ORDE do 13 de xullo de 2012 pola que se aproba a Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade e se aproba a súa utilización no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 24-07-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 141
  • Fecha de Publicación: 24/07/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O maltrato ás persoas maiores ou adultas con discapacidade converteuse nunha realidade que é cada vez máis evidente e que require unha atención específica, tanto polos trazos distintivos deste tipo de maltrato, que en moitos casos permanece oculto, como polo feito de que o perfil de persoa maior ou adulta con discapacidade non queda incluído en todos os supostos que recollen os protocolos de violencia doméstica e de xénero.

O artigo 1.3 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, recolle a importancia da coordinación do sistema galego de servizos sociais cos demais elementos do sistema galego de benestar e coas políticas públicas sectoriais que incidan sectorial ou transversalmente na mellora do benestar da cidadanía galega.

No Plan galego das persoas maiores 2010-2013 recóllese, como unha das actuacións para desenvolver no ano 2011, a elaboración de protocolos de actuación e de soportes documentais de utilización ante situacións de emerxencia social, maltrato ou desatención, que implicasen situacións de perigo para as persoas maiores.

Coa finalidade de abordar a necesidade exposta e dar cumprimento á medida recollida no citado plan, a Secretaría Xeral de Política Social promoveu a elaboración dunha Guía de actuación fronte a situacións que impliquen un maltrato de persoas maiores ou persoas adultas con discapacidade, co obxectivo de previr o maltrato a partir da visualización deste conflito social, facilitar a súa detección e conseguinte actuación por parte dos/as distintos/as profesionais e axentes implicados/as; evidenciándose a necesidade dunha actuación coordinada entre os/as diferentes axentes que deben intervir ante ese tipo de situacións.

Por este motivo, na elaboración deste documento contouse coa participación, a través dun grupo de traballo constituído para o efecto, de todos/as os/as axentes implicados/as a nivel autonómico, o que posibilitou incorporar a experiencia dos diferentes perfís de profesionais que interveñen neste ámbito.

O documento resultante elaborado a través deste grupo de traballo conta coa conformidade das distintas entidades e institucións que participaron na súa elaboración. Para estes efectos, o 20 de xuño de 2011 asinouse un documento de adhesión no que as entidades e institucións indicadas lle deron a súa conformidade e se comprometeron á súa implantación.

En consecuencia, esta guía ten por finalidade favorecer unha actuación coordinada dos distintos axentes implicados na prevención, detección e atención de situacións de maltrato de persoas maiores e persoas adultas con discapacidade, e servir de instrumento de apoio para os distintos profesionais que interveñen neste ámbito.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación e publicación da Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade

1. A presente orde ten por obxecto aprobar a Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade, como un documento técnico de referencia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que utilizarán os/as distintos/as profesionais implicados/as na prevención, detección e atención de situacións de maltrato de persoas maiores e persoas adultas con discapacidade.

2. Nesta guía de traballo, ademais dos protocolos de actuación dos/as diferentes axentes competentes, apróbanse os modelos de documentos de solicitude e/ou comunicación que utilizarán os/as diferentes profesionais para requirir ou facilitar información relativa á situación de maltrato. Así mesmo, relaciónanse os datos relativos ás persoas maiores ou adultas con discapacidade que foron obxecto de malos tratos para incluír no ficheiro de datos Xestión de servizos sociais, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011, pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal (DOG núm. 246).

3. Publicar a Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición final. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2012

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar


No hay versiones para esta norma