Orde do 13 de abril de 2007 pola que se modifica a do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo a regulacion das condicions e requisitos especificos que deben cumprir os centros de atencion a persoas maiores. - Diario Oficial de Galicia, de 25-04-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 80
  • Fecha de Publicación: 25/04/2007
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, en concordancia co artigo 148.1º.20 da Constitución española ten competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que vén ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia

A devandita lei regula a competencia da Administración autonómica para a regulamentación das entidades, dos centros, servizos e dos programas, públicos ou privados, que presten servizos sociais no ámbito territorial da comunidade autónoma, establecendo as normas en que se determinan as condicións de funcionamento, a capacitación do persoal e o réxime das actividades de prestación dos servizos sociais.

Dentro dos programas de atención especializada para a vellez, o artigo 14 da lei inclúe, como equipamentos propios destes servizos, as residencias, os centros de atención diúrna, as vivendas tuteladas, os pisos protexidos e cantos centros de carácter especializado se determinen na planificación desta área de actuación.

En desenvolvemento da citada norma o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995 do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais. Este decreto estableceu os requisitos xerais que deben cumprir os centros de servizos sociais situados no ámbito territorial da comunidade autónoma, remitindo a unha normativa posterior a fixación das condicións e requisitos específicos que deban cumprir cada un deles segundo a área en que se desenvolvan.

Posteriormente en desenvolvemento do referido decreto, ditouse a Orde do 18 de abril de 1996 que regula as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención ás persoas maiores, e en concreto os referidos ás residencias, vivendas comunitarias, apartamentos tutelados, centros de día e fogares e clubs.

Na actualidade, a Lei 53/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia establece a necesidade de promover a creación de recursos residenciais para a atención das persoas en situación de dependencia e de xeito especial para as persoas maiores dependentes.

Neste senso, a posta en marcha do sistema de atención á dependencia require a regulación de novos centros e servizos así como a adaptación e optimización dos existentes.

A este respecto, cómpre facer constar que a configuración xeográfica da comunidade autónoma e a dispersión da poboación susceptible de ser atendida en centros residenciais para persoas maiores, fan preciso a regulación dunha nova tipoloxía de centro residencial de mediano ou pequeno tamaño. Estes centros garantiranlles aos usuarios que ingresan cun alto grao de autovalemento ou nunha situación de dependencia leve ou moderada, a súa permanencia nel, cando se atopen nunha situación de gran dependencia, por contar cos medios materiais e os recursos humanos axeitados ás súas necesidades.

A finalidade desta norma é:

1º Adaptar a redacción do texto á actualidade normativa corrixindo ou eliminando referencias a normativas xa derrogadas.

2º Adaptar a redacción do texto á distribución de competencias vixente en cada momento segundo o disposto nas correspondentes normas reguladoras da estrutura dos departamentos da Xunta de Galicia.

3º Crear a tipoloxía de fogares residenciais como equipamentos de pequeno ou mediano tamaño destinados á atención integral daquelas persoas maiores que ingresan sendo autónomas ou que están nunha situación de dependencia leve ou moderada.

4º Clarificar o réxime das vivendas comunitarias, clasificándoas como equipamentos destinados exclusivamente a persoas autónomas

5º Permitir a tranformación das vivendas comunitarias que no momento da entrada en vigor da norma conten con autorización da Xunta de Galicia ou se atopen tramitándoa, en fogares residenciais, mediante a acreditación dos requirimentos exixibles para esta tipoloxía segundo o disposto na disposición transitoria incluída no proxecto.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar atribúelle á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais a competencia sobre as autorizacións de creación, de modificación substancial e de concesión dos permisos de inicio de actividade dos centros e dos programas de servizos sociais segundo ao disposto co Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais.

Por todo o que antecede, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 2.2º da Orde do 18 de abril de 1996.

1. O artigo 2.2º da Orde do 18 de abril de 1996 queda redactado como segue:

«2. Son centros de atención os seguintes:

a) Residencias.

b) Fogares residenciais.

c) Vivendas comunitarias.

d) Apartamentos tutelados.

e) Centros de día.

f) Fogares e clubs».

2. Engádese un punto terceiro no artigo 2, coa seguinte redacción:

«3. Na mesma edificación poderán integrarse un o máis centros dos anteriormente citados, podendo compartir aquelas instalacións susceptibles de uso común sempre que se respecte a superficie mínima exixida por usuario e se acredite a independencia funcional de cada un dos centros».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 3.2º.

O artigo 3.2º da Orde do 18 de abril de 1996 queda redactado como segue:

«2. O procedemento para a obtención das autorizacións administrativas para a creación, construción, modificación substancial de centros de atención a persoas maiores así como dos correspondentes permisos de inicio e cesamento de actividades, iniciaranse por instancia do titular ou representante legal da entidade de que dependa o centro mediante solicitude, en impreso normalizado segundo os modelos que figuran como anexos III, IV e V, que se dirixirá ao organo da Administración autonómica competente en materia de autorización de centros».

Artigo 3º.-Modificación do punto 1 do anexo I.

O punto 1 do anexo I na epígrafe referida aos accesos e corredores da Orde do 18 de abril de 1996 queda redactado como segue:

«Os accesos, escaleiras e corredores.

Todos os corredores, escaleiras e accesos das residencias cumprirán o disposto no Código técnico de edificación en materia de seguridade contra incendios. Todos os corredores contarán a ambos os dous lados con varandas de apoio de forma continuada a unha altura de 0,90 cm.

Aqueles centros que non dispoñan de todas as instalacións destinadas ás persoas usuarias na planta baixa deberán contar cun ascensor con capacidade para o traslado de padiolas.

Os pavimentos das zonas destinadas a residentes serán antiesvaradíos, pouco porosos e de doada limpeza».

Artigo 4º.-Modificación do punto 2 do anexo I.

O punto 2 do anexo I da Orde do 18 de abril de 1996 queda redactado como segue:

«Fogares residenciais.

Os fogares residenciais configúranse como equipamentos residenciais cun máximo de 24 prazas que proporcionan con carácter permanente unha atención integral nun ambiente personalizado, aos maiores que no momento do seu ingreso presentan unha situación de dependencia leve ou moderada.

A) Condicións materiais e arquitectónicas:

Accesibilidade vertical.

Os fogares residenciais que non conten coa totalidade das instalacións destinadas aos usuarios en planta baixa contarán cun ascensor adaptado. Cando a zona de atención especializada para grandes dependentes non se atope en planta baixa, o ascensor deberá contar con capacidade para o traslado de padiolas.

Estes centros contarán coas seguintes instalacións:

1. Despacho de administración.

2. Zonas de uso común.

Sala polivalente.

Unha sala polivalente cunha superficie mínima de 1,80 m por usuario con funcións de sala de estar, televisión, xogos, lectura, visitas e demais actividades que se poidan programar no funcionamento do centro. Será un espazo con iluminación e ventilación natural directa.

Sala de actividades.

Unha sala de actividades de 30 m, que poderá ser unha sala independente ou ben un espazo diferenciado da sala polivalente. Estará dotada de armarios para almacenaxe do material.

Sala de rehabilitación.

Contará cunha superficie mínima de 20m nela desenvolveranse actividades de fisioterapia e rehabilitación menor e contarán co equipamento específico.

Deberá contar con iluminación e ventilación suficiente

Comedor.

O comedor situarase preferentemente preto da cociña e dos baños comúns, terá un mínimo 30 m e contará con iluminación e ventilación natural directa.

Aseos comúns.

Contará cun mínimo de dous baños adaptados, diferenciados segundo os sexos. Estarán dotados polo menos con inodoro e lavabo e contarán con ventilación natural ou forzada.

Todos os baños do centro disporán de timbres de chamada de urxencia mediante un sistema de tirador ou pulsador accionable desde o chan e contarán coas axudas técnicas necesarias para as persoas con limitacións de mobilidade.

3) Área residencial:

Baños adaptados.

Esta zona contará cun mínimo dun baño adaptado completo composto por ducha, lavabo e inodoro por cada catro prazas ou fracción.

A ducha carecerá de prato, resolvendo o desagüadoiro mediante a pendente do propio chan cara a un sumidoiro sifónico de grande absorción e facilmente desmontable para limpeza.

3.1. Área residencial normalizada.

A zona residencial destinarase a acoller aos usuarios cunha dependencia leve ou moderada. A largura mínima dos corredores nesta área será 1,80 m. As portas de paso e dos dormitorios deixarán un paso libre de 0,90 permitindo o acceso dunha cadeira de rodas.

Os cuartos dobres contarán cun mínimo de 12 m e os individuais de 9 m. Contarán con timbre de chamada de urxencia accesible desde cada unha camas.

3.2. Área residencial especializada para residentes con gran dependencia:

O 25% do total de prazas do equipamento dedicarase a usuarios en situación de gran dependencia. Nesta zona cumpriranse os requirimentos exixidos para as residencias no que respecta á accesibilidade, e ás dimensións mínimas dos corredores, portas e escaleiras, ata a vía de evacuación máis próxima con saída directa ao exterior. Garantirase a proximidade a esta zona dalgún dos baños adaptados procurando que a súa superficie, sempre que sexa posible, permita a utilización dun carro de ducha. Todo o mobiliario deberá ser específico para uso xeriátrico, cumprindo os parámetros de ergonomía, hixiene e funcionalidade.

Sala de curas.

A sala de curas terá unha superficie mínima útil de 6 m situarase preto do cuarto de enfermaría, contará con toma de auga, padiola de exploración, unha caixa de primeiros auxilios e un armario dotado de chave para as medicinas, ademais dun arquivador con chave para gardar as historias clínicas.

Cuarto individual de enfermaría.

O centro contará polo menos cunha praza de enfermaría de carácter non residencial que contará cunha superficie mínima de 7 m dotada cunha cama articulada e mesa para persoas con problemas de mobilidade.

Neste centros prestaranse como mínimo os seguintes servizos: aloxamento, manutención con dietas especializadas, apoio ás actividades da vida diaria as 24 horas por persoal xerocultor, servizo de rehabilitación menor e fisioterapia, atención social, enfermaría e terapia ocupacional ou animación sociocultural.

«B) Recursos humanos.

Estes centros contarán cun responsable con dedicación mínima de 20 horas/semana. A ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa será de 0, 20 por usuario con dependencia leve ou moderada e 0,35 por usuario con gran dependencia».

Artigo 5º.-Modificación do punto 3 do anexo I.

1. O actual punto 2 do anexo I da Orde do 18 de abril de 1996 pasa a ser o punto 3.

2. O primeiro paragrafo quedará redactado como segue:

«3. Vivendas comunitarias.

Son equipamentos de pequeño ou mediano tamaño destinados a albergar en réxime de convivencia case-familiar a un número máximo de 12 persoas totalmente autónomas».

3. O último paragrafo do punto 3 queda redactado como sigue:

«B) Recursos humanos.

Este tipo de alternativa convivencial deberá contar como mínimo coa figura dun encargado responsable da coordinación e organización do centro. En todo caso garantirase a supervisión dos usuarios durante as 24 horas.

Cando na mesma edificación existan dúas o máis vivendas comunitarias ou cando compartan determinados servizos ou zonas comúns a ratio mínima de persoal de atención directa a xornada completa será de 0,20 por usuario».

Artigo 6º.-Modificación dos puntos 3, 4 e 5 do anexo I.

Os actuais puntos 3, 4 e 5 do anexo I da Orde do 18 de abril de 1996 pasan a ser os puntos 4, 5 e 6 respectivamente.

Disposición adicional

Todas as referencias realizadas na Orde do 18 de abril de 1996 á Dirección Xeral de Servizos Sociais entenderanse realizadas ao órgano da Administración autonómica competente en materia de autorización de centros segundo a disposición reguladora do departamento competente en materia de servizos sociais

Disposición transitoria

Adaptación á nova tipoloxía dos equipamentos existentes.

Única.-Aqueles centros autorizados ou que se atopen tramitando a correspondente autorización no momento da entrada en vigor desta orde, poderán autorizarse como fogares residenciais sempre que acrediten perante o órgano competente en materia de autorización de centros e programas de servizos sociais da comunidade autonoma, o cumprimento dos requisitos regulados para este equipamentos referidos a:

A) Requisitos materiais e arquitectónicos.

-A accesibilidade vertical.

-Superficie mínima da sala polivalente e do comedor.

-Sala de rehabilitación.

-Área de atención especializada para grandes dependentes.

Oferta dos servizos mínimos.

B) Recursos humanos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular do órgano competente en materia de autorización de centros e equipamentos de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar


No hay versiones para esta norma