Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Academia Galega de Seguridade Pública como organismo autónomo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza., - Diario Oficial de Galicia, de 28-03-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 61
  • Fecha de Publicación: 28/03/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20º da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establecendo no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34º.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regúlanse os ficheiros de datos de carácter persoal dependentes da Academia Galega de Seguridade Pública que se recollen nos anexos.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e no artigo 54º do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da Academia Galega de Seguridade Pública regulados por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo, e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas observarase o disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle á Academia Galega de Seguridade Pública.

No anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

Os ficheiros creados por esta orde atópanse clasificados atendendo ao disposto no artigo 80º e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 7º.-Supresión de ficheiros.

No anexo II desta orde relaciónanse aqueles ficheiros para os cales será solicitada a súa supresión ao Rexistro da Axencia de Protección de Datos. O titular do órgano responsable destes ficheiros establece no citado anexo o destino que se vaia dar aos datos ou, se é o caso, as previsións que se adopten para a súa destrución.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma