Orde do 22 de marzo de 2005 pola que se convoca a V edición do premio A empresa en favor da familia. - Diario Oficial de Galicia, de 01-04-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 62
  • Fecha de Publicación: 01/04/2005
  • Este documento NO tiene versiones

O Decreto 80/2002, do 7 de marzo, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que se regula o premio A empresa en favor da familia (DOG nº 57, do 21 de marzo) , establece no seu artigo 5 que o dito premio será convocado por orde da citada consellería e terá unha periodicidade anual.

En consecuencia, e en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento no decreto invocado,

DISPOÑO:

Artigo único.-É obxecto da presente disposición a convocatoria do premio A empresa en favor da familia na súa quinta edición e o establecemento das bases que rexen a dita convocatoria, sinaladas no anexo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2005. Pilar Rojo Noguera Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado

ANEXO

Bases Primeira.-O citado premio destínase a estimular e recoñecer as empresas que promovan e realicen as accións que potencien un mundo laboral que teña en conta os intereses da familia e coadxuve na conciliación da vida familiar e laboral.

Segunda.-O premio, que ten carácter exclusivamente honorífico e non leva consigo ningún tipo de dotación económica, dará dereito a un diploma e a unha placa conmemorativa.

Terceira.-Poderán ser destinatarios do premio as persoas físicas ou xurídicas que exerzan calquera actividade mercantil na Comunidade Autónoma de Galicia e teñan desenvolvido accións orientadas á protección da familia.

Cuarta.-As candidaturas, propostas polos membros do xurado ou presentadas directamente polos destinatarios desta orde, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Familia ata o día 15 de abril, irán acompañadas dunha memoria explicativa dos valores e méritos de cada unha delas, que lles permita aos membros do xurado valorar cada proposta.

Quinta.-O exame das memorias presentadas e, se é o caso, a proposta do premio corresponderalle a un xurado seleccionador. A composición deste axustarase ao establecido no artigo 6 do Decreto 80/2002, dos 7 de marzo, polo que se establece o premio A empresa en favor da familia.

Sexta.-O procedemento de actuación do xurado será o seguinte:

1. O xurado será convocado pola presidenta, podendo xuntarse cantas veces esta o coide oportuno.

2. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da presidenta e o secretario/a e a dametade, polo menos, dos seus membros.

3. O xurado adoptará os seus acordos por maioría de votos, dirimindo o voto de calidade da presidenta en caso de empate. A decisión do xurado será inapelable.

4. O xurado poderá declarar o premio deserto.

5. Correspóndelle ao secretario/a do xurado levantar acta das sesións.

A proposta do xurado elevarase á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que resolverá. A resolución da concesión do premio, que pon fin á vía administrativa, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A entrega do citado premio rexerase polo disposto no artigo 7 do citado decreto. A dita entrega terá lugar o 18 de maio do presente ano, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Familia.

Sétima.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.


No hay versiones para esta norma