Orde do 19 de febreiro de 2010 pola que se determinan os servizos minimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nas institucions sanitarias dependentes do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo durante a folga convocada desde as 00.00 as 24.00 horas, os dias 24 de febreiro, 3 e 25 de marzo de 2010, que afectara a todo o persoal do devandito complexo. - Diario Oficial de Galicia, de 23-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 36
  • Fecha de Publicación: 23/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e nas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño) entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria, así como o persoal necesario para realizala co fin de asegurar o mantemento de tales servizos.

A folga convocada polas organizacións sindicais, UGT, CC.OO., SAE, SATSE, CSIF e CIG afectará todo o persoal das institucións sanitarias do Complexo Universitario Hospitalario de Vigo.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concreten e xustifican nesta orde.

Logo da audiencia ao comité de folga, a Consellería de Sanidade,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada polas organizacións sindicais, UGT, CC.OO., SAE, SATSE, CSIF e CIG afectará todo o persoal e a todas as institucións sanitarias do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo desde as 00.00 ás 24.00 horas, os días 24 de febreiro, 3 e 25 de marzo de 2010, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Por tratarse dunha folga que abrangue as 24 horas en días laborables os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se lle produzan graves prexuízos á cidadanía, que respectando o exercicio do dereito á folga, baixo ningún concepto, pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

Establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

Criterios reitores:

Establécense os criterios reitores seguintes para o mantemento dos servizos esenciais durante a folga no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI):

a) Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

-Servizos de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

-Paritorios.

2. Cobertura do 100% da actividade nas seguintes áreas:

-Unidades de reanimación.

-Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, se é o caso.

-Área de diálise.

-Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos doentes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida dos mesmos ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, por criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios, que ao criterio do facultativo sexan necesarias.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

b) Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

-Atención aos paritorios.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

-Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

-Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, a criterio dos facultativos, sexan necesarios e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

c) Persoal de xestión e servizos:

1. Urxencias: o 100% do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao de domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

4. Atención ao doente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo de 1 por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente aos domingos e festivos ou ata o 50% dos efectivos da quenda.

7. Limpeza: ata o 50% dos efectivos da quenda.

8. Hostalaría: un número mínimo igual aos domingos ou festivos, ou ben un 60% dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos doentes que non requiran dieta médica especial.

9. Condutores: o mesmo número de efectivos cos domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

10. Servizos administrativos:

-Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos pacientes.

-Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e como máximo ata o 40% dos efectivos da quenda.

-Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25% dos efectivos da quenda.

-Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25% dos efectivos da quenda.

-Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25% dos efectivos da quenda.

11. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente aos domingos ou festivos.

Artigo 2º

A determinación dos profesionais necesarios para cubrir os servizos esenciais con base nos criterios anteriores faraa a dirección do centro respectivo, mediante a designación nominal e individual do dito persoal.

Deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación ao comezo da folga.

A/o profesional designado como servizo mínimo, que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outra/o profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de mínimos de cada centro, dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllense, o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir a xornada de folga.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do establecido nesta orde, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Diposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2010.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma