Orde do 18 de novembro de 2003 pola que se convoca o II Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación. - Diario Oficial de Galicia, de 27-11-2003

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 231
  • Fecha de Publicación: 27/11/2003
  • Este documento NO tiene versiones

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, está impulsando actividades polas que se intenta divulgar e facilita-la comprensión do que significa este desenvolvemento.

Entre estas actuacións e ó abeiro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio convoca a segunda edición dos Premios de Xornalismo Científico Galicia Innovación. O galardón ten como finalidade estimula-la producción de textos periodísticos especializados en materia científica e de investigación e desenvolvemento.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto. Convócase a segunda edición dos Premios de Periodismo Científico Galicia Innovación, para os periodistas que traballan para medios de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia. Este premio está destinado a estimula-la producción de textos xornalísticos especializados en materia científica.

Artigo 2º.-Dotación económica. Os premios ós que se refire o artigo primeiro estarán dotados con 5.000 euros para o primeiro traballo galardoado e 2.300 euros para o segundo. Os gastos relativos á acción desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 08.05.432A. 480.0 dos orzamentos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio para o ano 2004, cofinanciados con fondos do Fondo Social Europeo da Unión Europea. Ós premios aplicaráselles a correspondente retención fiscal.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Poderán participar nesta convocatoria tódolos periodistas que traballen para medios de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os concursantes deberán presentar un traballo periodístico de contido científico (preferentemente sobre temas de investigación e desenvolvemento) de calquera xénero informativo publicado ou emitido por medios de comunicación galegos, xa sexan en soporte escrito, audiovisual ou electrónico (6 copias) . Os traballos poderán ser presentados a título individual ou en equipo e terán que estar publicados durante o período no que estea aberto o prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.

3. O prazo de presentación de traballos será desde o día seguinte ó da publicación no DOG, ata o 31 de marzo de 2004.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes. As solicitudes no modelo oficial PSS-07 que se publica como anexo a esta orde e que está á disposición dos interesados/as na Internet no enderezo:

http://www. sxid. org. presentaranse, dirixidas ó director xeral de Investigación e Desenvolvemento, no rexistro xeral da Dirección Xeral de investigación e Desenvolvemento ou por calquera da formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes realizadas no modelo oficial que vai con esta orde a modo de anexo deberán ir acompañadas, inescusablemente, da seguinte documentación:

a) Currículum vitae do candidato ou candidatos (sextuplicado) .

b) Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI/NIF) do candidato ou candidatos.

c) Certificado da empresa de comunicación galega que acredite que o solicitante ou solicitantes presta/n os seus servicios nela, como xornalista/s.

d) Se se trata dun traballo en prensa escrita, terá que achegarse un exemplar orixinal da publicación na que se difundise. No caso de ser un traballo audiovisual, a cinta de audio (en formato casete) ou de vídeo (en formato VHS) deberá recolle-lo espacio ou programa completo no que se dinfundise. Por último, se se trata dun traballo en formato electrónico, débese achegar un CD no que se recolla un volcado de pantalla da páxina ou páxinas web onde apareza e unha copia impresa. En tódolos casos, debe quedar constancia de que o traballo foi difundido no prazo indicado.

Artigo 5º.-Composición e funcións dos xurados. Os traballos presentados e que se axusten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por cinco membros:

-Dous en representación da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

-Un en representación da secretaria para as Relacións cos Medios Informativos da Xunta de Galicia.

-O decano da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela.

-O decano do Colexio Oficial de Xornalismo de Galicia.

O director xeral de Investigación e Desenvolvemento designará entre os ditos membros o presidente e o secretario do xurado.

A decisión do xurado será inapelable. Artigo 6º.-Retirada da documentación. As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retira-los traballos non premiados nas dependencias da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento no prazo de 60 días contados a partir da resolución do xurado correspondente.

Artigo 7º.-Entrega dos premios. Os premios entregaranse en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 8º.A Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, á súa libre elección, divulga-los proxectos premiados, sen que isto supoña cesión ou limitación ningunha nos dereitos de propiedade do autor sobre eles.

Artigo 9º.A convocatoria, as súas bases, e tódolos actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.Para os efectos do establecido nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspon dentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases.

Segunda.-Esta convocatoria tramítase polo procedemento de gastos anticipados ó abeiro do establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación de gastos, tende en conta as modificacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2003. Juan Rodríguez Yuste Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma