Orde do 23 de decembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da indicacion xeografica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador provisional. - Diario Oficial de Galicia, de 08-01-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 4
  • Fecha de Publicación: 08/01/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Cos estudos e documentación técnica e histórica pertinentes, o expediente de solicitude de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das Indicacións Xeográficas Protexidas correspondente á indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia foi remitido aos servizos da Comisión Europea. Logo da oportuna tramitación, mediante o Regulamento (CE) nº 1029/2009, da Comisión, do 29 de outubro, publicado no DOUE nº L 283, do 30 de outubro, produciuse a inscrición definitiva desta indicación xeográfica protexida.

Pola súa parte, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece no seu artigo 4 que, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, por orde do titular da consellería competente segundo a natureza do produto, aprobarase o regulamento da denominación e do seu consello regulador, que será publicado no Diario Oficial de Galicia. Ademais, segundo o citado decreto, a dita orde recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do Pleno do Consello Regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da indicación xeográfica ata a celebración do proceso electoral polo que se constitúa un novo órgano de xestión.

Na súa virtude, por proposta do sector, tendo en conta as consideracións expostas e o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador.

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador, que figura como anexo a esta disposición.

Artigo 2º.-Nomeamento do Consello Regulador provisional.

Noméase, por proposta do sector, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia, con carácter provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada pola normativa vixente.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidente: José Luis Dadín Rivadas.

Vogais polo sector produtor:

-Begoña Gaute Verdes.

-Adalia Fraga Fraga.

-Secundino Oural Sanjurjo.

-Alejandro Dafonte Liste.

-Mª Teresa Santamarina Alonso.

Vogais polo sector de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco:

-Javier Alvela Edreira.

-José Manuel Fraga Prieto.

-Álvaro Lis Fernández.

-Lorena López Rocha.

-Santiago Galego Castro.

Vogais polo sector das industrias de procesamento:

-Divina Castelo Rey.

-Verónica Núñez López.

-Enrique Costas Rodríguez.

-José Posada González.

-Guillermo Díez Iglesias.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos

de Galicia e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) nº 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparados coa indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia os grelos que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, acondicionamento, manipulación, procesamento, envasado e comercialización todos os requisitos exixidos por este, polo prego de condicións que serviu de base para a inscrición desta indicación xeográfica no Rexistro de Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas Protexidas e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; neste regulamento e demais normativa concordante.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do produto amparado, quedan encomendados ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano de control e certificación para os produtos da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia é o Instituto Galego da Calidade Alimentaria, de acordo co disposto no artigo 15.1º c) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 66 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o programa de control, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia, que serán integrados no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante manual de calidade.

Capítulo II

Características do produto e presentación

Artigo 5º.-Características do produto.

1. O produto amparado pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia defínese como a parte vexetativa destinada ao consumo humano procedente de plantas da especie Brassica rapa L. var. rapa (comunmente coñecida como nabo), das variedades-poboación correspondentes aos ecotipos de Santiago e Lugo, así como das variedades comerciais rexistradas Grelos de Santiago e Globo branco de Lugo, representativas respectivamente dos ditos ecotipos.

2. A denominación grelos fai referencia ás follas e talos recollidos ao longo do período vexetativo da planta. Tamén se utilizan comunmente os seguintes termos:

-Nabizas, para designar as follas e talos vexetativos recollidos ao longo do ciclo de desenvolvemento, e

-Cimos, que nalgunhas zonas de Galicia se utilizan en alusión aos talos florais xusto antes da floración.

3. Os grelos amparados por esta indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia deben estar cultivados e elaborados segundo o establecido no manual de calidade e no prego de condicións, e deberán presentar -unha vez postos en condicións de consumo tras a súa cocción- as seguintes características organolépticas:

a) Cor verde intensa, máis acentuada á medida que a planta se aproxima ao momento de floración.

b) Sabor lixeiramente ácido, combinado con certo amargor.

c) Textura lixeiramente fibrosa, máis acusada se a variedade é de folla estreita con elevada porcentaxe de pecíolos.

d) Dureza moi baixa debido ao baixo contido en fibra alimentaria.

Os grelos que non reúnan as características descritas non poderán ser amparados por esta indicación xeográfica protexida.

Artigo 6º.-Formas de presentación.

1. Os grelos da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia poden presentarse ao consumo en fresco, conxelados ou en conserva.

2. Os grelos en fresco serán comercializados en lotes homoxéneos en función da procedencia e a variedade, mediante os tradicionais feixes de pesos aproximados de 0,5 ou 1 kg, atados por medio de cintas vexetais ou doutros materiais autorizados no manual de calidade.

3. Os grelos conxelados serán clasificados, lavados, escaldados e, opcionalmente, esnacados, con carácter previo á conxelación, posteriormente serán envasados en bolsas de materiais e pesos autorizados pola lexislación vixente e expresamente recollidos no manual de calidade.

4. Os grelos comercializados en conserva serán elaborados ao natural, sen outra adición ao líquido de goberno que a auga de cocción e sal común, sen acidificacións, e presentados en envases metálicos ou frascos de vidro de pesos autorizados pola lexislación vixente e expresamente recollidos no manual de calidade.

Capítulo III

Produción, transformación e envasado

Artigo 7º.-Zona de produción.

A área de produción de grelos amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia esténdese a todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Aspectos xerais do cultivo.

1. As prácticas de cultivo realizadas serán as tradicionais na zona xeográfica de produción e que permitan un manexo adecuado en cada momento da cuberta vexetal do solo, a rega e o control de pragas e enfermidades.

2. Tradicionalmente o cultivo realízase de forma intensiva entrando en rotación, polo que só se permitirán dúas sementeiras na mesma parcela ao longo dun mesmo ano.

3. A fertilización será a adecuada de cara a manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta, tendo en conta deste modo o nivel de fertilidade do solo, as extraccións do cultivo e o estado nutricional da planta. Como fertilizante de fondo, sempre que non se fertilizase o cultivo anterior, aplicarase esterco ou xurro. A natureza ácida dos solos da Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario o encalado pola mellor adaptación do cultivo aos solos neutros, incluso un pouco alcalinos. Cando sexa necesario aplicar fertilizacións de cobertoira, procurarase que as doses utilizadas e o número de aplicacións realizadas sexan as mínimas posibles.

4. O cultivo dos grelos realízase maioritariamente en secaño. A época crítica de falta de auga prodúcese nas primeiras fases de cultivo, aos 4-5 días da sementeira, durante a xerminación, principalmente se esta se realiza en agosto, cando é frecuente unha seca estival, máis acusada no interior da comunidade. A rega nestas condicións irá encamiñada a obter o tempero adecuado para asegurar a xerminación. A dose, número de aplicacións e frecuencia dependerá das condiciones climáticas e do tipo de solo.

Artigo 9º.-Sementeira.

1. Procurarase un leito de sementeira fino, para o cal se recomenda o pase cun cultivador ou arado de veso para enterrar os restos do cultivo anterior. A continuación levaranse a cabo varios pases de grade cruzada ou fresadora antes e/ou despois da achega do fertilizante orgánico e do encalado, para evitar no posible as perdas de fertilizante por volatilización. Por último, podería darse un pase de rulo despois da sementeira, sempre que o terreo non estea moi húmido, xa que se compactaría e impediría o nacemento.

2. A semente que se utilizará procederá de plantas dos ecotipos de Santiago e de Lugo, tanto as correspondentes ás variedades comerciais rexistradas Grelos de Santiago e Globo blanco de Lugo, como os das súas respectivas variedades-poboación. Permítese a utilización de semente procedente do reemprego da propia explotación así como a que proveña doutras parcelas de produtores inscritos no correspondente rexistro.

3. A sementeira realízase manualmente a voleo, procurando unha repartición uniforme e cunha profundidade de 2-3 cm. Tradicionalmente a sementeira realízase a partir de mediados de agosto, en tempo fresco, variando a data en función da zona de produción e a precocidade da variedade. Principalmente realizarase durante os meses de agosto, setembro, outubro, novembro e decembro.

4. A dose de sementeira variará entre 1 e 10 kg/ha en función da zona de produción e do manexo que se faga do cultivo.

Artigo 10º.-Loita contra malas herbas, pragas e enfermidades.

1. A loita contra malas herbas, pragas e enfermidades estará dirixida á utilización principalmente de métodos culturais.

Se fose necesaria a intervención química, as materias activas serán as que xeren menor impacto ambiental, maior eficacia, menor toxicoloxía e problemas de residuos, menor efecto sobre a fauna auxiliar e menores problemas de resistencia.

2. Non se realizarán nin se mesturarán máis de dúas aplicacións seguidas coa mesma materia activa sen as previas recomendacións técnicas. Fomentarase a loita integrada e biolóxica en toda rotación en que se atope o produto amparado pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

3. Recoméndase manter o terreo limpo e evitar a competencia de malas herbas co cultivo nos primeiros estadios de desenvolvemento. Se fose necesario, aplicaranse herbicidas en preemerxencia, tendo en conta o tipo de terreo e o tipo de vexetación espontánea.

4. Antes da aplicación de funxicidas recoméndase a variación das prácticas de manexo de forma que o ambiente sexa menos favorable para a penetración, invasión, reprodución, supervivencia e dispersión de patóxenos e deste xeito diminuír as súas poboacións. Procurarase o emprego de sementes certificadas libres de patóxenos, destrución de hospedadores alternativos, laboreo, rotación de cultivos, control da humidade do chan e aplicacións de cal para elevar o pH e evitar a xerminación de esporas.

5. Se fose necesario aplicar praguicidas, comezarán as aplicacións con produtos pouco agresivos e de pouca persistencia. Só se cambiará a un produto de maior agresividade nos casos de aparición de resistencia da praga que se combate. Gardaranse os prazos de seguridade entre os tratamentos aplicados e a recolección. As aplicacións serán basicamente contra eirugas, falsa potra, mosca branca e pulgas.

Artigo 11º.-Recolección e transporte.

1. A recolección será manual, preferiblemente en horas frescas. Require dun manexo moi coidadoso para prever danos nas follas, o cal afecta a aparencia e ademais constitúe posible fonte de entrada de microorganismos causantes de enfermidades. Cando o produto estea destinado á industria de transformación tamén se poderá recoller o cultivo utilizando medios mecánicos.

2. O momento óptimo de recolección dependerá do produto que se queira obter, da precocidade da variedade, da época de sementeira, das condicións edafoclimáticas e das prácticas de cultivo. Ás seis ou oito semanas pódese realizar un primeiro aproveitamento. Se a densidade de sementeira é moi elevada realízase un rareo, se non simplemente se cortan as follas e os talos. A partir dos dous meses aprovéitanse os talos florais, xusto antes de que se produza a floración. Cando o que se pretende é recoller unha boa colleita de grelos, é preferible non facer aproveitamento previo de nabizas. Unha vez recollidos, haberá un abrocho que se pode alongar ata o mes de marzo ou abril.

3. O mesmo día da recolección, e con sumo coidado para non danar o produto, os grelos deberán chegar ao almacén manipulador ou á industria transformadora, de ser o caso.

4. O transporte dos grelos susceptibles de ser amparados pola indicación xeográfica protexida cara ao almacén ou á empresa transformadora realizarase por separado. Ademais farase con vehículos que cumpran os requisitos da lexislación xeral de aplicación e as condicións específicas que, se é o caso, se establezan no manual de calidade.

Artigo 12º.-Condicións xerais para a comercialización.

1. Os grelos amparados pola indicación xeográfica protexida cumprirán cunha calidade mínima, tanto no produto final en fresco como no transformado. A dita calidade pódese resumir así: aspecto varietal característico, sen florecer, enteiros ou en anacos, limpos e exentos de defectos externos, manchas, deformacións, perdas de color ou feridas, cunha humidade relativa adecuada e sen sabores ou olores estraños.

2. En función das distintas formas de presentación, os procesos a que se someten os grelos serán diferentes, de acordo co que se recolle nos artigos 13º e 14º seguintes.

Artigo 13º.-Comercialización dos grelos en fresco.

Os grelos en fresco amparados por esta indicación xeográfica protexida deberán ser comercializados en lotes homoxéneos, en función da procedencia e a variedade.

A presentación realizarase nos tradicionais feixes, de pesos aproximados de 0,5 kg ou 1 kg, atados por medio de cintas vexetais ou doutros materiais autorizados no manual de calidade. Poderanse autorizar outros pesos e a utilización de materiais envolventes, sempre que permitan unha adecuada ventilación, en función das demandas do mercado. Estes envoltorios deberán ser autorizados no manual de calidade.

Artigo 14º.-Procesamento e comercialización dos grelos conxelados e en conserva.

1. As técnicas empregadas na elaboración de grelos conxelados ou en conserva serán as que permitan manter as características físicas, químicas e organolépticas propias dos grelos amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

2. O proceso de fabricación de conxelados consta das seguintes fases:

a) Recepción e control da materia prima.

b) Selección e clasificación. Agrúpanse os grelos de similares características, desbotando os que non presenten unha calidade mínima.

c) Limpeza ou lavado e escaldado. Con este proceso elimínase a terra e materia orgánica que poida acompañar o produto.

d) Recorte e esnacado (optativo). Faranse cortes limpos e regulares, para esnacar o produto e eliminar, se é o caso, restos de raíces e partes defectuosas.

e) Conxelación. Por contacto indirecto aplicando correntes forzadas de aire frío ou por contacto directo con nitróxeno líquido ou con neve carbónica, métodos utilizados habitualmente en conxelacións destas características.

f) Envasado. En bolsas de materiais e pesos autorizados pola lexislación vixente e expresamente recollidos no manual de calidade.

3. O proceso de fabricación de conservas consta das seguintes fases:

a) Recepción e control da materia prima.

b) Selección e clasificación. Agrúpanse os grelos das mesmas características, desbotando os que non presenten unha calidade mínima.

c) Limpeza ou lavado. Con este proceso elimínase a terra e a materia orgánica que poida acompañar o produto.

d) Recorte e esnacado (optativo). Faranse cortes limpos e regulares, para esnacar o produto e eliminar, se é o caso, restos de raíces e partes defectuosas.

e) Escaldado en auga quente ou vapor, ou cociñado en auga quente.

f) Enchedura. Utilízanse botes ou latas, ou frascos de vidro. Unha vez introducido o produto e pesado, a enchedura termina coa adición do líquido de goberno.

g) Creación de baleiro no interior do envase. É una operación esencial, xa que se elimina o aire do envase antes de pechalo.

h) Esterilización. Ten por obxecto a destrución total de microorganismos do produto envasado.

i) Arrefriado. Concluído o tratamento térmico, arrefríanse os envases o máis rapidamente posible, co fin de previr o sobrequentamento dos alimentos.

4. Os envases que se van utilizar nos grelos transformados deberán ser novos, limpos e de pesos autorizados pola lexislación vixente e expresamente recollidos no manual de calidade.

5. A manipulación, transformación e envasado dos grelos deberán realizarse na zona xeográfica de produción delimitada, pois así o determinan as delicadas condicións de manipulación poscolleita e de conservación do produto. É necesario que estas operacións se realicen na zona xeográfica delimitada para evitar a degradación do produto, garantir a súa rastrexabilidade e asegurar o control, así como para manter os seus caracteres típicos e salvagardar a súa calidade.

Capítulo IV

Control e certificación do produto

Artigo 15º.-Autocontrol.

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade, en primeira instancia, dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do manual de calidade.

Artigo 16º.-Control e certificación.

1. O Ingacal realizará o control e certificación dos grelos acollidos á indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, instalacións e os produtos estarán sometidas ao control levado a cabo polo Ingacal co obxecto de verificar que os produtos que posúan a indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia cumpren os requisitos deste regulamento e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións, almacéns e industrias, revisión da documentación e un control do cumprimento das características do produto descritas neste regulamento.

Poderá procederse, ademais, á realización de análises multirresiduos. A súa finalidade será comprobar que os valores obtidos nos praguicidas investigados se atopan por debaixo dos límites máximos de residuos (LMR) fixados pola lexislación vixente para o cultivo colleitado.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria do produto, que se someterán a análises das súas características. O órgano de control, á vista do resultado das análises así como dos demais datos relativos ao produto, resolverá o que proceda en relación coa certificación.

5. No manual de calidade recolleranse as normas que permitan o perfecto control dos grelos, mesmo das partidas defectuosas ou non certificadas, garantindo a orixe e calidade do produto amparado pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

6. Os grelos amparados pola indicación xeográfica protexida con destino ao consumo levarán unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Ingacal, de acordo coas normas establecidas no manual de calidade. O dito distintivo será colocado, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 17º.-Produto non certificable.

1. No caso de que se constate calquera tipo de incumprimento nas características dos grelos, ou que na súa produción, acondicionamento ou conservación non se cumprisen os preceptos deste regulamento, do manual de calidade e das demais disposicións legais que os afecten, os grelos non serán certificados. Neste caso, o órgano de control poderá levantar unha non conformidade, que será comunicada ao interesado para que a corrixa no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicar ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

2. Cando as irregularidades detectadas polo órgano de control poidan ser constitutivas de infracción, este dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

3. Os grelos que o órgano de control non considere aptos para ser amparados, ademais de perderen o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizados e perfectamente identificados, baixo a súa supervisión. O órgano de control vixiará en todo momento o destino deses grelos que, en ningún caso, poderán ser protexidos coa indicación xeográfica.

4. Os grelos a que se refire o parágrafo 3 poderán ser utilizados para obter outros produtos ou para consumo directo, sempre que a alteración ou defecto non constitúan un perigo para o consumo. Nese caso poderán comercializarse sen o amparo da indicación xeográfica protexida e sempre baixo a supervisión do órgano de control, empregando en todo caso outras marcas distintas das autorizadas para os grelos protexidos.

Artigo 18º.-Control dos volumes de produción.

O órgano de control verificará en cada campaña as cantidades de grelos certificados pola indicación xeográfica protexida que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita nos rexistros de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco e de industrias de procesamento. Confirmará así que é correcta a súa relación coas cantidades producidas ou adquiridas aos produtores censados no Rexistro de Plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas cultivadas na campaña.

Artigo 19º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, colleita, almacenaxe, transformación, envasado e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade dos grelos certificados pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares das plantacións e das instalacións de almacenaxe, procesamento e envasado estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións de grelos susceptibles de ser amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia presentarán ao órgano de control unha declaración da sementeira. Nela especificarase o seguinte:

-Cantidade e procedencia da semente.

-Superficie e data da sementeira.

-Datos de identificación das parcelas utilizadas con tal fin.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

b) Todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan instalacións inscritas no Rexistro de Operadores-Comercializadores e Almacenistas en Fresco levarán un libro de control, segundo modelo adoptado no manual de calidade, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia dos grelos adquiridos.

-Destino dos grelos e nome do comprador, con indicación, no caso de comercialización en feixes, das cantidades comercializadas segundo o seu peso.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ao órgano de control unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, será suficiente cunha copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

c) Todas as firmas titulares de industrias de procesamento inscritas no correspondente rexistro levarán un libro de control, segundo modelo adoptado no manual de calidade, no cal figurarán diariamente e durante a campaña:

-A cantidade e procedencia dos grelos adquiridos.

-O destino dos grelos, con indicación do tipo de transformación e cantidades comercializadas por tipo de envase.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ao órgano de control unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, será suficiente cunha copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. O órgano de control poderá solicitar calquera outra declaración complementaria que considere oportuna.

3. As declaracións especificadas neste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 20º.-Circulación do produto.

Toda expedición de grelos con dereito a protección que se realice antes da súa etiquetaxe regulamentaria entre persoas físicas ou xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros, aínda que pertenzan á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación, segundo se estableza no manual de calidade, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 21º.-Almacenaxe e envasado de produto non protexido.

As instalacións de almacenaxe e as industrias de procesamento inscritas que manipulen ou envasen grelos non protexidos pola indicación xeográfica protexida farano constar expresamente no momento da súa inscrición e, ademais, someteranse ás normas establecidas no manual de calidade para efectuar o seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe, separación do produto e procesamento, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos produtos protexidos pola indicación xeográfica protexida.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 22º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de Produtores e Plantacións.

b) Rexistro de Operadores-Comercializadores e Almacenistas en Fresco.

c) Rexistro de Industrias de Procesamento.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros citados será necesario que tanto as plantacións como os almacéns e instalacións estean situadas na zona de produción definida no artigo 7º deste regulamento.

Artigo 23º.-Rexistro de Produtores e Plantacións.

1. Neste rexistro inscribiranse todas as explotacións que, estando situadas na zona de produción e reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, queiran destinar toda ou parte da súa produción de grelos a ser comercializada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

2. Na inscrición figurarán os seguintes datos:

-Nome do propietario (persoa física ou xurídica) e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a plantación.

-Relación das parcelas en que estea previsto cultivar grelos susceptibles de seren amparadas pola indicación xeográfica protexida, identificadas mediante as súas respectivas referencias no sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac).

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas que se van inscribir.

Artigo 24º.-Rexistro de Operadores-Comercializadores e Almacenistas en Fresco.

1. Neste rexistro inscribiranse todas aquelas instalacións situadas na zona de produción que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, se dediquen a almacenar e/ou comercializar en fresco grelos que poidan optar a ser amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

2. Na inscrición figurarán os seguintes datos:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Capacidade de almacenaxe e, de ser o caso, de envasado.

-No caso de sociedades, exixirase a súa inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é a propietaria dos locais e instalacións, farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións que pretendan inscribir.

3. Tamén se xuntará copia dos seguintes documentos:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

Artigo 25º.-Rexistro de Industrias de Procesamento.

1. Neste rexistro inscribiranse todas aquelas instalacións situadas na zona de produción que así o soliciten e que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, se dediquen ao procesamento de grelos que poidan ser amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

Tamén se inscribirán aquelas industrias que elaboren produtos transformados a base de grelos da indicación xeográfica e que pretendan facer referencia a iso na súa etiquetaxe, de acordo co establecido no parágrafo 4 do artigo 32º.

2. Na inscrición figurarán os datos que se recollen a seguir:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Capacidade de procesamento.

-No caso de sociedades, exixirase a súa inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é a propietaria dos locais e instalacións, farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións que pretendan inscribir.

3. Tamén se xuntará copia dos seguintes documentos:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

Artigo 26º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, a documentación e os comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no manual de calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano de control, para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do órgano de control, o Consello Regulador entregaralle ao interesado un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido no parágrafo 5º do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderá interpoñerse recurso de alzada perante a consellería competente en materia de agricultura.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 27º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento os requisitos impostos polas normas da indicación xeográfica protexida e demais normativa de aplicación e deberá comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender provisional ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada catro anos no caso dos produtores, e cada dous anos no caso dos operadores-comercializadores e almacenistas en fresco e das industrias de procesamento. O órgano de control fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 28º.-Baixa nos rexistros.

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Quen sexa dado de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 29º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas plantacións, almacéns e instalacións nos rexistros indicados no artigo 22º poderán destinar a súa produción a ser amparada pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

2. Unicamente os grelos que se obteñan de acordo coas condicións establecidas neste regulamento, no prego de condicións e no manual de calidade, nas parcelas e polos produtores inscritos no correspondente rexistro, poderán ser amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia.

3. Do mesmo xeito, só poderán obter o amparo da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia os grelos almacenados e procesados nas instalacións inscritas nos correspondentes rexistros do Consello Regulador.

4. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintaxes e etiquetas é exclusivo dos operadores inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador, aínda que suxeito á súa aprobación. Non obstante, o Consello Regulador poderá autorizar que nos envases de grelos sometidos a procesos de transformación, distintos dos contemplados neste regulamento, se indique que están elaborados con grelos amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia. Iso será así cando a materia prima estea supervisada polo órgano de control e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no manual de calidade.

Artigo 30º.-Obrigas xerais.

1. Polo simple feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento así como no manual de calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas atribucións, adopten a consellería competente en materia de agricultura, o Consello Regulador e o órgano de control.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para se poderen beneficiar dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as súas inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 41º.4 deste regulamento, o incumprimento do indicado nos parágrafos 1 ao 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata un ano nos dereitos do inscrito, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo de instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser obxecto de recurso perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 31º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Ademais, de conformidade co disposto no parágrafo 6º do artigo 9 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no parágrafo 3º do artigo 12 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, as marcas comerciais que se utilicen en produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia non poderán ser utilizadas noutros grelos que non estean acollidos a súa protección.

Artigo 32º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas dos grelos amparados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención indicación xeográfica protexida (en galego e/ou en castelán) Grelos de Galicia e, optativamente, o seu logotipo e o identificador europeo das indicacións xeográficas protexidas, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

3. De xeito facultativo, na etiquetaxe tamén se poderá facer alusión ao estado fenolóxico da planta no momento da colleita, indicando se se trata de nabizas ou de cimos, de acordo co establecido no artigo 5º.2.

4. Nas etiquetas de produtos transformados, distintos dos recollidos neste regulamento, poderá indicarse que os grelos empregados na súa elaboración proceden da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia, sempre que a materia prima cumpra os requisitos deste regulamento e se respecten as normas que para o efecto se establezan no manual de calidade.

Artigo 33º.-Logotipo da denominación.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia adoptará como logotipo o que figura no anexo deste regulamento.

2. No exterior dos locais das empresas inscritas deberá figurar, nun lugar destacado, unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica protexida, de acordo co que se estableza no manual de calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da indicación xeográfica protexida poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor e de acordo coas normas que se recollan no manual de calidade.

Capítulo VII

O Consello Regulador

Artigo 34º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia é unha corporación de dereito público, á cal se lle atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; así como o resto de normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola denominación, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, procesamento, envasado, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, en que deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ás exixencias, requisitos e controis que se recollen nos artigos 18 ao 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 ao 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 35º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 36º.-O Pleno. Composición e funcións.

1. O Pleno está constituído polos seguintes membros:

-Cinco vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de plantacións inscritas no Rexistro de Produtores e Plantacións.

-Cinco vogais en representación do sector comercializador en fresco, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións inscritas no Rexistro de Operadores-Comercializadores e Almacenistas en Fresco.

-Cinco vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións inscritas no Rexistro de Industrias de Procesamento.

2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario ou secretaria do Consello Regulador.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados ou delegadas, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 37º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 38º.-A Vicepresidencia.

1. O Consello Regulador terá unha Vicepresidencia, que será exercida pola persoa elixida por e entre os seus vogais.

2. A persoa que exerza a Vicepresidencia substituirá o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 39º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará formada polas persoas que ostenten a Presidencia e a Vicepresidencia e, se así o decide o Pleno, por un ou varios dos seus vogais.

2. O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son os labores específicos que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente serán comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este realice.

Artigo 40º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación de persoal, adaptará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nos cales teña participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación. Tamén poderá asinar acordos e contratos co Ingacal para que este lle preste os servizos que libremente decidan en relación coas funcións e actividades do Consello Regulador.

2. O Consello Regulador contará cun secretario ou secretaria, designado/a polo Pleno, que terá como funcións específicas as sinaladas no parágrafo 2º do artigo 28 do citado Decreto 4/2007. A persoa que ocupe a secretaría poderá pertencer ao cadro de persoal do Consello Regulador ou estar adscrito ao do Ingacal.

Capítulo VIII

Réxime económico e contable

Artigo 41º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Conforme a normativa citada na alínea anterior, establécense neste regulamento as seguintes cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Titulares das plantacións:

-Cota de inscrición: satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: satisfarase cunha periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación: aboarase anualmente e equivalerá a unha porcentaxe do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie declarada, o rendemento agronómico e o prezo medio percibido polos agricultores.

b) Titulares dos almacéns e instalacións de procesamento e envasado.

-Cota de inscrición: satisfarase no momento da alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: pagarase cunha periodicidade bianual, coincidindo coa renovación de datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación: será proporcional ao valor da súa produción e equivalerá a unha porcentaxe do valor do produto certificado, calculado en función do prezo medio de venda en orixe.

-Cota polas contra-etiquetas expedidas: satisfarana os comercializadores en fresco e os envasadores que soliciten contra-etiquetas, e o seu importe será ata o dobre do valor material de produción e distribución.

3. O Pleno do Consello Regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada campaña os rendementos por unidade de superficie e o prezo do produto ao agricultor e ao envasador así como o das contra-etiquetas, para o cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de carácter fixo e as porcentaxes que serven de base para o cálculo das variables.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada unha das cotas. En caso de que non se aboase no prazo voluntario, o Consello Regulador poderá fixar outro prazo adicional para exixir o pagamento. No caso de que nos ditos prazos non se realizase o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquida a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, logo da instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo cos artigos 28º e 30º.

Artigo 42º.-Réxime contable.

O réxime contable do Consello Regulador é o que se determina no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e máis no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo IX

Réxime electoral

Artigo 43º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo X

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 44º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma