Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). - Diario Oficial de Galicia, de 30-07-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 146
  • Fecha de Publicación: 30/07/2007
  • PDF de la disposición

A historia social da lingua galega caracterízase por un longo período de marxinación e desprestixio que se comeza a superar coa restauración democrática. O recoñecemento dos dereitos de Galicia como nacionalidade histórica marca un punto de inflexión na recuperación da lingua e inicia un proceso que continúa aínda hoxe.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 5, establece que a lingua propia de Galicia é o galego e que esta lingua é idioma oficial no noso país. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios para facilitar o seu coñecemento.

Pola súa banda, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística estipula en multitude de artigos a obriga do Goberno galego de difundir o coñecemento da lingua galega entre os seus cidadáns. En concreto, o seu artigo 14 establece que a lingua galega é materia de ensino obrigatorio en todos os niveis educativos non universitarios.

Con todo, existe aínda un sector importante de cidadáns galegos que non tiveron acceso ao coñecemento da lingua galega mediante o ensino obrigatorio. A este sector hai que sumarlle todas aquelas persoas que viven na nosa comunidade, pero son oriúndos doutras nas que a aprendizaxe escolar da lingua galega non é posible, o número crecente de cidadáns provenientes doutros países da Unión Europea debido ás políticas de mobilidade e integración, tamén o número cada vez máis grande de poboación inmigrante procedente de países extracomunitarios, e, moi especialmente, a de emigrantes ou descendentes de emigrantes retornados.

A certificación oficial do coñecemento da lingua galega, con independencia do ensino regrado, é hoxe en día unha necesidade real, dado que a lingua propia de Galicia é exixida acotío para o desenvolvemento de diversas actividades profesionais ou sociais, ou é demandada fóra do noso dominio lingüístico por aquelas persoas que deciden estudar a nosa lingua nos seus países de orixe, grazas á presenza cada vez máis ampla da lingua galega en universidades e centros galegos de todo o mundo.

Por outra parte existe, no ámbito internacional, un marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino e avaliación, avalado polo Consello de Europa, así como os estándares da Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas (ALTE), que establecen uns niveis precisos de coñecemento de lingua cos que se deben corresponder os certificados oficiais de coñecemento da lingua galega.

O marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino e avaliación, (Common European Framework for languages: Learning, Teaching, Assessment) foi publicado polo Consello de Europa no ano 2001, con motivo do Ano Europeo das Linguas, a través do Council for Cultural Cooperation, Education Comité. Language Policy División, con el pretendeuse proporcionar unha base común para a elaboracións dos programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais, etc. O emprego deste marco de referencia está a ser recomendado de forma reiterada polas institución europeas, así recentemente o Consello da Unión Europea invitaba os estados membros a crear sistemas para homologar as competencias lingüísticas sobre base do citado marco de referencia. (DO 2006/C 172/01, do 25 de xullo).

Todo isto exixe modificar a clasificación de niveis de coñecemento de lingua galega previstos na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril) no tocante aos cursos de galego oral, iniciación e perfeccionamento e establecer un novo sistema de validacións entre os estudos regrados e as novas certificacións de niveis de coñecemento que se regulan nesta orde.

Segundo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde regúlanse os certificados oficiais de coñecemento dos diferentes niveis de lingua galega e as probas para obtelos.

Artigo 2º.-Niveis de coñecemento da lingua galega.

Establécense cinco niveis oficiais de coñecemento da lingua galega e os seus correspondentes certificados, que terán a seguinte denominación:

1. Certificado de lingua galega 1 (Celga 1): acredita unha competencia no uso da lingua que permite satisfacer as necesidades de comunicación máis básicas. Correspóndese co nivel A2 do marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino e avaliación (en adiante MCERL) e 1 da Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas (en adiante ALTE).

2. Certificado de lingua galega 2 (Celga 2): acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para intervir nun conxunto variado de situacións de comunicación con relativa seguridade e eficacia. Correspóndese co nivel B1 do MCERL e 2 de ALTE.

3. Certificado de lingua galega 3 (Celga 3): acredita unha competencia no uso da lingua que permite empregala cun grao importante de corrección normativa sobre temas diversos. Correspóndese co nivel B2 do MCERL e 3 de ALTE.

4. Certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4): acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para expresarse con fluidez e espontaneidade na maior parte das situacións comunicativas. Correspóndese co nivel C1 do MCERL e 4 de ALTE.

5. Certificado de lingua galega 5 (Celga 5): acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para desenvolverse sen dificultades e con corrección en calquera tipo de situación de comunicación, desde a máis informal ata a máis formal. Correspóndese co nivel C2 do MCERL e 5 de ALTE.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Terán dereito a presentarse a exame todas as persoas maiores de dezaseis anos ou aquelas que os cumpran no ano natural de convocatoria das probas, logo do pagamento dos dereitos de exame correspondentes.

Artigo 4º.-Competencia.

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocará e realizará as probas. Así mesmo, expedirá os certificados citados no artigo 2º para acreditar a superación das probas.

Artigo 5º.- Comisión Central de Avaliación.

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística nomeará unha Comisión Central de Avaliación que se responsabilizará das seguintes funcións:

a) Programación das probas e proposta de convocatoria á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) Elaboración dos exames.

c) Avaliación daquelas probas que lle corresponda.

d) Elaboración de actas do resultado das avaliacións.

2. A Comisión Central de Avaliación das probas estará composta polos seguintes membros, nomeados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística entre expertos na avaliación do coñecemento da lingua galega:

a) Presidente/a.

b) Secretario/a.

c) Cinco vogais.

3. O nomeamento dos membros da Comisión Central de Avaliación terá unha vixencia anual.

Artigo 6º.-Comisións sectoriais de avaliación.

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da proposta da Comisión Central de Avaliación, nomeará comisións sectoriais de avaliación para cada certificado citado no artigo 2º.

2. Cada comisión sectorial de avaliación estará composta, cando menos, por presidente/a, secretario/a e tres vogais. Segundo o número de candidatos que opten ás probas de cada certificado, poderán designarse avaliadores auxiliares.

3. Serán funcións de cada comisión sectorial de avaliación:

a) A administración e avaliación da parte das probas que lle corresponda, accións para as que poderá contar coa colaboración de auxiliares nomeados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) A confección das correspondentes actas das probas que lle correspondan e a súa remisión á Comisión Central de Avaliación.

c) A remisión dos exames á Comisión Central de Avaliación.

Artigo 7º.-Convocatoria das probas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da proposta da Comisión Central de Avaliación, convocará as probas para a obtención dos certificados de coñecemento da lingua galega por medio dunha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

A dita resolución indicará:

a) Os certificados obxecto de convocatoria.

b) As datas e lugares de realización das probas.

c) A contía das taxas de exame e o sistema de liquidación.

d) Os lugares e prazos de inscrición e de publicación de resultados.

e) Os procedementos de reclamación ou de revisión de probas.

As datas de realización das probas dos distintos certificados non poderán coincidir temporalmente entre elas.

Artigo 8º.-Programa e contido das probas.

Os niveis de coñecementos e os contidos exixidos para a superación das probas que outorguen dereito á obtención dos diferentes certificados citados no artigo 2º son os que figuran no anexo III desta orde.

A probas correspondentes a cada un dos certificados citados no artigo 2 centraranse na avaliación das catro destrezas lingüísticas: expresión oral, comprensión oral, expresión escrita e comprensión escrita.

Artigo 9º.-Expedición de certificados.

O/A secretario/a xeral de Política Lingüística expediralles os certificados que regula esta orde ás persoas que superasen as probas correspondentes e obteñan a cualificación de aptitude.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística levará un rexistro administrativo de todos os certificados expedidos.

Artigo 10º.-Validacións.

As validacións polos certificados aquí regulados son as indicadas no anexo I desta orde.

As validación das materias de lingua galega de EXB, primaria, secundaria e formación profesional polos niveis de competencia Celga que se citan no anexo I serán expedidas, segundo o modelo que figura no anexo II, polos/as secretarios/as dos centros que custodian as cualificacións, logo da correspondente solicitude feita polo/a interesado/a.

Os que superasen a materia de lingua galega nas probas libres para o graduado escolar ou nas probas libres para o graduado en educación secundaria obrigatoria solicitarán a validación na Inspección da Consellería de Educación e ordenación Universitaria.

As restantes validacións, no seu caso, serán expedidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística tras a petición da persoa interesada.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cursos de linguaxes específicas e cursos de extensión cultural.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde os cursos de linguaxes específicas e de extensión cultural, que seguirán regulándose segundo o previsto na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril).

Segunda.-Para o acceso e valoración de méritos na función pública galega terá a mesma validez posuír as certificacións de aptitude dos cursos de lingua galega regulados na Orde do 1 de abril de 2005 (oral, iniciación e perfeccionamento) que as certificacións de aptitude dos Celga 1, Celga 3, Celga 4 respectivamente. Nas bases das convocatorias de oposicións e/ou concursos de méritos estableceranse os niveis de lingua exixidos como requisito e/ou como mérito.

Terceira.-partir da entrada en vigor desta orde a Secretaría Xeral de Política Lingüística non poderá homologar, validar ou certificar aptitude sobre cursos de lingua galega oral, iniciación ou perfeccionamento rematados con posterioridade á entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que regulen cursos de lingua galega cuxos contidos sexan contrarios ao disposto nesta orde. Expresamente entenderanse derrogados os artigos 1, 2, 3, 4, 14, 15, 16, 17, 18 e 19 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de abril de 2005 antes citada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en uso das súas competencias, poderá ditar as instrucións e aclaracións que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o 1 de setembro de 2007. Non obstante poderán convocarse cursos de formación preparatorios para as novas acreditacións con anterioridade á entrada en vigor para seren impartidos a partir do 1 de setembro de 2007.

Santiago de Compostela, 16 de xullo 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Validacións

1. Serán validables polo Certificado de lingua galega 1(Celga 1):

Certificado do curso de nivel elemental de lingua e cultura galegas para estranxeiros impartido polas universidades de Galicia ata a entrada en vigor desta orde.

Certificado de curso de lingua galega para non galego-falantes impartidos polas universidades galegas, ata a entrada en vigor desta orde.

Certificado do nivel básico dos estudos de galego da UNED ata a entrada en vigor desta orde.

2. Serán validables polo Certificado de lingua galega 2 (Celga 2):

O título de graduado escolar, sempre que se estudase toda a EXB ou primaria en Galicia e se cursase de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos dos ditos estudos.

O certificado do curso de nivel medio de lingua e cultura galegas para estranxeiros impartido polas universidades de Galicia, ata a entrada en vigor desta orde

Certificado do nivel medio dos estudos de galego da UNED ata a entrada en vigor desta orde.

Certificado de ter cursado e aprobado as materias de ciencias sociais e as materias optativas de galego da ESO nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades.

3. Serán validables polo Certificado de lingua galega 3 (Celga 3):

O título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1), sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos dos ditos estudos.

O certificado do ciclo inicial de galego expedido polas escolas oficiais de idiomas.

Certificado de ter cursado e aprobado as materias de ciencias sociais e as materias optativas de galego na ESO e no bacharelato nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades.

4. Serán validables polo Certificado de lingua galega 4 (Celga 4):

O título de bacharelato (LOXSE ou BUP) ou técnico de FP2, sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos dos ditos estudos.

Certificación do curso de especialización en lingua galega para profesores de EXB.

5. Serán validables polo Certificado de lingua galega 5 (Celga 5):

O título de licenciado en filoloxía galega ou filoloxía hispánica (subsección de galego-portugués).

Calquera outro título de licenciatura, diplomatura ou equivalente, sempre que se acompañe de certificación de que se cursaron, polo menos, 18 créditos de lingua galega, e se estea en posesión do Celga 4.

O certificado do ciclo superior de galego, expedido polas escolas oficiais de idiomas conforme ao programa previsto no Real decreto 47/1992, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os contidos mínimos correspondentes ao ensino especializado das linguas españolas impartidas nas escolas oficiais de idiomas.

ANEXO II

Modelo de validación para o centros de ensino regrado

O/a secretario/a do centro ..., en virtude das competencias previstas no artigo 10 da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG nº... do ... de ... de 2007), no que se establece o procedemento para a validación dos niveis de competencia en lingua galega, e logo de comprobar que os datos que constan no expediente académico da persoa interesada acreditan que obtivo o título e superou as materias de lingua galega previstas no anexo I da orde citada, outorga a validación do nivel de competencia en lingua galega equivalente a un Celga... a Don/Dona ... DNI ...

......., .... de ... de 2

O/A secretario/a do centro Visto e prace

Asdo. O/A director/a

Asdo.

ANEXO III

Programa e contido para cada un dos niveis dos Celga

Celga 1.

1. Descrición xeral do nivel.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

2.2. Comprensión escrita.

2.3. Expresión oral.

2.4. Expresión escrita.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

1. Descrición xeral do nivel.

A persoa que supere o Celga 1 posuirá un dominio da lingua xeral que lle permita satisfacer as necesidades máis primarias de comunicación: será capaz de comprender frases e expresións de uso frecuente relacionadas con áreas que lle son especialmente relevantes (información elemental sobre si mesmo e a súa familia, compras, lugares de interese, ocupacións, etc.); saberá relatar, describir, expoñer e demandar, en termos sinxelos, aspectos relacionados coa súa experiencia persoal, co seu contorno ou con interaccións sociais básicas; saberá comunicarse para levar a cabo tarefas cotiás que non requiran máis ca intercambios simples e directos de información sobre cuestións que lle son coñecidas ou habituais e en situacións de comunicación previsibles, etc. É dicir, mostrará unhas capacidades comunicativas elementais, pero suficientes para desenvolverse en contextos próximos e familiares, materializadas nun repertorio lingüístico aínda esquemático e vehiculadas especialmente a través da oralidade.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

Comprenderá frases, expresións e o vocabulario máis habitual sobre temas de interese persoal e relacionado con áreas de prioridade inmediata. Interpretará o discurso de xeito eficaz para poder enfrontarse a necesidades concretas, sempre que se emita con lentitude e naturalidade, sexa breve, sinxelo, claro, redundante, práctico e ligado ao contexto.

Máis en concreto, será capaz de comprender información e instrucións sinxelas, así como pasaxes curtas, mesmo gravadas, que traten sobre asuntos cotiáns e previsibles como os seguintes:

-Intervencións simples de carácter social que permitan manter un contacto mínimo con outra persoa poñendo en práctica habilidades sociais como presentarse ou despedirse.

-Información xeral relativa á identificación e caracterización persoal (relacións familiares, profesionais, estudos, tempo libre).

-Instrucións sobre orientación e localización no espazo, así como sobre horarios e datas.

-Información relativa á alimentación, produtos e obxectos de uso diario, prezos e formas de pagamento.

-Preguntas e instrucións sinxelas relacionadas coa saúde.

-Información básica de lugares ou oficinas públicas: correos, bancos, ambulatorios, institucións académicas, etc.

-Información básica sobre feitos ou acontecementos, tanto do momento presente como do pasado.

-Opinións sobre acontecementos de actualidade, sempre que se presenten de forma clara e breve.

-Mensaxes telefónicas sinxelas.

2.2. Comprensión escrita.

Será capaz de ler textos moi breves e sinxelos sobre asuntos cotiáns se conteñen vocabulario moi frecuente. Saberá atopar información específica e previsible en cartas, catálogos, prospectos, menús de restaurantes, listaxes, horarios, anuncios publicitarios e artigos breves de carácter informativo nos xornais.

Comprenderá, interpretará e identificará información e instrucións sinxelas relacionadas con situacións cotiás e previsibles nas que atope textos como os seguintes:

-Carteis e avisos públicos fixados en rúas, estradas e espazos de servizo público.

-Horarios e datas de viaxes, servizos de transporte, apertura e peche de establecementos.

-Información sinxela sobre a orientación e a localización no espazo.

-Normas elementais de seguridade.

-Instrucións sobre aparellos de uso frecuente (por exemplo, un teléfono público).

-Informacións e instrucións de ámbitos como a hostalaría (aloxamento, menús de restaurantes, etc.), a sanidade ou a vida académica.

-Indicacións básicas para o uso de medicamentos: posoloxía, etc.

-Información xeral relativa á identificación e caracterización persoal: relacións familiares, profesionais, estudos, afeccións, etc.

-Información sinxela relativa á alimentación e produtos de uso diario expostos nun establecemento comercial.

-Información básica de formularios e documentos normalizados das oficinas de correos, da administración e de entidades académicas e bancarias.

-Noticias breves e titulares sinxelos dos xornais.

2.

3. Expresión oral.

Poderá comunicarse en tarefas elementais e habituais que requiran un intercambio simple e directo de información sobre actividades e asuntos cotiáns. En situacións estruturadas e previsibles da vida diaria será capaz de participar en conversas breves con razoable comodidade, sempre que conte coa colaboración do interlocutor. Aínda que resulten moi evidentes as pausas, as dúbidas iniciais e a reformulación, farase entender en intervencións breves. Será capaz de enlazar grupos de palabras con conectores sinxelos tales como e, pero e porque.

Saberá facer descricións e presentacións breves e sinxelas da familia e doutras persoas, das condicións de vida ou de traballo, das actividades diarias, dos costumes, dos gustos e preferencias, dos obxectos e posesións, etc. Será capaz de facer declaracións ensaiadas de contido previsible e aprendido sobre temas importantes da vida cotiá, coa garantía de ser entendido por oíntes dispostos a concentrarse e a colaborar.

De maneira máis detallada, poderá resolver situacións e tarefas como as seguintes:

-Intervencións simples de carácter social que permitan manter un contacto mínimo con outra persoa poñendo en práctica habilidades sociais como presentarse ou despedirse.

-Controlar a comunicación oral (solicitando repeticións, o soletreo de palabras ou a moderación na velocidade da fala).

-Dar información xeral relativa á identificación e caracterización persoal (relacións familiares, profesionais, estudos, tempo de lecer), de lugares e de obxectos.

-Solicitar e dar instrucións sinxelas sobre orientacións e localización no espazo e sobre horarios e datas.

-Reservar un cuarto nun hotel ou nun establecemento equivalente, facer preguntas sinxelas sobre o aloxamento e observacións ou reclamacións breves sobre o servizo.

-Pedir produtos expostos en establecementos comerciais e información básica sobre eles.

-Reclamar a atención do responsable dun establecemento e solicitar un servizo (restaurante, farmacia, tenda, gasolineira, etc.).

-Pedir información relativa á alimentación e a produtos de uso, prezos e formas de pagamento.

-Dar información básica sobre un problema de saúde a un médico ou a un farmacéutico.

-Pedir información e realizar xestións sinxelas en distintas situacións cotiás (nas oficinas de correos, bancarias, académicas ou administrativas; en estacións de transporte público, axencias de viaxes, etc.).

-Intervir en conversas sinxelas sobre experiencias persoais, centros de interese e acontecementos de actualidade, manifestando sentimentos, expresando acordo e desacordo e solicitando opinións.

2.4. Expresión escrita.

Poderá escribir notas e mensaxes breves e sinxelas sobre temas relativos a áreas de necesidade inmediata e sobre aspectos cotiáns do seu contorno (persoas, lugares, condicións de vida e experiencias persoais e profesionais), empregando unha serie de frases e oracións enlazadas cos conectores máis usuais. Máis en concreto, será capaz de:

-Cubrir formularios básicos con información persoal: matrícula nun curso, apertura dunha conta nun banco, etc.

-Escribir mensaxes breves de rexistro formal, por exemplo, para facer unha reserva de aloxamento, pedir unha información sinxela sobre algo, etc.

-Escribir unha carta ou unha postal sobre asuntos de natureza persoal.

-Escribir notas ou pequenas mensaxes a amigos sobre cuestións sinxelas.

-Escribir sobre a súa familia, lugares, condicións de vida e experiencias persoais e profesionais.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

A persoa que supere este nivel será quen de dar e pedir información xeral e básica sobre persoas, lugares e obxectos; poderá expresar as súas opinións, sentimentos, desexos e preferencias, así como facer suxestións, invitacións e dar instrucións mínimas. Con respecto ao uso social da lingua, saberá saudar, presentarse a alguén, agradecer e pedir perdón.

En relación coa organización do discurso, saberá dirixirse a un interlocutor, iniciar o discurso e finalizalo. Estará en condicións de manter un control da comunicación oral que lle permita sinalar que non entende algo, solicitar unha repetición, pedir que se fale máis amodo e preguntar por unha palabra que non coñece ou esqueceu.

De xeito máis concreto, as funcións comunicativas que debe estar en condicións de desenvolver son as seguintes:

-Saudar e responder a un saúdo.

-Presentarse e presentar a outra persoa.

-Concertar unha cita.

-Rematar un contacto e despedirse.

-Agradecer e desculparse.

-Felicitar e responder a unha felicitación.

-Manifestar condolencia e solidariedade.

-Invitar e responder a invitacións.

-Identificar persoas, lugares e obxectos.

-Identificar e designar as partes da casa e os obxectos domésticos de uso máis común.

-Identificar e designar as partes do corpo humano.

-Localizar no espazo un obxecto, persoa ou lugar.

-Describir persoas, lugares e obxectos.

-Dar e pedir información persoal sobre lugar de nacemento ou residencia, idade, estado civil, familia, estudos ou profesión, afeccións, estado de saúde.

-Pedir e ofrecer información sobre situacións, tarefas e actividades cotiás: enderezos, forma de chegar a un sitio; tempo meteorolóxico; horarios e datas; prezos e fórmulas de pagamento; xestións administrativas e académicas sinxelas; acontecementos e experiencias.

-Pedir permiso para facer algo en situacións cotiás.

-Ofrecer e pedir axuda, aceptala ou rexeitala.

-Expresar e preguntar por estados de ánimo e sentimentos: alegría, tristeza, dor, preocupación, interese, etc.

-Expresar coñecemento ou descoñecemento sobre algo.

-Expresar propósitos e intencións en relación co futuro próximo.

-Mostrar aprobación ou desaprobación e acordo ou desacordo con algo.

-Solicitar información, explicacións ou axuda na aula.

-Ofrecerse para facer algo.

-Informar sobre habilidades e valoralas.

-Expresar e preguntar por gustos.

-Describir, facer valoracións e comparacións.

-Relatar algo en presente e pasado próximo.

-Datar momentos e acontecementos.

-Referirse a condicións e a circunstancias históricas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

Os saberes relacionados co código lingüístico -gramaticais, fonéticos, ortográficos e léxicos- que se consideran necesarios para desenvolver de xeito satisfactorio as anteriores funcións comunicativas son os que se relacionan no seguinte cadro:

* Gramática.

-Flexión de xénero e de número de substantivos e adxectivos. Regras máis comúns.

-Concordancia de xénero e de número no grupo nominal.

-Diferenzas no uso de nomes comúns e nomes propios.

-Artigo determinado e artigo indeterminado: formas, usos e diferenzas.

-Contraccións das formas do artigo coas preposicións a, en, con, de e por.

-Concordancia dos elementos oracionais.

-Formas dos pronomes persoais tónicos en función de suxeito e de complemento.

-Usos de ti, vós /vostede, vostedes.

-Formas e usos dos pronomes persoais átonos; colocación nas oracións simples: afirmativas, negativas e interrogativas.

-Uso dos pronomes reflexivos.

-Demostrativos e posesivos: formas, contraccións e usos.

-Numerais e ordinais.

-Pronomes e adverbios interrogativos de uso máis común: que, quen, cal, cantos, como, onde.

-Formas e usos de cuantificadores e identificadores máis usuais: algún, ningún, alguén, ninguén, etc.

-Formación, usos e valores máis comúns do indicativo (presente, pretérito, copretérito e futuro), do infinitivo, do xerundio e do participio dos verbos regulares e irregulares máis usuais (ser, estar, facer, saber, querer, ir, vir, haber, poder, ter, deber, etc.).

-Uso do imperativo afirmativo.

-Perífrases verbais de uso máis habitual: estar + xer./inf. (duración), ir + inf. (futuro), haber + inf. (obriga), ter que + inf. (obriga).

-Formas e usos pronominais dos verbos máis usuais: chamarse, lavarse, vestirse, etc.

-Adverbios máis comúns para a expresión de negación, afirmación, modo, tempo, lugar e dirección.

-Preposicións, conectores e enlaces de uso máis frecuente.

-Construción de frases de estrutura simple.

-Construción de oracións simples afirmativas, negativas e interrogativas.

* Fonética e ortografía.

-Correspondencia entre grafías e fonemas.

-Recoñecemento e pronuncia do sistema vocálico.

-Recoñecemento e pronuncia dos sons consonánticos.

-Entoación afirmativa, negativa e interrogativa.

-Regras básicas de acentuación.

-Fronteira silábica e separación entre palabras.

* Léxico.

-As capacidades comunicativas descritas no epígrafe de habilidades implican o dominio do vocabulario relacionado cunha serie de áreas temáticas.

-No Celga 1 o vocabulario seleccionado para estas áreas será restrinxido, atenderá aos aspectos máis básicos e referirase a feitos, situacións ou realidades moi ligadas ao contexto vivencial máis inmediato.

-Estes núcleos temáticos e algúns dos campos semánticos nos que se desdobran son os seguintes:

-Identificación e caracterización das persoas: idade e cronoloxía en xeral, sexo e estado civil, procedencia e localización xeográfica; características físicas; roupa e maneiras de vestir; estudos e profesións; carácter, estados de ánimo, etc.

-Vivenda e contorno físico: o fogar, as partes da casa, o mobiliario, os tipos de hábitat, a organización urbana, a localización no espazo, a paisaxe, o relevo, a vexetación, a fauna, o clima e a meteoroloxía, etc.

-Relacións humanas: relacións familiares e de parentesco; relacións de amizade e inimizade; formas de convivencia; agrupamentos e interaccións humanas; fórmulas de saúdo, despedida, felicitación, condolencia, agradecemento, desculpa, etc.

-Organización da sociedade e servizos públicos: organización política; estrutura administrativa; organismos e servizos públicos; organizacións sociais, políticas e profesionais, etc.

-Lecer e tempo libre: xogos, deportes, espectáculos, festas, lectura, música, hostalaría, vacacións, etc.

-Alimentación: alimentos, bebidas, dietas, gastronomía típica, establecementos de restauración, etc.

-Viaxes e comunicacións: medios de transporte, vías públicas, estacións e aeroportos, turismo, sistemas de comunicación interpersoal, aparellos para a transmisión da voz e a imaxe, etc.

-Compras e actividades comerciais: actividades de compra e venda, establecementos comerciais, rede bancaria, moeda e formas de pagamento, etc.

-Saúde e atención sanitaria: estado de saúde, doenzas, tratamentos médicos, consultas, sistema sanitario, etc.

-Educación: sistema educativo, profesionais da educación, estudos e titulacións, recursos e materiais escolares, actividades e tarefas escolares, etc.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

Atendendo ás dúas funcións básicas que cumpren os contidos socioculturais -a de servir de marco situacional das mostras lingüísticas e a de introducir aos aprendices no universo sociocultural-, propóñense para este nivel, de xeito unicamente orientativo, varios ámbitos relacionados coa actualidade de Galicia e dos galegos que se poden converter en tópicos a través dos que observar o cotián na rúa, no contorno laboral ou académico, nos medios de comunicación, etc. Son os seguintes:

-Localización xeográfica de Galicia e trazos físicos máis relevantes.

-Vida cotiá dos galegos: costumes, horarios, hábitos culinarios, actividades de lecer, etc.

-Observación da situación político-social na actualidade: cuestións, preocupacións ou problemas máis relevantes.

-Observación da situación cultural na actualidade: feitos ou procesos máis sinalados da vida artística, literaria, etc.

-Observación da situación do galego na Galicia actual.

Celga 2.

1. Descrición xeral do nivel.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

2.2. Comprensión escrita.

2.3. Expresión oral.

2.4. Expresión escrita.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

1. Descrición xeral do nivel.

A persoa que supere o Celga 2 posuirá un dominio da lingua que lle permita participar con relativa seguridade e eficacia en distintas situacións de comunicación cotiá, do traballo e do estudo, que requiran un uso da lingua fundamentalmente previsible. Comprenderá sen dificultade mensaxes orais e escritas referidas a ese tipo de contextos e será quen de producir textos breves, tanto oralmente como por escrito, para describir, relatar, preguntar ou responder sobre cuestións que se refiran a eses ámbitos.

No que respecta ao uso do código, terá un dominio básico da lingua na súa realización estándar que se manifestará na utilización correcta das estruturas morfosintácticas básicas da lingua e do vocabulario asociado cos temas propios deses contextos comunicativos: as relacións interpersoais, as institucións, a climatoloxía, o contorno físico, etc.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

Comprenderá as ideas principais dun discurso claro en lingua estándar que trate temas cotiáns relativos ao ámbito laboral, académico ou de lecer, tanto que responda a unha tipoloxía descritiva coma expositiva ou narrativa.

De xeito máis concreto, será quen de comprender mensaxes orais como as seguintes:

-Intervencións simples de carácter social que permitan manter un contacto con outra persoa e poñer en práctica habilidades sociais como presentarse ou despedirse.

-Informacións referidas á identificación e caracterización persoal: relacións familiares, profesionais, estudos, ocupación do tempo de lecer.

-Informacións de certa complexidade sobre orientación e situación no espazo e sobre horarios ou datas do calendario.

-Informacións e explicacións nunha visita turística.

-Informacións referidas a distintos dominios transaccionais: aloxamento, alimentación, compras, saúde e servizos (correos, bancos, etc.).

-Informacións e opinións sobre aspectos da vida persoal e social dun interlocutor ou doutra persoa que non participa na comunicación, así como sobre acontecementos da actualidade.

-Explicacións sinxelas sobre un tópico escolar en contextos como unha aula, un seminario ou unha reunión.

-Instrucións nas aulas para a realización de tarefas académicas.

2.2. Comprensión escrita.

Comprenderá textos breves en lingua estándar relacionados coa vida cotiá que informen sobre acontecementos ou transmitan opinións, desexos ou ordes. Tamén poderá ler textos sinxelos sobre temas do seu ámbito académico ou profesional cun nivel de comprensión satisfactorio.

De xeito máis detallado, estará en condicións de ler e entender textos como os seguintes:

-A carta dun restaurante, identificando compoñentes, prezos, etc.

-Informacións ou instrucións en formularios, anuncios, folletos, visitas turísticas e sobre hoteis ou alugamento.

-Cartas e mensaxes de correo electrónico, tanto de carácter persoal como non persoal.

-Descricións de persoas e lugares.

-Relatos de feitos, acontecementos e experiencias.

-Informacións, anuncios e opinións claras sobre temas de actualidade emitidos nos medios de comunicación.

-Informacións e instrucións nos prospectos dos medicamentos.

-Folletos de divulgación e publicitarios de carácter comercial.

-Escritos breves relativos á súa área profesional.

-Textos breves relacionados co seu ámbito académico ou profesional, aínda que o ritmo de lectura sexa lento e atope dificultades puntuais de comprensión.

2.3. Expresión oral.

Poderá realizar cun grao razoable de fluidez e claridade descricións, narracións e exposicións breves sobre diversos temas do seu interese, presentándoos coma unha secuencia lineal de elementos. Será capaz tamén de pedir e dar informacións sinxelas sobre aspectos da vida cotiá e profesional.

Máis en concreto, estará en condicións de resolver de xeito satisfactorio situacións de comunicación oral coma as seguintes:

-Intervir en intercambios comunicativos relacionados coas relacións sociais.

-Dar información sobre identificación e caracterización persoal: relacións familiares, profesionais, estudos, ocupación do tempo de lecer.

-Reservar aloxamento por teléfono e participar na maior parte das situacións comunicativas previsibles durante a estadía nun hotel.

-Informarse sobre prezos e realizar compras en superficies comerciais, tendas ou calquera outro tipo de establecemento.

-Pedir un menú nun restaurante, solicitar informacións sobre pratos dunha carta e sobre formas de pagamento, ou facer reclamacións dun xeito sinxelo.

-Participar en xestións habituais nun banco, nas oficinas de correos ou noutras institucións similares.

-Solicitar informacións simples nunha oficina de turismo ou nunha visita guiada, sobre a localización dun lugar ou como dirixirse a el.

-Pedir unha cita por teléfono, dar unha explicación simple sobre un problema de saúde ou sobre un tema profesional.

-Intervir nunha conversa informal sobre experiencias persoais, centros de interese, acontecementos da actualidade, expresando opinións e sentimentos.

-Solicitar informacións simples relacionadas con cuestións administrativas ou académicas.

2.4. Expresión escrita.

En relación co uso da lingua escrita, será capaz de producir textos sinxelos e cohesionados sobre unha serie de temas cotiáns dentro do seu campo de interese, enlazando distintos elementos breves nunha secuencia lineal. En concreto, estará en condicións de:

-Escribir notas, postais e cartas persoais que poden incluír a descrición de persoas ou espazos, o relato de acontecementos, a expresión de opinións ou desexos.

-Escribir cartas dirixidas a institucións ou entidades; por exemplo, para confirmar un aloxamento, para pedir información sobre un curso, etc.

-Cubrir impresos que requiran dar conta de datos persoais e profesionais; describir brevemente situacións ou acontecementos.

-Redactar documentos breves relacionados coa súa área profesional, aínda que sexa necesaria unha revisión dos textos.

-Tomar notas durante unha reunión, unha conferencia ou unha aula para fins só persoais.

-Tomar notas a partir de fontes escritas, aínda que sexa con algunhas inexactitudes.

-Elaborar un resumo esquemático dunha clase, conferencia ou reunión de traballo.

3. Contidos.

3.

1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

Como manifestación das habilidades anteriores, neste nivel a persoa será quen de transmitir información emitida por outros e de relacionar a información mediante a expresión da causa, a consecuencia, a condición e a finalidade. Tamén poderá expresar a súa opinión xustificándoa e argumentándoa, así como facer valoracións e xuízos, aínda que de xeito sinxelo. Poderá expresar a posibilidade e imposibilidade, e tamén sentimentos de alegría, sorpresa, pena ou temor.

Con respecto aos usos sociais da lingua, estará en condicións de reaccionar ante un agradecemento e unha desculpa, saberá preguntar polo estado de saúde ou de ánimo do interlocutor e participar en intercambios sociais da vida cotiá: convidar ou ser convidado ou concertar unha cita. Saberá dar instrucións para que os outros fagan algo e transmitir pedimentos, encargos ou mensaxes.

En relación coa organización do discurso saberá introducir un tema ou opinión e destacar determinados aspectos, así como finalizar unha intervención ou unha conversa xeral.

Canto ao control da comunicación oral, poderá mostrar que está seguindo a intervención dos outros, animar para que continúen falando, autocorrixirse ou indicar que non entendeu o significado ou a intención do falante, etc.

Ademais das funcións comunicativas sinaladas para o nivel Celga 1, que se verán ampliadas no ámbito de uso nas que se activan, e aumentando a complexidade lingüística coa que se realizan, especialmente desde o papel de emisor na elaboración de discursos orais e escritos, o aprendiz debe estar en condicións de:

-Dar e pedir información sobre as persoas atendendo ao aspecto físico e ao carácter.

-Propoñer, aceptar , rexeitar invitacións e propostas.

-Desculparse por algo e reaccionar ante unha desculpa.

-Escribir notas de agradecemento ou desculpa.

-Describir persoas desde o punto de vista físico, do carácter e do estado de ánimo.

-Describir obxectos e aparellos en relación coa súa utilidade e funcionamento.

-Expresar a necesidade ou o desexo de facer algo ou de que suceda algo.

-Expresar gustos, afeccións, teimas, etc.

-Expresar sensacións e percepcións: medo, dificultade, etc.

-Preguntar e responder sobre o estado físico e anímico.

-Demandar aclaracións ou repeticións ante dificultades de comprensión.

-Explicar os síntomas dunha enfermidade.

-Falar do futuro e facer hipóteses.

-Relatar accións e circunstancias pasadas.

-Dar e pedir información sobre sucesos pasados.

-Informar de actividades no pasado consideradas no seu punto de partida.

-Pedir e ofrecer consellos e recomendacións.

-Solicitar información sobre servizos.

-Protestar e reclamar por un servizo.

-Presentar unha queixa ou unha reclamación.

-Dar e pedir información con distintos graos de seguridade.

-Referir informacións, propostas e peticións formuladas por outras persoas.

-Emitir opinións breves sobre persoas, feitos ou situacións.

-Analizar comportamentos e situacións.

-Valorar sucesos pasados.

-Falar de sensacións e dificultades na aprendizaxe de linguas.

-Relatar experiencias na aprendizaxe de linguas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

Os saberes relacionados co código lingüístico -gramaticais, fonéticos, ortográficos e léxicos- que se consideran necesarios para desenvolver de xeito satisfactorio as anteriores funcións comunicativas son os que se relacionan no seguinte cadro:

* Gramática.

-Todas as estruturas do nivel anterior.

-Flexión de xénero e número de substantivos e de adxectivos: casos particulares.

-Posición e gradación do adxectivo; a comparación.

-Presenza/ausencia do artigo determinado.

-Usos e valores doutros determinantes: demostrativos, posesivos, indefinidos, interrogativos.

-Pronomes persoais tónicos: formas con función de complemento; uso das formas ligadas e das variantes (comigo, contigo, connosco/con nós, convosco/con vós, consigo /con eles-elas); presenza/ausencia do pronome de primeira persoa.

-Pronomes persoais átonos: contraccións e posición en oracións dependentes.

-Pronomes interrogativos directos e indirectos.

-Uso dos pronomes relativos (con e sen preposición).

-Numerais e ordinais (acompañantes e pronomes).

-Formas e usos dos demostrativos neutros.

-Pronomes e determinantes cuantificadores e identificadores.

-Formación, usos e valores dos tempos de indicativo (pospretérito, antepretérito) e do presente de subxuntivo dos verbos regulares e irregulares máis frecuentes.

-Uso do imperativo afirmativo e negativo.

-Perífrases verbais máis frecuentes: poder + inf., deber (de) + inf. (obriga), ter + part. (aspecto), andar + xer., ir + xer, estar para + inf., poñerse a + inf., etc.

-Uso das formas temporais e perifrásticas na expresión de mandato, desexo, tempo futuro, causa, etc.

-Correlación temporal na oración.

-Expresión da impersonalidade (se, 3ª persoa, pasiva).

-O pronome reflexivo.

-Adverbios: formas e usos; variantes apocopadas.

-Rexencias preposicionais de verbos e adxectivos máis frecuentes.

-Conxuncións coordinantes e subordinantes máis usuais.

-Construción de frases de estrutura complexa.

-Construción de oracións coordinadas e subordinadas: copulativas, adversativas, disxuntivas, explicativas, finais; coordinación en oracións afirmativas e negativas.

-Construción de oracións subordinadas con subxuntivo e infinitivo.

-Construción pasiva (se, perífrase).

-Construción do estilo indirecto.

-Conectores apropiados para a expresión das funcións comunicativas deste nivel.

* Fonética e ortografía.

-Os contidos do nivel anterior.

-Recoñecemento e pronuncia do sistema fonolóxico completo.

-Regras de acentuación (acento de intensidade e acento diacrítico).

-Entoación nos diálogos.

-Uso dos signos de puntuación.

-Silabación: pronuncia e representación escrita.

* Léxico.

As capacidades comunicativas descritas na epígrafe de habilidades implican o dominio do vocabulario relacionado cunha serie de áreas temáticas.

No Celga 2 deberá ampliarse o vocabulario seleccionado para Celga 1, abríndoo a termos menos xenéricos e a vocábulos que expresen o significado de xeito máis matizado.

As áreas temáticas e algúns dos campos semánticos nos que se desdobran son os seguintes:

-Identificación e caracterización das persoas: idade e cronoloxía en xeral, sexo e estado civil, procedencia e localización xeográfica, características físicas; roupa e maneiras de vestir; estudos e profesións; carácter, estados de ánimo, etc.

-Vivenda e contorno físico: o fogar, as partes da casa, o mobiliario, os tipos de hábitat, a organización urbana, a localización no espazo, a paisaxe, o relevo, a vexetación, a fauna, o clima e a meteoroloxía, etc.

-Relacións humanas: relacións familiares e de parentesco; relacións de amizade e inimizade; formas de convivencia; agrupamentos e interaccións humanas; fórmulas de saúdo, despedida, felicitación, condolencia, agradecemento, desculpa, etc.

-Organización da sociedade e servizos públicos: organización política; estrutura administrativa; organismos e servizos públicos; organizacións sociais, políticas e profesionais, etc.

-Lecer e tempo libre: xogos, deportes, espectáculos, festas, lectura, música, hostalaría, vacacións, etc.

-Alimentación: alimentos, bebidas, dietas, gastronomía típica, estabelecementos de restauración, etc.

-Viaxes e comunicacións: medios de transporte, vías públicas, estacións e aeroportos, turismo, sistemas de comunicación interpersoal, aparellos para a transmisión da voz e da imaxe, etc.

-Compras e actividades comerciais: actividades de compra e venda, establecementos comerciais, rede bancaria, moeda e formas de pagamento, etc.

-Saúde e atención sanitaria: estado de saúde, doenzas, tratamentos médicos, consultas, sistema sanitario, etc.

-Educación: sistema educativo, profesionais da educación, estudos e titulacións, recursos e materiais escolares, actividades e tarefas escolares.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

Co mesmo criterio orientativo que se formulaba no Celga 1, neste nivel poden incluírse outras dimensións da actualidade de Galicia e iniciar un achegamento á historia social e cultural. Esta aproximación será, en todo caso, simple, panorámica e selectiva, identificando simplemente os feitos máis singulares e definidores dese pasado, coa función subsidiaria de que sirvan de soporte para a interacción comunicativa e para unha mellor comprensión do universo sociocultural no que se desenvolve a lingua galega.

Os eixes vertebradores deste percorrido histórico serán os mesmos que propuñamos para o Celga 1: o territorio, as institucións e a realidade político-social, cultural e sociolingüística, tal como se recollen nos seguintes enunciados:

-Hábitat, distribución da poboación, demografía, etc. O rural e o urbano; as cidades galegas.

-Organización educativa e institucións académicas. Organización sanitaria e servizos de saúde, etc.

-Acontecementos e procesos político-sociais máis relevantes da historia de Galicia.

-Acontecementos e procesos culturais máis relevantes da historia de Galicia.

-Acontecementos e procesos máis relevantes na historia social do galego.

Celga 3.

1. Descrición xeral do nivel.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

2.2. Comprensión escrita.

2.3. Expresión oral.

2.4. Expresión escrita.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

1. Descrición xeral do nivel.

A persoa que supere o Celga 3 posuirá un dominio da lingua que lle permita intervir nun conxunto variado de situacións de comunicación. As estruturas gramaticais e léxicas que utilizará proporcionaranlle a suficiente flexibilidade e capacidade para usar a lingua en situacións menos previsibles.

Comprenderá textos orais e escritos de certa complexidade, distinguindo os elementos principais dos secundarios. Será capaz de producir textos comprensibles e cun grao alto de corrección normativa sobre temas diversos e tamén poderá defender un punto de vista sobre cuestións xerais indicando os pros e os contras das distintas opcións. Poderá desenvolverse sen moitas dificultades en contextos en que o galego é lingua de traballo e interacción, polo que estará en condicións, por exemplo, de participar en cursos académicos ou en intercambios universitarios en Galicia.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

Comprenderá as ideas principais dun discurso lingüisticamente complexo que trate tanto temas concretos como abstractos pronunciados nun nivel de lingua estándar, incluíndo debates dentro da súa especialidade. Identificará en discursos extensos as liñas de argumentación, sempre que o tema sexa razoablemente coñecido e o desenvolvemento se facilite con marcadores explícitos.

Máis en concreto, será capaz de comprender mensaxes relacionadas coa vida cotiá, académica e laboral, como as seguintes:

-Conversas de carácter xeral sobre un conxunto de temas variados pouco previsibles.

-Consellos médicos.

-Informacións e avisos feitos en lugares públicos.

-Noticias da televisión co apoio da imaxe ou os aspectos principais dos programas de radio nos que a temática é de interese xeral ou coñecida.

-As explicacións do guía nunha visita turística ou de traballo.

-As ideas principais dunha actividade académica (conferencia, clase ou seminario), sempre que se trate dunha temática coñecida.

-Conversas, explicacións ou debates sobre temas da súa área profesional.

-Conversas nas que a argumentación é o eixo que os define, aínda que con algunha limitación.

2.2. Comprensión escrita.

Será quen de ler de xeito comprensivo e cun alto grao de autonomía textos variados, sempre que non traten de temáticas especializadas ou utilicen unha linguaxe específica. Terá un amplo vocabulario de lectura e dominará as estruturas sintácticas básicas, aínda que siga tendo dificultades cos períodos sintácticos complexos. A súa capacidade lectora permitiralle, ademais, adaptar o estilo da lectura na gama de textos máis habituais á distinta tipoloxía ou finalidade dos textos máis habituais.

De xeito máis detallado, será capaz de comprender textos escritos da vida cotiá, laboral e académica como os seguintes:

-Cartas ou anotacións persoais, aínda que utilicen algún modismo ou expresión coloquial de uso moi frecuente.

-Diferentes tipos de textos dos medios de comunicación, tanto se son de información e temática xeral como se se relacionan coas áreas específicas do seu interese.

-Instrucións sobre o funcionamento de aparellos domésticos.

-Normas sobre como comportarse nunha situación determinada.

-Formularios administrativos sobre cuestións diversas.

-Cartas ou escritos da súa área profesional.

-Relatorios sobre unha área coñecida e o sentido xeral dun artigo de temática descoñecida ou pouco coñecida.

-Instrucións e descricións de produtos relacionados coa súa área profesional.

-Textos relativos a materias de cursos de formación académica.

-Textos literarios sinxelos.

2.3. Expresión oral.

Será capaz de realizar descricións, narracións e exposicións sobre persoas, situacións ou acontecementos da vida cotiá ou profesional máis próxima, salientando adecuadamente os aspectos significativos e os detalles relevantes que sirvan de apoio. Terá un nivel de lingua amplo de abondo como para expresarse en todas estas situacións con bastante claridade e eficacia, e sen evidenciar dificultades importantes para construír o seu discurso.

Demostrará un control gramatical relativamente alto e saberá empregar oracións de certa complexidade. Non cometerá erros que provoquen a incomprensión e corrixirá case todas as súas incorreccións. Será capaz de producir fragmentos de discurso cun ritmo bastante uniforme, aínda que poida dubidar mentres busca algunhas estruturas ou expresións, pero sen que se aprecien pausas ou silencios moi marcados. Saberá iniciar o discurso, tomar a quenda de palabra no momento adecuado e finalizar unha conversa cando teña que facelo, aínda que poida que non o realice sempre da maneira máis axeitada. Colaborará en debates que traten temas cotiáns confirmando a súa comprensión, invitando aos demais a participar, etc.

Empregará os mecanismos de cohesión máis habituais para converter as súas frases nun discurso claro e coherente, aínda que mostre certa inseguridade se a intervención é longa.

Máis en concreto, estará en condicións de resolver de xeito satisfactorio situacións de comunicación oral coma as seguintes:

-Solicitar o reembolso ou o cambio de produtos en áreas de servizo relativas ao aloxamento, comida ou comercio, pedir información ou aclaración sobre algo, expresar agrado ou desagrado co servizo ou facer reclamacións.

-Noutros espazos de comunicación de dominio transaccional, como os sanitarios, explicar os síntomas relacionados cunha doenza, pedir información sobre os servizos de saúde existentes e a posibilidade de tratamento.

-En conversas e debates sobre temas da vida cotiá ou de actualidade, expresar e argumentar opinións, aínda que con algunhas limitacións e dificultades.

-Pedir información complementaria ou aclaracións, por exemplo, nunha visita guiada.

-Orientar visitas e responder a preguntas sobre espazos ou lugares.

-Pedir e dar información sobre temas coñecidos.

-Reproducir mensaxes e opinións doutras persoas, aínda que poida ter algunha dificultade se aquelas son moi complexas.

-Facer preguntas nunha conferencia, aula ou seminario sobre un tema coñecido ou previsible, aínda que a complexidade dos textos poida supoñer algunha dificultade.

-Realizar unha presentación simple e curta sobre un tema coñecido.

2.4. Expresión escrita.

Será capaz de escribir textos claros e estruturados sobre unha ampla serie de temas do seu interese ou relacionados coa vida cotiá, aínda que de extensión e complexidade limitada.

Terá un notable dominio do código ortográfico, da norma morfosintáctica e do vocabulario máis común, o que lle permitirá construír textos cun grao elevado de corrección e precisión. Utilizará con eficacia os procedementos de cohesión máis habituais, de maneira que os textos mostrarán unidade e coherencia interna, malia seren esquemáticos e simples.

En concreto, estará en condicións de:

-Escribir cartas e mensaxes electrónicas relatando feitos, experiencias e valoracións sobre acontecementos diversos da vida cotiá.

-Redactar informes breves sobre temas de actualidade ou relacionados coa súa actividade profesional, aínda que requiran ser revisados se exixen un alto grao de precisión.

-Describir, de xeito preciso e bastante detallado, unha persoa, obxecto, servizo ou situación.

-Expoñer por escrito, de maneira sinxela, opinións sobre textos lidos ou oídos previamente, ou sobre situacións vividas con anterioridade.

-Sintetizar ou reformular en escritos breves informacións dos medios de comunicación ou da vida cotiá.

-Escribir textos ao ditado, sempre que o ritmo sexa adecuado e sempre que teña tempo de verificar o que está a escribir.

-Tomar notas nunha conferencia, aula ou seminario sobre cuestións de actualidade ou sobre temas da súa especialidade.

-Producir textos de carácter académico, aínda que cun grao de elaboración limitada.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

Neste nivel poderá ofrecer unha información xeral sinalando oposicións e contrastes, ademais de sinalar procesos, resultados e circunstancias. Na expresión de sentimentos poderá queixarse e lamentarse, amosar sorpresa, interese ou desinterese; na emisión de opinións saberá expoñer e defender posturas persoais, así como xulgar e valorar tomas de postura alleas.

Con respecto ao coñecemento e grao de seguridade en algo, será quen de expresar dúbidas e reservas, e de invitar o seu interlocutor a que formule hipóteses; en relación cos usos sociais da lingua poderá facer cumprimentos e devolvelos, e tamén presentar reclamacións ou protestas.

No tocante ao control da comunicación oral, poderá facilitarlle palabras ou expresións ao seu interlocutor, e tamén apoiarse nas emitidas por este último.

Ademais das funcións comunicativas sinaladas para o nivel Celga 1 e Celga 2, que se verán ampliadas no ámbito de uso nas que se activan, e aumentando a complexidade lingüística coa que se realizan, especialmente desde o papel de emisor na elaboración de discursos orais e escritos, a persoa que supere o Celga 3 debe estar en condicións de:

-Pedir opinións e valoracións sobre algo ou alguén.

-Narrar un recordo empregando tempos do pasado remoto.

-Formular hipóteses sobre un determinado suceso presente ou pasado.

-Comprender e expresarse con suficiencia en contextos académicos.

-Redactar textos de ámbito académico.

-Entender e aventurar un diagnóstico simple.

-Localizar e describir unha dor.

-Desenvolverse con soltura nos comercios.

-Poñer condicións para unha acción futura.

-Expresar opinións sobre comportamentos, feitos e situacións.

-Construír argumentos razoados.

-Expresar queixas, demandas e suxestións.

-Comparar e contrastar alternativas.

-Negociar un acordo.

-Reproducir mensaxes e opinións doutras persoas.

-Sintetizar unha información.

-Mostrar sorpresa e admiración.

-Especular sobre causas e consecuencias.

-Contrastar alternativas e sopesar vantaxes e desvantaxes.

-Expresar dúbidas.

-Facer correccións, aclaracións, rectificacións, etc.

-Expresar hipóteses e probabilidades no pasado.

-Describir cambios de personalidade.

-Recordarlle algo a alguén ou advertirlle a outra persoa sobre algo.

-Recoñecer o grao de formalidade de diferentes textos.

-Referir o contido dunha postal, dun correo electrónico, dunha información periodística, etc.

-Descubrir nun texto erros ou usos lingüísticos incorrectos.

-Discutir sobre a información recibida.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

Neste nivel os contidos lingüísticos deben referirse xa ao conxunto do sistema e ser obxecto da sistematización necesaria para entender o funcionamento global do código. Para iso, desenvolveranse, por exemplo, cuestións de construción, así como de morfoloxía e usos dos distintos tempos verbais e doutras categorías gramaticais.

No que se refire á organización discursiva, recoñecerá e empregará os marcadores do discurso axeitados á súa produción.

De xeito máis detallado, os saberes relacionados co código lingüístico -gramaticais, fonéticos, ortográficos e léxicos- que se consideran necesarios para desenvolver de xeito satisfactorio as anteriores funcións comunicativas son os que se relacionan no seguinte cadro:

* Gramática:

-Todas as estruturas dos niveis anteriores.

-Substantivos e adxectivos; nomes usados en plural; substantivación do adxectivo; graos do adxectivo.

-Cambio na posición do adxectivo e cambio de significado (comida boa/boa comida).

-Usos especiais dos posesivos: presenza/ausencia de artigo; distributivos (de meu, de teu, etc.; cadanseu, etc.).

-Numerais e indefinidos: cantidades aproximadas, partitivos, aproximativos, etc.

-Sistema pronominal: valores, usos e posición de formas tónicas e átonas.

-Pronomes persoais átonos: concorrencia de varias formas; o pleonasmo de OI, distribución de pronomes de acusativo e dativo; colocación dos pronomes átonos nos complexos verbais (perífrases, verbo + infinitivo): téñoo que facer, etc.; seino facer/sei facelo, etc.

-Usos de se: reflexivo, pronominal, impersonalidade, pasiva, etc.

-Formación, usos e valores dos tempos de subxuntivo (pretérito) dos verbos regulares e irregulares.

-Perífrases verbais de infinitivo, de xerundio e de participio.

-Formas e usos dos participios irregulares.

-Usos do infinitivo conxugado.

-Uso das formas temporais e perifrásticas na expresión de hipótese, dúbida, condición, etc.

-Correlacións temporais: pasado/presente/futuro, probabilidade no presente e no pasado.

-Correlación temporal na oración e no texto.

-Usos e valores de preposicións e locucións prepositivas.

-Formas e usos de adverbios e locucións adverbiais.

-Estruturas comparativas: ca, do que, coma, como, etc.

-Construción de frases e oracións de estrutura complexa.

-Conxuncións subordinantes para expresar as funcións comunicativas deste nivel.

-Uso de conectores na construción de enunciados e textos: inicio, exemplificación, explicación, reformulación, conclusión, etc.

* Fonética e ortografía.

-Os contidos dos niveis anteriores.

-Pronuncia de ditongos e hiatos.

-Realizacións dos fonemas consonánticos (distribucións das nasais, oclusivas/aproximantes, etc.)

-Pronuncia dos encontros vocálicos.

-Entoación dos distintos tipos de enunciados, tanto textos orais como escritos.

-Uso de maiúsculas e minúsculas.

-Ortografía de grupos consonánticos.

* Léxico.

As capacidades comunicativas descritas na epígrafe de habilidades implican o dominio do vocabulario relacionado cunha serie de áreas temáticas.

No Celga 3 débese continuar ampliando o vocabulario dos niveis anteriores na perspectiva dunha maior especialización semántica e nos recursos de sinonimia, e afondando en áreas e ámbitos temáticos máis abstractos.

As áreas temáticas e algúns dos campos semánticos nos que se desdobran son os seguintes:

-Identificación e caracterización das persoas: idade e cronoloxía en xeral, sexo e estado civil; procedencia e localización xeográfica; características físicas, roupa e maneiras de vestir; estudos e profesións; carácter, estados de ánimo, etc.

-Vivenda e contorno físico: o fogar, as partes da casa, o mobiliario, os tipos de hábitat, a organización urbana, a localización no espazo, a paisaxe, o relevo, a vexetación, a fauna, o clima e a meteoroloxía, etc.

-Relacións humanas: relacións familiares e de parentesco; relacións de amizade e inimizade; formas de convivencia; agrupamentos e interaccións humanas; fórmulas de saúdo, despedida, felicitación, condolencia, agradecemento, desculpa, etc.

-Organización da sociedade e servizos públicos: organización política; estrutura administrativa; organismos e servizos públicos; organizacións sociais, políticas e profesionais, etc.

-Lecer e tempo libre: xogos, deportes, espectáculos, festas, lectura, música, hostalaría, vacacións, etc.

-Alimentación: alimentos, bebidas, dietas, gastronomía típica, establecementos de restauración.

-Viaxes e comunicacións: medios de transporte, vías públicas, estacións e aeroportos, turismo, sistemas de comunicación interpersoal, aparellos para a transmisión da voz e a imaxe, etc.

-Compras e actividades comerciais: actividades de compra e venda, establecementos comerciais, rede bancaria, moeda e formas de pagamento, etc.

-Saúde e atención sanitaria: estado de saúde, doenzas, tratamentos médicos, consultas, sistema sanitario, etc.

-Educación: sistema educativo, profesionais da educación, estudos e titulacións, recursos e materiais escolares, actividades e tarefas escolares, etc.

3.3. Lingua, cultura e sociedade : contidos socioculturais.

Neste nivel as cuestións temáticas serán presentadas de xeito que aborden ámbitos da vida social e cultural cunha maior profundidade e reflexión para conseguir que os aprendices poidan non só recibir información, senón tamén argumentar a partir dela e adquirir unha visión real e libre de prexuízos sobre a realidade galega.

Co mesmo criterio orientativo ca nos niveis anteriores, e buscando unha progresión crecente no detalle, no Celga 3 pódese realizar un achegamento selectivo -pero de maior complexidade- aos feitos políticos, sociais e culturais da historia recente de Galicia. Esta aproximación seguirá tendo, en todo caso, só a función de servir de soporte para a interacción comunicativa e para unha máis rigorosa comprensión do universo sociocultural en que se desenvolve a lingua.

Os eixes vertebradores serán os mesmos ca en Celga 1 e en Celga 2, tal como se recollen nos seguintes enunciados:

-Economía: principais sectores produtivos, mundo empresarial, etc.

-Organización política e administrativa. Institucións de goberno, partidos políticos, etc.

-Revisión da situación política e social de Galicia no pasado recente e na actualidade.

-Revisión da situación cultural de Galicia no pasado recente e na actualidade.

-Revisión da situación lingüística de Galicia no pasado recente e na actualidade.

Celga 4.

1. Descrición xeral do nivel.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Compresión oral.

2.2. Comprensión escrita.

2.3. Expresión oral.

2.4. Expresión escrita.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

1. Descrición xeral do nivel.

A persoa que supere o Celga 4 será capaz de comprender unha ampla variedade de textos orais e escritos extensos e cun alto nivel de dificultade. Poderá expresarse de forma bastante fluída e espontánea en distintos contextos comunicativos (persoal, público e académico) sen mostrar moita dificultade para encontrar as expresións máis axeitadas. Será capaz de producir textos ben estruturados e sobre temas de certa complexidade e para distintos fins. Mostrará un uso correcto da norma ortográfica e morfosintáctica, así como dos mecanismos máis comúns de organización e cohesión textual.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

Será capaz de seguir, sen apenas dificultades, un discurso extenso sobre temas moi diversos. Terá poucas dificultades para entender e seguir os discursos descontextualizados e mesmo pouco estruturados.

Máis en concreto, será capaz de comprender mensaxes relacionadas coa vida cotiá, académica e laboral, como as seguintes:

-Conversas e interaccións orais espontáneas en contextos diversos.

-Conversas e debates entre terceiras persoas sobre temas descoñecidos e complexos.

-Textos informativos que teñan pouca calidade acústica, en ámbitos públicos nos que se facilita información específica (estacións, aeroportos, etc.).

-Explicacións sobre o funcionamento de aparellos e as características de produtos e servizos cotiáns.

-Textos gravados transmitidos fóra do contexto habitual.

-Discursos televisivos e radiofónicos de diversos tipos: informativos, entrevistas, programas de entretemento e de actualidade, etc.

-Presentacións, conferencias e debates sobre temas de actualidade.

2.2. Comprensión escrita.

Demostrará capacidade para ler e entender distintos textos escritos extensos e de bastante complexidade que traten temáticas xerais ou da súa especialidade, aínda que teña que volver sobre as partes máis difíciles. Será capaz de extraer a información máis relevante de textos expositivos e a tese e argumentos de textos de opinión, podendo, ademais, en todos eles, identificar sen moita dificultade a estrutura e as partes en que están organizados.

De xeito máis detallado, estará en condicións de ler e entender textos do seguinte tipo:

-Correspondencia persoal e profesional especializada.

-Textos extensos da súa especialidade ou doutros ámbitos, empregando esporadicamente o dicionario.

-Instrucións extensas e complexas sobre o funcionamento de aparellos domésticos, volvendo sobre as seccións máis difíciles.

-Textos xornalísticos informativos e de opinión sobre temas de actualidade, identificando sen dificultade as ideas centrais e as liñas argumentais básicas.

-Textos literarios cun nivel medio de complexidade lingüística, estrutural e temática.

2.3. Expresión oral.

Utilizará oralmente a lingua de maneira bastante fluída demostrando o dominio dunha serie de recursos lingüísticos que lle permiten expresarse con claridade sobre unha gran variedade de temas xerais, profesionais, académicos e de lecer. Saberá manter unha conversa con fluidez e espontaneidade, mostrando algunha dificultade unicamente nos temas que lle resulten alleos. Poderá producir discursos claros, ben estruturados e axustados á norma estándar.

Máis en concreto, estará en condicións de resolver de xeito satisfactorio situacións de comunicación oral coma as seguintes:

-Realizar presentacións e descricións claras e detalladas sobre temas diversos.

-Organizar os seus discursos e intervencións de maneira que se distingan as súas ideas das tomadas por outras persoas.

-Participar en conversas nas que teña que poñer en relación as súas opinións coas expresadas por outras persoas.

-Empregar o idioma con eficacia e flexibilidade para expresar a súa opinión e os seus sentimentos.

-Negociar unha solución de conflitos: desculparse, reclamar, pedir responsabilidades, etc.

-Intervir en debates nos que se traten temas de certa complexidade e pouco coñecidos.

-Defender o seu punto de vista e argumentar con convencemento.

-Responder a preguntas de forma fluída, espontánea e adecuada ao contexto.

-Participar nunha entrevista, como entrevistado e como entrevistador.

-Discutir sobre problemas laborais e económicos, sobre accidentes, sobre enfermidades e coidados médicos, sobre cuestións académicas ou sobre calquera tema de actualidade.

2.4. Expresión escrita.

Mostrará capacidade para escribir textos de certa complexidade cun estilo claro e fluído, facendo un uso adecuado da norma estándar e mesmo introducindo certas modulacións en función do interlocutor e da finalidade do discurso. Non terá dificultade para destacar as ideas principais e para expoñer axeitadamente as súas opinións. Manterá un nivel de corrección alto, presentando poucas dificultades ortográficas e de escasa relevancia.

En concreto, estará en condicións de:

-Redactar notas, cartas, mensaxes electrónicas dirixidas a distintos destinatarios e con diferente finalidade.

-Escribir sobre temas complexos e dun xeito claro e ben estruturado.

-Redactar comunicados oficiais ou dirixidos a moitas persoas.

-Describir con precisión obxectos, persoas e situacións.

-Expresar experiencias e sentimentos cun estilo adecuado á finalidade e ao destinatario.

-Redactar exames e traballos académicos de distinta natureza.

-Elaborar resumos, paráfrases e comentarios críticos de textos informativos e expositivos.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

Neste nivel a persoa poderá falar de cambios e transformacións, e tamén valorar experiencias propias e alleas. Na transmisión da súa información poderá expresar distintos graos de coñecemento e certeza; na expresión de sentimentos será capaz de transmitir desexos e preferencias, desilusión, fastío, nostalxia, rexeitamento ou indignación, entre outros. Será quen de facer invitacións e suxestións, e de dar instrucións con bastante precisión.

Con respecto ao control da comunicación oral será capaz de indicar que a intervención está sendo malinterpretada, poderá pedir un cambio de tema e empregar os mecanismos lingüísticos pertinentes para o control na quenda de palabra.

Ademais das funcións comunicativas sinaladas para o nivel Celga 1, Celga 2 e Celga 3, que se verán ampliadas no ámbito de uso nas que se activan, e aumentando a complexidade lingüística coa que se realizan, especialmente desde o papel de emisor na elaboración de discursos orais e escritos, a persoa que supere o Celga 4 debe estar en condicións de:

-Facer a presentación de alguén en público dando información detallada.

-Dar ánimos e tranquilizar a alguén.

-Mostrar agradecemento e malestar de xeito formal.

-Aclarar malas interpretacións.

-Expresar xuízos e valoracións sobre experiencias propias e alleas.

-Lamentarse por un suceso.

-Expresar estrañeza e asombro.

-Recoñecer información específica de declaracións percibidas con pouca calidade.

-Reprochar, ameazar e mostrar incredulidade, incomprensión e indignación.

-Expoñer e xustificar tomas de decisións, posturas, ideas, etc.

-Responder a preguntas sobre sucesos e experiencias propias e alleas.

-Desmentir e confirmar unha información.

-Expresar dúbidas ou reservas sobre algunha afirmación.

-Argumentar e negociar.

-Comparar ideas, argumentos e puntos de vista.

-Reproducir diferentes puntos de vista sobre un tema.

-Extraer as ideas principais e identificar argumentos en debates, discursos e textos extensos de estrutura complexa.

-Valorar a capacidade comunicativa nun mesmo e noutras persoas.

-Valorar accións, logros e características das persoas.

-Describir cambios na vida de alguén.

-Xustificar ou criticar comportamentos.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

Neste nivel incluiranse contidos lingüísticos de maior especialización e de uso máis específico, ao mesmo tempo que se profundará na comprensión do funcionamento do código como un todo interrelacionado.

Trataranse, entre outras cuestións, a correlación de tempos en estilo directo e indirecto referidos ao pasado, ao presente e ao futuro, a combinación de estilo directo e indirecto nun mesmo relato, e a construción de oracións compostas de distinto tipo.

Desde o punto de vista discursivo desenvolveranse recursos de cohesión léxica e gramatical e tamén trazos definidores das distintas tipoloxías textuais.

De xeito máis detallado, os saberes relacionados co código lingüístico -gramaticais, fonéticos, ortográficos e léxicos- que se consideran necesarios para desenvolver de xeito satisfactorio as anteriores funcións comunicativas son os que se relacionan no seguinte cadro:

* Gramática.

-Todas as estruturas dos niveis anteriores.

-Flexión de xénero e de número: palabras compostas, estranxeirismos e cultismos.

-Formacións especiais de xénero (variacións sobre a base -actor/actriz, príncipe/princesa, etc. e outras bases léxicas); substantivos con cambio de xénero ligado a cambio de significado.

-Formación de palabras: derivación e composición (formas e significados).

-Agrupacións de determinantes: art. + indef., indef. + indef., etc. (este meu amigo, algunha outra solución, etc.).

-Pronomes persoais tónicos e átonos: casos especiais na colocación dos clíticos; diferenza no uso entre nós/nosoutros, vós/vosoutros; pleonasmo de OD.

-Formas e valores dos tempos da conxugación regular e irregular.

-Usos e valores das perífrases verbais: formas con varios valores.

-Uso dos tempos de subxuntivo: alternancias entre formas (andara/andase), presente de subxuntivo/infinitivo conxugado.

-Uso das formas verbais: discurso directo e indirecto con referencias ao presente, ao pasado e ao futuro.

-Uso e equivalencia das formas de infinitivo conxugado: oracións temporais, inf. conxugado/subxuntivo, inf. conxugado nas oracións condicionais, etc.

-Uso do sistema preposicional: rexencias preposicionais de adxectivos e verbos; ausencia/presenza da preposición a co complemento directo.

-Construción de oracións: oracións subordinadas substantivas (indicativo, subxuntivo e infinitivo); finais; modais; condicionais; adxectivas (indicativo e subxuntivo); concesivas e adverbiais con xerundio.

-Conectores discursivos de uso nos discursos formais extensos: comezo, resumo, repetición, explicación, etc.

* Fonética e ortografía.

-Os contidos dos niveis anteriores.

-Pronuncia e ortografía das realizacións do sistema fonolóxico: grupos cultos, encontros vocálicos, etc.

-Usos especiais de maiúsculas e minúsculas.

-Siglas e abreviaturas de uso frecuente.

* Léxico.

As capacidades comunicativas descritas na epígrafe de habilidades implican o dominio do vocabulario relacionado cunha serie de áreas temáticas.

No Celga 4 o léxico dispoñible abranguerá de forma ampla o conxunto de áreas e ámbitos temáticos. A persoa que supere este nivel estará tamén en condicións de discriminar matices significativos entre sinónimos e de facer uso de termos específicos e non só xenéricos.

As áreas temáticas e algúns dos campos semánticos nos que se desdobran son os seguintes:

-Identificación e caracterización das persoas: idade e cronoloxía en xeral, sexo e estado civil; procedencia e localización xeográfica; características físicas; roupa e maneiras de vestir; estudos e profesións; carácter, estados de ánimo, etc.

-Vivenda e contorno físico: o fogar, as partes da casa, o mobiliario, os tipos de hábitat, a organización urbana, a localización no espazo, a paisaxe, o relevo, a vexetación, a fauna, o clima e a meteoroloxía, etc.

-Relacións humanas: relacións familiares e de parentesco; relacións de amizade e inimizade; formas de convivencia; agrupamentos e interaccións humanas; fórmulas de saúdo, despedida, felicitación, condolencia, agradecemento, desculpa, etc.

-Organización da sociedade e servizos públicos: organización política; estrutura administrativa; organismos e servizos públicos; organizacións sociais, políticas e profesionais, etc.

-Lecer e tempo libre: xogos, deportes, espectáculos, festas, lectura, música, hostalaría, vacacións, etc.

-Alimentación: alimentos, bebidas, dietas, gastronomía típica, estabelecementos de restauración.

-Viaxes e comunicacións: medios de transporte, vías públicas, estacións e aeroportos, turismo, sistemas de comunicación interpersoal, aparellos para a transmisión da voz e a imaxe, etc.

-Compras e actividades comerciais: actividades de compra e venda, estabelecementos comerciais, rede bancaria, moeda e formas de pagamento, etc.

-Saúde e atención sanitaria: estado de saúde, doenzas, tratamentos médicos, consultas, sistema sanitario, etc.

-Educación: sistema educativo, profesionais da educación, estudos e titulacións, recursos e materiais escolares, actividades e tarefas escolares, etc.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

Co mesmo criterio orientativo ca nos niveis anteriores e buscando esa progresión crecente que guía todo o proceso, enténdese que neste chanzo da aprendizaxe da lingua pode ser interesante que se realice un achegamento máis persoal a algúns aspectos da historia ou da actualidade de Galicia a través da análise máis en profundidade ou da indagación sobre algún acontecemento relevante de tipo político, social, cultural, ambiental, deportivo, etc. Este labor apoiarase en fontes diversas e en informacións fornecidas en diferentes modalidades de lingua e en distintos formatos: textos impresos, imaxes, gráficos, material videográfico, etc.

En todo caso, deberase ter sempre en conta que a función destes contidos segue sendo a de servir de soporte para a interacción comunicativa e para unha máis rigorosa comprensión do universo sociocultural no que se desenvolve a lingua galega.

Celga 5.

1. Descrición xeral do nivel.

2. Descrición do nivel segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

2.2. Comprensión escrita.

2.3. Expresión oral.

2.4. Expresión escrita.

3. Contidos.

3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

1. Descrición xeral do nivel.

A persoa que supere o Celga 5 será capaz de comprender calquera tipo de texto oral e escrito, independentemente da súa extensión, temática ou tipoloxía, recoñecendo mesmo os sentidos implícitos, os valores connotativos e os que se poidan asociar ao contexto comunicativo.

Desde o punto de vista da emisión, será quen de expresar oralmente e por escrito de forma fluída e espontánea situacións diversas, fará un uso correcto da norma ortográfica e morfosintáctica, empregará axeitadamente os mecanismos de organización e cohesión textual, e escollerá o vocabulario e as expresións máis axeitadas ao nivel e á finalidade de cada discurso.

Así mesmo, poderá identificar manifestacións lingüísticas e sociolingüísticas do contacto idiomático, comprendendo as súas causas e ante o proceso de estandarización e normalización.

2. Descrición dos niveis segundo as habilidades.

2.1. Comprensión oral.

Será capaz de seguir sen dificultades calquera tipo de discurso oral, independentemente do tema, da extensión ou da tipoloxía (exposicións, debates, interaccións espontáneas, etc.). Poderá recoñecer os cambios de rexistro e comprenderá un bo número de expresións coloquiais e idiomáticas. Non terá dificultades para entender e seguir os discursos descontextualizados e mesmo pouco estruturados.

Máis en concreto, será capaz de comprender mensaxes relacionadas coa vida cotiá, académica e laboral, como as seguintes:

-Exposicións fragmentarias ou pouco organizadas nas que sexa necesario establecer conexións intradiscursivas.

-Intervencións orais nas que haxa que operar con implícitos ou facer inferencias a partir de recursos paraverbais do falante ou de elementos relacionados co contexto da comunicación.

-Diálogos ou monólogos de películas e obras de teatro que teñan algunhas expresións coloquiais e de argot.

-Discursos ou interaccións espontáneas nas que se utilicen marcas fonéticas, morfosintácticas ou léxicas de carácter popular ou dialectal, sempre que sexan de uso común.

-Anécdotas, chistes, parodias, cancións etc. nas que se xogue coa ironía ou con significacións superpostas.

-Refráns, ditos e outras expresións populares que impliquen o dominio de certas claves socioculturais.

2.2. Comprensión escrita.

A persoa que supere o Celga 5 será capaz de entender calquera texto escrito, independentemente do soporte no que se presente, da súa temática, da súa extensión, da súa tipoloxía e da súa finalidade. Agás nos casos de textos sobre temas específicos ou especializados, esa comprensión será mesmo de detalle e valorativa, podendo estabelecer relacións entre distintas partes, identificar matices sutís de significado e recoñecer cambios de estilo ou marcas expresivas de distinto tipo.

De xeito máis detallado, estará en condicións de ler e entender textos do seguinte tipo:

-Textos de rexistro coloquial en forma de notas, cartas, correo electrónico, etc., aínda que se apoien en vocabulario, modismos e fraseoloxía específica.

-Informacións, anuncios e slogans publicitarios nos que cumpra realizar inferencias ou desvelar significados implícitos.

-Textos que amosen trazos non normativos con características facilmente recoñecibles e adscribibles ás variedades sociais e xeográficas do galego; ademais será capaz de establecer as correspondencias coa variedade estándar.

-Textos de opinión ou ensaísticos sobre cuestións de actualidade ou sobre temas de interese xeral, identificando as ideas centrais e as liñas argumentais e sendo capaz de formar unha opinión sobre eles.

-Textos académicos ou profesionais relacionados coa súa especialidade, integrándoos adecuadamente nos coñecementos previos.

-Textos ensaísticos ou literarios pertencentes a épocas históricas pasadas, sen que as posibles dificultades ortográficas, morfosintácticas e léxicas impidan unha interpretación global destes.

-Textos literarios de actualidade, sendo quen de identificar procedementos expresivos específicos e de detectar posibles sentidos non transparentes.

2.3. Expresión oral.

Expresarase oralmente con corrección e claridade sobre unha gran variedade de temas e en diversas situacións comunicativas, mostrando un dominio amplo e variado dos recursos lingüísticos e expresivos. Mostrará fluidez e naturalidade nas interaccións seleccionando as expresións máis adecuadas para cada contexto e adaptarase sen dificultade a distintos rexistros. Poderá producir discursos ben estruturados e cun uso apropiado dos recursos de cohesión.

Son habilidades específicas do Celga 5, en relación coa expresión oral, as seguintes:

-Intervir en público ou en privado empregando a entoación apropiada para transmitir matices de significado.

-Reformular, matizar ou corrixir o dito por outras persoas ou por un mesmo en intervencións previas.

-Solucionar dificultades expresivas facendo uso de recursos como a sinonimia, o circunloquio ou a exemplificación.

-Interactuar en contextos coloquiais incorporando ao seu discurso fraseoloxía, modismos e recursos idiomáticos específicos deste rexistro.

-Producir discursos intencionais de carácter lúdico, irónico ou nos que se superpoñan varios significados.

2.4. Expresión escrita.

Será capaz de producir textos escritos de extensión variable, cunha alta complexidade estrutural e sobre temas e finalidades comunicativas moi diversas. Na súa elaboración, mostrará un dominio rigoroso da norma estándar (ortográfica, morfosintáctica, etc.), utilizará unha variada gama de recursos de cohesión e organizará adecuadamente a materia discursiva para que o texto resulte traballado e coherente. Expresarase con claridade e precisión e empregará a lingua de xeito flexible, seleccionando os recursos máis axeitados en función do tipo de texto e do destinatario.

A persoa que supere o Celga 5 saberá poñer en práctica todas as habilidades que se indican no parágrafo anterior para:

-Sintetizar informacións complexas e reformular ideas ou opinións extraídas doutras fontes.

-Redactar textos argumentativos e de opinión nos que expoña de maneira lóxica as súas ideas e defenda con claridade e coherencia o punto de vista.

-Elaborar informes e explicacións precisas e ben estruturadas sobre temas académicos ou profesionais da súa especialidade.

-Poñer en práctica estratexias de corrección e revisión de textos, resolvendo posibles desviacións normativas de carácter ortográfico e morfosintáctico ou problemas coa organización do discurso.

-Transformar textos cambiando o rexistro ou o destinatario, facendo uso en cada caso das fórmulas lingüísticas e expresivas máis axeitadas.

-Crear textos de intención literaria nos que se imiten, expandan ou transformen fragmentos ou obras que se toman como modelos.

3. Contidos.

3.

1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.

Ao tratarse do nivel máximo de competencia, as persoas que acaden o Celga 5 deberán estar en condicións de resolver satisfactoriamente todas as funcións comunicativas coas que se pode atopar un usuario da lingua, tanto na vida familiar como na profesional, e o mesmo no ámbito persoal ca no público.

Estas funcións aparecen practicamente todas elas formuladas xa nos niveis anteriores, polo que o distintivo do Celga 5 está máis ben na forma en que se manifestan: cun dominio total da norma estándar e dos mecanismos de organización do discurso; mediante a activación de procedementos textuais e contextuais para comprender certas mensaxes e para producir textos xogando coa ambigüidade, a connotación ou a ironía; a través do control dos recursos expresivos e dos códigos sociais que permiten operar coa variación lingüística nos seus distintos planos, etc.

Por manter un paralelismo cos niveis anteriores, formulamos deseguido as funcións comunicativas que definen este nivel, primeiro cunha referencia global e comprensiva, e despois con algunhas especificacións máis singulares. A persoa que supere o Celga 5 deberá estar en condicións de desempeñar todas as funcións do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 adaptadas aos requirimentos enunciados máis arriba, e, ademais, as seguintes:

-Aclarar malas interpretacións.

-Interrelacionar informacións, ideas ou argumentos extraídos de distintas fontes.

-Reformular informacións e opinións propias ou alleas para asentar ou facilitar a súa comprensión.

-Recoñecer e comprender as expresións coloquiais e os cambios de rexistro.

-Facer inferencias e detectar implícitos en informacións, opinións ou valoracións realizadas por outras persoas.

-Descubrir dobres sentidos, ironías e ambigüidades conscientes en textos alleos.

-Recoñecer o sentido de textos literarios que non teñan unha complexidade especial.

-Empregar axeitadamente os recursos que marcan estilos e rexistros.

-Utilizar os recursos expresivos da lingua con propósito lúdico, creativo ou poético.

-Identificar e valorar manifestacións discursivas e sociolingüísticas que ilustren o contacto entre o galego e o castelán.

-Identificar fenómenos de variación lingüística en relación co estándar e valorar a súa xustificación ou funcionalidade.

-Valorar a capacidade comunicativa nun mesmo e noutras persoas.

3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.

O dominio xeral do código e da norma estándar son xa requirimentos do Celga 4. Os coñecementos específicos do Celga 5 en relación co sistema da lingua son os que se sinalan no seguinte cadro:

* Gramática.

-Todas as estruturas dos niveis anteriores.

-Procesos de formación de palabras: derivación e composición (recoñecemento de constituíntes da palabra e significado dos afixos).

-Pronomes persoais átonos: dobres posibilidades de colocación (perífrases, etc.); usos das formas de solidariedade e interese.

-Adecuación da adxectivación ao contexto e ao tipo de texto (formal e coloquial, oral e escrito).

-Usos das formas verbais na composición de textos: os tempos do subxuntivo, o pospretérito, etc.

-Correlación temporal na construción de textos orais e escritos.

-Uso de formas verbais simples e perifrásticas para a expresión da temporalidade: valores específicos e diferenzas.

-Disposición dos constituíntes oracionais: coñecemento das posibilidades de alteración da orde.

-Formas de modalización do discurso: evidenciais (seica, disque, etc.), enfáticos, etc.

-Procedementos de organización estrutural dos textos orais e escritos: focalizacións, tematizacións, reformulacións, etc.

-Adecuación das estruturas sintácticas ao contexto e ao tipo de texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc.).

-Construción do estilo indirecto: estrutura dos enunciados e correlación temporal.

-Utilización de conectores para a organización de textos orais e escritos.

-Recoñecemento dos trazos morfosintácticos diferenciadores das variedades sociais, xeográficas e históricas do galego.

* Fonética e ortografía.

-Os contidos dos niveis anteriores.

-Recoñecemento e uso das formas ortográficas opcionais (artigo, contraccións, etc.).

-Adecuación da entoación ás intencións comunicativas.

-Recoñecemento dos trazos fonéticos diferenciais das variedades xeográficas máis comúns e estendidas (gheada, seseo, etc.).

-Utilización dos signos de puntuación e convencións gráficas na construción de textos escritos extensos.

* Léxico.

As capacidades comunicativas descritas na epígrafe de habilidades implican o dominio do vocabulario relacionado cunha serie de áreas temáticas.

No Celga 5 o vocabulario abranguerá de forma plena o conxunto de áreas e ámbitos temáticos. A persoa que supere este nivel estará en condicións, ademais, de comprender os significados de voces e expresións fraseolóxicas en contextos específicos e de detectar valores connotativos, intencionais e polisémicos en textos coloquiais e literarios. Como emisor fará un uso amplo da sinonimia e doutros recursos léxicos para escoller o termo máis adecuado á situación comunicativa ou á finalidade do discurso.

As áreas temáticas e algúns dos campos semánticos nos que se desdobran son os seguintes:

-Identificación e caracterización das persoas: idade e cronoloxía en xeral, sexo e estado civil; procedencia e localización xeográfica; características físicas; roupa e maneiras de vestir; estudos e profesións; carácter, estados de ánimo.

-Vivenda e contorno físico: o fogar, as partes da casa, o mobiliario, os tipos de hábitat, a organización urbana, a localización no espazo, a paisaxe, o relevo, a vexetación, a fauna, o clima e a meteoroloxía.

-Relacións humanas: relacións familiares e de parentesco; relacións de amizade e inimizade; formas de convivencia; agrupamentos e interaccións humanas; fórmulas de saúdo, despedida, felicitación, condolencia, agradecemento, desculpa, etc.

-Organización da sociedade e servizos públicos: organización política; estrutura administrativa; organismos e servizos públicos; organizacións sociais, políticas e profesionais.

-Lecer e tempo libre: xogos, deportes, espectáculos, festas, lectura, música, hostalaría, vacacións.

-Alimentación: alimentos, bebidas, dietas, gastronomía típica, establecementos de restauración.

-Viaxes e comunicacións: medios de transporte, vías públicas, estacións e aeroportos, turismo, sistemas de comunicación interpersoal, aparellos para a transmisión da voz e da imaxe.

-Compras e actividades comerciais: actividades de compra e venda, establecementos comerciais, rede bancaria, moeda e formas de pagamento.

-Saúde e atención sanitaria: estado de saúde, doenzas, tratamentos médicos, consultas, sistema sanitario.

-Educación: sistema educativo, profesionais da educación, estudos e titulacións, recursos e materiais escolares, actividades e tarefas escolares.

-Termos e expresións habituais do rexistro coloquial.

-Variación léxica referida a obxectos ou realidades máis comúns.

3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.

Neste nivel é de aplicación o indicado no Celga 4, incidindo aínda de maneira máis destacada na profundidade analítica e valorativa coa que deben ser tratados estes contidos, na diversidade de focos ou perspectivas desde as que se poden abordar, na pluralidade de fontes e materiais nos que se deben apoiar, e na autonomía do aprendiz no achegamento a estes.

Os temas ou tópicos poden referirse a calquera aspecto da historia ou da actualidade de Galicia e dos galegos. En todo caso, dadas as capacidades e coñecementos máis específicos do Celga 5, pode ser de interese que se lle preste especial atención a aquelas cuestións que teñen incidencia máis directa nos comportamentos lingüísticos e na relación dos falantes co idioma: situación sociolingüística de Galicia, tensión entre variación e norma, relación entre o galego e o mundo da lusofonía, a lingua galega no exterior, etc.

O mesmo ca nos niveis anteriores, deberase ter en conta tamén aquí que a función destes contidos segue sendo a de servir de soporte para a interacción comunicativa, para conseguir unha máis rigorosa comprensión do universo sociocultural no que se desenvolve a lingua galega e, en último termo, para favorecer que a competencia comunicativa sexa máis plena.


No hay versiones para esta norma