Orde do 18 de decembro de 2009 pola que se regula o procedemento de expedicion da tarxeta sanitaria para os galegos e galegas, residentes no exterior, durante a sua estadia temporal en Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 23-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 249
  • Fecha de Publicación: 23/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece a cobertura universal da asistencia sanitaria en Galicia, de conformidade co establecido na Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do sistema nacional de saúde.

O Decreto 177/1995, do 16 de xuño, e a Orde do 12 de xuño de 1995 que o desenvolve, estableceron as características e o contido da tarxeta sanitaria como documento de carácter básico para o acceso á asistencia sanitaria prestada polo Sistema Público de Saúde de Galicia.

En recoñecemento da singularidade do colectivo de galegos e galegas de orixe ou de ascendencia que residan fóra do territorio español, aprobouse o Decreto 429/2009, do 3 de decembro, que modifica o Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se crea unha tarxeta sanitaria para o acceso destas persoas as prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Esta orde, que desenvolve o Decreto 429/2009, do 3 de decembro, ten como finalidade habilitar a provisión de servizos sanitarios e establecer un procedemento áxil e sinxelo para a expedición e activación desta tarxeta sanitaria.

De acordo co anterior e, en uso das competencias e atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto desta orde establecer o procedemento de expedición e activación da tarxeta sanitaria que servirá de acreditación para o acceso aos servizos sanitarios dos galegos e galegas, de orixe ou ascendencia, residentes no estranxeiro, a que fai referencia o artigo 1 parágrafo 2º do Decreto 177/1995, do 16 de xuño.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A tarxeta sanitaria seralles facilitada aos galegos e galegas residentes no estranxeiro que cumpran as condicións que se establecen no artigo 1 do Decreto 177/1995, do 16 de xuño.

O dito documento acreditativo permitirá o acceso ás prestacións sanitarias establecidas no artigo 3 do Decreto 177/1995, do 16 do xuño, que regula a tarxeta sanitaria.

As prestacións sanitarias a que se refire o parágrafo anterior se limitan ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Procedemento para a obtención da tarxeta sanitaria.

1. Para a solicitude da tarxeta sanitaria dirixirase á xerencia de atención primaria a que pertenza o Consello no que resida na súa estancia en Galicia a correspondente petición mediante un impreso que se facilitará para tal efecto, acompañado da documentación seguinte:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte en vigor.

b) Copia, acompañada do documento orixinal, do Certificado de Residencia de Españois Residentes no Estranxeiro, emitida pola embaixada, oficina consular de España no Estado de residencia ou polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, actualizada no momento da solicitude.

c) Copia, acompañada do documento orixinal, do Certificado de Inscrición no Censo de Electores Residentes Ausentes, emitido, ben polo servizo do censo da embaixada, oficina consular de España no Estado de residencia ou polas delegacións provinciais do Instituto Nacional de Estatística e da Oficina do Censo Electoral, actualizado no momento da solicitude.

d) Número da Seguridade Social asignado.

2. Os menores de 18 años, ademais da petición, presentarán a documentación seguinte:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte, en vigor.

b) Fotocopia do libro de familia.

c) Copia, acompañada do documento orixinal, do Certificado de Residencia de Españois Residentes no Estranxeiro, emitida pola embaixada, oficina consular de España no Estado de residencia ou polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, actualizada no momento da solicitude.

d) Fotocopia, acompañada do documento orixinal, do Certificado de Inscrición no Censo de Electores Residentes Ausentes do pai, da nai ou do titor, emitido ben polo servizo do censo da embaixada, oficina consular de España no Estado de residencia ou polas delegacións provinciais do Instituto Nacional de Estadística e da Oficina do Censo Electoral, actualizado no momento da solicitude.

e) Número da Seguridade Social asignado.

3. Unha vez presentada a documentación relacionada no parágrafo anterior, na xerencia de atención primaria correspondente, procederase a dar de alta ao interesado na base de datos de tarxeta sanitaria, e a activación desta cos datos de identificación persoal e o período de validez recoñecido, procedendo, ao mesmo tempo á asignación da cota médica do centro de saúde que lle corresponda por razóns de proximidade á súa residencia de estadía temporal no concello galego que notifique.

Artigo 4º.-Prazo de validez do documento.

O prazo de validez da tarxeta sanitaria para residentes no estranxeiro coincidirá co da estancia temporal en Galicia, non podendo exceder de tres meses desde o momento da súa expedición, prorrogable por outros tres, por petición xustificada do interesado, dentro do período do último ano da solicitude.

Artigo 5º.-Prórrogas e renovacións.

As prórrogas e renovacións poderanse solicitar directamente no centro de saúde de atención primaria que lle corresponda.

Artigo 6º.-Contido da prestación de asistencia sanitaria.

A atención sanitaria comprenderá aquelas prestacións sanitarias derivadas dun problema de saúde novo, coa cobertura establecida no artigo 3 do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, que regula a tarxeta sanitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación para levar adiante todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde, e, en particular, establecer o deseño e o procedemento interno de activación da tarxeta sanitaria, así como a habilitación dos sistemas informáticos necesarios para a homoxeneización das actuacións dos centros de saúde no proceso de efectividade do documento.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2009.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade


No hay versiones para esta norma