ORDE do 14 de novembro de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Ribadeo (Lugo)., - Diario Oficial de Galicia, de 01-12-2014

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 230
  • Fecha de Publicación: 01/12/2014
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Concello de Ribadeo remite o documento do plan xeral de ordenación municipal solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Ribadeo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Mediante Orde do 27 de xuño de 2014, esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acordou, de conformidade co artigo 85.7.b) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, non outorgar a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribadeo, e instando á elaboración dos documentos corrixidos precisos para emendar as deficiencias sinaladas na epígrafe II desa orde; e a elevalos, logo dos trámites oportunos, a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

2. En cumprimento da dita orde, o Concello de Ribadeo introduciu as modificacións correspondentes no documento do PXOM identificado con data de setembro 2014.

3. Os servizos municipais (arquitecto, interventor e secretario xeral) emitiron cadanseu informe con data 16 de setembro de 2014.

4. O Concello de Ribadeo adoptou o acordo de aprobación provisional dese documento do PXOM en sesión plenaria do día 25 de setembro de 2014.

5. Con data do 26 de setembro de 2014 ten entrada na CMATI a nova documentación relativa ao Plan xeral de ordenación municipal de Ribadeo, en solicitude de resolución sobre a súa aprobación definitiva.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o plan xeral de ordenación municipal, púidose comprobar que están corrixidas as deficiencias detectadas na Orde de data 27 de xuño de 2014.

Porén, observouse un erro material na Illa Pancha, que non consta afectada pola clasificación de solo rústico de interese paisaxístico, merecente en coherencia co seu carácter de espazo de interese paisaxístico do POL.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resolvo:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribadeo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. A Illa Pancha, no ámbito identificado polo POL, ademais das categorías de solo rústico que xa ten asignadas, queda suxeita á de solo rústico de interese paisaxístico.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ribadeo, 14 de novembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas


No hay versiones para esta norma