Orde do 25 de xuño de 2004 pola que se convocan cursos de formación en lingua galega (niveis de iniciación e perfeccionamento), e de linguaxe xurídica galega (niveis básico, medio e superior) para o persoal ao servizo da Administración de xustiza. - Diario Oficial de Galicia, de 01-07-2004

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 126
  • Fecha de Publicación: 01/07/2004
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao abeiro do disposto na Constitución

española e no Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma. En consecuencia con isto, recoñéceselles aos cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración de xustiza. Ademais, para facer efectivo ese dereito, encoméndalles aos poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego ao persoal que traballa ao servizo da Administración de xustiza.

Entre as funcións e competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinadas polo Decreto 346/1996, figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de cursos de formación en lingua galega, dirixidos, entre outros colectivos, aos funcionarios da Administración de xustiza.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, co obxecto de impulsar a normalización lingüística na Administración de xustiza, considera conveniente a organización de cursos de formación en lingua galega e de linguaxe xurídica galega, dirixidos á Administración de Xustiza, organizados conxuntamente coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Co obxecto de impulsar a normalización lingüística na Administración de xustiza, e en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convócanse os seguintes cursos:

a) Cursos de formación en lingua galega, niveis iniciación e de perfeccionamento.

b) Cursos de linguaxe xurídica galega, niveis básico, medio e superior.

2. Para acceder a estes cursos son requisitos necesarios, na data de publicación desta orde, os seguintes:

* Curso de formación, nivel de perfeccionamento: é indispensable ter aprobado ou validado o curso de formación nivel de iniciación.

* Curso de linguaxe xurídica de nivel básico: é indispensable ter aprobado ou validado o curso de formación, do nivel de iniciación.

* Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: é indispensable ter aprobados ou validados os cursos de formación dos niveis de iniciación e perfeccionamento, ou ter superado o curso de linguaxe xurídica de nivel básico.

* Curso de linguaxe xurídica superior: é indispensable ter aprobado ou validado o curso de linguaxe xurídica de nivel medio.

3. Os cursos de formación dos niveis de iniciación e perfeccionamento e os de linguaxe xurídica galega, niveis básico, medio e superior celebraranse, se é o caso, nas localidades que determine a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

No anexo desta orde deberase sinalar, por orde de prioridade, a localidade de preferencia para realizar estes cursos. No caso de que non se forme grupo na localidade elixida, adxudicarase a/as seguinte/s na orde de preferencia.

As localidades para elixir serán as seguintes: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Artigo 2º.-Destinatarios. Os cursos van dirixidos a xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza e persoal laboral con destino nos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia; a notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos da Escola de Práctica Xurídica de Galicia; así como a profesores de linguaxe de signos e a persoas incluídas nas bolsas de traballo para o nomeamento de funcionarios interinos da Administración de xustiza, así como aquelas persoas que acrediten ter superado o proceso selectivo para o ingreso nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.

O número mínimo de persoas para a celebración dun curso será de15 e o máximo de 25.

Artigo 3º.-Solicitudes. As solicitudes, utilizando o modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sen prexuízo do disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto co formulario de solicitude achegarase a fotocopia compulsada do certificado que acredite ter superado o curso exixido para acceder ao nivel que se solicita. De ser o caso, tamén se achegará o certificado de estar colexiado como avogado ou procurador ou de estar matriculado nunha escola de práctica xurídica. Para os intérpretes de linguaxe de signos exixirase certificación da Federación de Xordos acreditativa da intervención habitual da persoa solicitante como intérprete ante os xulgados, tribunais, notarios ou rexistradores da propiedade. Respecto das persoas incluídas nas bolsas de traballo para postos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza que non estean actualmente a traballar como interinos, corresponderalle ao xefe de servizo da Xerencia de Xustiza certificar que están incluídas na bolsa correspondente.

A relación provisional de admitidos exporase ao público nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a través da páxina web (http://www. xunta. es/conselle/xi/dxxformacion. htm) da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local. Contra esta relación poderase presentar reclamación ante a Dirección Xeral de Xustiza nun prazo de dez días. Transcorrido este prazo, faranse públicas as listas definitivas nas devanditas delegacións, con indicación do lugar do día e da hora de comezo do curso.

Artigo 4º.-Prazo. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Non se admitirá ningunha solicitude presentada fóra de prazo.

Artigo 5º.-Criterios de selección. No caso de que o número de solicitudes exceda ao de prazas, respecto aos cursos de linguaxe xurídica galega, terán preferencia na selección os funcionarios sobre o resto dos destinatarios, os funcionarios titulares sobre os interinos e dentro dos funcionarios os de maior tempo de prestación de servizos respecto aos de menor antigüidade.

Artigo 6º.-Contido.

1. Os cursos de formación dos niveis de iniciación e perfeccionamento terán unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e perfeccionamento.

2. Os cursos de linguaxe xurídica de nivel básico e medio terán unha duración de 75 horas e os contidos serán os programados para estes niveis.

3. Os cursos de linguaxe xurídica superior terán unha duración de 90 horas (70 teóricas e 20 prácticas) . O programa será o que figura no anexo II da Orde do 23 de xuño de 1997, pola que se convocan cursos superiores de linguaxe xurídica. Na fase práctica os seleccionados terán que realizar unha serie de traballos relacionados coa función que desempeñen na Administración de xustiza.

4. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, sempre xustificada, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

5. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde. Artigo 7º 1. Para ser declarado apto ao finalizar o curso, cada asistente deberá acreditar:

1.1. Que asistiu ás clases e non superou o mínimo de ausencias permitido.

1.2. Que realizou satisfactoriamente os traballos prácticos encomendados.

1.3. Que superou as probas que durante o curso e ao finalizar este o profesor ou profesores fosen establecendo, de xeito que ao seu remate demostre que posúe un dominio teórico e práctico do idioma galego propio do nivel ao que asistiu.

2. A avaliación será un proceso progresivo e continuo, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos encomendados e a asistencia.

Artigo 8º.-Recursos. Contra os actos administrativos que se derivan desta orde, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo co establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Financiamento. O financiamento destes cursos será con cargo á partida orzamentaria 13.02.353E. 640.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004, ata un importe máximo de 72.121 euros, sen prexuízo da imputación a esa mesma partida dos gastos que correspondan por cursos homólogos organizados e convocados no mesmo exercicio, para persoal destinado en órganos da Administración de xustiza con sede fóra da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza para ditar as instrucións que conveñan ao desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación noDiario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2004. Jesús C. Palmou Lorenzo Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma