Orde do 13 de maio de 2009 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para cursar estudos de ensinanzas posobrigatorias non universitarias e de rexime especial, no proximo ano academico 2009-2010. - Diario Oficial de Galicia, de 27-05-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 102
  • Fecha de Publicación: 27/05/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Decreto 43/1989, do 2 de marzo (DOG do 31 de marzo), polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes, faculta na súa disposición derradeira, primeira, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento e execución no disposto nel.

Na súa virtude, e consonte o establecido no artigo 8 do citado decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º

1. Convócanse prazas nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, para alumnado que cursen os estudos que se indican nos centros que se detallan no anexo I, así como para todas aquelas ensinanzas posobrigatorias non universitarias que ditos centros teñan autorizadas para o curso 2009-2010.

2. O número de prazas de residencia serán as correspondentes ás vacantes que se produzan para o curso 2009-2010, e faranse públicas no momento de se producir.

Artigo 2º

1. De conformidade co artigo 8 do Decreto 43/1989, do 2 de marzo (DOG do 31 de marzo), as prazas dos centros residenciais docentes levan implícita a admisión no instituto de educación secundaria creado ao abeiro do devandito decreto, exceptuando os ciclos formativos, tanto medios como superiores.

2. No caso de que a solicitude sexa feita coa finalidade de cursar especialidades que non se impartan nos instituto de educación secundaria aos que se refire o punto anterior, a adxudicación de praza de residencia terá carácter provisional. A adxudicación farase definitiva cando o interesado presente, na secretaría do centro residencial docente respectivo, xustificante acreditativo de que foi admitido no instituto no que se imparta a devandita especialidade, que necesariamente ten que ser da mesma localidade que o centro residencial docente. Para estes efectos enténdese que o centro residencial docente da Coruña, comprende as localidades de Culleredo e A Coruña.

3. A adxudicación, con carácter provisional, da praza de residencia, permitiralle ao solicitante considerar como domicilio o centro residencial docente, para os únicos efectos de valoración por proximidade do domicilio no proceso de admisión de centros sostidos con fondos públicos para o curso académico 2009-2010. A certificación que se lle expida, equivalerá á certificación do concello para os efectos da Orde do 17 de marzo de 2007 (DOG do 19 de marzo), pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en bacharelato e ciclos formativos de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º

1. Poderán concorrer a esta convocatoria todos aquelas persoas físicas que posúan a nacionalidade española ou sexan nacionais dun país membro da Unión Europea, extranxeiros residentes en España no momento da solicitude de praza e reúnan os requisitos académicos previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), e que desexen proseguir os seus estudos nos centros indicados no artigo anterior como residentes nos respectivos centros residenciais docentes, así como os actuais residentes dos centros residenciais docentes que rematen un nivel educativo ou ciclo, e desexan seguir como tales no seguinte nivel ou ciclo.

2. Para poder optar á praza de residencia os aspirantes deberán acreditar as circunstancias que impidan a súa escolarización nun centro sostido con fondos públicos. Con carácter xeral, esta circunstancia será a de non poder cursar os estudos solicitados por non haber un centro sostido con fondos públicos que imparta os devanditos estudos, ben na localidade de residencia, ben nunha localidade próxima que permita, polos medios de comunicación da zona, un acceso diario con facilidade. Con carácter particular, e documentalmente acreditado, poderanse ter en conta outras circunstancias, como condicións de orfandade, fillo de emigrantes ou situacións familiares moi graves.

3. Se o limiar de renda familiar non excede do que se fixa no Real decreto 545/2007, do 27 de abril, polo que se establecen os umbrais de renda e patrimonio familiar e as contías das becas e axudas ao estudo do Ministerio de Educación para o curso 2008-2009 (BOE do 19 de xuño de 2008), os residentes obterán praza gratuíta.

No caso de que o nivel de renda supere o citado limiar, nas porcentaxes que se indican, os residentes deberán aboar as seguintes contías:

Os que o superen ata un 10%: 512 €.

Os que superen en máis dun 10% e ata un 20%: 783 €.

Os que superen en máis dun 20% e ata un 30%: 1.241 €.

Os que superen en máis dun 30%: 1.866 €.

Ao aboamento da participación económica poderase fraccionar ata nun máximo de tres prazos trimestrais anticipados.

Capítulo II

Normas de procedemento

Artigo 4º

1. As solicitudes dos aspirantes formalizaranse de acordo co modelo que figura no anexo II desta orde e dirixiranse ao director do centro residencial docente para o que se solicita praza.

2. As solicitudes poderanse presentar directamente nos centros residenciais docentes ou a través das dependencias establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4º da devandita lei.

No caso de optar por presentar a súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Establécese un período extraordinario na primeira quincena do mes de setembro para a presentación de solicitudes destinado ás ensinanzas autorizadas pola administración educativa con posterioridade á publicación desta orde, así como para os ciclos formativos, e extraordinariamente no curso académico 2009-2010 para bacharelato.

4. Unha vez recibidas as solicitudes polos centros residenciais docentes, estes deberán cotexar a veracidade dos datos reflectidos na folla de solicitude, requirindo dos interesados a documentación que para tal efecto consideren necesaria, e comprobar que as follas de solicitude estean cubertas en todos os puntos.

5. Así mesmo, os aspirantes presentarán certificado de empadroamento da unidade familiar (segundo o artigo 10º.1), cos datos obrigatorios e nº de habitantes do ente de poboación, ademais do certificado oficial de notas do curso escolar 2007-2008.

Capítulo III

Selección de aspirantes

Sección primeira

Requisitos académicos

Artigo 5º

1. Para poder optar ás prazas reguladas nesta orde será preciso o cumprimento dos requisitos exixidos para o efecto pola lexislación académica vixente para poder acceder ao curso que se solicite, sempre que non teña máis de dúas materias pendentes.

2. Sempre que se cumpran os requisitos académicos previstos no parágrafo anterior e que non variasen as circunstancias que motivaron a concesión, a renovación das prazas para os diferentes cursos dun mesmo nivel ou grao educativo producirase de xeito automático. Con respecto aos estudos universitarios, rexeránse pola convocatoria xeral de bolsas do Estado.

Artigo 6º

1. Non se concederá praza de residencia para repetir curso.

Sección segunda

Criterios de valoración para a concesión de praza

Artigo 7º

A valoración das solicitudes admitidas abranguerá dúas cualificacións: a socio-económica e a académica.

Artigo 8º

A valoración socio-económica obterase ao aplicar o baremo establecido de acordo cos seguintes criterios: renda familiar, composición do grupo familiar, condición de orfandade ou calquera outra situación familiar especial e o número de habitantes do lugar de residencia familiar.

Artigo 9º

1. Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos obtidos por todos os membros computables, calquera que sexa a súa procedencia, no ano 2007 e entenderase que son ingresos de base da familia.

2. Os titulares de explotacións agropecuarias computarán como ingresos o valor dos produtos daquelas que sexan utilizadas para o seu propio consumo.

3. Os ingresos familiares dos solicitantes dos que os pais sexan españois residentes no estranxeiro, poderanse consignar en moeda propia do país en que se obteñan; o cálculo do seu contravalor en euros farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivese a moeda respectiva o 2 de xaneiro do ano en que se solicite a axuda, e computarase tan só un 75% deste.

4. De conformidade cos artigos 95.1º, epígrafe k, e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria na solicitude de admisión os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización de información de carácter tributario que se precisa para a acreditación da renda anual da unidade familiar, que será subministrada directamente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración entre ambas. A dita información será a que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural no que se presenta a solicitude (2007).

Polo tanto, aquelas persoas interesadas que non presente a autorización expresa para que a axencia estatal de Administración Tributaria subministre a información, a que se refire o punto anterior, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terán cero puntos neste criterio de valoración.

Artigo 10º

1. Consideraranse membros da unidade familiar:

O solicitante, o pai, a nai e os irmáns menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

2. No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable aquel dos pais que non conviva co solicitante, sen prexuízo de que os ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica.

Non obstante, terá a consideración de membro computable, se é o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, tendo que incluír a renda e o patrimonio.

3. Nos casos nos que o solicitante alegue a súa independencia familiar, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento de alugueiro da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do solicitante.

Artigo 11º

1. Ao cociente dos ingresos anuais polo número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Puntos

Ata 4.141,00 € 10

De 4.141,01 a 4.698,00 8

De 4.698,01 a 5.262,00 7

De 5.262,01 a 5.817,00 6

De 5.817,01 a 6.428,00 5

De 6.428,01 a 6.937,00 4

De 6.937,01 a 7.501,00 3

De 7.501,01 a 8.058,00 2

De 8.058,01 a 8.619,00 1

Máis de 8.619,00 € 0

2. Engadirase 0,50 puntos por cada un dos irmáns residentes no mesmo centro residencial docente ao que aspire o solicitante.

3. Engadirase 0,50 puntos por cada un dos irmáns, incluído o solicitante, que integre o grupo familiar.

4. Aos aspirantes en situación de orfandade incrementaráselle a puntuación en 10 puntos; en 15 se se trata de orfandade absoluta.

5. Aos aspirantes con circunstancias familiares especiais engadiráselles ata 5 puntos. Consideraranse neste punto situacións tales como fillos de españois residentes no estranxeiro; familias con membros diminuídos física, psíquica ou sensorialmente, sempre que da incapacidade se derive a imposibilidade de obter ingresos de natureza laboral; cando o cabeza de familia sexa inválido ou estea aqueixado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a súa única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego e existan dificultades de escolarización que valorará o tribunal cualificador.

6. En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación na que resida a familia, engadiranse os seguintes puntos, de acordo co previsto no artigo 9º.

Puntos

Entidades de menos de 1.000 habitantes 5

Entidades de 1.001 a 2.000 habitantes 4

Entidades de 2.001 a 5.000 habitantes 3

Entidades de 5.001 a 10.000 habitantes 2

Entidades de 10.001 a 20.000 habitantes 1

Entidades de máis de 20.000 habitantes 0

7. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán propoñer á consideración do tribunal cualificador casos concretos de solicitantes que presenten unha problemática excepcional ou que residan en zonas con grandes dificultades de escolarización. O tribunal cualificador, considerando esta circunstancias, poderalles outorgar a estes aspirantes unha puntuación adicional, ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 12º

O rendemento académico dos aspirantes valorarase numericamente pola nota media das disciplinas correspondentes ao curso 2007/2008, neste sentido, e para efectos do cómputo da nota media, utilizarase a seguinte táboa de equivalencias:

Puntos

Moi deficiente ou non presentado 1

Insuficiente ou non acto 3

Suficiente, apto ou validado 5,5

Ben 6,5

Notable 7,5

Sobresaliente 9

Capítulo IV

Adxudicación de prazas de residencia

Artigo 13º

Os centros residenciais docentes remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, con anterioridade ao 10 de maio, o número de vacantes co fin de que o tribunal cualificador poida aplicar os criterios para a súa cobertura.

Artigo 14º

O tribunal cualificador valorará as solicitudes. Estará composto como segue:

Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-Un representante de cada un dos centros residencias docentes.

-Un representante do servizo de recursos educativos complementarios das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante da Subdirección Xeral de Inspección. Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario.

Artigo 15º

1. O tribunal cualificador, á vista das solicitudes presentadas e do número de prazas dispoñibles, establecerá unha nota mínima, tanto na fase de valoración socio-económica como na valoración académica, para cada un dos cursos nos niveis ou graos que os solicitantes vaian realizar. O tribunal cualificador excluirá os aspirantes que non acaden as devanditas notas mínimas, comunicándollelo antes de finalizar o mes de xuño.

2. Só os solicitantes que alcancen as notas mínimas na valoración socio-económica e académica establecidas polo tribunal cualificador terán acceso á fase de selección.

3. A puntuación total obterase da suma das valoracións socio-económica e académica.

Artigo 16º

1. Antes do 1 de xullo, o tribunal cualificador elevará á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos proposta de concesión das prazas de residencia, así como relación de solicitantes declarados suplentes para cubrir as vacantes que se produzan, con indicación de se a gratuidade da praza é total ou parcial, e sinalando, así mesmo, o importe que se aboará establecido no artigo 3º.3 desta orde.

De acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a resolución provisional da convocatoria comunicaráselles aos interesados e aos centros, e daráselles aos interesados un prazo de reclamación de 15 días, desde a data de notificación desa resolución.

As reclamacións serán resoltas no prazo de quince días naturais pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. Antes do 20 de xullo, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos resolverá con carácter definitivo a convocatoria das prazas de residencia, que lle será comunicada aos interesados indicando a decisión adoptada sobre as súas solicitudes. A resolución definitiva farase pública no taboleiro de anuncios dos respectivos centros residenciais docentes e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no enderezo: http:/www.edu.xunta.es. Aos admitidos con praza e os suplentes sinalaráselles o centro residencial docente no que obteñen praza.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de seis meses, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. Na mesma data remitirase aos centros residenciais docentes a relación de residentes que obteñen praza nestes, así como os suplentes que se nomeasen para cubrir as posibles vacantes que se produzan.

Artigo 17º

As prazas de residencia convocadas para cada centro cubriranse tendo en conta a puntuación total obtida polos aspirantes e a localización do seu domicilio en relación coa dos centros residenciais docentes respectivos e as posibilidades de desprazamento aos seus domicilios, co obxecto de facilitar a convivencia familiar durante os días non lectivos e as vacacións.

Capítulo V

Comprobación de requisitos

Artigo 18º

Os centros residenciais docentes poñeranse en contacto cos residentes titulares e suplentes que lles fosen destinados, e reclamaránlles a documentación necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Capítulo VI

Recursos

Artigo 19º

Contra a resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación. Contra a resolución do recurso de alzada, que esgota a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Capítulo VII

Incorporación dos alumnos seleccionados

Artigo 20º

1. Os centros residenciais docentes, unha vez coñecidos os residentes titulares que se van incorporar por reunir os requisitos exixidos na convocatoria e por aceptar a praza, procederán a avisar os suplentes por orde de lista para cubrir as vacantes que se producisen. Para tal efecto formularán consulta previa coa Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para coñecer se hai que reservar praza para algún aspirante unha vez resoltas as posibles reclamacións recibidas.

2. Aos suplentes que non pasen a titulares seralles comunicada esta circunstancia polos respectivos centros residenciais docentes.

3. Queda absolutamente prohibida a incorporación de residentes non beneficiarios mentres non se esgote a relación de residentes que superasen as notas mínimas.

4. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

5. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ao centro, deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente, se é o caso.

6. Os residentes que non se incorporen aos centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán beneficiarse da praza de residencia, e perderán os seus dereitos, salvo nos casos de forza maior, apreciados polo director, oído o consello de residencia.

7. As normas de incorporación serán elaboradas polos respectivos centros residencias docentes, que deberán poñelas en coñecemento dos seus residentes con 10 días de antelación. Cada centro enviará copia das súas normas de incorporación á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no momento do seu envío aos residentes.

8. Cada centro residencial docente será responsable de que todos os residentes que efectúen a súa incorporación reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o establecido no artigo 22º.

Artigo 21º

A falsidade de datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se domostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda total dos dereitos do solicitante, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 22º

1. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursar os estudos para os que lle foi concedida a praza determinará a perda desta e, así mesmo, a condición de residente do centro residencial docente.

2. Igualmente, deixarán de desfrutar das prazas como consecuencia de sanción disciplinaria, baixo rendemento académico, ou faltas reiteradas de asistencia a clase, sen xustificar, de acordo coa normativa vixente, logo do oportuno expediente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os estudantes que non teñan concedida praza poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos de residencia, sempre que exista dispoñibilidade para iso, mediante o aboamento do seu importe, de acordo coas cantidades fixadas para os residentes que excedan dos módulos máximos. Nese caso, a utilización dos devanditos servizos suporá o compromiso tácito do estrito cumprimento da normativa de convivencia establecida polos respectivos centros residenciais docentes.

Segunda.-Co obxecto de facilitar a convivencia familiar dos residentes e tendo en conta as posibilidades e duración dos desprazamentos, os centros programarán estes durante as fins de semana e grupos de días festivos coa periodicidade aconsellable. En todo caso, os gastos de desprazamento serán de conta dos propios residentes.

Terceira.-Estas prazas poderán ser compatibles coa axuda compensatoria e a axuda para gastos determinados por razón de material escolar da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Cuarta.-Excepcionalmente e sempre que queden prazas vacantes a partir do 30 de setembro, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario, facendo efectivo o seu pagamento tal como se di no artigo 3º.3 desta orde.

Quinta.-En todo o non regulamentado nesta orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma