Orde do 22 de febreiro de 2006 pola que se modifica outra do 25 de maio de 2005 pola que se regula a composición, organización e funcionamento do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 16-03-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 53
  • Fecha de Publicación: 16/03/2006

A Orde do 25 de maio de 2005 regula a composición, organización e funcionamento do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia, ao abeiro da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, que no seu artigo 129.2º dispón que a composición e funcionamento do referido Consello Asesor será determinada por orde do conselleiro de Sanidade.

Como consecuencia da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos distintos departamentos, regulado polos decretos 211/2005, do 3 de agosto, e 232/2005, do 11 de agosto, modificado este último polos decretos 332/2005, do 18 de agosto, e 454/2005, do 1 de setembro, e debido á nova configuración dos distintos centros directivos faise necesario modificar a citada orde, para adaptala á nova configuración da Administración autonómica galega.

Na súa virtude, cumprindo o disposto no artigo 129.2º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o parágrafo 3º do artigo 2 da Orde do 25 de maio de 2005, quedando redactado como segue:

«3. Entre os seus membros haberá un presidente, un vicepresidente e vogais, na forma establecida nos artigos seguintes».

Artigo 2º.-Modifícase o parágrafo 1º do artigo 5 da Orde do 25 de maio de 2005, quedando redactado como segue:

«1. O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia contará cun secretario permanente que será nomeado pola/o conselleira/o de Sanidade mediante orde, entre persoal adscrito á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2006. María José Rubio Vidal Conselleira de Sanidade


No hay versiones para esta norma