Orde do 15 de decembro de 2009 pola que se determinan os servizos minimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederacion Intersindical Galega (CIG) no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. - Diario Oficial de Galicia, de 17-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 245
  • Fecha de Publicación: 17/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopan a asistencia social e educación.

O servizo público da asistencia social e educación non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga pola Confederación Intersindical Galega (CIG) no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que terá lugar o día 16 de decembro de 2009 desde as 22.00 horas ata as 22.00 horas do 17 de decembro de 2009, que afectará o persoal que presta os seus servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga realizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

A folga abrangue toda a xornada laboral e afecta todas as quendas e todos os centros de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Por tanto, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia social e educación, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos.

Con eses mínimos trátase de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa prestación de servizos de asistencia social e educación que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas propias características do servizo dispensado, xa que un aprazamento na súa prestación pode supoñer graves prexuízos; é por iso que se manteñen uns servizos mínimos que se consideran necesarios para garantir un funcionamento mínimo tanto dos servizos de asistencia social como de educación.

Tendo en conta a súa duración, co obxecto de evitar posibles prexuízos, para a determinación e mantemento durante a folga dos servizos mínimos establécese como base para a súa determinación a garantía dun funcionamento mínimo dos centros, dadas as características dos usuarios/as dos servizos prestados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nas escolas infantís, nos centros de atención ás persoas maiores e nas oficinas. Os centros teñen que permanecer abertos e debe garantirse, en todo caso, que quen acuda a eles teña cuberta a parte esencial do servizo, garantindo unha presenza. Ademais hai un tramo educativo no horarios das escolas infantís e unha atención sociosanitaria nos centros de atención ás persoas maiores e isto supón que, tanto uns como outros, permanezan abertos cando menos co persoal imprescindible para garantir a parte mínima do labor cotián que se desenvolve nos ditos centros.

Artigo 2º

A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos dos centros e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as.

Deberá quedar constancia nel dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas. A listaxe de profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios dos centros, con antelación suficiente ao comezo da folga.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllese o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3º

A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e notificada aos profesionais designados de xeito nominal. O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4º

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo e expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO

Área de benestar.

-Servizos centrais: 3 persoas, 1 por cada servizo (xerontoloxía, Xantar na casa, inclusión).

-Centros residenciais: o persoal para a prestación do servizo equiparado a un domingo ou festividade.

-Centros de día: 1 traballador/a por cada 10 usuarios/as, cubrindo o acompañamento de transporte.

Oficina I+B: 1 traballador/a por oficina.

Escolas infantís.

-Servizos centrais: 1 técnico, 1 auxiliar administrativo.

-Escolas infantís: 1 persoa de atención directa por cada unidade aberta.

CEMVI: 1 persoa por quenda.

Servizos técnicos e de administración xeral:

-Rexistro: 1 traballador/a.

-Departamento xurídico: 1 técnico.

-Departamento de persoal: 1 técnico e 2 auxiliares.

-Departamento de contratación: 1 técnico.

Centros Quérote: 1 traballador/a por oficina.


No hay versiones para esta norma