Orde do 15 de decembro de 2009 pola que se regula a convocatoria para o ano 2010 da xubilacion anticipada voluntaria conforme a disposicion transitoria segunda da Lei organica 2/2006, do 3 de maio, de educacion. - Diario Oficial de Galicia, de 23-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 249
  • Fecha de Publicación: 23/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A disposición transitoria segunda da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que os funcionarios de carreira dos corpos docentes aos que se refire a disposición adicional sétima da referida lei, así como os funcionarios dos corpos a extinguir a que se refire a disposición transitoria quinta da Lei 31/1991, de orzamentos xerais do Estado para o ano 1992, incluídos no ámbito de aplicación do réxime de clases pasivas do Estado, poderán optar a un réxime de xubilación voluntaria ata a data en que finalice o proceso de implantación desta lei establecido na disposición adicional primeira, sempre que reúnan todos e cada un dos requisitos establecidos.

O acordo do Consello de Ministros do 26 de xaneiro de 2007, determina o importe e as condicións das gratificacións extraordinarias que aboará o Estado previstas na Lei orgánica de educación para os funcionarios que imparten docencia en niveis non universitarios.

Por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de febreiro de 2000, establécese o importe e as condicións das gratificacións extraordinarias que aboará a Xunta de Galicia para incentivar a xubilación voluntaria dos funcionarios docentes que imparten docencia en niveis non universitarios, compatibles coas previstas no parágrafo anterior.

En virtude do exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Poderán solicitar a xubilación anticipada voluntaria, con efectividade do 31 de agosto do ano 2010, os funcionarios docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación con destino nesta comunidade autónoma incluídos no ámbito de aplicación do réxime de clases pasivas do Estado, pertencentes a algún dos seguintes corpos:

-Corpo de mestres.

-Corpo de catedráticos de ensino secundario.

-Corpo de profesores de ensino secundario.

-Corpo de profesores técnicos de formación profesional.

-Corpo de catedráticos de música e artes escénicas.

-Corpo de profesores de música e artes escénicas.

-Corpo de catedráticos de artes plásticas e deseño.

-Corpo de profesores de artes plásticas e deseño.

-Corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

-Corpo de catedráticos de escolas oficiais de idiomas.

-Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas.

-Corpos e escalas declaradas a extinguir con anterioridade á vixencia da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

-Corpo de inspectores de educación.

Segundo.-Os solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter permanecido en activo ininterrompidamente nos quince anos anteriores á presentación da solicitude en postos pertencentes aos correspondentes cadros de persoal de centros docentes ou que durante unha parte dese período permaneceran en situación de servizos especiais ou ocuparan un posto de traballo que dependa funcional ou organicamente das administracións educativas ou ben lles fora concedida excedencia por algún dos supostos recollidos no artigo 57.4º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

b) Ter cumpridos sesenta anos de idade o 31 de agosto do ano 2010.

c) Ter acreditados un mínimo de quince anos de servizos efectivos ao Estado, o 31 de agosto de 2010.

Terceiro.-Os funcionarios que se xubilen, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda da Lei orgánica de educación, que teñan acreditados ao momento da xubilación cando menos vinte e oito anos de servizos efectivos ao Estado, segundo a idade, corpo de pertenza e anos de servizo efectivos, percibirán por unha soa vez:

a) A gratificación establecida no acordo do Consello de Ministros do 26 de xaneiro de 2007.

b) A gratificación establecida no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de febreiro de 2000.

A contía das gratificacións publícase no anexo II desta orde.

Cuarto.

1. Os funcionarios dos corpos docentes aos que se refire a disposición adicional sétima da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, acollidos a réximes de Seguridade Social ou de previsión distinto do de clases pasivas, poderán optar, no momento da solicitude da xubilación voluntaria, por incorporarse ao réxime de clases pasivas do Estado, para efectos do dereito aos beneficios recollidos nesta disposición, así como á súa integración no réxime especial de funcionarios civís do Estado.

2. Os funcionarios de carreira dos corpos docentes acollidos a réximes da Seguridade Social ou de previsión distintos do de clases pasivas, que non exerciten a opción establecida no parágrafo anterior, poderán percibir as gratificacións extraordinarias nun importe equivalente ao dobre das que se publican no anexo II a esta orde, sempre que causen baixa definitiva na súa prestación de servizos ao Estado por xubilación voluntaria ou por renuncia á súa condición de funcionario, e reúnan os requisitos establecidos nos puntos terceiro e cuarto desta orde.

Quinto.-As solicitudes deberán presentarse ata o día 28 de febreiro de 2010, segundo o modelo que se publica como anexo I, nos departamentos territoriais correspondentes ao centro de destino do solicitante ou nos lugares e forma que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto.-Unha vez iniciado o procedemento unicamente serán aceptadas as renuncias que se presenten con anterioridade ao 15 de marzo de 2010.

Sétimo.-A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos resolverá as solicitudes presentadas e, cando proceda, proporá a resolución de xubilación anticipada voluntaria con indicación da contía de gratificación extraordinaria e diferenciando entre a recollida nas alíneas a) e b) do punto cuarto desta orde.

Oitavo.-Coa paga ordinaria do último mes de servizo activo percibirase a totalidade da gratificación estatal establecida polo acordo do Consello de Ministros e o corenta por cento da establecida polo acordo do Consello da Xunta de Galicia. O sesenta por cento restante será aboado nas mesmas datas que a nómina do mes de marzo do ano inmediatamente seguinte.

Noveno.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma