Orde do 12 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral e nos directores xerais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. - Diario Oficial de Galicia, de 18-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 158
  • Fecha de Publicación: 18/08/2005

Tendo en conta o gran volume da actividade administrativa que a lexislación lle atribúe á titular da consellería e co fin de evitar unha concentración excesiva e lograr unha maior actividade administrativa en beneficio, tanto da Administración como dos administrados, así como de axilizar en todo o posible aqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da conselleira, faise conveniente que, dentro do respeto aos principios informadores de actuación administrativa, e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen no secretario xeral determinadas funcións.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Economía e Facenda a adecuación dos pagamentos correspondentes.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden á conselleira en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo e a Lei 3/1995, do 10 de abril, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela.

e) Dispoñer canto concerne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia da conselleira ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º.-Deléganse nos directores xerais as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo aos créditos, do estado de gastos dos orzamentos xerais, asignados aos seus respectivos centros directivos (servizos orzamentarios) , que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos indicados no anterior punto, coas limitacións que nel se expresan.

Artigo 3º.-En calquera momento a conselleira poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 4º.-En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas nos directores xerais, durante o tempo que persistan as devanditas causas e pola orde de prelación que vén establecida polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

En caso de ausencia ou enfermidade, dos directores xerais as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, nos subdirectores xerais que deles dependan, sendo prevalente o máis antigo e, no suposto de igualdade, o de máis idade.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 21 de decembro de 2001, os artigos 1º e 5º. a da Orde de 30 xaneiro de 2003 e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2005. María Carmen Gallego Calvar Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos


No hay versiones para esta norma