Orde do 13 de xaneiro de 2006 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga de tres días convocada polos representantes dos traballadores das empresas do transporte sanitario de enfermos e accidentados en ambulancia na comunidade autónoma, que se iniciará ás 0.00 horas do día 18 de xaneiro de 2006 ata as 24.00 horas do día 20 do mesmo mes e ano. - Diario Oficial de Galicia, de 17-01-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 11
  • Fecha de Publicación: 17/01/2006
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño) , entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria, non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta:

1. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola FPUSG-061, a través da RTSU (rede de transporte sanitario urxente) . O servizo préstase mediante:

* Ambulancias de soporte vital avanzado (ASVA) ou UVIs móbiles, é dicir, ambulancias tipo III concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 10 unidades, situadas en 8 bases. O horario de servizo é de 24 horas e a área de operatividade está limitada á poboación residente nunha isócrona de 20 minutos no contorno das bases.

* Ambulancias de soporte vital básico correspondentes á rede de transporte sanitario urxente (RTSU) , é dicir, ambulancias tipo II concertadas por US-061 que se corresponden cun total de 98 unidades. O número de bases por provincia é a seguinte: 28 bases na provincia da Coruña con 33 vehículos; 19 bases na provincia de Lugo con 20 vehículos, 14 bases na provincia de Ourense con 15 vehículos, e 23 bases na provincia de Pontevedra con 30 vehículos.

2. Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado dende os hospitais e prestado con ambulancias tipos I, II e UVI móbil.

3. Transporte sanitario non urxente, xestionado desde as direccións provinciais e prestado con ambulancias tipos I, II e IV.

4. O transporte sanitario prestado polas empresas que afecten a enfermos ou accidentados na comunidade autónoma, non incluído nos puntos anteriores.

Empresas de ambulancias que realizan o transporte de enfermos ou accidentados na Comunidade Autónoma de Galicia, concesionarias ou non do servizo de transporte sanitario urxente, non urxente e hospitalario, con persoal suxeito a convenio colectivo do sector de transportes. As bases asistenciais das empresas relaciónanse no anexo.

Persoal que presta servizos nas citadas empresas e que está suxeito ao convenio colectivo do sector de transportes.

Os representantes da Consellería de Sanidade, das empresas e do 061 mantiveron reunión co comité de folga con obxecto de negociar os servizos mínimos e que foi celebrada o día 12 de xaneiro de 2005.

Con base no anterior, a Consellería de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1º.A convocatoria de folga que afecta o persoal das empresas do sector de ambulancias de Galicia que se iniciará ás 0.00 horas do día 18 de xaneiro de 2006, ata as 24.00 horas do día 20 do mesmo mes e ano, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación.

A folga afectará a toda a poboación da Comunidade Autónoma de Galicia, que quedará privada do recurso de transporte sanitario se o precisase por razón de saúde.

A folga celébrase en días laborais, a actividade laboral que se desenvolve nestes días, así como o cada vez maior número de desprazamentos pola rede de comunicación viaria, fan que poidan ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de moi difícil resolución, se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda.

Por outra parte o persoal da rede de transporte sanitario urxente (RTSU) está formado na citada asistencia, polo cal as ambulancias que non sexan de RTSU non poden ser alternativa de transporte para esta situación.

Por estes motivos, así como tamén porque o deseño, en razón a unha superficie, a unha poboación e a unha isócrona de asistencia, e o número de ambulancias contratadas está axustado á demanda, os servizos mínimos para garantir a protección a saúde da poboación debe dar resposta ao 100% dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

O resto dos traslados que se recollen como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito a saúde de pacientes en situacións especiais, nos que calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada poda desencadear un risco vital.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte de enfermos e accidentados a través das empresas que prestan servizos de ambulancias, e para evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios; tendo en conta, fundamentalmente, que a folga ten incidencia ao longo de tres días de forma ininterrompida.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E para garantir os servizos esenciais requírese:

1. Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. O 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise.

3. Para a realización de traslados inter intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, a determinación do 50% de efectivos por quendas de traballo, incluíndo inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.

4. No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o paciente necesite padiola.

Artigo 2º.A determinación dos efectivos necesarios será realizado por cada empresa aplicando os criterios do artigo 1º, coa designación nominal e individual, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos. Deberán proceder á publicación

dos efectivos en servizos mínimos, nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º.Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo) .

Artigo 4º.O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º.Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías a poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados o incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Artigo 6º.Os centros xestores dos distintos tipos de transporte sanitario 061, centros hospitalarios e direccións provinciais, así como as empresas, deberán remitir coa maior brevidade posible informe á delegación de Sanidade de cada provincia, no que reflitan, se é o caso, as incidencias xurdidas nas xornadas de folga que afecten os usuarios no seu dereito de protección a saúde.

Disposicion derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2006. María José Rubio Vidal Conselleira de Sanidade

ANEXO

RTSU. Relación de bases asistenciais por provincias.

-Provincia da Coruña. A Coruña (3) *. Arteixo. Arzúa. As Pontes de García Rodríguez. Bergondo. Betanzos. Boiro. Carballo (2) *. Cedeira. Cee. Cerceda. Ferrol (2) *. Mazaricos.

Melide. Muros. Negreira. Noia. Oleiros. Ordes. Ortigueira. Padrón. Ponteceso. Pontedeume. Ribeira. Santa Comba. Santiago de Compostela (2) *. Teixeiro. Vimianzo. Total: 28 bases/33 ambulancias.

-Provincia de Lugo. Becerreá. Begonte. Burela. Castroverde. Chantada. A Fonsagrada. Foz. Lugo (2) *. Meira. Mondoñedo. Monforte de Lemos. Navia de Suarna. Palas de Rei. Pontenova. Quiroga. Ribadeo. Sarria. Vilalba. Viveiro. Total: 19 bases/20 ambulancias.

-Provincia de Ourense. A Gudiña. Allariz. Bande. O Carballiño. Castro Caldelas. Celanova. Maceda. O Barco de Valdeorras. Ourense (2) *. A Pobra de Trives. Ribadavia. Verín. Viana do Bolo. Xinzo de Limia. Total: 14 bases/15 ambulancias.

-Provincia de Pontevedra. A Cañiza. A Estrada. A Guarda. Arbo. Bueu. Baiona. Caldas de Reis.

Cambados. Cangas. Lalín. Marín. Moaña. Nigrán. O Grove. Ponteareas (2) *. Pontevedra (2) *. O Porriño. Portonovo. Redondela. Silleda. Tui. Vigo (6) *. Vilagarcía de Arousa. Total: 23 bases/30 ambulancias.

Total Galicia: 84 bases/98 ambulancias. * Entre parénteses número de recursos cando a base ten máis dun.


No hay versiones para esta norma