Orde do 21 de marzo de 2011 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, de distintas familias profesionais., - Diario Oficial de Galicia, de 25-03-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 60
  • Fecha de Publicación: 25/03/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no artigo 3º.5 que un dos fins do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional é o de avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional, calquera que fose a súa forma de adquisición e no seu artigo 4º, establece que un dos seus instrumentos é o procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro das cualificacións profesionais.

A mesma lei, no seu artigo 8º, alínea 2, establece que a avaliación e a acreditación da competencia profesional adquirida a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación se debe desenvolver seguindo criterios que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, e que terá como referente o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais; e na súa alínea 3 recolle a posibilidade de realizar acreditacións parciais acumulables.

O Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, polo que se regula o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, define no seu artigo 5º, alínea b), a unidade de competencia como o agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial, para os efectos previstos no artigo 8º.3 de la Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece como un dos seus principios xerais a concepción da educación como unha aprendizaxe permanente, que se desenvolverá ao longo de toda a vida. No seu artigo 66º.4, referido á educación para as persoas adultas, determina como un dos seus obxectivos o de conectar as vías de aprendizaxe (ensino regrado ou non regrado, ou a través da experiencia laboral) e o de adoptar as medidas para a validación destas aprendizaxes.

Pola súa parte, o Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 35º, fai referencia ás probas para obter os títulos de técnico e de técnico superior e, no seu punto 4, especifica que a acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación se obterá segundo o procedemento que se estableza no ámbito do desenvolvemento do artigo 8º.3 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo (BOE do 25 de agosto), de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, vén desenvolver o establecido no artigo 8º.4 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establecendo o procedemento e os requisitos para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, así como os seus efectos.

Para a implantación do procedemento en Galicia, o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, atribúe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as competencias para a promoción e o desenvolvemento do recoñecemento de competencias profesionais nas diferentes familias profesionais que compoñen o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Así mesmo, indica que será a Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas a quen lle corresponde a organización e a coordinación do sistema de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais.

O Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos órganos da Xunta de Galicia, recolle a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, creada pola Lei 3/2002, do 29 de abril, como ente de dereito público adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ten entre as súas funcións a avaliación da competencia profesional da poboación activa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, determina no seu artigo 20º.2 que as ofertas flexibles para atender as necesidades de cualificación de colectivos específicos poderán realizarse nos réximes e nas modalidades que a consellería con competencias en materia e educación determine, así como a través do proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias.

Así mesmo, no artigo 52º recóllense as validacións de módulos profesionais pola acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, indicando que quen teña acreditada unha unidade de competencia que forme parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais terá validados os módulos profesionais correspondentes, segundo se determine na norma que estableza cada título e se recolla na norma pola que se estableza o currículo correspondente. Pola súa banda, o artigo 58º.1 di que quen non superase na súa totalidade as ensinanzas de cada un dos ciclos formativos terá dereito a que se lle expida un certificado académico dos módulos profesionais superados, o cal terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

O Consello Galego de Formación Profesional ten como unha das súas funcións emitir informe sobre os plans e as accións que se encamiñen ao recoñecemento e á avaliación da competencia da poboación activa e colaborar na implantación do dispositivo de recoñecemento e avaliación, segundo o disposto no artigo 1º, punto k), do Decreto 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Consello Galego de Formación Profesional.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sensible ás necesidades dos traballadores e traballadoras que demandan unha certificación oficial da súa cualificación, para continuar no desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión e precisan contar coa acreditación oficial das súas competencias profesionais, vén realizando, desde a súa participación no proxecto ERA no ano 2003, diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral. A última convocatoria realizouse pola Orde do 1 de setembro de 2009, para 1.600 prazas correspondentes a 64 unidades de competencia de diferentes familias profesionais, dentro do marco establecido polo Real decreto 1224/2009.

Neste sentido, co fin de dar cumprimento ao establecido nas normativas que regulan os sectores en que se desenvolven as familias profesionais obxecto desta convocatoria, correspondentes a títulos de formación profesional implantados en Galicia, e de acordo co procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, esta consellería procede a realizar esta convocatoria para unidades de competencia das familias profesionais de electricidade e electrónica, fabricación mecánica, hostalaría e turismo, sanidade, servizos socioculturais e á comunidade e transporte e mantemento de vehículos.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co disposto no artigo 1º do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é realizar a convocatoria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Artigo 2º.-Estrutura organizativa.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e do desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas.

Artigo 3º.-Lugar de realización (sedes).

O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.

Artigo 4º.-Convocatoria do procedemento.

a) As unidades de competencia obxecto desta convocatoria son as recollidas no anexo I desta orde.

b) No anexo I recóllense os títulos de formación profesional relacionados con cada unidade de competencia e o número de prazas para cada unha delas.

c) A convocatoria será publicada integramente no Diario Oficial de Galicia, e un extracto dela no BOE.

Artigo 5º.-Requisitos de participación no procedemento.

1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España en vigor, nos termos establecidos na normativa española de estranxeiría e inmigración.

b) Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel II e III, obxecto desta convocatoria.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.

c.1) No caso de experiencia laboral, xustificar polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria.

c.2) No caso de formación, xustificar polo menos 300 horas nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.

d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nin cursando simultaneamente un curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular), nin para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición. Tampouco poderán ter completado un curso de formación profesional inicial nin de formación para o emprego polo cal teñan dereito á acreditación directa das mesmas unidades de competencia que agora se convocan. Para todo isto, presentarán declaración xurada, segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde de convocatoria.

2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentaran a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará unha comisión que se encargará de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á inscrición definitiva.

Artigo 6º.-Xustificación do historial profesional e/ou formativo.

1. A xustificación da experiencia laboral farase cos seguintes documentos:

a) Para traballadores e traballadoras asalariados.

a.1) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde conste a vida laboral, a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación.

a.2) Contrato de traballo ou certificación da empresa en que se adquirira a experiencia laboral, onde que se reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a categoría laboral, a actividade desenvolvida e o período en que se realizará a devandita actividade. Neste último caso presentarase segundo o modelo de anexo VI desta orde.

b) Para traballadores e traballadoras autónomos ou por conta propia.

b.1) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente.

b.2) Descrición da actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que esta se realizou segundo o modelo establecido no anexo VI.

c) Para voluntarios ou bolseiros.

Certificación da organización onde se prestou a asistencia, onde consten especificamente as actividades e as funcións realizadas, o ano en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a elas.

2. Xustificación da formación.

Para as competencias profesionais adquiridas a través de vías non formais de formación, a xustificación realizarase mediante documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretenda acreditar.

En cada certificado achegado deberán constar os contidos e as horas de formación, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación. No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial ou certificado de profesionalidade pertencente a plans de formación extinguidos, débese presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial responsable.

3. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.

Artigo 7º.-Presentación solicitudes e inscrición.

1. A solicitude farase no modelo de anexo III desta orde, que se poderá xerar na páxina web http:/www.edu.xunta.es/fp. Logo de cuberto, deberase imprimir para a súa presentación, dirixida á secretaría dos centros onde se vaia desenvolver o proceso para cada unha delas, segundo o establecido no anexo II desta orde.

Tamén poderá presentarse en calquera oficina de Rexistro da Xunta de Galicia ou do Portelo Único, ou por calquera das formas establecidas no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. No caso de presentar a solicitude nunha oficina de correos, farase en sobre aberto para que as solicitudes sexan datadas e seladas polo funcionario correspondente. Remitirase, en todos os casos, copia da solicitude por fax á Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas (fax: 881 99 95 09), antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Xunto coa solicitude, deberase presentar a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI, o pasaporte ou, no caso de persoas estranxeiras, o NIE ou autorización de residencia ou de residencia e traballo en vigor en España. A presentación da fotocopia do DNI ou NIE non será necesaria en caso de que a persoa solicitante autorice a consulta de datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

-Historial profesional e/ou formativo de acordo co currículo europeo.

-Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar.

4. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.

5. A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a exclusión do procedemento.

6. A solicitude poderá realizarse para unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas no mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.

7. Certificado acreditativo de discapacidade en vigor, para as persoas aspirantes con algunha discapacidade que soliciten algún tipo de adaptación.

Artigo 8º.-Admisión de candidatos e candidatas.

a) Listaxes de persoas solicitantes.

1. As solicitudes recibidas serán remitidas á correspondente comisión de avaliación, para a comprobación dos requisitos e, de ser o caso, para o seu baremo.

2. A listaxe de persoas solicitantes en cada unidade de competencia publicarase no prazo máximo de 15 días naturais desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, en cada unha das sedes onde se desenvolve o proceso e na páxina web http:/www.edu.xunta.es/fp

b) Listaxes provisionais de persoas admitidas.

1. As listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas en cada unidade de competencia publicaranse no prazo máximo dun mes desde a publicación da listaxe de persoas solicitantes, con indicación da causa de exclusión, nos mesmos lugares antes indicados.

2. De existir maior número de persoas que cumpran os requisitos establecidos que número de prazas convocadas, aplicaranse os criterios de selección segundo o baremo recollido no anexo V desta orde, publicándose a relación de admitidos coa correspondente baremación.

3. As persoas aspirantes poderán presentar reclamacións contra as listaxes provisionais de persoas admitidos, no prazo de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, dirixidas aos mesmos lugares onde se remitise a solicitude.

c) Listaxes definitivas de persoas admitidas.

1. A relación definitiva de persoas admitidas publicarase no prazo máximo de 20 días desde a publicación das listaxes provisionais e nos mesmos lugares que estas.

2. Os candidatos admitidos estarán en disposición de pasar ás fases de asesoramento e avaliación.

3. O resto de solicitantes quedarán en situación de reserva para cubrir, segundo a orde de puntuación que alcanzaran, os abandonos e as renuncias que se produzan.

4. Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 9º.-Servizos de información e orientación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria garantirá un servizo aberto e permanente que facilite información e orientación a todas as persoas que a soliciten.

1. Esta información e orientación será facilitada polos departamentos de orientación dos centros integrados de formación profesional e nos centros de formación profesional de titularidade pública dependentes da Administración educativa.

2. En cada punto de información existirá, polo menos, un profesional (orientador ou orientadora) para o desenvolvemento destas funcións.

3. Funcións:

a) Informar sobre o proceso de avaliación e recoñecemento das competencias profesionais para que se poida seguir adecuadamente, e tamén sobre a formalización e a presentación da documentación pertinente.

b) Elaborar, no caso de orientadores ou orientadoras dos centros onde se desenvolva o procedemento, un plan de formación para as persoas candidatas, onde se fará constar, segundo proceda:

-As posibilidades de formación, coas orientacións pertinentes, para que poidan acreditar en convocatorias posteriores as unidades de competencia das que solicitaran a súa acreditación.

-As posibilidades de formación, coas orientacións pertinentes, para completar a formación conducente á obtención dun título de formación profesional ou certificado de profesionalidade relacionado con elas.

Artigo 10º.-Fases do procedemento.

A instrución do procedemento desenvolverase nas seguintes fases:

1. Asesoramento.

2. Avaliación da competencia profesional.

3. Acreditación e rexistro da competencia profesional.

Artigo 11º.-Primeira fase: asesoramento.

1. A fase de asesoramento comezará o día seguinte á publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e terá que estar rematada no prazo máximo de tres meses. O asesor ou a asesora seguirá o procedemento establecido na guía de asesoría que se lle entregará previamente.

2. Esta fase será obrigatoria, polo que o candidato que non a realice perderá o dereito a participar na fase de avaliación.

3. Cando a persoa candidata decida non pasar a fase de avaliación, por entender que despois do asesoramento non ten evidencias de competencia, o asesor ou a asesora informará ao departamento de orientación para que este, de ser o caso, elabore un plan de formación específico en función dos seus intereses e das súas expectativas.

4. Realización do asesoramento:

a) Nunha primeira reunión, que poderá ser grupal, informarase as persoas candidatas sobre o proceso concreto de avaliación e acreditación, e sobre os principais contidos das unidades de competencia correspondentes. Así mesmo, entregaráselles a documentación da fase de asesoramento e faráselles unha explicación sobre ela.

b) Na primeira entrevista individual axudaráselle a persoa candidata a cubrir o cuestionario de autoavaliación e demais documentación da fase de asesoramento, para que poida explicitar as competencias e as aprendizaxes que adquiriu, e motivarase para proseguir neste proceso como un proceso de aprendizaxe permanente ao longo da vida.

5. O asesor ou a asesora, contrastando os contidos do cuestionario de autoavaliación, do historial formativo e/ou profesional da persoa candidata, e do expediente de competencias, realizarán un informe asinado, destinado á comisión de avaliación, que terá carácter orientativo, onde indicará motivadamente se considera que hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia, e, doutra banda, indicaralle a conveniencia de pasar ou non á fase de avaliación.

-Se o informe é positivo (considera que hai evidencias suficientes sobre a competencia da persoa candidata) o asesor ou a asesora trasladará á comisión de avaliación o informe elaborado, así como toda a documentación achegada pola persoa candidata.

-Se o informe é negativo, o asesor ou a asesora indicaralle á persoa candidata a formación complementaria que poderá realizar, así como os centros onde se ofrece.

-O informe do asesor ou a asesora non é vinculante, polo que a persoa candidata poderá decidir pasar á fase de avaliación. Neste caso, o asesor ou a asesora tamén trasladará á comisión de avaliación o seu informe, xunto coa documentación referida.

Artigo 12º.-Segunda fase: avaliación da competencia profesional.

1. Esta fase terá lugar dentro dos tres meses seguintes ao remate do prazo da fase de asesoramento e publicarse na páxina web http:/www.edu.xunta.es

2. A avaliación, en cada unha das unidades de competencia en que estea inscrita a persoa candidata, terá por obxecto comprobar se esta demostra a competencia profesional requirida nas realizacións profesionais, nos niveis establecidos nos criterios de realización e nunha situación de traballo, real ou simulada, fixada a partir do contexto profesional.

3. A comisión de avaliación realizará un plan de avaliación en que constarán, polo menos, as actividades e os métodos de avaliación que se vaian aplicar, tendo en conta as guías de evidencias.

-O proceso de avaliación iniciarao a comisión de avaliación coa análise do informe do asesor ou a asesora, e de todas as evidencias indirectas que se obteñan da documentación achegada pola persoa candidata en cada unidade de competencia.

-Utilizaranse para a obtención das evidencias directas os métodos que se consideren necesarios para comprobar o explicitado pola persoa solicitante na documentación achegada, segundo as guías de evidencias: a observación da persoa candidata no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional ou a entrevista profesional.

-A comisión informará a persoa candidata sobre as actividades e os métodos de avaliación, así como os lugares e as datas previstas para a súa realización. Cando a comisión de avaliación o considere necesario, poderá requirirlle a información complementaria que considere necesaria ou solicitar novas evidencias directas adicionais.

-O plan individualizado de avaliación será asinado pola persoa candidata antes do inicio do seu desenvolvemento. De cada actividade de avaliación realizada quedará un rexistro asinado pola persoa aspirante e o avaliador ou a avaliadora.

4. Resultados do proceso de avaliación.

-Rematada a etapa de avaliación, completarase o expediente de evidencias, que recollerá os resultados e os rexistros producidos ao longo do procedemento e que deberá estar custodiado durante o período regulamentario para atender os posibles procesos de reclamación nas sedes onde se desenvolva o proceso.

-A comisión de avaliación valorará os resultados do proceso e emitirá o xuízo da competencia da persoa candidata, expresada en termos de demostrada ou non demostrada, o que fará constar nunha acta asinada por todos os membros da comisión de avaliación, segundo o modelo do anexo VII desta orde.

-A comisión de avaliación elaborará un informe individualizado de cada persoa candidata, onde indique os resultados da avaliación das competencias profesionais, así como a proposta de formación.

-O presidente ou a presidenta da comisión de avaliación serán responsables de informar por escrito as persoas candidatas avaliadas dos resultados da avaliación. Así mesmo, informarán da forma e os prazos para exercer o dereito de reclamación ante a comisión de avaliación e, de ser o caso, a presentar recursos administrativos que procedan, segundo se especifique na convocatoria.

5. O incumprimento grave, por parte da persoa solicitante de recoñecemento, das normas de prevención, protección e seguridade que cumpra aplicar en cada proba provocará a súa interrupción e a exclusión do procedemento.

6. Principios para a avaliación.

a) A avaliación baseada na competencia consiste basicamente na acumulación de suficientes probas de evidencia que permitan inferir con toda confianza a competencia da persoa candidata.

b) A decisión da avaliación non poderá estar baseada exclusivamente no historial profesional nin formativo, senón que deberá complementarse con evidencias de competencia recollidas por distintos métodos (directos e indirectos).

c) No desenvolvemento do proceso de avaliación da competencia profesional deberase procurar preservar a autoestima das persoas.

d) Os modos de recollida de evidencias de competencia especificaranse nas guías de evidencias e deberán ter diferentes orixes: historial profesional e formativo, traballos e proxectos realizados pola persoa candidata, observación no posto de traballo, conversas profesionais, simulacións e probas profesionais.

e) Cando as evidencias presentadas na fase de asesoramento non sexan suficientes, a comisión de avaliación planificará a recollida de evidencias complementarias seguindo o plan de avaliación xeral realizado pola comisión de avaliación, tendo en conta as orientacións da guía de evidencias. A planificación da avaliación será personificada para cada candidato ou candidata, e recollerá as actividades de avaliación coa identificación dos métodos de avaliación para utilizar, así como as datas e os lugares previstos. O plan de avaliación deberá ser pactado coa persoa candidata, incluíndo a data e o lugar en que se vaia levar a cabo.

f) Na avaliación deberanse aplicar de xeito combinado distintos modos de validar a competencia profesional.

Cando sexa posible, atendendo a situación laboral da persoa traballadora, deberáselle dar prioridade á observación no posto de traballo como método de recollida de evidencias de competencia.

g) Haberá un rexistro de cada actividade, que estará asinado polo avaliador ou a avaliadora, e pola persoa candidata.

Artigo 13º.-Terceira fase: acreditación e rexistro da competencia profesional.

1. A acreditación das unidades de competencia realizaraa a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria segundo proposta das comisión de avaliación, consonte o modelo que figura no anexo VIII desta orde.

2. A expedición da acreditación de unidades de competencia terá efectos de acreditación parcial acumulable e de validación da formación referida á devandita unidade de competencia nos títulos de formación profesional e de exención nos certificados de profesionalidade:

-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá as unidades de competencia acreditadas que producirán efectos de validación dos módulos profesionais correspondentes, segundo a normativa vixente, e que se establece en cada título.

-A Consellería de Traballo e Benestar recoñecerá as unidades de competencia acreditadas, que producirán efectos de exención dos módulos formativos asociados ás unidades de competencia dos certificados de profesionalidade, segundo a normativa vixente, e que se establece en cada un dos certificados.

3. As acreditacións concedidas teñen carácter oficial, con validez en todo o territorio do Estado. Terán os efectos académicos e profesionais previstos na lexislación vixente no tocante a exencións, correspondencias e validacións.

4. O rexistro das acreditacións de unidades de competencia realizarase de acordo co procedemento establecido no artigo 18º do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Artigo 14º.-Comisión de avaliación. Composición.

1. A comisión de avaliación será o órgano decisorio no proceso de avaliación da competencia e xulga a competencia das persoas candidatas tendo en conta as evidencias obtidas na fase de asesoramento e as obtidas na fase de avaliación. Ademais, é o órgano responsable de levar a cabo a preparación das probas de competencia, de facer o seguimento do seu desenvolvemento e da avaliación dos seus resultados.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará as comisións de avaliación necesarias para levar a cabo o proceso de avaliación das diferentes unidades de competencia para as que se convoca o procedemento de avaliación e acreditación.

2. Composición das comisións de avaliación.

a) A comisión de avaliación estará constituída polo menos por cinco membros, dos que un debe ocupar a presidencia, outro desempeñará o cargo de secretario ou secretaria, e os tres restantes serán vogais. Todos estes membros terán que dispor da habilitación como avaliadores ou avaliadoras outorgada pola Administración educativa ou laboral, para participaren no procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional.

b) Garantirase a presenza de avaliadores e avaliadoras tanto do sector formativo como do produtivo. Excepcionalmente, poderanse designar comisións de avaliación en que falte algún dos sectores, se iso impedise a realización da fase de avaliación.

c) A comisión de avaliación poderá propor a incorporación de profesionais cualificados en calidade de expertos, con voz e sen voto, que serán nomeados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

d) A presidencia recaerá nun empregado público da Administración e deberá ter unha experiencia laboral ou docente no ámbito profesional específico de, polo menos, seis anos ou actuar durante dous anos como persoal asesor ou avaliador neste procedemento. Será responsable das actuacións da comisión e da coordinación entre as fases do proceso.

e) A secretaría recaerá nun empregado público da Administración e encargarase de efectuar a convocatoria das sesións por orde da presidencia, redactar as actas das sesións, dar fe dos acordos tomados pola comisión de avaliación e cantas outras funcións sexan inherentes á súa función.

f) Para protexer a imparcialidade e o rigor técnico da avaliación, as actuacións das comisións de avaliación estarán suxeitas á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Requisitos, formación e habilitación.

1. A habilitación do persoal asesor e/ou avaliador farase atendendo a criterios de experiencia e formación específica, segundo os criterios que se establecen a continuación:

a) Ter unha experiencia de polo menos catro anos nalgún dos seguintes colectivos:

-Profesorado, con atribución docente na familia profesional correspondente, pertencente aos corpos de catedráticos, profesorado de ensino secundario ou profesorado técnico de formación profesional.

-Formadores ou formadoras con especialización nas unidades de competencia que se especifiquen.

-Profesionais expertos nas unidades de competencia que se especifiquen.

b) Superar un curso de formación específica organizado e supervisado pola Administración educativa, tomando como referente os contidos establecidos no Real decreto 1224/2009, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

2. As persoas habilitadas poderán actuar como persoal asesor ou avaliador nas comisións de avaliación, e deberán ser nomeadas en cada convocatoria.

3. As persoas designadas como persoal asesor non poderán participar como avaliadoras nunha mesma convocatoria de avaliación e acreditación, e viceversa.

Artigo 16º.-Instrumentos de apoio.

1. O proceso de avaliación das competencias profesionais require unha serie de instrumentos que fagan posible o seu desenvolvemento coa calidade e o rigor necesarios, como son:

-Un manual de procedemento, integrado por unha guía da persoa candidata, unha guía para o asesor ou a asesora, e unha guía do avaliador ou a avaliadora, que deberá elaborar o órgano responsable da Administración educativa e/ou laboral.

-Cuestionarios de autoavaliación, que constitúen un dos elementos prescritivos na fase de asesoramento. Van permitir traducir a competencia da persoa candidata a termos de realizacións e criterios de realización das unidades ou dos ámbitos de competencia que constitúen o referente neste proceso.

-Guía de evidencias, para cada unidade de competencia, onde se especifiquen as fontes e os métodos de obtención da evidencia, que vai constituír a directriz no contraste de competencias. Consideraranse como fontes de evidencia o traballo actual da persoa candidata, as simulacións, os seus logros anteriores e as conversas profesionais. Deberanse concretar as técnicas de obtención de evidencias e os criterios de avaliación, en cada caso.

-Plan de avaliación, que deberán elaborar as comisións de avaliación e que permitirá realizar o plan de avaliación individualizado para cada persoa.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contextualizará, de ser o caso, segundo as características e as necesidades propias da nosa comunidade autónoma, os documentos básicos elaborados pola Administración xeral do Estado en colaboración coas comunidades autónomas.

Artigo 17º.-Seguimento do procedemento.

A avaliación final do procedemento correspóndelle ao Consello Galego de Formación Profesional ou, de ser o caso, á comisión técnica designada por el, sen prexuízo dos aspectos que sexan competencia exclusiva doutros órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º.-Permisos individuais de formación.

As persoas que estean a traballar poderán utilizar os permisos individuais de formación para participar nas fases de asesoramento e avaliación deste procedemento, de acordo co que establece o Ministerio de Traballo e Inmigración, en desenvolvemento do artigo 12º do Real decreto 395/2007, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.

Artigo 19º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. As persoas que participen nesta convocatoria estarán exentas do aboamento de taxas administrativas.

Artigo 20º

Calquera tratamento de datos de carácter persoal que se leve a cabo durante a tramitación do procedemento respectará o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma