Orde do 16 de abril de 2007 pola que se convoca o programa Gzcrea 2007. - Diario Oficial de Galicia, de 02-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 84
  • Fecha de Publicación: 02/05/2007
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Polo exposto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar consciente da importancia que ten facilitar vías polas que se poida manifestar a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Gzcrea 2007.

Por todo isto, 

DISPOÑO:

Capítulo I

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Gzcrea 2007, que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, audiovisual, banda deseñada, graffiti, carteis, artes do movemento e composición para banda de música.

Artigo 2º.-Orzamento.

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 05.32.313A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, cunha contía de 101.600 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar a participación os mozos ou mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2007.

Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na cal solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

Salvo no caso da especialidade de teatro, música, banda deseñada, graffiti e artes do movemento a participación será sempre a título individual.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde, e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes logo de comunicación a estes.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 4º.-Inscricións.

1. A solicitude dos/das participantes deberá facerse no impreso normalizado (anexo I).

2. A esta solicitude xuntarase:

2.1. Se é o caso, a obra, ou documentación que corresponda, de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta. Tanto na obra como na documentación citada non figurarán datos que identifiquen o/a autor/a.

2.2. Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do/a autor/a e no cal irá o boletín de inscrición (anexo II) debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI polas dúas caras ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade (se o participante é un grupo será a de todos os membros do grupo). No caso de teatro, ademais, a fotocopia do NIF do grupo.

-No caso de que o participante sexa menor de idade autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

-No caso dos mozos e mozas non galegos/as, residentes en Galicia, ademais do documento oficial que acredite suficientemente a identidade, certificado de empadroamento.

-Currículo do participante, ou do grupo de ser o caso, que deberá presentarse en papel e tamén en CD (ou disquete).

-Declaración responsable na cal quede constancia de que non mantén relación contractual ningunha con empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que non está dado de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

-Declaración responsable en que quede constancia de que a obra non foi premiada en ningún outro certame ou concurso, e de que é inédita no caso das especialidades de relato, poesía, audiovisual, banda deseñada, graffiti, carteis e composición para banda de música.

-No caso de teatro, moda, música, graffiti e artes do movemento certificación orixinal acreditativa do número de conta bancaria (vinte díxitos) e do seu titular, que no caso do teatro, terá que corresponder co titular do NIF a que se refire o primeiro punto deste parágrafo.

-Calquera soporte audiovisual que se envíe, CD ou DVD, deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravado.

3. As solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou no rexistro da Delegación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da provincia en que residan habitualmente, que pode ser en:

R/Durán Loriga, 9-1º, 15071 A Coruña.

R/Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32071 Ourense.

R/Concepción Arenal, 8-1º andar, 36201 Vigo.

R/Pai Fernando Olmedo, 1º, 36002 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 5º.-Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 13 de xullo de 2007 inclusive, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42º.

Artigo 6º.-Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección que será nomeada polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar para cada especialidade e estará integrada por un presidente, un secretario e un máximo de sete vogais. Actuará como presidente o director xeral de Xuventude e Solidariedade ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore, a secretaría recaerá nun funcionario da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar con voz, pero sen voto.

Os nomes dos integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web www.gzcrea.com con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 5º as solicitudes que non cumpran os requisitos establecidos nesta orde non serán admitidas a trámite, ditarase para o efecto a oportuna resolución.

2. As demais solicitudes remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

Corresponderá ditar a resolución ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. A resolución será notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto for expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Obras e premios.

1. Cada participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade, se é o caso.

2. As obras presentadas polos/as participantes non poderán ter sido premiadas noutros certames ou concursos.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os/as participantes.

4. Establécense os seguintes premios por especialidade (teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, audiovisual, banda deseñada, graffiti, carteis, artes do movemento e composición para banda de música):

Un primeiro premio de 3.000 euros.

Un segundo premio de 1.500 euros.

Un terceiro premio de 1.000 euros.

Con carácter xeral, poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades, a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante. Así mesmo, poderanse conceder mencións de honra que carecerán de dotación económica, ás obras dos/as participantes menores de idade para os efectos de recoñecemento da súa participación.

5. Cada participante non poderá recibir máis que un premio por especialidade.

6. Estes premios serán complementados con axudas económicas de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade non se compromete a facer efectivas as citadas axudas antes de que se realice a actividade concreta obxecto dela.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

8. Entregaranse diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

9. Segundo a calidade das obras poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se repartirá será de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 9º.-Destino e devolución das obras.

1. As obras dos participantes premiados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. As obras dos participantes non premiados, ou se é o caso o que presentou no seu lugar, serán retiradas por eles ou por persoa autorizada no lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e poderán ser destruídas ou utilizadas na forma que coide oportuna.

3. Queda implícita a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade dos participantes a montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se coide oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

4. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas nesta convocatoria, propiciando mostras itinerantes en Galicia e noutras comunidades autónomas, e, se é o caso, a edición de catálogos e outros soportes diferentes das obras presentadas.

Capítulo II

Parte específica

Sección primeira

Teatro

Artigo 10º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozas ou mozos galegos/as ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2007. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos.

En calquera caso, tanto os/as integrantes da dirección coma os/as do equipo técnico poderán superar a idade máxima.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán a seguinte:

-Listaxe dos/das compoñentes do grupo, indicando a idade e función.

-Unha síntese da obra (título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa, etc.).

-DVD dunha representación da obra a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2006.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autores/as galegos/as, españois/las ou estranxeiros/as.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e corenta e cinco minutos.

7. A comisión seleccionará para a fase final seis grupos que serán os que representarán as obras ante esta, no lugar e na data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 euros por grupo.

A xuízo da comisión de selección un dos grupos premiados estará obrigado a representar a obra no lugar e na data que se lle indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso, que en calquera caso será no último trimestre do ano. No caso do incumprimento desta obriga o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos orixinados pola representación por un importe máximo de 1.200 euros.

Sección segunda

Artes plásticas

Artigo 11º.-Condicións xerais.

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura, escultura, fotografía e instalacións.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte documentación:

-Dossier fotográfico en cor ou branco e negro segundo corresponda, no cal figurará a ficha técnica, en soporte papel (DIN A-4) e tamén en CD. No caso de obras escultóricas, as fotografías do dossier deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas aos participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando a xuízo da comisión sexa necesario visionalas co fin de outorgar os premios.

-Declaración responsable de que a obra que figura no dossier fotográfico non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

-Ficha técnica da obra en que se indicará o título, ano de realización, técnica empregada, dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso de escultura).

-No proxecto de instalación achegarase ademais a seguinte documentación: memoria explicativa do traballo artístico, planos, bosquexos e todo o material informativo que facilite a comprensión da obra.

3. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

4. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade no seu momento, porase en contacto cos autores/autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data en que terá lugar a dita exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no punto 10 deste artigo.

5. Os/as participantes seleccionados para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira a montaxe farase polo autor ou autora.

6. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas polos autores/as empregando unha embalaxe de material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

7. As obras presentadas serán orixinais.

8. O tema e as técnicas serán libres.

9. As pinturas deben levar marco ou bastidor.

10. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras, aínda que a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade subscribirá unha póliza que asegure, única e exclusivamente, as obras que sexan seleccionadas para a exposición e durante o tempo que esta dure, de ata un máximo de 600 euros por obra.

Sección terceira

Moda

Artigo 12º.-Condicións xerais.

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e nas mesmas condicións, os participantes presentarán o seguinte:

-Unha colección coherente de cinco estilismos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

-Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 13º.-Desenvolvemento.

A comisión seleccionará para a fase final 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán ante esta no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos derivados do apoio á confección dos modelos por un importe máximo de 1.000 euros para cada un dos 10 seleccionados.

Artigo 14º.-Premios.

Terán un premio complementario de 3.000 euros para formación téxtil cada un dos tres premiados.

Sección cuarta

Música

Artigo 15º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25% dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos. Poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos/coas participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Maqueta en disco compacto debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polo/s compoñente/s inscrito/s, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego, en calquera caso un dos temas deberá ser en galego.

-Ficha técnica en que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

-Fotografía recente do grupo ou solista.

-Relación nominal mecanografada dos compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

-Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

-Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado.

-Declaración responsable acreditativa de que o participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD ou disquete.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

4. A comisión seleccionará para a fase final ata un máximo de seis participantes que serán os/as que actuarán ante esta, no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos ocasionados pola actuación por um importe máximo de 600 euros no caso de grupos ou de 300 no caso de solistas.

5. Para as actuacións da fase final os/as participantes levarán os seus propios instrumentos, salvo a batería, que será proporcionada pola organización.

6. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado única e exclusivamente polos técnicos da organización.

7. A xuízo da comisión de selección, un dos grupos/solistas premiados estarán obrigados a actuar no lugar e data que se lle indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso. No caso do incumprimento desta obriga o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos orixinados pola actuación por un importe máximo de 600 euros.

Sección quinta

Relato

Artigo 16º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 20 páxinas e máxima de 30, cada páxina debe conter un mínimo de 2.300 caracteres sen espazos, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deben presentarse tamén en CD ou disquete.

Sección sexta

Poesía

Artigo 17º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 250 versos a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deben presentarse tamén en CD ou disquete.

Sección sétima

Audiovisual

Artigo 18º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Unha ficha técnica da obra en que se inclúa o título, un breve argumento, data e lugar de realización, unha fotografía do vídeo e datos técnicos e artísticos de interese.

4. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión, en caso contrario a obra será rexeitada.

5. A duración de cada obra non poderá exceder de quince minutos.

6. A realización das obars debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2005.

7. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade reserva para si o dereito a solicitar aos participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

8. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Sección oitava

Banda deseñada

Artigo 19º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser DIN A4 ou DIN A3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección novena

Graffiti

Artigo 20º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ser o caso, en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter ata un máximo de cinco membros. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN A3.

-Fotografía do graffiti realizado máis recentemente polo solicitante.

5. A comisión, tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colorido (que deberán responder á maior calidade) seleccionará para a fase final un máximo de seis participantes que serán requiridos para realizar un mural de aprox. 4 m x 2 m ante esta, no lugar e na data que determinará a Direción Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos de material por um importe máximo de 350 euros por participante.

6. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección décima

Carteis

Artigo 21º.-Condicións xerais.

1. A participación será a título individual.

2. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

3. O tema estará relacionado coas artes escénicas e musicais (teatro, música, danza, maxia ou circo, entre outros).

4. A técnica será libre dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica.

5. As obras deberán presentarse sobre cartón, cartón pluma ou similar, en formato vertical, cunhas medidas máximas de 47 x 64 cm e presentaranse suficientemente protexidas e montadas sobre un soporte ríxido e desmontable que permita a súa perfecta exposición.

6. En ningún caso se admitirán obras cuxo soporte supoña perigo para o seu almacenamento ou montadas con materiais que poidan danar a súa integridade.

7. A comisión seleccionará para a exposición as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección décimo primeira

Artes do movemento

Artigo 22º.-Condicións xerais.

1. A participación será a título individual ou colectivo. No caso de grupos admitirase que ata un 25% dos compoñentes supere os 30 anos. En calquera caso, tanto os/as integrantes da dirección coma os/as do equipo técnico poderán superar a idade máxima.

2. Establécense tres modalidades: danza, performance e circo.

3. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán a seguinte:

-Proxecto da obra que se representará onde se detallarán os seguintes puntos:

a) Síntese da obra.

b) Listaxe dos/das compoñentes do grupo, indicando a idade e función.

c) Ficha técnica que conteña as necesidades de representación da obra.

d) Calquera outro dato ou material documental que se considere de interese co obxecto dun maior coñecemento para a valoración do proxecto.

-DVD dunha representación da obra completa a concurso cunha soa cámara ou dun ensaio xeral, que debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2005.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

4. As representacións serán en lingua galega, se é o caso.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra terá unha duración de entre 1 e 30 minutos.

7. A comisión seleccionará para a fase final seis grupos que serán os que representarán as obras ante esta, no lugar e na data que determinará a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 350 ou 650 euros segundo se trate de participantes individuais ou grupos.

A xuízo da comisión de selección un dos participantes premiados estará obrigado a representar a obra no lugar e na data que se lle indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso. No caso do incumprimento desta obriga o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos orixinados pola representación por un importe máximo de 650 euros no caso de participantes individuais ou 1.300 euros no caso de grupos.

Sección décimo segunda

Composición para banda de música

Artigo 23º.-Condicións xerais.

1. As composicións serán orixinais, nunca editadas nin estreadas e de temática galega.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

-As composicións instrumentadas co seguinte cadro de persoal:

* Vento-madeira: frautín, frauta 1 e 2, óboe 1 e ¼, corno inglés (opcional), fagot, requinto, clarinete 1, 2 e 3, clarinete baixo, saxofón alto 1 e 2, saxofón tenor 1 e 2, saxofón barítono.

* Vento-metal: trompeta 1, 2 e 3, fliscorno (opcional), trompa 1, 2 e 3, trombón 1, 2 e 3, bombardino, tuba.

* Percusión: de libre elección, máximo seis percusionistas.

-Os traballos achegaranse en soporte informático (Finale, Encore ou similar) e cinco copias en papel da partitura xeral. As partituras serán en tinta negra e o grafismo deberá ser claro, sen emendas nin riscadas nin presentar inscrición ou signo ningún que puidese suxerir o nome do seu autor.

-A duración da composición variará entre os 8 e os 10 minutos e desenvolverase nun único movemento. Non se admitirán obras para solistas.

-Incluirase se se considera preciso unhas breves notas sobre a obra.

3. A comisión seleccionará para a fase final ata un máximo de seis obras. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade determinará a data e lugar en que se realizará un concerto coas composicións, e no cal a comisión, finalizada a audición pública das obras, fará público o seu fallo.

4. Os/as compositores finalistas entregarán no prazo dos 20 días seguintes á comunicación de seleccionado/a para a fase final, as partituras individuais de cada instrumento.

5. Os/as compositores/as poderán asistir a un dos ensaios das súas obras para facer as indicacións que considere precisas dispoñendo dunha hora para tal fin.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma