Orde do 12 de maio de 2009 pola que se aproban os modelos oficiais de declaracion de actividades e declaracion de bens patrimoniais que deben formular os altos cargos da Administracion autonomica. - Diario Oficial de Galicia, de 27-05-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 102
  • Fecha de Publicación: 27/05/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, establece no seu artigo 8, para os cargos públicos incluídos no seu ámbito de aplicación, a obriga de formular declaración de actividades e de bens patrimoniais.

Pola súa banda, o Decreto 205/2008, do 4 de setembro, polo que se regulan os rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia, dispón no seu artigo 17 que as declaracións de actividades e de bens patrimoniais se cubrirán nos modelos aprobados pola consellería competente en materia de incompatibilidades de altos cargos.

Finalmente, a disposición derradeira primeira dese mesmo decreto autoriza o titular da consellería competente en materia de incompatibilidades de altos cargos para que dite as normas de desenvolvemento do dito decreto, así como para a confección dos modelos de declaracións.

Ao amparo da anterior habilitación, esta orde ten por obxecto aprobar os modelos oficiais en que se deberán formular as declaracións de actividades e de bens patrimoniais por parte do persoal incluído no ámbito de aplicación da Lei 9/1996.

Tamén se publica un modelo de declaración previa á toma de posesión das reguladas no artigo 4 do Decreto 205/2008, cunha función orientativa e que comprende o contido mínimo previsto para esa declaración.

Os modelos que se aproban nesta orde estarán accesibles no enderezo web desta consellería, para facilitarlles aos destinatarios o cumprimento do trámite legalmente previsto.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a disposición derradeira primeira do Decreto 205/2008, do 4 de setembro, polo que se regulan os rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-De acordo co establecido no Decreto 205/2008, do 4 de setembro, polo que se regulan os rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia, apróbanse os modelos de declaración de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia, que se publican como anexos I e II, respectivamente.

Segundo.-Dáselle publicidade a un modelo de declaración previa á toma de posesión, das reguladas no artigo 4 do Decreto 205/2008, do 4 de setembro, que figura como anexo III.

Este modelo non ten carácter obrigatorio en canto á forma, ben que abrangue o contido mínimo previsto para tal declaración, nos termos establecidos no mencionado artigo 4.

Terceiro.-As persoas designadas para cargos públicos enumerados no artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, e mais no artigo 2 do Decreto 205/2008, do 4 de setembro, cubrirán debidamente as declaracións nos respectivos modelos, nos prazos establecidos, e remitiranas directamente en sobres pechados á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas para os efectos da súa inscrición nos correspondentes rexistros.

Os modelos que figuran nos anexos poderanse obter no enderezo web que se sinala para o efecto: http:/xunta.es/.

Disposición transitoria

Única.-De acordo co disposto na disposición transitoria única do Decreto 205/2008, do 4 de setembro, as persoas que desempeñan cargos públicos en activo incluídos no seu ámbito de aplicación disporán dun prazo de tres meses contado desde a data de entrada en vigor desta orde para formular e presentar ante a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas os novos modelos de declaracións de actividades e de bens patrimoniais que se aproban.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 8 de novembro de 2005 pola que se aproban os modelos de declaracións de actividades e intereses e de bens patrimoniais de altos cargos da Xunta de Galicia e cantas disposicións se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma