ORDE do 22 de novembro de 2011 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 25 millóns de euros., - Diario Oficial de Galicia, de 23-11-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 224
  • Fecha de Publicación: 23/11/2011
  • PDF de la disposición

Con base no artigo 33 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda, en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordos do Consello de Ministros do 25 de febreiro de 2011 e do 10 de xuño de 2011 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Esta orde ten por obxecto realizar unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (o emisor) por un importe nominal de 25 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións na conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a continuación:

Importe nominal da emisión: vinte e cinco (25) millóns de euros.

Data da emisión e desembolso: 24 de novembro de 2011.

Data de vencemento: 24 de novembro de 2013, con suxeición á convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted), e sen prexuízo da posibilidade de amortización anticipada segundo se prevé máis adiante.

Prezo de emisión por obrigación: ao par (100% do importe nominal de cada obrigación) libre de gastos para o subscritor.

Importe nominal de cada obrigación: cincuenta mil (50.000) euros.

Entidade colocadora: Banco Etcheverria, S.A.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España, de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Cupón: as obrigacións devengarán e o emisor pagará un cupón anual por ano vencido, os días 24 de novembro de 2012 e 24 de novembro de 2013, ao tipo de xuro e conforme os períodos de devengo de cupóns referidos a continuación.

Non obstante, no caso de amortización anticipada, e respecto das obrigacións que se amorticen anticipadamente, o emisor pagará o 24 de maio de 2012 o cupón devengado desde a última data de pagamento de cupón ata a data de amortización anticipada.

Cada período de devengo de cupóns vai desde unha data de pagamento de cupóns (inclusive), á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devengo de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento ou amortización anticipada.

Convención de día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema TARGET, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema.

O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotización: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións na conta e inscritas na Sociedad de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión a negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigacións:

(i) Amortización ordinaria: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade ao par (100% do importe nominal de cada obrigación), na data de vencemento, o 24 de novembro de 2013.

(ii) Amortización anticipada a opción dos tedores: os tedores das obrigacións poderán solicitar a amortización anticipada da totalidade ou parte das obrigacións da súa titularidade na data 24 de maio de 2013, mediante o envío ao emisor dun escrito de notificación de amortización anticipada, que deberá remitirse cun mínimo de 30 días hábiles antes da data en que deba producirse a amortización anticipada ao enderezo Consellería de Facenda, Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15781 Santiago de Compostela, e no que deberá constar o importe nominal total das obrigacións das que é titular e respecto das cales se solicita a amortización; se isto ocorre, o emisor pagará os cupóns devengados desde a última data de pagamento de cupón ata a data de amortización anticipada, segundo a base de pagamento recollida no último parágrafo do seguinte punto.

(iii) Amortización anticipada a opción do emisor: o emisor poderá exercer unha opción de amortización anticipada na data 24 de maio de 2013, mediante a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia cun mínimo de 30 días hábiles antes da data de amortización anticipada prevista; se isto ocorre, o emisor pagará os cupóns devengados desde a data última de pagamento de cupón ata a data de amortización anticipada, segundo a base de pagamento recollida no último parágrafo do seguinte punto.

Tipo de xuro: para cada un dos períodos de xuro, o tipo de xuro será o 6,72% nominal anual.

Os xuros calcularanse sobre a base de cálculo Act/Act, sen ningún axuste de cada período de devengo de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos Act/Act ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda realizaraos o Banco de España, de acordo co establecido no convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Disposición derradeira.

Esta orde terá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2011.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda


No hay versiones para esta norma