigo 28 da LAC.

5. O importe das pólizas autorizadas polo colexio e/ou a cota variable.

6. Todas aquelas outras cotas que con carácter fixo ou variable acorde a Xunta Xeral.

7. Todos aqueles que a Xunta Xeral acorde con carácter fixo e periódico.

Serán extraordinarios:

1. As subvencións e doazóns que procedan de estamentos públicos ou privados.

2. Os bens que por motivo de herdanza, legado ou doazón pasen á pertenza do colexio.

3. Calquera cantidade que acorde a Xunta de Goberno para cubrir algún déficit ou gasto imprevisto.

4. Todo ingreso que se poida producir, sen que teña carácter ordinario.

Artigo 88º

Os gastos consistirán en:

1. Os soldos de persoal.

2. A adquisición de maquinaria, material diverso e publicacións que faciliten o labor profesional aos colexiados.

3. As cotas de servizos, gastos de mantemento, material necesario para os traballos propios da secretaría e que sexa necesario para o uso por parte dos profesionais.

4. Os que se causen por motivos da celebración anual ou calquera outra que poida acordarse e que determinará, se é o caso, a Xunta de Goberno.

5. Os gastos de representación.

6. As prestacións que en materia de previsión, axudas económicas, pensións e subvencións que se aprobasen.

7. As reformas, gastos de conservación e mellora das dependencias do colexio, e das súas delegacións.

8. As cotas das obrigas contraídas.

9. Os de asesoramento técnico que se coiden necesarios, logo da súa aprobación pola Xunta de Goberno.

Artigo 89º

O patrimonio do colexio será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica que precise.

Os pagamentos serán ordenados polo decano. O tesoureiro coidará da súa execución e de que sexan debidamente contabilizados.

Calquera colexiado terá dereito a obter a información que respecto a esta sección solicite do tesoureiro.

Cando se produza o cesamento e renovación total ou parcial da Xunta de Goberno, realizarase unha auditoría co obxecto de comprobar, cando menos, a corrección da contabilidade e realidade do gasto realizado durante o mandato correspondente.

Sección oitava

Dos delegados de partidos-funcións

Artigo 90º

En cada partido xudicial haberá un delegado deste colexio que será elixido entre os procuradores exercentes neste.

En caso de que nos partidos non haxa máis de catro colexiados e entre dous partidos haxa escasa distancia entre eles, un delegado poderá ser nomeado para os dous.

Artigo 91º

Son funcións e obrigas dos delegados de partido:

1. Cumprir fiel e efectivamente cantas ordes lles encomenden as xuntas xerais, de goberno ou o decano.

2. Cumprir e facer cumprir a todos os colexiados do seu partido os estatutos, dando conta á xunta das infraccións cometidas.

3. Controlar as pólizas e/ou cotas variables e levar a cabo a inspección co tesoureiro ou membro da xunta en que este delegue.

4. Será o responsable da organización e funcionamento da oficina do traslado de copias e/ou recepción de notificacións da súa delegación, seguindo as instrucións que reciba da Xunta de Goberno

Artigo 92º

Os delegados de partido terán dereito a percibir axudas de custo polos desprazamentos con motivo de asistir ás xuntas de Goberno, estas axudas de custo serán fixadas pola Xunta de Goberno.

Tres dos delegados de partido formarán parte, inescusablemente, da Xunta de Goberno como vogais, de acordo co disposto no artigo 40º deste estatuto.

Capítulo IV

Do decano-presidente

Artigo 93º

Correspóndelle ao decano presidir o colexio e a súa Xunta de Goberno, así como exercer en todo momento a representación legal do colexio.

Correspóndelle ao decano o tratamento de Ilustrísimo Señor e tanto o devandito tratamento como a denominación honorífica de decano terase con carácter vitalicio.

Terá a condición honorífica de presidente de Sala da Audiencia. En audiencia pública e actos solemnes aos que asista, levará encaixes na súa toga así como as medallas e placas correspondentes ao seu cargo

Artigo 94º

Son funcións do decano:

1. Corresponderalle ao decano a representación legal do colexio en todas as súas relacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde; as funcións de consello, vixilancia e corrección que os estatutos reserven á súa autoridade; a presidencia de todos os órganos colexiais, así como a de cantas comisións e comités especiais ás que asista; dirixir os debates e votacións deses órganos, comisións e comités, con voto de calidade en caso de empate; a expedición das ordes de pagamento e libramentos para atender os gastos e investimentos colexiais e a proposta dos procuradores que deban formar parte de tribunais de oposicións ou concursos.

2. Dirixir as discusións, mantendo en todo momento a orde nestas.

3. Abrir, suspender e pechar as sesións.

4. Xestionar cando conveña en interese do colexio e do exercicio da profesión.

5. En caso de ser requirido en virtude de norma legal ou avisado pola autoridade xudicial, se é o caso, gobernativa competente para a práctica dun rexistro no despacho profesional dun procurador deberá comparecer no devandito despacho e asistir ás dilixencias que neste se practiquen, velando pola salvagarda do segredo profesional, ou neste mesmo caso sexa solicitada a súa presenza polo procurador incurso no procedemento.

6. A execución dos acordos da Xunta de Goberno, de acordo co disposto no artigo 22 da Lei 11/2001.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Do ingreso no colexio

Sección primeira

Clases e atribucións

Artigo 95º

Os colexiados serán os procuradores que reunindo os requisitos necesarios, fosen admitidos como tales para o exercicio da profesión no ámbito a que se refire título I, artigo 1º, punto 2.

Artigo 96º

Os colexiados serán de tres clases:

1. Procuradores en exercicio.

a) Serán procuradores en exercicio os que estean validamente incorporados ao Colexio de Pontevedra e cumpran os requisitos do artigo 10 do Estatuto xeral dos procuradores.

b) Como procurador exercente só se poderá pertencer ao Colexio de Procuradores de Pontevedra. A toda solicitude de incorporación xuntarase a manifestación, expresa e escrita de que, quen a formula, non pertence, como exercente, a ningún outro colexio de procuradores.

2. Procuradores non exercentes.

a) Poderán seguir pertencendo ao Colexio de Procuradores de Pontevedra e utilizar a denominación de procurador dos tribunais, engadindo sempre a expresión de «non exercente», os que cesen no exercicio da profesión, ben sexa por incompatibilidade, ben por incapacidade ou por calquera outra circunstancia que non determine a baixa no colexio.

b) Os que se incorporen ao Colexio de Procuradores de Pontevedra poderán seguir dados de alta como non exercentes no colexio ou colexios a que pertencesen como exercentes.

c) Só poderá ser admitido como colexiado non exercente quen exercese con anterioridade e de modo efectivo a profesión de procurador dos tribunais.

d) Todos os procuradores non exercentes están obrigados a pagar a cota que o Colexio de Pontevedra estableza para os colexiados desta clase.

e) Se un procurador non exercente quere pasar a exercente, non deberá cumprir os requisitos previstos no artigo 97º deste estatuto.

f) Cando un procurador cause baixa no exercicio da profesión por xubilación e continúe no colexio na condición de non exercente, poderá ser habilitado, polo colexio, para continuar tramitando os procedementos de toda índole en que interviñese, ata a finalización da correspondente instancia, por un prazo máximo de dous anos, pero non poderá aceptar a representación de ningunha persoa física ou xurídica en asunto novo con posterioridade á súa baixa por xubilación.

g) O procurador non exercente que fose parte nun proceso, poderá actuar por si mesmo ante o órgano xurisdicional, sen necesidade de que outro procurador o represente. O procurador non exercente poderá, tamén, desempeñar a representación procesual do seu cónxuxe ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

h) Para que resulte de aplicación o disposto na alínea anterior é necesario que:

a) O proceso se substancie no lugar de residencia do procurador non exercente.

b) O procurador obteña a previa autorización da Xunta de Goberno do colexio correspondente ao partido xudicial en que teña lugar o preito. Sen prexuízo da resolución que debe ditar a Xunta de Goberno, o decano poderá habilitar, provisionalmente, o solicitante ata tanto recaia resolución definitiva da Xunta de Goberno.

i) Nos casos a que se refiren as dúas alíneas anteriores deste artigo, o procurador poderá asumir, simultaneamente, a representación e a defensa, sempre que fose habilitado previamente polo Colexio de Avogados correspondente e concorran os requisitos que exixen as leis.

j) O procurador exercente poderá tamén asumir a devandita defensa e representación nos mesmos casos e condicións que o non exercente.

3. Procuradores honorarios.

Honorarios, serán aqueles que por concorrer na súa persoa unha serie de circunstancias ou actuacións relevantes para a nosa clase, a asemblea xeral acorde o seu nomeamento, que será honorífico e exento de calquera tipo de carga. En todo caso, este nomeamento deberá recaer, necesariamente, en persoas físicas.

Artigo 97º

O ingreso no Ilustre Colexio de Procuradores de Pontevedra, obterase mediante instancia dirixida ao decano, á cal deberá acompañar os seguintes documentos:

1. Certificación de nacemento.

2. Certificación do Rexistro Central de Penados e Rebeldes.

3. Título de licenciado en dereito.

4. Título de procurador dos tribunais.

5. Documentos que acrediten realizar o pagamento da cota de ingreso.

6. Formalizar o seu ingreso na Mutualidade de Previsión dos Procuradores de España, ou no réxime especial de traballadores autónomos (RETA).

7. A fianza que exixen os estatutos xerais.

8. Declaración xurada de non estar incurso en ningunha das incompatibilidades que se determinan no artigo 110º dos presentes estatutos.

9. Presentar xuramento ou promesa de cumprir ben e fielmente no desempeño da profesión, así como o acatamento das leis e estatutos.

10. Os demais requisitos que quedan reflectidos nos restantes artigos deste estatuto e do xeral.

11. Alta no imposto de actividades económicas, ou o que, no seu día, o substitúa.

Artigo 98º

Non se dará curso a calquera solicitude que incumpra os anteriores requisitos, nin tampouco ás de quen fose sancionado disciplinariamente con suspensión ou expulsión e non obtivesen a rehabilitación.

Artigo 99º

Correspóndelle á Xunta de Goberno, aprobar, suspender ou denegar as solicitudes de incorporación. A decisión adoptarase mediante resolución motivada tras as actuacións e informes que sexan pertinentes. A resolución que se dite será susceptible de recurso por vía administrativa e, se é o caso, a xurisdicional correspondente, conforme o disposto nos artigos 116º e 118º do estatuto xeral.

Non se poderá denegar o ingreso nesta corporación a quen reúna os requisitos de incorporación establecidos neste estatuto.

Artigo 100º

A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de ingreso nun prazo máximo dun mes.

Artigo 101º

O acto de toma de posesión celebrarase ante o decano e os que desexen asistir. O acto celebrarase prestándose xuramento ou promesa polo solicitante de acatar a Constitución, os estatutos xerais e todas as normas legais, incluídos os presentes estatutos, así como a observación en todo momento das correctas normas de comportamento profesional. De todo iso levantará acta o secretario que deberá ser asinada por este, o decano e o interesado.

1. O secretario do colexio comunicará, inmediatamente, as altas e baixas que se produzan na corporación a todos os xulgados e tribunais do seu territorio e ao Consello Galego de Procuradores, así como ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais. Igualmente, comunicará a situación que poida producirse en relación a procurador xubilado non exercente, respecto daqueles procesos ou procedementos en que continúe a representación do seu cliente ata a finalización da correspondente instancia, así como comunicará a prohibición estatutaria de aceptar novas representacións procesuais con posterioridade á data da baixa por xubilación.

2. Se os xulgados e tribunais non tivesen constancia da comunicación do colexio en que apareza dado de alta, o propio procurador poderá exhibir certificación ou outro documento que acredite que está incorporado a ese colexio e habilitado para exercer no partido xudicial de que se trate.

Artigo 102º

1. A condición de colexiado perderase e dará lugar á baixa inmediata:

a) Por falecemento.

b) Por cesamento voluntario no exercicio da profesión.

c) Por falta de pagamento de, polo menos, dúas cotas ordinarias e/ou extraordinarias e das demais cargas colexiais. Non obstante, os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos pagando a cantidade debida máis os seus xuros ao tipo legal e, se é o caso, o importe da sanción que se lle impoña.

d) Por sentenza firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.

f) Por alta noutro colexio de procuradores, salvo que pasase á condición de non exercente naquel a que pertencese anteriormente.

2. En todos estes casos correspóndelle á Xunta de Goberno do colexio acordar a perda da condición de colexiado. O acordo adoptarase en resolución motivada que, unha vez firme, será comunicada ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais e, se é o caso, ao Consello de Colexios de Comunidade Autónoma, así como aos órganos xurisdicionais correspondentes.

Artigo 103º

De conformidade coa lexislación vixente, os xuíces e tribunais remitirán ao colexio de procuradores respectivo copia autorizada da sentenza condenatoria firme e, en xeral, calquera resolución que puidese levar implícita a inhabilitación ou suspensión profesional dun procurador, así como das resolucións polas que se corrixa disciplinariamente a un colexiado, remitindo o devandito colexio copia desta ao Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais e, se é o caso, ao Consello de Colexios de Comunidade Autónoma correspondente.

Artigo 104º

Cando o procurador acredite que desapareceron as causas de incapacidade ou incompatibilidade, poderá instar, da Xunta de Goberno do colexio correspondente, que se lle reincorpore á situación de exercente.

Capítulo II

Dos dereitos e obrigas dos colexiados

Artigo 105º

Os colexiados exercentes teñen dereito á protección que a corporación deberá prestarlles no exercicio das súas funcións, nas súas relacións cos xulgados e tribunais, ante as autoridades gobernativas, ou calquera outro tipo de organismo.

Artigo 106º

A todo tipo de información sobre a marcha do colexio, sempre que non contradiga o xa establecido, a que se proporcionará con carácter exclusivamente profesional.

Artigo 107º

Os procuradores teñen dereito:

a) A solicitar dos órganos corporativos a protección da súa actuación profesional, da súa independencia e do seu libre criterio de actuación, sempre que se axuste ao establecido no ordenamento xurídico e, en particular, ás normas éticas e deontolóxicas. Desde logo, poderán pedir aos cargos corporativos, expoñendo as razóns da súa petición, que se poña en coñecemento dos órganos de goberno do Poder Xudicial, xurisdicionais ou administrativos, a vulneración ou descoñecemento dos dereitos dos colexiados.

b) Á remuneración xusta e adecuada dos seus servizos profesionais conforme o arancel, que será respectada en relación cos seus herdeiros en caso de falecemento. En ningún caso se admitirá a fixación do pagamento que resulte incompatible coas normas arancelarias.

c) Ás remuneracións que procedan polas actuacións de carácter extraxudicial, todo iso conforme as regras do mandato.

d) Ás honras, preferencias e consideracións recoñecidos pola lei á profesión, en particular, ao uso da toga cando asistan a sesións dos xulgados e tribunais e actos solemnes xudiciais, e a ocupar asento en estrados á mesma altura dos membros do tribunal, fiscais, secretarios e avogados.

e) A participar, con voz e voto, na asemblea xeral do seu respectivo colexio, a formular peticións e propostas, a acceder, en condicións de igualdade, aos cargos colexiais, na forma e requisitos que establezan as normas legais e estatutarias e aos demais dereitos que para os colexiados se consideran no ordenamento xurídico aplicable.

f) A ser substituído, en calquera actuación procesual por outro procurador exercente na mesma demarcación territorial.

g) Os procuradores poderán facer publicidade dos seus servizos e despachos conforme o establecido na lexislación vixente.

h) Calquera procurador poderá solicitar a presenza no seu despacho do decano ou de quen o substitúa, cando leve a cabo neste calquera tipo de rexistro a autoridade xudicial ou gobernativa, co fin de velar pola salvagarda do segredo profesional.

Artigo 108º

1. É deber do procurador desempeñar ben e fielmente a representación procesual que se lle encomende e cooperar cos órganos xurisdicionais na alta función pública de administrar xustiza, actuando con profesionalidade, honradez, lealdade, dilixencia e firmeza na defensa dos intereses dos seus representados.

Nas súas relacións cos órganos administrativos e xurisdicionais, cos seus compañeiros procuradores, co letrado e co seu mandante o procurador conducirase con probidade, lealdade, veracidade e respecto.

Coa parte adversa manterá, en todo momento, un trato considerado e correcto.

2. Os colexiados exercentes virán obrigados:

a) Os procuradores no seu exercicio profesional, percibirán os dereitos que fixen as disposicións arancelarias vixentes, que poderán ser obxecto de diminución ou incremento de acordo coas disposicións arancelarias vixentes, cando así o acorden expresamente cos seus representados. A falta de pacto expreso en contrario aplicarase estritamente o disposto nas disposicións arancelarias vixentes.

b) As xuntas de goberno poderán exixirlles aos seus colexiados que acrediten o cumprimento do disposto no punto anterior, mesmo con exhibición das facturas de suplidos e dereitos e o seu reflexo contable.

c) Son deberes específicos dos procuradores todos aqueles que lles impoñan as leis para a axeitada defensa dos seus poderdantes e a correcta substanciación dos procesos e os demais que resulten dos preceptos orgánicos e procesuais vixentes.

3. Ademais, os procuradores están obrigados:

a) A levar un libro de coñecemento de negocios pendentes e outro de contas cos litigantes. O mantemento destes libros poderá facerse por medios informáticos.

b) Renderlle contas ao cliente, especificando e detallando as cantidades percibidas deste, aclarando os pagamentos realizados en beneficio do seu mandante e precisando con minuciosidade os diversos conceptos e o seu importe exacto.

c) Satisfacer, dentro dos prazos sinalados, as cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas polo colexio, o Consello de Colexios de Comunidade Autónoma, se é o caso, e o Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais, así como as demais cargas obrigatorias, entre elas as que correspondan á Mutualidade de Previsión Social dos Procuradores dos Tribunais de España.

d) Denunciar ante o colexio todo acto que chegue ao seu coñecemento que implique exercicio ilegal da profesión ou que sexa contrario aos estatutos.

e) Poñer en coñecemento do colexio calquera acto que afecte a independencia, liberdade ou dignidade dun procurador no exercicio das súas funcións.

f) Manter reserva das conversacións e correspondencia co seu mandante e co letrado deste, así como co procurador e co letrado da parte adversa, e con esta, con prohibición de revelalos ou facer uso, en xuízo ou fóra del, sen o seu previo de consentimento.

g) Ningún procurador poderá comparecer en calquera proceso que previamente estea a levar outro compañeiro sen o consentimento deste, nin intervir na xestión de asuntos, nin pedir nin dar noticia referente a estes sen solicitar e obter previamente o consentimento daquel que leva a representación.

h) Cumprir as normas legais, estatutarias, deontolóxicas e os acordos dos diferentes órganos corporativos.

i) Manter despacho profesional aberto na demarcación xudicial en que teñan a súa sede os órganos xurisdicionais da demarcación territorial en que estea habilitado para o exercicio da profesión.

j) Comunicar, no momento da súa incorporación ao correspondente colexio, o seu domicilio e demais datos que permitan a súa doada localización. Tamén deberá comunicarlle ao colexio calquera cambio de domicilio e do despacho profesional.

k) Acudir aos xulgados e tribunais ante os que exerza a profesión, ás salas de notificacións ou de servizos comúns e aos órganos administrativos, para oír e asinar os emprazamentos, citacións e notificacións de calquera clase que se lle deban realizar.

l) Gardar segredo sobre cantos feitos, documentos e situacións relacionados cos seus clientes tivese coñecemento por razón do exercicio da súa profesión. Esta obriga de gardar segredo refírese, tamén, aos feitos que o procurador coñecese na súa calidade de membro da Xunta de Goberno do colexio ou dun Consello de Colexios de Comunidade Autónoma ou do Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais. Tamén alcanza a obriga de gardar segredo aos feitos dos que tiver coñecemento como procurador asociado ou colaborador doutro compañeiro. Cando invoque o segredo profesional, o procurador poderá ampararse nas leis reguladoras do seu exercicio para solicitar o pleno respecto do seu dereito conforme a lei.

m) Os colexiados exercentes realizarán obrigatoriamente a representación na quenda de oficio, sempre que así o dispoña a lei, podendo encargar diso outro compañeiro, logo da súa aceptación por este; neste caso porase en coñecemento da Xunta de Goberno.

n) Ningún colexiado poderá encargarse das quendas de oficio que correspondan a máis de dous compañeiros, ademais da súa propia.

o) A respectar escrupulosamente as normas arancelarias, non podendo ofrecer os seus servizos con rebaixas ou descontos, salvo as establecidas nos aranceis.

Artigo 109º

Aos procuradores dos tribunais estalles prohibido:

1. Exercer a procuradoría estando incursos en causa de incompatibilidade.

2. Prestar a súa sinatura aos que, por calquera causa, non poidan exercer como procuradores.

3. Manter vínculos asociativos ou laborais de carácter profesional con profesionais que impidan o correcto exercicio da procuradoría ou que poñan en perigo o segredo profesional.

4. Toda actuación en fraude de lei que directa ou indirectamente pretenda burlar as anteriores prohibicións.

Capítulo III

Das ausencias e substitucións

Artigo 110º

1. O procurador non poderá ausentarse da súa demarcación territorial por tempo superior a quince días sen comunicarllo ao decano. Na comunicación deberá indicar o procurador ou procuradores que o substituirán e deixar constancia da conformidade dos substitutos.

2. Cando a ausencia fose superior a trinta días, será necesaria autorización previa do decano, quen tramitará, conxuntamente, a petición do procurador que pretende ausentarse e a aceptación dos seus substitutos. Concedida a autorización para ausentarse, o decano comunicarallo á autoridade xudicial correspondente.

3. As actuacións procesuais, para os efectos de substitucións, rexeranse polo disposto no artigo 30 do Estatuto xeral.

Artigo 111º

1. A autorización para ausentarse concederase por un prazo máximo de seis meses, pero poderá prorrogarse por outros seis meses en casos xustificados.

2. Concluído o prazo polo que se concedeu a autorización para ausentarse e, se é o caso, a súa prórroga, o procurador deberá reintegrarse ao exercicio da súa actividade profesional, comunicándollo inmediatamente ao decano do colexio e este ás autoridades xudiciais.

Artigo 112º

1. Se a incorporación non se producise en tempo, entenderase que o procurador abandona o exercicio da profesión e a Xunta de Goberno, logo de expediente, procederá a dalo de baixa no Colexio de Procuradores e comunicarállelo ás autoridades xudiciais.

2. Contra este acordo poderá interpoñer o interesado recurso nos termos previstos neste estatuto.

3. O procurador que causase baixa por este motivo, poderá reintegrarse, en calquera momento, ao colexio, pero deberá acreditar que reúne todos os requisitos que nese momento se lles exixan aos colexiados de nova incorporación.

Artigo 113º

Se o procurador enfermase, de forma repentina, sen previa designación de substituto, o decano do colexio, tan axiña como teña coñecemento do feito, designará, de entre os procuradores da mesma demarcación territorial, aquel ou aqueles que interinamente substitúan o enfermo ata que o poderdante resolva o que considere oportuno, e comunicaralles a designación realizada aos tribunais e xulgados correspondentes.

En caso de falecemento do colexiado, a Xunta de Goberno do colexio fará o nomeamento dos que se encarguen da liquidación do seu despacho, por petición dos herdeiros ou subsidiariamente do decano.

O cesamento do procurador na representación do seu cliente rexerase polas normas procesuais e estatutarias.

Artigo 114º

Os procuradores poderán ser substituídos, no exercicio da súa profesión, por outro procurador da mesma demarcación territorial, coa simple aceptación do substituto, manifestada na asistencia ás dilixencias e actuacións, na sinatura de escritos ou na formalización do acto profesional de que se trate. Para que opere a substitución entre procuradores non é necesario que o procurador substituto se atope facultado no apoderamento do procurador substituído, nin que o procurador substituído acredite a necesidade da substitución. En todo caso, as substitucións de procuradores rexeranse polas normas de contrato de mandato consideradas no Código civil e a Lei orgánica do poder xudicial.

Tamén poderán ser os procuradores substituídos, nas asistencias, dilixencias e actuacións, polo seu oficial habilitado na forma que regulamentariamente se estableza, de acordo co previsto na Lei orgánica do poder xudicial.

Artigo 115º

1. O procurador que acepte a representación en asunto que estea a intervir ou interviñese outro compañeiro na mesma instancia, vén obrigado a satisfacer os suplidos e dereitos xerados ao tempo da substitución, sen que iso limite o dereito do cliente a efectuar a substitución entre procuradores. Se non houbese acordo entre os procuradores, o importe das cantidades será fixado pola Xunta de Goberno do colexio.

2. O procurador que cese na representación está obrigado a devolver a documentación que estea no seu poder e a facilitarlle ao novo procurador a información que sexa necesaria para continuar no eficaz exercicio da representación procesual do poderdante.

Artigo 116º

Os colexiados dunha mesma demarcación territorial, poderán asociarse para o exercicio da súa profesión na forma e condicións que teñan por conveniente, dando conta diso ao Colexio de Procuradores de Pontevedra. A asociación farase pública por medio de placas ou cabeceiras en que figurarán o nome e apelidos dos asociados. A forma de asociación deberá permitir a identificación dos seus integrantes, deberá constituírse por escrito e inscribirse, para os efectos de publicidade e do exercicio das competencias colexiais, no rexistro especial que haxa no colexio. Neste rexistro inscribirase a súa composición e as altas e baixas que se produzan.

Os procuradores asociados non poderán asumir, en ningún caso, a representación daqueles litigantes que teñan posicións procesuais contrapostas, ou cando advirtan que existe ou poida producirse conflito de intereses entre os seus representados.

Para a mellor salvagarda do segredo profesional e das relacións de compañeirismo, poderanse someter á arbitraxe colexial as discrepancias que puidesen xurdir entre os membros dun despacho colectivo a causa do seu funcionamento, separación ou liquidación

Capítulo IV

Dos oficiais habilitados

Artigo 117º

Serán requisitos para ser oficial habilitado dun procurador do Colexio de Pontevedra, os seguintes:

1. Escrito do colexiado, dirixido ao decano presidente do Colexio de Procuradores, solicitando a habilitación do aspirante.

2. Ter nacionalidade española ou dalgún dos estados membros da Unión Europea ou dos estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, sen prexuízo do disposto en tratados ou convenios internacionais, ou salvo dispensa legal.

3. Ser maior de idade (fotocopia do DNI) e estar en posesión da certificación de acceso aos estudos universitarios, selectividade, reválida ou título equivalente. A titulación académica deberá ser obtida en España ou estar recoñecida ou homologada polo Estado español.

4. Dúas fotografías tamaño carné.

5. Carta do aspirante a oficial solicitando autorización para presentarse aos exames.

6. Achegar certificación do Rexistro Central de Penados e Rebeldes.

7. Presentar declaración xurada do interesado de non ser procesado, nin condenado, en causa criminal salvo en delitos culposos.

8. Presentar declaración xurada do interesado de non estar incurso nalgunha das incompatibilidades establecidas para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais, polo artigo 24 do Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais, Real decreto 1281/2002, do 5 de decembro, publicado no Boletín Oficial del Estado do 21 de decembro do mesmo ano.

9. Acreditar que o interesado reside no partido xudicial onde vai exercer ou, de ser o caso, en lugar que non imposibilite ou dificulte o seu labor laboral (certificación de empadroamento).

10. Levar un mínimo dun ano efectivo prestando servizo laboral no despacho do procurador dos tribunais, este extremo acreditarase mediante xustificación de estar dado de alta na Seguridade Social como o seu empregado a xornada completa e o pagamento das cotas correspondentes durante o período indicado (fotocopias dos impresos TC1 e TC2 dos últimos doce meses ou certificación expedida pola Seguridade Social).

Establécese unha excepción con respecto aos aspirantes a oficial habilitado que sexan familiares do procurador ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade-, no sentido de que, ao estar exentos no réxime da Seguridade Social, non terán que acreditar levar un ano dados de alta no citado réxime.

Os devanditos aspirantes familiares que queiran optar á súa habilitación como oficiais, deberán ser dados de alta polo procurador no Libro rexistro establecido para o efecto na secretaría do colexio, ratificando o colexio, cada seis meses, que o referido aspirante segue traballando no seu despacho e pretendendo ser dado de alta como oficial habilitado. Unha vez transcorrido o ano previsto no Regulamento, e presentada a documentación requirida, poderán optar ao exame final sobre coñecementos básicos da función de oficial habilitado, e así acceder á consecución do carné que os acredite como tales, unha vez superada, loxicamente, esta última proba.

11. Superar un exame sobre coñecementos básicos da función de oficial habilitado, baseándose no programa que elabore a Xunta de Goberno. A este exame invitarase a asistir o procurador propoñente.

Non eximirá do devandito exame realizar con anterioridade labores de oficial habilitado no ámbito territorial doutro colexio, para o mesmo ou distinto procurador.

12. Se o aspirante non superase a proba a que se refire o parágrafo anterior, non poderá presentarse a nova convocatoria ata que non transcorran seis meses desde que realizou o exame anterior. O Ilustre Colexio de Procuradores levará un Libro rexistro de solicitudes e data das convocatorias a exame. Así mesmo, confeccionará un programa a teor do cal serán examinados os aspirantes a oficial habilitado. As convocatorias deberán ter lugar cada seis meses, sempre que houbese aspirantes, ou cando a Xunta de Goberno o considere oportuno polo número de solicitantes. O tribunal examinador estará composto por cinco membros, elixidos de entre os procuradores en exercicio e oficiais habilitados, en número de tres procuradores e dous oficiais habilitados, que serán designados pola Xunta de Goberno.

Así mesmo, poderán obter o carné de oficial habilitado aquelas persoas que estean en posesión do título de licenciado en dereito, debendo presentar os requisitos a que se refiren os números 1, 2, 3, 4, 6, 7, 8 e 9 antes indicados e a acreditación da súa licenciatura. Os devanditos aspirantes están exentos de exame, expedíndoselles o carné, logo de acordo de Xunta de Goberno.

Artigo 118º

1. Cando aínda non existise en exercicio, no momento da convocatoria do primeiro exame, oficiais habilitados, por excepción, o tribunal estaría composto unicamente por procuradores, aínda que á seguinte convocatoria, de haber xa oficiais habilitados, entrarían en vigor estas normas.

2. Os oficiais habilitados que se atopen en posesión do carné correspondente, expedido polo colexio, no momento de entrada en vigor destes estatutos, conservarán os seus dereitos adquiridos, polo que non lles serán de aplicación estes, no referente á obtención do carné, aínda que si no relativo ao artigo seguinte.

3. Os procuradores dos tribunais serán responsables civil e disciplinariamente da actuación dos seus oficiais habilitados.

4. Cada procurador non poderá ter máis de tres oficiais habilitados.

TÍTULO III

Da xurisdición disciplinaria

Artigo 119º

1. Cando o procurador considere necesario salvar a súa responsabilidade, en atención aos termos utilizados polo letrado director dun procedemento, no documento asinado por este, poderá antepoñer á súa sinatura a expresión «para o só efecto de representación».

2. Os colexiados están tamén suxeitos á responsabilidade disciplinaria se infrinxen os deberes profesionais que lles son específicos.

3. As sancións disciplinarias de calquera clase, unha vez firmes, anotaranse no expediente persoal de cada colexiado.

4. Os acordos de suspensión por máis de seis meses ou expulsión, deberán ser tomados pola Xunta de Goberno, en votación secreta, e aprobados polos dous terzos desta.

Artigo 120º

A potestade disciplinaria sobre os colexiados exercerase nos seguintes casos:

a) Vulneración de preceptos do Estatuto xeral ou dos contidos no deste colexio ou dos do Consello Galego de Procuradores.

b) Vulneración dos deberes profesionais ou normas deontolóxicas de conduta en canto afecten a profesión.

c) Comisión de feitos que o concepto público teña por infamantes e que fagan o inculpado indigno de pertencer a este colexio, sexan ou non constitutivos de infraccións ou doutra índole.

Artigo 121º

As infraccións consistentes en accións ou omisións a que se refire a alínea a) do artigo anterior clasificaranse en leves, graves e moi graves, e as relativas ás alíneas b) e c) clasificaranse sempre de moi graves.

Artigo 122º

1. Son infraccións ou faltas leves:

As accións ou omisións en orde ao incumprimento xeral dos deberes estatutarios, non considerados especificamente como graves ou moi graves.

a) A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno, no exercicio das súas funcións, cando non constitúa infracción moi grave ou grave.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

2. Son infraccións ou faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo órgano colexial no ámbito da súa competencia, así como o reiterado incumprimento da obriga de atender ás cargas colexiais previstas nestes estatutos, salvo que constitúa infracción de maior gravidade.

b) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos compoñentes da Xunta de Goberno do colexio.

c) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros, no exercicio da actividade profesional.

d) A competencia desleal, cando así fose declarada polo órgano competente, e a infracción do disposto na normativa aplicable sobre publicidade, cando non constitúa infracción moi grave.

e) Os actos e omisións descritos nos parágrafos d), e), f) e g) do punto seguinte, cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

3. Son infraccións moi graves.

a) A reincidencia en falta grave dentro do prazo de cinco anos.

b) As expresamente sinaladas nestes estatutos.

c) O pacto de cotalitis.

d) A infracción das prohibicións e incompatibilidades consideradas na lexislación aplicable.

e) A publicidade de servizos profesionais que incumpra os requisitos que resulten de aplicación e sempre que a conduta revista especial gravidade.

f) A condena dun colexiado en sentenza firme pola comisión, no exercicio da súa profesión, dun delito doloso.

g) Os actos, expresións ou accións que atenten contra a dignidade ou honra das persoas que integran a Xunta de Goberno, o Consello Xeral ou o das comunidades autónomas.

h) O encubrimento do intrusismo profesional, así como o exercicio de profesións colexiadas alleas á procuradoría realizado por procuradores.

i) A cooperación ou consentimento a que o mandante, a quen representou o procurador, se apropie de dereitos correspondentes ao procurador e aboados por terceiros.

j) A comisión de actos que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras deontolóxicas que a gobernan.

k) O incumprimento da obriga de ter despacho aberto e efectivo na demarcación territorial onde o procurador está habilitado, se non atendese o requirimento previo feito para o efecto polo colexio.

l) Non acudir aos órganos xurisdicionais nin aos servizos comúns de notificacións, reiteradamente e sen causa xustificada.

m) Deixar de satisfacer, dentro dos prazos sinalados, tanto as cotas ordinarias como extraordinarias, fixas ou variables, acordadas polo colexio, así como as demais cargas colexiais a que vinieren obrigados os colexiados.

n) A non aplicación das disposicións arancelarias sobre remuneración de dereitos en calquera actuación profesional por conta allea.

Artigo 123º

As faltas e as sancións prescribirán:

a) As leves, ao ano.

b) As graves, aos dous anos.

c) As moi graves, aos tres anos.

Os prazos anteriores computaranse en canto ás faltas, en todo caso a partir da data da comisión dos feitos constitutivos de infracción, interrompéndose a prescrición no momento da iniciación, con coñecemento do interesado, do expediente ou procedemento sancionador.

No caso das sancións, a prescrición por falta de execución destas, comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora. Cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Capítulo I

Das sancións

Artigo 124º

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso, para ser cumprida se o colexiado causase alta nun colexio.

As sancións aplicables ás infraccións tipificadas nos artigos anteriores son as seguintes:

1. Ás infraccións leves:

a) Amoestación verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa de 150 a 1.500 €.

d) Represión privada.

2. Ás infraccións graves:

Suspensión dun a seis meses debendo satisfacer previamente á reincorporación do interesado cantas prestacións, cotas ou cargas tivese pendente de pagamento este.

3. Ás infraccións moi graves:

a) Suspensión de seis meses a dous anos.

b) Expulsión.

Para cada graduación de sancións poranse en todo caso, as circunstancias obxectivas do feito, as subxectivas do seu autor, moderándose ou gravándose as responsabilidades deste, segundo a concorrencia das devanditas circunstancias.

Capítulo II

Do procedemento sancionador

Artigo 125º

A responsabilidade disciplinaria será exixida pola Xunta de Goberno, logo de incoación de expediente con audiencia do interesado e valoración das probas que se practiquen por instancia deste ou de oficio polo instrutor.

A Xunta de Goberno designará de entre os seus membros xuíz instrutor e secretario, tramitándose o expediente con suxeición ás normas reguladoras da Lei de procedemento administrativo.

Os órganos con competencia sancionadora poderán acordar, mediante resolución motivada, a suspensión preventiva, no exercicio profesional, do procurador fronte a quen se siga procedemento sancionador.

Artigo 126º

As sancións de suspensión por máis de seis meses e de expulsión, imporanse, se é o caso, mediante acordo adoptado pola Xunta de Goberno en votación secreta e por maioría das dúas terceiras partes dos seus membros.

A esta sesión deberán asistir obrigatoriamente todos os seus compoñentes e, ben que para a validez da constitución desta para os efectos de quórum non constituirá vicio ou defecto a ausencia dalgún ou algúns dos seus compoñentes, a inasistencia inxustificada será causa para o cesamento no cargo.

Artigo 127º

Cando o inculpado fose membro da Xunta de Goberno, será o Consello Galego de Procuradores o competente para instruír e resolver o preceptivo expediente.

Artigo 128º

Contra as sancións impostas pola Xunta de Goberno, o interesado poderá interpoñer recurso de alzada ante o Consello Galego de Procuradores, cuxo réxime se axustará ao establecido ao respecto na Lei de procedemento administrativo.

Artigo 129º

A Xunta de Goberno, remitiralle ao Consello Galego de Procuradores, certificación dos acordos de sanción ditados en materia de responsabilidade disciplinaria por faltas graves e moi graves.

Artigo 130º

O disposto neste capítulo enténdese sen prexuízo das facultades que competen aos xulgados e tribunais.

Artigo 131º

A secretaría levará un libro reservado en que se anoten as correccións que se impoñan aos colexiados con expresión dos seus motivos.

TÍTULO IV

Da disolución e liquidación do colexio

Artigo 132º

1. O acordo de disolución ou fusión con outro colexio de ámbito superior requirirá o acordo unánime dos colexiados na Xunta Xeral extraordinaria convocada para ese só efecto.

2. En caso de disolución, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, procedendo conforme dispuxese a Xunta Xeral acerca da liquidación e adxudicación do patrimonio colexial, sucesión dos dereitos e obrigas da corporación e extinción ou cesión das súas potestades e competencias administrativas.


No hay versiones para esta norma