Orde do 14 de maio de 2010 pola que se determinan as distincions e recompensas que se concederan ao persoal dos corpos de policia local durante o ano 2010. - Diario Oficial de Galicia, de 21-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 95
  • Fecha de Publicación: 21/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

Consonte con esta previsión, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a citada lei, establece no seu artigo 98 que a consellería competente en materia de seguridade concederá mediante orde a placa colectiva e a placa individual, así como a medalla ao mérito da policía local.

De acordo co anterior procedeuse a estudar por parte da unidade directiva competente en materia de coordinación as propostas achegadas, seguindo o procedemento que establece o artigo 99 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión destas distincións. As propostas feitas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, atópanse amplamente documentadas, foron sometidas a informe e valoradas positivamente pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e sometidas á resolución e ditame desta consellería.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 98 e pola disposición derradeira primeira do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, antes citado, por proposta da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, e logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 12 de maio de 2010, ao abeiro do disposto no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar de acordo co previsto no artigo 99.5º do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, a relación de persoas propostas como candidatas á placa individual e á medalla ao mérito da policía local ás cales se lles outorga algunha destas distincións.

2. Publicar estas relacións nos seguintes anexos a esta orde:

Anexo I. Concesión da Placa individual ao mérito da policía local.

Anexo II. Concesión da Medalla ao mérito da policía local.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Concesión da Placa individual ao mérito da policía local ao policía Francisco José Candal Cancelo, do corpo de policía local do Concello do Grove

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Placa individual ao mérito da policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na súa xuntanza do 12 de maio de 2010, e logo de valorar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta consellería resolveu conceder a Placa individual ao mérito da policía local, pola súa intervención nun acto de servizo, evidenciando un sobresaliente e excepcional valor, con risco grave e inminente para a propia vida, ao policía local do Concello do Grove Francisco José Candal Cancelo.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, dándolle conta ao Concello do Grove para os efectos do seu expediente persoal.

ANEXO II

Concesión da Medalla ao mérito da policía local ao policía José Ángel Soutullo Piñeiro, do corpo de policía local do Concello do Grove

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Medalla ao mérito da policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na súa xuntanza do 12 de maio de 2010, e logo de valorar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta consellería resolveu conceder a Medalla ao mérito da policía local, pola súa intervención nun acto de servizo, manifestando cualidades de valor e lealdade profesionais, coa posibilidade de risco grave para a súa integridade, ao policía do Concello do Grove José Ángel Soutullo Piñeiro.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, dándolle conta ao Concello do Grove para os efectos do seu expediente persoal.


No hay versiones para esta norma