Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admision as ensinanzas profesionais de artes plasticas e deseño. - Diario Oficial de Galicia, de 11-07-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 134
  • Fecha de Publicación: 11/07/2007
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, dispón que as administracións educativas regularán a proba específica á que se refire o artigo 52, puntos 1º e 2º, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e tamén a organización, estrutura, contidos e criterios da proba de acceso para os que carezan da titulación académica, prevista no punto 3 do mesmo artigo, así como as correspondentes exencións nos termos que figuran no capítulo V daquela norma.

O Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, establece na súa disposición adicional novena que a admisión do alumnado nos centros que imparten ensinanzas de réxime especial rexerase pola súa normativa específica.

Tendo en conta o novo marco normativo e a experiencia acumulada ao longo dos cursos precedentes, procede regulamentar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

I. Disposiciones xerais.

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación aos procesos de acceso e admisión do alumnado que desexe cursar ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de ciclos formativos ou de oferta modular nas escolas de arte e superiores de deseño e nos centros autorizados de arte na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Convocatoria da proba de acceso.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ao ano, unha proba para o acceso as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño. A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

II. Acceso e admisión.

Artigo 3º.-Acceso directo ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

1. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño a que se fai referencia no artigo 4 desta orde:

a) Quen estea en posesión dun título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar.

b) Quen teña superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos planos de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, os establecidos con carácter experimental ao amparo do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

2. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño a que se fai referencia no artigo 4º desta orde:

Quen estea en posesión dun título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

3. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a que se fai referencia no artigo 4º desta orde, quen estea posesión dalgunha das seguintes titulacións:

a) Título de bacharelato, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Título superior de artes plásticas e título superior de deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

c) Título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades.

d) Licenciatura en belas artes.

e) Arquitectura.

f) Enxeñería técnica en deseño industrial.

4. Así mesmo, estarán exentos de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a que se fai referencia no artigo 4º desta orde, quen estando en posesión dos requisitos académicos de acceso conforme o establecido nos artigos 52.1º e 52.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, acredite ter experiencia laboral de, polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior ao que se queira acceder, achegando a seguinte documentación:

Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo no que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no censo de obrigados tributarios.

Artigo 4º.-Acceso mediante proba específica ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

1. Conforme o artigo 52.1º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para acceder ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño será necesario estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou título declarado equivalente.

2. Conforme o artigo 52.2º da Lei orgánica, do 3 de maio, de educación, para acceder ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño será necesario estar en posesión do título de bacharelato, ou título declarado equivalente.

3. Así mesmo para acceder ao grao medio e ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ademais dos requisitos académicos recollidos nos puntos anteriores, deberase superar unha proba específica que permita demostrar as aptitudes e os coñecementos artísticos para cursar con aproveitamento as ensinanzas de que se trate.

Artigo 5º.-Acceso mediante proba de acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

1. Conforme ao artigo 52.3º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderán acceder ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, sen estar en posesión dos requisitos de acceso, quen acredite, mediante a superación dunha proba de acceso, ter os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento as ditas ensinanzas, ademais das aptitudes necesarias ás que se refire o artigo 4.3º desta orde, e teñan como mínimo dezasete anos cumpridos no ano de realización da proba.

2. Conforme o artigo 52.3º da Lei orgánica, do 3 de maio, de educación, poderán acceder ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, sen estar en posesión dos requisitos académicos de acceso, quen acredite mediante a superación dunha proba de acceso, ter a madureza en relación aos obxectivos do bacharelato, ademais das aptitudes necesarias ás que se refire o artigo 4º.3 desta orde, e teñan como mínimo dezanove anos cumpridos no ano de realización da proba, ou dezaoito anos se se acredita a posesión dun título de técnico de artes plásticas e deseño.

3. Esta proba de acceso, segundo determina o artigo 16.3º do citado Real decreto 596/2007, do 4 de maio, constará de dúas partes:

a) A parte xeral que, para o acceso ao grao medio, versará sobre os coñecementos e capacidades básicas da educación secundaria obrigatoria e, para o acceso ao grao superior, versará sobre os coñecementos e capacidades básicas das materias comúns do bacharelato.

b) A parte específica que permitirá valorar as aptitudes e os coñecementos artísticos necesarios para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

4. Quedará exento da parte específica da proba quen acredite ter unha experiencia laboral de, polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior ao que se queira acceder, achegando a certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo no que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no censo de obrigados tributarios.

5. Quedará exento da parte xeral da proba quen teña superada a proba de acceso a universidade para maiores de vinte e cinco anos.

Artigo 6º.- Distribución da oferta de prazas.

1. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada ciclo formativo de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, e teranse en conta as seguintes reservas:

a) Para os aspirantes que accedan directamente aos graos medio e superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o artigo 3º desta orde, reservaranse o 50% das prazas dispoñibles.

b) Para os aspirantes que accedan mediante proba específica aos graos medio e superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o artigo 4º desta orde, reservaranse o 30% das prazas dispoñibles.

c) Para os aspirantes que accedan mediante proba de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o artigo 5º desta orde, reservaranse o 20% das prazas dispoñibles.

2. As prazas que non quedaran cubertas segundo as indicacións anteriores, incrementarán as restantes na orde que se reflicte nos seguintes apartados:

a) No caso de non quedaren cubertas as prazas das letras b) e c) estas incrementarán a reserva a).

b) No caso de non quedaren cubertas as prazas das letras a) estas incrementarán a reserva b).

c) No caso de non quedaren cubertas as prazas dos apartados a) e b) estas incrementarán a reserva c).

3. En cada convocatoria anual, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais establecerá a orde de preferencia entre os aspirantes de cada unha das reservas establecidas no artigo 6º.1.

4. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo solto da oferta modular de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño. As condicións, criterios e probas de acceso serán as mesmas que as reguladas para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o establecido nesta orde.

No caso que de quedaran prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión, as ditas vacantes poderán ser ofertadas ao alumnado que non curse ensinanzas regradas, a través dos cursos monográficos que oferte o centro. Neste caso as prazas cubriranse por estrita orde de chegada, e o alumnado poderá obter unha certificación de capacidades.

III. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión.

Artigo 7º.-Comisións avaliadoras.

1. Para a resolución das exencións previstas na presente orde, así como para o desenvolvemento e avaliación das probas, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais nomeará en cada escola, e a proposta da súa dirección, unha comisión avaliadora que estará integrada por un/unha presidente/a e catro vogais.

2. Os membros das ditas comisións serán funcionarios/as do corpo de profesores/as de artes plásticas e deseño ou do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

3. Ás comisións avaliadoras poderán incorporar aos asesores/as que consideren necesarios en función das características da proba e o número de persoas inscritas. Estes asesores serán nomeados pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do presidente da comisión.

Artigo 8º.-Comisión autonómica de escolarización.

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá constituír unha comisión autonómica de escolarización para resolver sobre as solicitudes que non obtiveron praza nas escolas de arte e superiores de deseño.

2. As funcións da comisión de escolarización serán as seguintes:

a) Informar das prazas existentes para este tipo de ensinanzas nas escolas de arte e superiores de deseño.

b) Resolver sobre as solicitudes non atendidas polas escolas, solicitadas en primeiro lugar.

c) Supervisar o proceso de admisión de alumnado e o cumprimento das normas que o regulan propoñendo, se é o caso, á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a adopción das medidas que consideren adecuadas.

3. A comisión autonómica de escolarización estará formada por:

a) O/A subdirector/a xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente que actuará como presidente.

b) Os/as directores/as das catro escolas de arte e superiores de deseño.

Actuará como secretario/a da comisión, con voz e sen voto, un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

4. No caso de que non se constitúa a comisión autonómica de escolarización, as súas funcións serán asumidas polo servizo provincial da inspección educativa.

5. Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

IV. Estrutura e cualificacións das probas.

Artigo 9º.- Proba específica para o alumnado que reúne os requisitos académicos.

A valoración de cada un dos exercicios dos que constan as probas expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala de cero a dez con dous decimais. Para a superación das probas será necesario acadar unha cualificación igual ou superior a cinco en cada un dos exercicios dos que constase. A cualificación final da proba específica será a media aritmética destes exercicios, expresada coa escala de cero a dez con dous decimais.

1. Ciclos formativos de grao medio.

Estrutura, contidos e cualificación da proba específica:

a) Primeiro exercicio: desenvolvemento por escrito, no tempo máximo dunha hora, dun tema proposto sobre artes plásticas. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución, durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade dos aspirantes, o sentido do espazo, a composición e a predisposición para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

2. Ciclos formativos de grao superior.

Estrutura, contidos e cualificación da proba específica:

a) Primeiro exercicio: desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas. Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos sobre un tema proposto que servirán de base para a realización posterior. Valoraranse as destrezas, as habilidades, capacidades de percepción, de observación e de aptitude á predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución, durante un tempo máximo de dúas horas, de xeito que determine o tribunal, cos bosquexos realizados no exercicio anterior dun traballo relacionado co ciclo ao que a persoa aspira a acceder. Valorarase a capacidade compositiva así como a predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

Artigo 10º.-Proba de acceso para o alumnado que non reúna os requisitos académicos.

1. Ciclos formativos de grao medio.

1.1. Estrutura, contidos e cualificación da parte xeral da proba de acceso:

a) O contido da parte xeral da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio terá relación cos obxectivos xerais dos vixentes currículos da educación secundaria obrigatoria e valorará a madurez intelectual necesaria para cursar con aproveitamento o correspondente ciclo formativo, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais, relacionadas coas ensinanzas ás que aspira.

b) A estrutura dos contidos da parte xeral da proba agruparanse en dúas partes:

Primeira parte.-Sociocultural.

Segunda parte.-Educación plástica e visual.

1.2. Estrutura, contidos e cualificación da parte específica da proba de acceso:

A estrutura, contidos e cualificación da parte específica é a que se establece no artigo 9º.1 desta orde.

1.3. A cualificación final da proba de acceso será a media aritmética das partes, a xeral e a específica, expresada coa escala de cero a dez con dous decimais.

2. Ciclos formativos de grao superior.

2.1. Estrutura, contidos e cualificación da parte xeral da proba de acceso:

a) O contido da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior adecuarase ao currículo de bacharelato da modalidade de artes.

b) A estrutura dos contidos agrúpanse en dúas partes:

Primeira parte.- As materias comúns.

Segunda parte.- As materias específicas da modalidade.

2.2. Estrutura, contidos e cualificación da parte específica da proba de acceso:

A estrutura, contidos e cualificación da parte específica é a que se establece no artigo 9º.2.

2.3. A cualificación final da proba de acceso será a media aritmética das partes, a xeral e a específica, expresada coa escala de cero a dez con dous decimais.

V. Inscrición e desenvolvemento das probas.

Artigo 11º.-Inscrición.

1. A inscrición para realizar as probas de acceso as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño farase na secretaría das escolas de arte e superiores de deseño nos prazos que se determinen na correspondente convocatoria anual.

2. Para a inscrición nas probas de acceso as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño os aspirantes cubrirán o modelo de solicitude que se xuntará con cada convocatoria.

Artigo 12º.-Condicións da convocatoria.

1. En cada convocatoria, as probas para o acceso a cada un dos ciclos formativos ou oferta modular de artes plásticas e deseño, xa sexa de grao medio ou grao superior, realizarana todos os aspirantes nas mesmas datas e ás mesmas horas.

2. En cada convocatoria a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais determinará os centros públicos da comunidade nos que se realizarán as probas.

Artigo 13º.-Elaboración e cualificación da proba.

1. As probas e os seus criterios de avaliación serán elaborados pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

2. A comisión avaliadora cubrirá unha acta segundo o modelo que figura no anexo I que se xuntan a esta orde, que quedará arquivada no centro no se realicen as probas, remitindo unha copia compulsada ao servizo de inspección educativa da correspondente delegación provincial.

3. Para a resolución das solicitudes de exención da proba específica, segundo os artigos 3º.4 e 5º.4 desta orde, a comisión avaliadora cubrirá unha acta segundo o modelo que figura no anexo III que se xunta a esta orde, que quedará arquivada no centro no que se realicen as probas, remitindo unha copia compulsada ao servizo de inspección educativa da correspondente delegación provincial.

Artigo 14º.-Acreditación.

A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro no que se realizou, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, indicando, se é o caso, os ciclos formativos aos que pode acceder. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na secretaría do centro no que realizou a proba.

VI. Reclamacións e recursos.

Artigo 15º.-Reclamacións.

Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polas comisións avaliadoras, así como as decisións das comisións de escolarización ou do servizo provincial de inspección, se é o caso, poderán ser obxecto de reclamación, perante o mesmo órgano, no prazo de cinco días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo de cinco días hábiles.

Artigo 16º.-Recursos.

1. As resolucións das reclamacións poderán ser obxecto de recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o delegado/a provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. As resolucións da comisión de escolarización autonómica serán impugnables mediante recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

2. O recurso de alzada poderá interpoñerse perante o órgano que ditou o acto que se impugna ou perante o órgano competente para resolver. Se o recurso se presentase perante o órgano que ditou o acto impugnado, este deberá remitilo ao competente no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. Contra a resolución do recurso de alzada os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 23 de xullo de 2003, pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de artes plásticas e deseño, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma