Orde do 16 de xaneiro de 2006 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2006. - Diario Oficial de Galicia, de 23-01-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 15
  • Fecha de Publicación: 23/01/2006
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, fixa a contía das retribucións para o dito exercicio correspondentes aos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Coa finalidade de facilitar a confección das nóminas que se elaborarán para aboar as mencionadas retribucións, máxime despois da modificación da estrutura das pagas extraordinarias previstas na citada lei, esta consellería considera oportuno ditar as seguintes instrucións, que se limitan a aplicar o disposto na dita disposición e nas precedentes polo que respecta ás súas normas de vixencia indefinida, así como nas demais normas reguladoras do réxime retributivo do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Instrucións sobre a contía das retribucións dos funcionarios públicos que desempeñan postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galicia aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na Lei 4/1988.

1. A contía das retribucións dos altos cargos da Administración da Comunidade Autónoma, dos membros do Consello de Contas de Galicia, así como as dos altos cargos do Consello Consultivo de Galicia e os integrantes do Tribunal Galego de Defensa da Competencia aprobadas no artigo 15 da citada Lei de orzamentos para o ano 2006, son as que se reflicten no anexo I desta orde.

Os secretarios xerais, directores xerais e asimilados a que se refire o punto un do artigo 15 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, per cibirán en cada un dos meses de xuño e decembro

un importe adicional na contía que, así mesmo, se reflicte neste anexo.

2. Con efectos económicos do 1 de xaneiro do ano 2006, os funcionarios públicos que desempeñen postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galicia aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na Lei 4/1988, do 26 de maio, percibirán as retribucións básicas e o complemento de destino nas contías que se detallan nos anexos II e IV desta orde.

As pagas extraordinarias dos funcionarios en servizo activo, aos que lles resulte de aplicación o réxime retributivo da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e trienios, máis o 80% do complemento de destino mensual que se perciba, na paga correspondente ao mes de xuño, e o 100% deste complemento na do mes de decembro. A contía que se vai incluír en cada paga extraordinaria recóllese no anexo III.

3. Polo que respecta aos complementos específicos, a súa contía experimentará un incremento do 2% respecto da percibida para o exercicio de 2005, sen prexuízo, se é o caso, do previsto no artigo 13. Un da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

En consecuencia, a contía dos citados complementos será a que figura na táboa que se detalla no anexo V desta orde.

4. As contías das retribucións do persoal docente non universitario establecidas por acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de xaneiro e do 23 de xaneiro de 1992, son as que se reflicten no anexo VI desta orde. Así mesmo, e por Decreto 120/2002, do 22 de marzo, regúlase a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos. A porcentaxe de consolidación relaciónase no citado anexo VI.

De igual maneira e con respecto ás pagas extraordinarias deste persoal, seralles de aplicación o establecido no punto dous parágrafo segundo destas instrucións e nas contías sinaladas así mesmo no anexo III.

5. Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10.1º da Lei 13/1988, do 30 de decembro, serán absorbidos por calquera mellora retributiva incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo.

Para os efectos da absorción prevista no parágrafo anterior, en ningún caso se considerarán os trienios, o complemento de produtividade nin as gratificacións por servizos extraordinarios, e só se computarán no 50% do seu importe as melloras retributivas derivadas do incremento das retribucións de carácter xeral establecidas no artigo 13 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, entendendo que teñen este carácter o soldo referido a catorce mensualidades, o complemento de destino e o complemento específico.

Segundo.-Devengo de retribucións.

1. A diferenza, en cómputo mensual, entre a xornada regulamentaria de traballo e a efectivamente realizada polo funcionario dará lugar, salvo xustificación, á correspondente dedución proporcional de haberes.

Para o cálculo do valor hora aplicable á dita dedución tomarase como base a totalidade das retribucións íntegras mensuais que perciba o funcionario dividida entre o número de días naturais do correspondente mes e, pola súa vez, este resultado polo número de horas que o funcionario teña obrigación de cumprir, de media, cada día.

No caso de toma de posesión no primeiro destino, no de cesamento no servizo activo, no de licenzas sen dereito a retribución e, en xeral, nos supostos de dereitos económicos que normativamente deban liquidarse por días, ou con redución ou dedución proporcional de retribucións, deberá aplicarse o sistema de cálculo establecido no parágrafo anterior.

2. Cando, con suxeición á normativa vixente, o funcionario realice unha xornada inferior á normal, a contía das súas retribucións determinarase na forma prevista nas normas ditadas para a aplicación do réxime retributivo a que estea suxeito.

a) Os funcionarios que realicen unha xornada de traballo diminuída en 1/3 ou en 1/2, de acordo co disposto no artigo 70 f) da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril, e pola Lei 2/1998, do 8 de abril, experimentarán unha redución de 1/3 ou 1/2, respectivamente, sobre a totalidade das súas retribucións básicas e complementarias, con inclusión dos trienios.

Para o cálculo do valor hora aplicable a dita redución nas pagas ordinarias, tomarase como base a totalidade das retribucións íntegras mensuais que perciba o funcionario dividida entre o número de días naturais do correspondente mes e, pola súa vez, este resultado polo número de horas que o funcionario teña a obriga de cumprir, de media, cada día.

O importe total da paga extraordinaria afectada por un período de tempo en xornada reducida será o correspondente á suma dos respectivos importes de cada un dos dous períodos, con e sen redución de xornada, dos seis meses computables nas ditas pagas, segundo o seguinte sistema de cálculo:

Para o período ou períodos non afectados pola redución de xornada pero incluídos nos seis meses anteriores ao seu devengo, sobre o dito devengo cando o número de días é inferior ao do total computable nela, dividirase a contía da paga extraordinaria que, na data do 1 de xuño ou 1 de decembro, segundo os casos, se devengaría na xornada completa por un período de seis meses, entre cento oitenta e dous (cento oitenta e tres en anos bisestos) ou cento oitenta e tres días, respectivamente, multiplicando este resultado polo número de días nos que se prestase servizos sen redución de xornada.

Para o período ou períodos afectados pola xornada reducida, aplicarase o mesmo sistema de cálculo anterior pero tomando como dividendo a citada contía

reducida de forma proporcional á propia redución de xornada.

b) Aos restantes tipos de xornada reducida, se é o caso, aplicaráselles a redución de retribución establecida na súa normativa específica.

3. As retribucións básicas e complementarias que se teña dereito a percibir con carácter fixo e periodicidade mensual faranse efectivas por mensualidades completas e con referencia á situación e dereitos do funcionario referidos ao primeiro día hábil do mes a que correspondan, agás nos seguintes casos, en que se liquidarán por días:

a) No mes de toma de posesión do primeiro destino na comunidade autónoma nun corpo ou escala, no de reingreso ao servizo activo e no de incorporación por conclusión de licenzas sen dereito a retribución.

b) No mes de iniciación de licenzas sen dereito a retribución.

c) No mes en que se cese no servizo activo na comunidade autónoma, agás que sexa por motivos de falecemento, xubilación ou retiro de funcionarios suxeitos ao réxime de clases pasivas do Estado e, en xeral, a calquera réxime de pensións públicas que se devenguen por mensualidades completas desde o primeiro día do mes seguinte ao do nacemento do dereito.

4. As pagas extraordinarias devengaranse o primeiro día hábil dos meses de xuño e decembro e con referencia á situación e dereitos do funcionario nas ditas datas, agás nos seguintes casos:

a) Cando o tempo de servizos prestados na Administración da Comunidade Autónoma ata o día en que se devengue a paga extraordinaria non comprenda a totalidade dos seis meses inmediatos anteriores aos meses de xuño ou decembro, o importe da paga extraordinaria reducirase proporcionalmente, computando cada día de servizos prestados no importe resultante de dividir a contía da paga extraordinaria que na data do seu devengo lle correspondese por un período de seis meses entre cento oitenta e dous (cento oitenta e tres en anos bisestos) ou cento oitenta e tres días, respectivamente.

b) Os funcionarios en servizo activo que se encontren desfrutando de licenzas sen dereito a retribución nas datas indicadas devengarán a correspondente paga extraordinaria, pero a súa contía experimentará a redución proporcional prevista no parágrafo a) anterior.

c) No caso de cesamento no servizo activo na Comunidade Autónoma, incluído o derivado dun cambio de corpo ou escala de pertenza, a última paga extraordinaria devengarase o día do cesamento e con referencia á situación e dereitos do funcionario na dita data pero en contía proporcional ao tempo de servizos efectivamente prestados, agás que o cesamento sexa por xubilación, falecemento ou retiro dos funcionarios a que se refire o punto segundo 3. c) ; neste caso, os días do mes no que se produce o dito cesamento computaranse como un mes completo.

Para os efectos previstos nesta orde, o tempo de duración de licenzas sen dereito a retribución non terá a consideración de servizos efectivamente prestados.

Se o cesamento no servizo activo se produce durante o mes de decembro, a liquidación da parte proporcional da paga extraordinaria correspondente aos días transcorridos do dito mes farase de acordo coas contías das retribucións básicas vixentes nel.

O persoal que preste servizos na comunidade autónoma percibirá as pagas extraordinarias segundo os servizos efectivamente prestados nela, computándose para estes efectos como se todos os servizos prestados polo funcionario na comunidade autónoma fosen na última consellería, organismo ou centro ao que estivese adscrito e en situación de activo o primeiro día hábil dos meses de xuño ou decembro.

Terceiro.-Descontos.

1. No ano 2006, a porcentaxe de cotización que se aplicará aos mutualistas das mutualidades xerais de funcionarios será do 1,69% sobre a base de cotización establecida como haber regulador para efectos de cotización de dereitos pasivos.

No anexo VII desta orde exprésanse as cotas mensuais de cotización dos funcionarios á Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE) e do persoal da Administración de Xustiza (MUGEJU) , que corresponden ao tipo do 1,69%.

2. As cotas de dereitos pasivos que os habilitados de persoal deben reter en nómina cada mes continuarán sendo do 3,86% dos haberes reguladores pasivos que fixa a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, de modo que para todos os funcionarios do mesmo corpo, escala, emprego ou categoría, calquera que sexa a súa antigüidade no servizo das administracións públicas, a cota supón unha cantidade única e idéntica.

Estas cantidades, en cómputo mensual, reflíctense así mesmo no anexo VII desta orde.

O persoal funcionario que estivese suxeito ao réxime xeral da Seguridade Social, continuará cotizando de acordo con este sistema.

3. As cotas de dereitos pasivos e de cotización dos mutualistas ás mutualidades xerais de funcionarios correspondentes ás pagas extraordinarias reduciranse na mesma proporción en que se minoren as ditas pagas como consecuencia de aboarse estas en contía proporcional ao tempo de servizos efectivamente prestados, calquera que sexa a data do seu devengo.

As cotas a que se refire o parágrafo anterior ao igual que as correspondentes ás pagas ordinarias dos períodos de tempo en que se desfrute licenza sen dereito a retribución non experimentarán redución na súa contía.

4. O disposto nos números anteriores enténdese sen prexuízo das reducións que deba experimentar a cota de dereitos pasivos nos supostos en que así proceda por xornada reducida ou a tempo parcial.

Cuarto.-Outras instrucións.

1. Con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2006, o persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do IV convenio colectivo único percibirá o salario base, antigüidade e pagas extraordinarias nas contías que se detallan no anexo VIII.

O complemento de singularidade do posto deste persoal será o que figura, se é o caso, nas relacións de postos de traballo aprobadas polos respectivos acordos do Consello da Xunta de Galicia.

2. Os complementos persoais e transitorios e demais retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

3. Os funcionarios interinos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988 percibirán as retribucións básicas, excluídos trienios, correspondentes ao grupo en que estea incluído o corpo no que ocupen vacante, e as retribucións complementarias que correspondan ao posto de traballo que desempeñen, excluídas as que, se é o caso, estean vinculadas á condición de funcionario de carreira.

As pagas extraordinarias dos funcionarios interinos, aos que resulte de aplicación o réxime retributivo da Lei 4/1988, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e o 80% do complemento de destino mensual que perciba, na paga correspondente ao mes de xuño e o 100% deste complemento na do mes de decembro, de acordo coas contías que se reflicten no anexo III.

O complemento de produtividade poderá atribuírselles, se é o caso, aos funcionarios interinos aos que se refire o parágrafo anterior, así como ao persoal eventual e aos funcionarios en prácticas cando estas se realicen desempeñando un posto de traballo e estea autorizada a aplicación do devandito complemento aos funcionarios de carreira que desempeñen análogos postos de traballo, agás que o dito complemento estea vinculado á condición de funcionario de carreira.

4. As retribucións do persoal contratado administrativo a que se refire a disposición transitoria décima da Lei 4/1988, do 26 de maio, introducida pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, mentres non se conclúa o proceso de extinción previsto na dita lei, serán as mesmas que viñan percibindo no ano 2005, incrementadas no 2%.

De igual maneira, as pagas extraordinarias do persoal contratado administrativo terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e un 80% do complemento de destino mensual que perciba na paga correspondente ao mes de xuño e o 100% deste complemento na do mes de decembro, de acordo coas contías que se reflicten no anexo III.

5. De conformidade co disposto no artigo 22. Un da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, cando non sexan de aplicación as retribucións establecidas no artigo 18 da dita lei, estas veranse incrementadas no 2% con relación ás devengadas no ano 2005.

6. Os funcionarios de carreira que cambien de posto de traballo na comunidade autónoma, agás nos casos previstos na letra a) do artigo 15 da Lei 13/1988, terán dereito durante o prazo de toma de posesión á totalidade das retribucións tanto básicas como complementarias, de carácter fixo e periodicidade mensual.

Para a aplicación do disposto nesta orde, no caso de que o termo do dito prazo se produza dentro do mesmo mes en que se efectuou o cesamento, as citadas retribucións faraas efectivas a dependencia que dilixencie o dito cesamento e, de conformidade co disposto no referido artigo 15, por mensualidade completa e de acordo coa situación e dereitos do funcionario referidos ao primeiro día hábil do mes no que se produza o cesamento. Se, polo contrario, o dito termo recaese en mes distinto ao de cesamento, as retribucións do primeiro mes faranse efectivas da forma indicada e as do segundo aboaraas a dependencia correspondente ao posto de traballo ao que se accede, así mesmo por mensualidade completa e na contía correspondente ao posto en que se tomou posesión, sen prexuízo do disposto nas letras b) e c) do citado artigo 15 da Lei 13/1988.

7. Os titulares de postos de traballo que se supriman nas relacións de postos continuarán percibindo, ata que sexan nomeados para desempeñar outros postos de traballo e durante un prazo máximo de tres meses contados a partir da data en que produciu efectos económicos a citada supresión, co carácter de a conta do que lle corresponda polo novo posto de traballo, as retribucións complementarias correspondentes ao posto suprimido, sen que proceda ningún reintegro, no caso de que as cantidades percibidas a conta fosen superiores.

8. As referencias contidas na normativa vixente relativas a haberes líquidos para os efectos do cálculo dos anticipos reintegrables a funcionarios, entenderanse sempre feitas ás retribucións básicas e complementarias que estes perciban nos seus importes líquidos.

9. No caso de adscrición, durante o ano 2006, dun funcionario suxeito a un réxime retributivo distinto do correspondente ao posto de traballo ao que se lle adscriba, este percibirá as retribucións que correspondan ao posto de traballo que desempeñe, logo da oportuna asimilación que deberá autorizar a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública por proposta da consellería interesada.

Só para os efectos da asimilación a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública poderá autorizar que a contía da retribución por antigüidade sexa a que proceda de acordo co réxime retributivo de orixe do funcionario.

10. A provisión de postos de traballo que desempeñará o persoal funcionario ou a formalización de

novos contratos de persoal laboral fixo, así como a modificación da categoría profesional destes últimos, requerirá que os ditos postos figuren detallados nas respectivas relacións de postos de traballo, e que o seu custo en cómputo anual estea dotado orzamentariamente ou, no seu defecto, o autorice a Consellería de Economía e Facenda.

En calquera caso, a provisión de postos de traballo de persoal funcionario requirirá a plena observancia do disposto na normativa vixente sobre incompatibilidades.

11. A alta en nómina do persoal laboral temporal e interino deberá, en todo caso, ir acompañada da autorización establecida no artigo 28. Tres, da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

12. As referencias relativas ás retribucións contidas nesta orde entenderanse sempre feitas a retribucións íntegras, agás no previsto no número catro punto 8 dela.

13. As retribucións dos delegados provinciais e territoriais das consellerías serán idénticas ás dos subdirectores xerais da Xunta de Galicia e imputaranse ao concepto orzamentario 100.00 dentro do programa correspondente. Terán dereito a percibir os trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios e persoal ao servizo das administracións públicas.

14. As retribucións do persoal eventual experimentarán un incremento do 2% respecto das que viñan percibindo no ano 2005.

15. Así mesmo, e con efectos económicos do 1 de xaneiro do ano 2006, as retribucións do persoal que desempeñe algún posto de traballo no Servizo Galego de Saúde, Sergas, dos dotados no seu orzamento de gastos deste ano, conforme ao anexo de persoal correspondente, experimentarán un incremento do 2% respecto ás fixadas para o exercicio de 2005.

En consecuencia, as retribucións do persoal estatutario e persoal MIR, serán as que se detallan no anexo IX desta orde.

16. Os complementos de carreira do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde recoñecidos no ano 2005 en execución do Decreto 155/2005 experimentarán un incremento do 2%.

Os complemento de carreira que se devenguen no ano 2006 como consecuencia de novos recoñecementos ou de recoñecemento de novos graos, aboaranse nas contías por grao establecidas no antedito decreto.

17. O persoal estatutario, sanitario non facultativo e non sanitario, ao que lle resulte de aplicación o acordo sobre aspectos retributivos e outras condicións de traballo, publicado pola Resolución conxunta do 26 de xaneiro de 1996 da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de

Saúde, percibirá o complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade, modalidade de quendas, conforme o réxime previsto na devandita disposición e demais de desenvolvemento, nas contías que figuran no anexo X.

Así mesmo, o complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade ordinario correspondente ás categorías sinaladas no punto segundo 3) da devandita disposición, percibirase en función do réxime de quendas concorrente e nos importes sinalados no anexo XI.

18. O persoal estatutario das unidades e servizos de atención primaria ás que fai referencia o artigo 1 do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, percibirá ademais das retribucións recollidas no anexo IX, como complemento de produtividade fixa, os importes correspondentes conforme os factores e criterios recollidos no punto a) do artigo 7 do Decreto 226/1996, do 25 de abril, modificado polo Decreto 156/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria e que figuran no anexo XII.

19. As retribucións do persoal estatutario que percibe o seu salario polo sistema de cota experimentarán un incremento do 2% con respecto ás percibidas no ano 2005. Os premios de antigüidade correspondente ao persoal de cota e zona rexeranse pola súa normativa específica. Estes premios de antigüidade faranse efectivos a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte á data na que se complete o período de tres anos, necesarios para o seu perfeccionamento.

20. As pagas extraordinarias terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e trienios, máis un 80% do complemento de destino mensual que perciba na paga correspondente ao mes de xuño, e o 100% deste complemento na do mes de decembro, do que a súa contía se sinala no anexo III.

O persoal que devengue o complemento de destino en catorce mensualidades, a contía adicional definida no parágrafo anterior, devengaraa tamén en catorce mensualidades, coa contía mensual que se recolle no anexo XIII.

21. As retribucións correspondentes ao complemento de atención continuada serán as recollidas no anexo XIV.

22. O importe da paga extraordinaria que se percibirá no mes de xuño o persoal pertencente á clase de sanitarios locais (A. P. D.) , así como as do persoal que se retribúe polo sistema de cota e zona, incorporará unha retribución complementaria equivalente ao 1,45% das súas retribucións anuais fixas na súa contía e periódicas no seu devengo, excluídos os conceptos derivados da antigüidade, e do 1,81% na do mes de decembro.

23. O importe da paga extraordinaria que percibirá no mes de xuño polo persoal laboral de institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde non suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia, así como do persoal residente en formación, incorporará unha retribución complementaria equivalente ao 1,45% das súas retribucións anuais fixas na súa contía

e periódicas no seu devengo, excluídos os conceptos derivados da antigüidade, e do 1,81% na do mes de decembro, distribuído de conformidade co previsto na normativa que lle resulte de aplicación.

24. As pagas extraordinarias que percibirá no mes de xuño o persoal non recollido nos puntos anteriores incorporará unha retribución complementaria equivalente ao 1,45% das súas retribucións anuais fixas na súa contía e periódicas no seu devengo, e do 1,81% na do mes de decembro.

No caso de que se perciban máis de dúas pagas extraordinarias, a contía adicional resultante definida no parágrafo anterior distribuirase entre as ditas pagas, de modo que o incremento en termos anuais sexa idéntico ao do resto do persoal.

25. As contías das indemnizacións por razón do servizo serán as reguladas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración Autonómica de Galicia, coas súas correspondentes revisións, se houber lugar.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2006. José Ramón Fernández Antonio Conselleiro de Economía e Facenda

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma