Orde do 18 de abril de 2007 pola que se crea e regula a convocatoria do Plan de seccions bilingues en centros sostidos con fondos publicos de ensino non universitario. - Diario Oficial de Galicia, de 07-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 87
  • Fecha de Publicación: 07/05/2007
  • PDF de la disposición

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén levando a cabo nos últimos anos accións que teñen por finalidade o impulso da mellora da formación do noso alumnado no coñecemento das linguas estranxeiras pertencentes ao espazo cultural europeo, en consonancia coas consideracións da Comisión Europea, dentro do seu programa de traballo Educación e Formación 2010, relacionadas coa comunicación nunha lingua estranxeira como competencia clave dentro da sociedade do coñecemento, na cal a aprendizaxe de linguas constitúe un elemento esencial no proceso de construción dunha identidade europea. As chamadas seccións bilingües enmárcanse dentro deste obxectivo, para o que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aposta por mellorar as competencias lingüísticas da poboación galega, dotándoa de competencias plurilingües e pluriculturais coa implantación de proxectos de innovación educativa relacionados coa aprendizaxe de linguas.

Dentro dese conxunto de accións levouse a cabo a creación de dous plans experimentais. Por unha banda, as seccións europeas, como fórmula experimental de ensino bilingüe, lingua galega ou castelá e lingua estranxeira. Este plan iniciouse no ano escolar 1999-2000 co establecemento dun proxecto experimental. Posteriormente foi regulado a través da Orde do 18 de abril de 2002, DOG do 30 de abril, pola que se establece o Plan experimental de creación de seccións europeas destinadas a potenciar a aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria e centros públicos integrados, e ampliado no número de centros participantes a través da Orde do 26 de maio de 2003, DOG do 2 de xuño. O devandito Plan experimental de seccións europeas é modificado e ampliado mediante a Orde do 10 de xuño de 2005, DOG do 24 de xuño, que estende o plan aos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria e aos ciclos da formación profesional específica.

Por outra banda, a Orde do 31 de maio de 2006, DOG do 12 de xuño, fai pública a convocatoria para seleccionar 10 proxectos de innovación educativa para desenvolver aulas bilingües en centros de educación primaria. As aulas bilingües caracterízanse, ao igual que as seccións europeas, por ter como obxectivo o estudo de materias non lingüísticas en dúas linguas, galego/castelán e unha lingua estranxeira.

Visto o crecente interese dos centros da Comunidade de Galicia no ensino CLIL/AICLE (aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira) cómpre ampliar o número de centros de educación primaria participantes e unificar os devanditos plans experimentais baixo unha mesma nomenclatura, tratándose do mesmo tipo de ensino, tal e como está a acontecer noutras comunidades autónomas.

En consecuencia, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Aspectos xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a ordenación do establecemento de seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos de primaria, secundaria e formación profesional dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No caso de centros concertados, a autorización do proxecto de sección bilingüe en ningún caso significará modificación das condicións do concerto educativo subscrito.

Artigo 2º.-Definición.

1. Unha sección bilingüe é a organización da ensinanza dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, ou dun módulo de formación profesional específica, que se cursa cun grupo de alumnos dun xeito bilingüe: en galego ou castelán, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente en materia de normalización lingüística, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea, que é impartida como área ou materia ao devandito grupo de alumnos e alumnas. A súa finalidade é reforzar as aprendizaxes da lingua estranxeira a través da incorporación parcial do seu uso como vehículo de comunicación na área, materia ou módulo en que se desenvolve, así como a adquisición da terminoloxía específica.

2. A incorporación da lingua estranxeira na sección bilingüe farase progresivamente, incrementando a súa presenza ao longo do seu desenvolvemento.

Artigo 3º.-Estrutura e organización dun proxecto de sección bilingüe.

1. O alumnado que participe nun proxecto de sección bilingüe cursará obrigatoriamente a lingua estranxeira da devandita sección.

2. O número máximo de seccións bilingües para un mesmo grupo de alumnos/as será de dúas para educación primaria e de catro para o resto de niveis educativos.

3. Cando nun centro estean autorizadas seccións bilingües de linguas estranxeiras diferentes non poderán afectar un mesmo grupo de alumnos/as.

4. O currículo das áreas, materias ou módulos non lingüísticos das seccións bilingües será o establecido na normativa vixente con carácter xeral. Porén, no caso da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional específica, o alumnado poderá recibir un máximo de dous períodos semanais de clase de reforzo do idioma, como ampliación do seu horario lectivo, que serán impartidos polo seu profesorado especialista de lingua estranxeira, se as necesidades formativas así o requiren e os recursos do centro o permiten.

5. A avaliación e promoción do alumnado axustarase en todos os casos aos procedementos establecidos na normativa vixente con carácter xeral. Para este fin, o profesorado das áreas, materias ou módulos non lingüísticos recibirá o apoio do profesorado especialista do idioma da sección para avaliar a adquisición de competencias lingüísticas do alumnado en relación á súa materia. Ao remate de cada curso, o alumnado que sexa cualificado positivamente na área, materia ou módulo obxecto da sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro, conforme participou nunha sección bilingüe, que se fará constar mediante dilixencia no seu libro de escolaridade e no seu expediente académico segundo o modelo do anexo I.

6. O centro deberá incluír no seu proxecto educativo os obxectivos e medios previstos para o desenvolvemento do proxecto bilingüe.

Artigo 4º.-Alumnado.

1. Poderá acceder ás seccións bilingües o alumnado matriculado en calquera dos cursos das etapas para os que o seu centro estea autorizado. Así mesmo, a incorporación de alumnado a unha sección que vén de anos anteriores ou na metade de curso por traslado doutro centro tamén é posible baixo a decisión do profesorado implicado no proxecto. Calquera decisión deberalle ser comunicada á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta. No caso de que se produza deberá comunicarse á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

3. A incorporación dun alumno ou unha alumna a un proxecto de sección bilingüe requirirá a autorización por escrito dos pais, nais ou titores/as legais. O centro establecerá as medidas oportunas para fornecer a suficiente información ás familias sobre o funcionamento das seccións bilingües.

4. O número mínimo de alumnado para desenvolver unha sección bilingüe (ou para pór en marcha unha nun curso distinto dos que teña autorizado) será con carácter xeral de 12 alumnos/as, agás no bacharelato e na formación profesional específica, onde se poderá iniciar unha sección bilingüe cun mínimo de 10 alumnos/as, e na ensino de adultos, cun mínimo de 8 alumnos/as. Nos cursos seguintes, a delegación correspondente poderá permitir o desenvolvemento de seccións bilingües cun mínimo de 10 alumnos/as (8 para bacharelato e formación profesional específica e 7 para ensino de adultos) para garantir a continuidade do proxecto bilingüe. En ningún caso, os agrupamentos de seccións bilingües suporán incremento do número de profesores/as do centro.

5. O centro deberá asegurarlle ao alumnado a posibilidade de continuar nunha sección bilingüe ao longo da etapa correspondente. En consecuencia, deberase tomar en consideración esta circunstancia á hora de asignarlle grupos ao profesorado autorizado para impartir seccións bilingües.

6. No caso de que nun ano escolar un curso dunha sección bilingüe non acade o número mínimo de alumnos/as, o seu desenvolvemento nese curso quedará en suspenso. A dirección do centro deberá comunicar esta circunstancia á delegación provincial correspondente, que a trasladará á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

7. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 1 de outubro, a dirección do centro deberá remitir á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a cifra de alumnado matriculado en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da Inspección Educativa.

Artigo 5º.-Profesorado.

1. O profesorado da área, materia ou módulo non lingüísticos que inicie o proxecto deberá ter destino definitivo no centro e acreditar a competencia lingüística no idioma estranxeiro, mediante a presentación de documentación que así o xustifique, segundo o anexo II desta orde, ou, no seu defecto, garantindo que reúne as competencias de comprensión, fala e escrita propias do nivel B1 (segundo os niveis de referencia do Marco Común Europeo para as Linguas). Neste último caso, o profesorado poderá ser citado para a comprobación da idoneidade da súa competencia lingüística polo Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asegurará que as vacantes que se produzan nas áreas, nas materias ou nos módulos non lingüísticos vinculados ao Plan de seccións bilingües se cubran con profesorado coa debida competencia lingüística. Para iso, establecerá os criterios selectivos para levar a cabo as substitucións temporais por medio de comisións de servizo para funcionarios de carreira ou por medio de profesores integrantes das listaxes de aspirantes para cubrir postos en réxime de interinidade, coa debida competencia lingüística no idioma estranxeiro correspondente.

3. O departamento da correspondente lingua estranxeira comprometerase á coordinación co profesor ou profesora de área, materia ou módulo non lingüísticos da sección bilingüe, así como ao posible apoio ao alumnado no desenvolvemento de clases de reforzo de idioma. Para tal fin deberase designar un docente de entre os que imparten docencia de lingua estranxeira ao alumnado da sección bilingüe, que actuará como coordinador ou coordinadora. A dirección do centro deberá establecer os procedementos que garantan a coordinación semanal das actuacións entre o profesorado que imparte en cada grupo de alumnos/as da sección bilingüe áreas, materias ou módulos non lingüísticos e o da correspondente lingua estranxeira. Serán funcións do/a coordinador/a: realizar o seguimento e a coordinación do equipo de profesores/as que forman parte do proxecto bilingüe, participar nas tarefas de formación do profesorado, participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e memorias finais, e todos aqueles aspectos necesarios para o desenvolvemento adecuado da experiencia.

4. O profesorado participante na sección bilingüe (tanto o de área, materia ou módulo non lingüísticos como o de lingua estranxeira) terá unha redución horaria no ámbito das horas lectivas a razón dun período semanal por cada sección bilingüe en que imparte docencia e cun máximo de tres períodos semanais. A devandita redución horaria estará destinada ás actividades de coordinación, avaliación e atención ao programa. No caso do profesorado especialista de lingua estranxeira que imparta períodos semanais de reforzo de idioma da sección bilingüe, estes computarán como lectivos. En ningún caso as reducións e horarios de reforzo poderán implicar o aumento do número de profesorado do centro.

5. O profesorado de áreas, materias ou módulos non lingüísticos participantes na sección bilingüe terán como funcións: participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, elaborar materiais curriculares específicos, elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar, confeccionar unha memoria final e todos aqueles aspectos necesarios para o desenvolvemento adecuado da experiencia.

6. Co fin de facer posible a coordinación entre o profesorado implicado no proxecto, como mínimo un dos períodos lectivos de redución á semana debe ser común. O horario do profesorado participante no proxecto será confeccionado de tal xeito que se reservará un período lectivo para a celebración de reunións semanais de coordinación de todo o profesorado implicado no proxecto.

7. O profesorado de centros concertados que desexe implicarse nunha experiencia bilingüe deberá aterse ao establecido nos puntos 3 e 5 do artigo 5. Así mesmo, deberá acreditar a súa competencia lingüística do xeito explicado no punto 1 do mesmo artigo. O centro deberá asegurar que o/a profesor/a proposto/a está o suficientemente consolidado/a no seu posto para garantir a continuidade do plan bilingüe.

Artigo 6º.- Formación do profesorado e certificación de participación.

1. Todo o profesorado participante no Plan de seccións bilingües deberá participar nas actividades para a formación inicial e continua deseñadas para o ensino CLIL/AICLE (aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira). A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará, dentro do seu Plan de formación, actividades específicas para o profesorado implicado nesta experiencia.

2. O profesorado participante terá prioridade na convocatoria anual de estadías no estranxeiro.

3. No espazo web http: //www.edu.xunta.es/contidos/rede_linguas ofertaranse recursos específicos e información relativa ao ensino CLIL/AICLE. O profesorado participante no Plan de seccións bilingües poderá colgar materiais no devandito espazo web e, a través do foro de debate, poderanse intercambiar experiencias.

4. A docencia e coordinación das seccións bilingües terá carácter de actividade de innovación educativa segundo a Orde do 1 de marzo de 2007, DOG do 11 de abril, e, en consecuencia, o profesorado implicado recibirá unha certificación: a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa expediralle unha certificación de 50 horas ao profesorado CLIL (responsable da materia); e unha certificación de 20 horas ao profesorado coordinador (especialista na lingua estranxeira en que se imparte a sección), pola función desenvolvida durante cada curso escolar.

Artigo 7º.- Orzamento específico.

Os centros públicos autorizados para participar no desenvolvemento de seccións bilingües contarán cunha asignación orzamentaria anual, que será fixada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, con cargo á partida de gastos de funcionamento, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan. A xustificación dese importe deberá efectuarse coa dos gastos de funcionamento e de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 8º.-Asesoramento e avaliación do plan.

1. Os centros de Formación e Recursos ofrecerán apoio e asesoramento, tanto na fase de elaboración de proxectos, coma na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e posterior avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 9º.- Memoria final de curso.

1. Ao rematar o curso lectivo, o profesorado de cada área, materia ou módulo non lingüísticos implicado no proxecto de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa que lle trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria seralle remitida pola dirección do centro á correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que a tramitará á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, acompañada dun informe da Inspección Educativa.

2. A citada memoria tratará sobre a posta en marcha e desenvolvemento da sección bilingüe, os datos do alumnado, as implicacións na organización do centro, a avaliación do proceso, os resultados e as propostas de mellora, así como as observacións e conclusións. Incluirá tamén a programación desenvolvida das materias e as contribucións das persoas coordinadoras especialistas de lingua estranxeira.

Artigo 10º.-Prórroga.

A renovación da autorización das seccións bilingües é automática sempre que se sigan a cumprir as condicións polas cales foron autorizadas. Xunto coa memoria final de curso, a dirección de cada centro deberá notificar se seguen a cumprirse as devanditas condicións.

Artigo 11º.-Remate ou suspensión da participación no proxecto.

1. Os centros autorizados para o desenvolvemento de seccións bilingües que desexen rematar a súa participación, ou que non poidan continuar por deixar de se cumprir algún dos requisitos de autorización, deberán comunicarlle á delegación provincial antes do 30 de xuño do ano escolar correspondente.

2. Co propósito de poder facer o seguimento do plan, as delegacións provinciais comunicaranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, antes do 30 de setembro de cada ano escolar, a situación dos centros autorizados a participar no plan.

Capítulo II

Autorización dos centros e solicitudes

Artigo 12º.-Autorización dos centros.

1. Corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a autorización dos centros para participar neste plan experimental. No caso da formación profesional específica, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais emitirá o correspondente informe.

2. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicará no Diario Oficial de Galicia a relación dos centros que cada ano escolar estarán autorizados para desenvolver seccións bilingües.

3. A autorización renovarase automaticamente cada ano escolar sempre que se sigan a cumprir as condicións de participación. En consecuencia, os centros que conten con autorización para o desenvolvemento de seccións bilingües non deberán realizar novas solicitudes, agás no caso de modificación das citadas condicións, como poden ser a extensión do plan a outros cursos ou niveis distintos dos que formaran parte da súa autorización.

Artigo 13º.-Solicitude e documentación que hai que presentar.

1. Os centros que desexen iniciar a implantación de seccións bilingües deberán facer a correspondente solicitude, axustada ao modelo que se recolle no anexo III.

2. Os centros deberán xuntar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto de participación no plan, no cal se recollan, entre outros aspectos: profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos nos cales se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas, pautas para a avaliación do proxecto e orzamentos previstos.

b) Certificación da aprobación do proxecto polo Consello Escolar.

c) Certificación do acordo do claustro, con mención explícita do compromiso por parte do profesorado implicado (profesorado responsable da sección e profesorado coordinador) de formar parte do proxecto durante como mínimo dous anos.

d) Relación do profesorado da área, materia ou módulo non lingüísticos, xunto coas credenciais de posuír destino definitivo no centro e a titulación que acredite a súa competencia lingüística.

e) Certificación da dirección do centro co número de alumnos/as que participarán nas seccións bilingües que se solicitan.

Artigo 14º.-Prazo de presentación e resolución.

1. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro, xunto con todos os documentos xustificativos mencionados no artigo 13º, deberase tramitar perante a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a través do Servizo Provincial de Inspección Educativa correspondente, que deberá informar se a documentación presentada se axusta a todos os requisitos que se establecen nesta orde.

2. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de cada ano escolar e a resolución deberá realizarse antes do 15 de xullo.

Disposición adicional

Única.-Delégase na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a realización das actividades de avaliación que conduzan á revisión, supresión ou extensión dest e plan.

Disposición transitoria

Única.-Aos centros autorizados a impartir aulas bilingües pola Orde do 31 de maio de 2006 , DOG do 12 de xuño, e seccións europeas pola Orde do 10 de xuño de 2005, DOG Orde do 24 de xuño, seralles de aplicación o disposto nesta e considerarase renovada a autorización concedida no seu día.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas a Orde do 18 de abril de 2002, DOG do 30 de abril, pola que se establece o Plan experimental de creación de seccións europeas, a Orde do 26 de maio de 2003, DOG do 2 de xuño, pola que se amplía o número de centros participantes no Plan experimental de seccións europeas, a Orde do 10 de xuño de 2005, DOG do 24 de xuño, pola que se modifica e amplía o Plan experimental de seccións europeas e a Orde do 31 de maio de 2006, DOG do 12 de xuño, pola que se fai pública a convocatoria para seleccionar 10 proxectos de innovación educativa que desenvolvan en centros de primaria aulas bilingües.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Credencial anual de participación do alumnado

Dilixencia para facer constar que Don/a..., alumno/a do curso... de... (primaria, ESO, bacharelato ou denominación do ciclo formativo, segundo proceda) participou no curso académico... no Plan de seccións bilingües nas áreas, materias ou módulos de... que se impartiron en... (idioma das seccións).

Asdo.:

Secretario/a

Visto e prace

Asdo.:

Director/a

ANEXO II

Titulacións mínimas exixidas:

-Título de mestre/a habilitado/a ou especialista da correspondente lingua estranxeira que se vai utilizar na sección.

-Ter superado, polo menos, tres cursos da licenciatura en: filoloxía da lingua estranxeira correspondente, ou tradución e interpretación (da mesma lingua).

-Certificado elemental, no idioma correspondente, da escola oficial de idiomas.

-Para inglés: Certificate in Advanced English.

-Para francés: Diplome Approfondi de Langue Française (DALF).

-Para portugués: Diploma Avançado de Português Lingua Estrangeira (DAPLE).

-Para alemán: Zertifikat Deutsch.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma