Orde do 13 de febreiro de 2006 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras de construción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locales de Galicia - Diario Oficial de Galicia, de 23-02-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 38
  • Fecha de Publicación: 23/02/2006
  • Este documento NO tiene versiones

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co establecido no artigo 1 do Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais; relacións que ao abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revestir as formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Tendo en conta o anterior, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia para acadar unha mellora nos servizos que prestan as entidades locais, regulando, por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras de construción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de obras de construción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais de Galicia, nos edificios onde estea situada a casa do concello, ou ben naqueles que aínda tratándose de inmobles anexos ou mesmo independentes se dediquen á prestación de servizos competencia das entidades locais.

2. Poderán ser beneficiarios desta subvención aquelas entidades locais de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo cos datos do derradeiro padrón de habitantes.

3. Poderanse subvencionar: 1) Obras:

a) Obras de construción de nova planta de sedes de casas do concello ou edificios destinados á prestación de servizos municipais.

b) Obras que supoñan a rehabilitación integral dos edificios sinalados no punto anterior e que vaian ser destinados ao mesmo fin.

c) Obras de adaptación, mellora, así como obras complementarias e menores dentro dos edificios sinalados.

2) Equipamento mobiliario e de oficina. Artigo 2º.-Réxime económico. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.760.0, programa 123. C, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2006, ata unha contía máxima de 2.584.643 A.

A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.No caso de obras que teñan carácter plurianual, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprometerse a subvencionar fases da execución da obra con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ata unha contía máxima en cada unha das anualidades seguintes de:

2007: 1.176.065 A.

2008: 1.098.816 A.

2009: 580.347 A.

2010: 3.312.347 A.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As entidades locais que desexen acollerse ao beneficio desta orde presentarán instancia dirixida ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no da propia consellería ou por calquera outro dos medios aos que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, as entidades interesadas e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do Portal dos Concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no Portal dos Concellos Eido Local (http://www.eidolocal. es) , segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. A entidade local peticionaria achegará coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, a seguinte documentación:

2.1. No suposto de obras:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local pola que se aproban as obras ou actuacións que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención.

c) No suposto de construción dun novo edificio, ou gran rehabilitación dun xa existente, o proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, así como certificación do secretario xeral da entidade local, referida á titularidade e disposición da entidade local sobre o terreo onde se pretenden realizar as actuacións.

d) Se a obra que se vai subvencionar é obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do R. D. L. 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, unicamente será exixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

e) Certificación do secretario da entidade local referida ao esforzo fiscal do concello (capítulos I a III do estado de ingresos) determinando a recadación neta por habitante, segundo ao derradeiro padrón aprobado (A/habitante) , en relación ao derradeiro orzamento liquidado.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde) .

2.2. No suposto de equipamento:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que se aproba o equipamento que se vai realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade do equipamento para o que se solicita subvención.

c) Orzamento detallado do equipamento para o que se solicita subvención.

d) Certificación do secretario da entidade local referida ao esforzo fiscal do concello (capítulos I a III do estado de ingresos) determinando a recadación neta por habitante, segundo o derradeiro padrón aprobado (A/habitante) , en relación ao derradeiro orzamento liquidado.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde) .

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase ao contido ou á súa vixencia, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, e concederáselles un prazo de dez días para corrixir os erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A notificación aos interesados poderá practicarse, así mesmo, por medios telemáticos, a través do Portal dos Concellos Eido Local, cando aqueles así o manifestaran expresamente, indicando o medio telemático como preferente para a recepción de notificacións na súa solicitude.

Cando, existindo constancia da recepción da notificación por vía telemática, transcorresen dez días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unicamente cando concorran causas técnicas xustificadas, o interesado poderá requirirlle á Dirección Xeral de Administración Local que as notificacións sucesivas non se practiquen por medios telemáticos, segundo o artigo 12.4º do Real decreto 263/1996, do 16 de febreiro, polo que se regula a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas pola Administración Xeral do Estado.

Artigo 5º.-Valoración de solicitudes. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración Local e da que formarán parte o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico e as delegadas provinciais da consellería. Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Administración local con nivel mínimo de xefe de servizo.

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos; de acordo coas porcentaxes sinaladas a continuación:

-Porcentaxe de financiamento, respecto ao orzamento total das actuacións, que sería asumido por organismos distintos á propia consellería, incluídas as cantidades que, excedendo do 20% previsto nesta orde, achegue o propio concello: 40%.

-Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello: 20%.

-Valoración do esforzo fiscal do concello en orde á recadación neta por habitante, de acordo co solicitado no artigo 4º desta orde: 30%.

-Actuacións tendentes a lograr a accesibilidade e a supresión de barreiras, así como a mellora das condicións de seguridade e a hixiene nas que o cadro de persoal da entidade local desenvolva o seu traballo: 10%.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Estas axudas poderán tamén formalizarse a través de convenios de colaboración coas entidades locais beneficiarias, nos que poderán participar outras administracións ou entidades públicas.

Artigo 6º.-Resolución e notificación.

1. A resolución seralle notificada a todos os beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

Así mesmo, a notificación da resolución poderá realizarse telematicamente a través do Portal dos Concellos Eido Local, sempre que os concellos interesados teñan sinalado na súa solicitude a opción telemática como medio de notificación.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

4. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Aceptación de subvención.

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

A aceptación poderá realizarse por vía telemática, cando os interesados así o manifestasen expresamente, a través do Portal dos Concellos Eido Local, segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

3. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados, así como o cumprimento das obriga recollidas nesta orde.

Artigo 8º.-Contratación. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades locais conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, nomeadamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sendo os entes locais contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos se puidesen derivar.

Artigo 9º.-Publicidade das obras. Naquelas obras subvencionadas por esta consellería cun importe total superior a sesenta mil euros (60.000 A) , a entidade local beneficiaria deberá dar publicidade da obra, mediante a colocación dun cartel anunciador no que conste expresamente a cofinanciación pola Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local) , de acordo coa imaxe corporativa oficial da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. A xustificación poderá levarse a cabo de dous modos, segundo o tipo de tramitación polo que se opte, ordinario ou telemático:

1.1. Procedemento ordinario: As entidades locais beneficiarias da subvención presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, (Dirección Xeral de Administración Local) , as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 2006 mediante certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, acompañada da correspondente certificación, relativa ao acordo de aprobación pola entidade expedida polo seu secretario.

No caso de que a obra sexa obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do R. D. L. 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas,

só será exixible a remisión da factura correspondente, acompañada da correspondente certificación, relativa ao acordo de aprobación pola entidade expedida polo seu secretario.

No caso de equipamento, facturas orixinais ou fotocopias cotexadas do gasto, acompañadas da correspondente certificación, expedida polo secretario da entidade local, relativa ao acordo da aprobación por esta.

Achegarase certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

1.2. Procedemento telemático: As xustificacións poderán ser remitidas, no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria, por vía telemática a través do Portal dos Concellos Eido Local, mediante certificación do secretario-interventor ou do secretario e interventor, na que se acredite, para o caso de obras, aprobación da certificación da obra ou factura, e os datos referidos a esta, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura ou certificación de obra, obxecto e importe; para o caso de equipamento, aprobación da certificación da factura e os datos referidos a esta, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura, obxecto e importe.

Achegarase certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Así mesmo, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo modelo normalizado dispoñible no Portal dos Concellos Eido Local.

2. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo anterior sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase anular a concesión da subvención a esa entidade local, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos; que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

4. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Cantidades dispoñibles. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non-presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias, poderán dedicarse a subvencionar a outras entidades locais que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro da presente orde.

Artigo 12º.-Modificación. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Incumprimentos. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, estarase ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2006. José Luis Méndez Romeu Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma