Orde do 12 de febreiro de 2010 sobre a aprobacion definitiva da modificacion puntual numero un do Plan Xeral de Ordenacion Municipal do Concello de Vedra (A Coruña). - Diario Oficial de Galicia, de 26-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 39
  • Fecha de Publicación: 26/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Concello de Vedra remite a modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme ao artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

O Concello de Vedra dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que foi aprobado definitivamente de forma parcial pola orde desta consellería do 30 de xaneiro de 2007; e de forma definitiva pola orde desta consellería do 8 de maio de 2007.

1. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en Pleno do 27 de maio de 2008 e sometida a información pública nos termos sinalados no artigo 85.2º. Non foron presentadas alegacións, segundo certificado do 8 de setembro de 2008 ao efecto.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente decidiu o 7 de maio de 2008 non someter a proposta á avaliación ambiental estratéxica.

3. No expediente figuran os seguintes informes sectoriais:

-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, informes do 12 de maio de 2009, con observacións e do 31 de agosto de 2009, favorable.

-Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento: informe do 25 de xuño de 2008, favorable.

-Dirección Xeral de Obras Públicas da Xunta: informe do 1 de xullo de 2008, favorable.

-Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do Ministerio de Fomento: informe do 15 de xullo de 2008, favorable.

4. Os servizos técnicos e xurídicos municipais emitiron os informes previstos no artigo 85.4º LOUG.

5. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno municipal do 17 de novembro de 2009.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten por obxecto variar a categorización de cinco zonas que forman parte do sistema de equipamentos e dotacións, pasando de solo rústico de protección agropecuaria (Ordenanza R-2) a solo rústico de protección ordinaria (Ordenanza R-1), en concreto:

a) Equipamento na parroquia de Illobre (cemiterio CM-1 e relixioso R-1).

b) Equipamento na parroquia de San Pedro de Vilanova (cemiterio CM-12 e relixioso R-12). Así mesmo, modifica a delimitación para axustala ás parcelas que o integran.

c) Equipamento na parroquia de Vedra (relixioso R-11, cemiterio CM-11 e sociocultural SC-12).

d) Equipamento na parroquia de San Mamede de Ribadulla (cemiterio CM-13 e sociocultural SC-4).

e) Equipamento na parroquia de San Pedro de Sarandón (cemiterio CM-14).

III. Análise da proposta.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Vedra e á vista da proposta elevada pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:

1. Razóns de interese público da modificación.

A modificación pretende viabilizar a efectiva execución de equipamentos comunitarios en solo rústico, no lugar previsto polo PXOM.

A previsión de equipamentos constitúe unha razón de interese público nos termos previstos no artigo 94.1º da LOUG.

Análise da proposta.

2.1. Equipamento comunitario na parroquia de Illobre: trátase duns terreos nos cales se sitúan a igrexa parroquial e o cemiterio parroquial de Illobre.

2.2. Equipamento comunitario na parroquia de San Pedro de Vilanova: inclúe tres parcelas. Nas dúas primeiras sitúanse a igrexa e o cemiterio parroquial e a outra aparece vacante.

2.3. Equipamento comunitario na parroquia de Vedra: trátase de tres parcelas completas e de parte doutras dúas parcelas. Nunha delas eríxese a igrexa parroquial de Santa Eulalia de Vilanova. Dúas correspóndense co cemiterio parroquial de Vilanova. E as outras dúas aparecen practicamente vacantes de edificación, a excepción do local social de Santa Eulalia e do cruceiro de Vedra.

Aínda que non se indica expresamente no proxecto, o ámbito que se recategoriza a solo rústico de protección ordinaria inclúe o sistema xeral de zonas verdes SX-ZV-1, que rodea case totalmente as parcelas de equipamentos. Nesta área preséntanse diversos elementos de interese patrimonial e arqueolóxico.

2.4. Equipamento comunitario na parroquia de San Mamede de Ribadulla: trátase dunha parcela en que existen dúas edificacións, o cemiterio de San Gregorio e o centro multiusos e tanatorio de San Gregorio.

2.5. Equipamento comunitario na parroquia de San Pedro de Sarandón: trátase dunha parcela vacante de edificación, destinada polo PXOM á ampliación do cemiterio parroquial.

IV. Resolución.

Polo antedito, e de conformidade co artigo 85.5º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, resolvo outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM do Concello de Vedra.

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM.

Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas


No hay versiones para esta norma