ORDE do 22 de decembro de 2011 sobre aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias de planeamento municipal de Bueu., - Diario Oficial de Galicia, de 20-01-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 14
  • Fecha de Publicación: 20/01/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Concello de Bueu solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada, analizado o seu propio contido e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Bueu conta cunhas normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal, na actualidade vixentes, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra por Resolución do 11.6.1986.

2. Consta Resolución do 14.12.2010, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en que se decide non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan informes do arquitecto municipal do 29.1.2009 e da secretaria municipal do 21.1.2011, previos á aprobación inicial; e do secretario municipal do 22.8.2011, previo á aprobación provisional.

4. A modificación non foi sometida a informe desta consellería previamente á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) ao abeiro do disposto no artigo 93.4 da LOUG canto a modificacións que non impliquen a reclasificación do solo, non incrementen a intensidade de uso, nin alteren os sistemas xerais previstos no planeamento vixente.

5. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 2.2.2011. Realizouse unha nova aprobación inicial en sesión do 6.4.2011 a fin de rectificar o anterior acordo para establecer o prazo de dous meses para a información pública, segundo a redacción vixente da LOUG.

6. Foi sometida a información pública (Diario de Pontevedra do 29.3.2011, Faro de Vigo do 30.3.2011 e DOG do 26.4.2011) e comunicada aos concellos lindeiros de Marín, Cangas, Moaña. Non se presentou ningunha alegación segundo o certificado municipal.

7. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 5.9.2011.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto ampliar os casos previstos polas normas subsidiarias vixentes nos cales excepcionaliza a obrigatoriedade de dotar dunha praza de aparcamento por vivenda dentro da parcela en que se sitúa a edificación; e concretar as condicións de posición que deben reunir as prazas de aparcamento cando non se encontren na propia parcela.

2. Actualmente, esa excepción limítase a cando o concello denegue a instalación de garaxes en parcelas situadas en vías que polo seu tránsito ou características urbanísticas singulares así o aconsellen.

3. Esta proposta de excepción pasaría a incluír tamén as vivendas situadas en:

- Parcelas de superficie neta inferior a 120 m2 ou cun largo medio inferior a 12 m.

- Edificios coa planta baixa ocupada por garaxes e accesos, nas cales o nivel freático estea a menos de 3 m da superficie e está edificado algún estremeiro; ou terreos de natureza inestable e está edificado algún estremeiro.

- Edificios de interese histórico-artístico protexidos nas normas subsidiarias municipais, cando se precisasen realizar obras non autorizables polo organismo competente.

- Parcelas con edificacións rematadas e con uso consolidado nas plantas baixas que conten coa preceptiva licenza municipal.

4. As prazas de aparcamento fóra da parcela ocupada polas vivendas deberían reunir as seguintes condicións:

- Estar situadas a menos de 150 m entre a entrada do garaxe e o portal do edificio.

- Ter a mesma titulariedade que a do solicitante da licenza municipal.

III. Análise e consideracións.

Os fins da modificación que se explicitan, relativos á mellora da ordenación urbanística vixente mediante a regulación máis detallada da reserva de aparcadoiros obrigatorios, achegándoa á realidade e evitando situacións de imposibilidade de cumprimento da normativa ou de deterioración da imaxe urbana, encaixan como razóns de interese público conforme o artigo 94.1 da LOUG, polo que non se observan obxeccións á proposta.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das NSM do Concello de Bueu.

2. Normas urbanísticas.

2. Normas de edificación. 2.2.2. Condicións xerais de uso-Uso vivenda aparcamento.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas


No hay versiones para esta norma