Orde do 2 de xuño de 2009 pola que se declaran, de xeito provisorio, como espazo natural de interese local as Illas de San Pedro, no concello da Coruña, na provincia da Coruña. - Diario Oficial de Galicia, de 10-06-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 112
  • Fecha de Publicación: 10/06/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos naturais de interese local como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición do concello e logo de informe da Consellería de Medio Ambiente, Terrritorio e Infraestruturas, a Consellería do Medio Rural poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que, polas súas singularidades, sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun espazo natural de interese local é competencia da Consellería do Medio Rural, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun espazo natural de interese local non significa que se inclúa na rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería do Medio Rural de declarar, de xeito provisorio, un espazo natural de interese local por un prazo non superior a dous anos, debendo os promotores presentar dentro deste prazo, como requisito imprescindible para a declaración do espazo natural de interese local, o plan de conservación deste espazo.

O Concello da Coruña propuxo á entón denominada Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a declaración como espazo natural de interese local da paraxe denominada Illas de San Pedro, situadas fronte ao lugar do Portiño, concello da Coruña (A Coruña). O concello acompañou a súa solicitude dunha memoria que cumpre e se axusta ao establecido no artigo 3.3º do Decreto 124/2005, do 6 de maio.

Acompañando a memoria xuntouse un informe da Demarcación de Costas en Galicia, emitido no 30 de maio de 2008, no cal se apoia a solicitude presentada polo Concello da Coruña nos seguintes termos:

-A Demarcación de Costas do Estado en Galicia está interesada en colaborar en todo o que signifique a máxima protección dos espazos litorais no seu ámbito de competencias.

-A declaración como espazo natural de interese local non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

-O concello exercerá as competencias e funcións que a lexislación sobre costas dispoña e calquera actuación sobre este espazo estará sometida á preceptiva tramitación que a lexislación establece.

Unha vez recibida esta solicitude, o Servizo de Conservación da Natureza, na Coruña, emitiu informe favorable sobre a declaración do espazo natural de interese local.

Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito provisorio, a paraxe das Illas de San Pedro, no concello da Coruña, como espazo natural de interese local, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural que o fan merecente da protección dos seus valores naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración provisoria das Illas de San Pedro como espazo natural de interese local.

1. Declárase, provisoriamente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local as Illas de San Pedro, no termo municipal da Coruña, por proposta do Concello da Coruña.

2. Durante o prazo da declaración provisoria das Illas de San Pedro como espazo natural de interese local e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello da Coruña deberá de remitir á Consellería do Medio Rural o Plan de conservación deste espazo.

No caso de que o Concello da Coruña non remita o Plan de conservación do espazo natural das Illas de San Pedro no prazo sinalado, terase por desistido da súa solicitude de declaración desta paraxe como espazo natural de interese local, e producirase desde ese momento a extinción dos efectos da declaración provisoria deste espazo natural.

Artigo 2º.-Réxime de protección preventiva.

1. A declaración provisoria do espazo natural de interese local das Illas de San Pedro implica a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

2. Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do espazo natural de interese local das Illas de San Pedro levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 3º.-Límites.

A extensión e límites do espazo natural de interese local das Illas de San Pedro son os sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 4º.-Xestión.

1. Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do espazo natural das Illas de San Pedro.

2. O concello exercerá as competencias e funcións que a lexislación sobre costas dispoña e calquera actuación sobre esta espazo estará sometida á preceptiva tramitación que a lexislación establece.

3. Dada a relevancia dos recursos específicos da orla litoral (percebe, ourizos e algas) as medidas de xestión do ENIL (espazo natural de interese local) deberán considerar a actividade pesqueira e marisqueira, a utilización do espazo intermareal e a explotación sustentable dos seus recursos por parte dos mariscadores, desenvolvidas conforme os plans de aproveitamento aprobados.

4. O Concello da Coruña comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e emprender as medidas de xestión necesarias.

Artigo 5º.-Efectos.

1. A declaración provisoria das Illas de San Pedro como espazo natural de interese local non implica a súa inclusión na rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisoria das Illas de San Pedro como espazo natural de interese local non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

Artigo 6º.-Extinción.

1. Mediante orde do conselleiro de Medio Rural poderase poñer fin para os efectos da declaración provisoria das Illas de San Pedro como espazo natural de interese local se desapareceren as causas que motivaron a protección deste espazo e non foren susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisoria das Illas de San Pedro como espazo natural de interese local no suposto recollido no número 2 do artigo 1º desta orde.

Disposición transitoria

O compromiso orzamentario mencionado no artigo 4.3º concretarase antes do 30 de abril de 2010 mediante acordo do pleno ou acordo do concello, conforme as facultades conferidas pola Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, artigo 124.4º ñ).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma