Orde do 26 de abril de 2007 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos a distancia na Comunidade Autonoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 08-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 88
  • Fecha de Publicación: 08/05/2007
  • PDF de la disposición

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dedica os seus artigos 66 a 70 á educación das persoas adultas. No seu artigo 67.2º prevé que as ensinanzas para as persoas adultas poderán desenvolverse a través da modalidade de educación a distancia. Igualmente, no punto 7 dese mesmo artigo, establece que as ensinanzas para persoas adultas se organizarán cunha metodoloxía flexible e aberta, de modo que respondan ás súas capacidades, necesidades e intereses. No artigo 69, dedicado ás ensinanzas postobrigatorias para persoas adultas, establece que as administracións educativas promoverán medidas tendentes a ofrecer a todas as persoas a oportunidade de acceder ás ensinanzas de bacharelato e que adoptarán as medidas oportunas para que as persoas adultas dispoñan dunha oferta específica de estudos organizada de acordo coas súas características.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, define no seu artigo 1 a educación e promoción de adultos como un conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles proporcionar a todos os residentes no territorio de Galicia que superaron a idade de escolaridade obrigatoria o acceso, de forma gratuíta e permanente, á súa formación persoal, así como a ámbitos de formación ligados a niveis educativos superiores. No seu artigo 16 establece que a educación e promoción de adultos adoptará as seguintes modalidades: presencial, semipresencial e a distancia.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no seu artigo 6 que, a través da modalidade a distancia, poderán ofertarse as ensinanzas dos niveis educativos e profesionais que se determinen das recollidas nese decreto e que non requiran a presenza directa do alumnado.

Por Orde do 23 de agosto de 2001 (DOG do 13 de setembro) a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulou de xeito experimental por un período de dous anos as ensinanzas de bacharelato a distancia e autorizou por ese mesmo período a súa impartición nas modalidades de ciencias da natureza e da saúde, e humanidades e ciencias sociais no instituto de educación secundaria San Clemente de Santiago de Compostela.

Superado o prazo de vixencia que establecía a mencionada orde, é preciso regular as ensinanzas de bacharelato de adultos pola modalidade a distancia aproveitando a experiencia acadada e adaptándoa ás novas circunstancias.

En consecuencia, e en virtude das atribucións conferidas pola lexislación vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto da presente orde é a regulación das ensinanzas do bacharelato para persoas adultas pola modalidade a distancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta orde será de aplicación nos centros educativos públicos autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º.-Modalidades polas que se pode cursar o bacharelato de adultos a distancia.

1. As ensinanzas reguladas nesta orde recibirán o nome xenérico de bacharelato para persoas adultas a distancia e poderán impartirse con apoio de titorías presenciais, denominándose entón bacharelato de adultos a distancia semipresencial; ou con apoio de titorías telemáticas, designándose neste caso como bacharelato de adultos a distancia.

2. O bacharelato de adultos a distancia, nas súas dúas modalidades, caracterízase polo traballo autónomo do alumnado e pola acción titorial necesaria para o proceso de ensino-aprendizaxe. Esta acción titorial realizarase no bacharelato a distancia semipresencial mediante as titorías presenciais a que se refire o artigo 11º desta orde, e mediante titorías telemáticas a que se refire o artigo 12º no bacharelato a distancia.

Artigo 3º.-Autorización de centros.

1. As ensinanzas de bacharelato de adultos a distancia semipresencial impartiranse nos centros públicos específicos de educación e promoción de adultos e nos institutos de educación secundaria que autorice a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa por proposta da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

2. As ensinanzas de bacharelato para adultos a distancia impartiranse a través do centro que autoricen as mencionadas direccións xerais.

Artigo 4º.-Aspectos comúns coa normativa do bacharelato de réxime ordinario.

1. As ensinanzas do bacharelato para persoas adultas a distancia configúranse en dous cursos académicos segundo a ordenación establecida con carácter xeral para o réxime ordinario.

2. A lexislación pola que se regula a organización académica do bacharelato ordinario na Comunidade Autónoma de Galicia ten carácter supletorio e é de aplicación a estas ensinanzas en todo aquilo non regulado explicitamente nesta orde e no regulado para o bacharelato presencial para persoas adultas.

Artigo 5º.-Aspectos comúns coa normativa do bacharelato presencial para persoas adultas.

Para todos os aspectos relacionados cos criterios de acceso do alumnado a estas ensinanzas, documentos de avaliación, titulación de bacharel e mobilidade entre os diversos réximes de bacharelato, é de plena vixencia o regulado para o bacharelato presencial para persoas adultas na Orde do 14 de abril de 1999, pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia, DOG do 29 de abril, sempre que non se opoñan ao regulado explicitamente nesta orde.

Artigo 6º.-Titulación de bacharelato e acceso á universidade.

1. Para obter o título de bacharelato, o alumno deberá ter superado as materias comúns, seis materias propias dunha modalidade (tres de primeiro curso e tres de segundo) e dúas materias optativas.

2. O alumnado que remate os seus estudos de bacharelato para persoas adultas a distancia e desexe acceder á universidade seguirá os mesmos procedementos que o alumnado do bacharelato ordinario. Deberá acreditar ter cursadas as materias propias de cada modalidade vinculadas a cada vía de acceso, segundo a orde que regula as probas de acceso á universidade.

Artigo 7º.-Procedemento de admisión e matrícula.

1. Na modalidade de bacharelato a distancia semipresencial, os prazos de admisión e matrícula serán os seguintes:

a) O alumnado procedente do mesmo centro, con ensinanzas desta modalidade autorizadas, que desexe cursar bacharelato a distancia semipresencial realizará a reserva de praza do 15 ao 30 de maio.

b) O resto do alumnado presentará a solicitude de admisión no prazo ordinario do 25 de xuño ao 10 de xullo naqueles centros autorizados para o efecto, entregando un único impreso no centro en que quere matricularse en primeiro lugar. No mesmo impreso indicará por orde de preferencia, se é o caso, outros centros para matricularse, no caso de non haber praza no centro de primeira elección.

c) Finalizado o citado prazo, o alumnado poderá presentar solicitude de admisión no prazo extraordinario que finalizará o 25 de setembro.

2. O prazo de matrícula para o alumnado que desexe seguir as ensinanzas do bacharelato a distancia con apoio de titorías telemáticas abranguerá desde o 1 ao 30 de setembro. As solicitudes presentaranse no centro público que teña autorizadas estas ensinanzas.

3. Nas dúas modalidades de bacharelato a distancia, a dirección do centro poderá autorizar, con carácter excepcional, a matrícula fóra de prazo daqueles alumnos escolarizados en calquera outro réxime ou modalidade de bacharelato que acrediten documentalmente a imposibilidade de continuar os seus estudos na forma en que os viñan realizando.

4. Igualmente, e mediante o mesmo procedemento, a dirección do centro poderá autorizar ata o 30 de abril a matrícula fóra de prazo daquelas persoas que, por razóns de cambio na súa situación laboral, por causas de enfermidade ou outras causas excepcionais, desexen incorporarse ao bacharelato a distancia e non procedan doutro réxime ou modalidade de bacharelato.

5. Excepcionalmente, e nas dúas modalidades de bacharelato a distancia, o alumnado que acadou o título de graduado en educación secundaria no mes de febreiro poderá matricularse do 15 ao 28 do mesmo mes.

Artigo 8º.-Itinerarios formativos.

1. O alumnado que opte por cursar calquera das dúas modalidades do bacharelato a distancia poderá matricularse do número de materias que desexe de primeiro ou segundo curso. En calquera caso, non se poderá matricular simultaneamente por primeira vez en materias coa mesma denominación nos dous cursos ou con contidos progresivos.

2. Sen prexuízo do sinalado no punto anterior, no bacharelato a distancia semipresencial, o alumnado poderá matricularse do número de materias que desexe de primeiro ou segundo curso, sempre e cando exista compatibilidade horaria nas titorías lectivas respectivas. Para tal fin, unha vez formalizada a matrícula, a dirección do centro informarao da necesidade de cambiar ou non a listaxe de materias elixidas.

Artigo 9º.-Permanencia.

Para o alumnado de calquera das dúas modalidades do bacharelato de adultos a distancia non existe ningunha limitación temporal de permanencia nestas ensinanzas.

Artigo 10º.-Atención ao alumnado.

1. O alumnado das dúas modalidades do bacharelato a distancia disporá dunha guía do alumnado, que oriente o seu traballo autónomo. Esta guía incluirá indicacións sobre a distribución temporal dos contidos das diferentes materias, os criterios de avaliación, orientacións metodolóxicas, as actividades que se van realizar, as datas de avaliación e calquera outra información que se considere de interese para a súa aprendizaxe. A elaboración desta guía será responsabilidade dos departamentos didácticos correspondentes, baixo a dirección da xefatura de estudos. O equipo directivo do centro correspondente tomará as medidas oportunas que aseguren que o alumnado reciba ou teña acceso a esta guía ao comezo do curso.

2. Cando a dispoñibilidade de medios persoais e materiais o permitan, o alumnado do bacharelato a distancia semipresencial terá acceso aos recursos educativos do bacharelato a distancia baixo a supervisión do seu titor.

Artigo 11º.-Titorías no bacharelato a distancia semipresencial.

1. A acción titorial característica do bacharelato de adultos a distancia semipresencial realizarase fundamentalmente a través de titorías presenciais, que serán de dous tipos: titorías lectivas e titorías de orientación.

2. As titorías lectivas dedicaranse a abordar co alumnado os aspectos fundamentais da materia correspondente, incidindo especialmente nos contidos procedementais. Estas titorías, que serán de asistencia obrigatoria para o alumnado, serán impartidas polo profesorado das distintas materias comúns, propias de modalidade e optativas nas cales estea matriculado o alumno.

3. A falta non xustificada de asistencia ao trinta por cento destas titorías suporá a perda do dereito ás avaliacións parciais que se realizan ao longo do curso, podendo o alumno presentarse exclusivamente á avaliación final. Non obstante, con carácter excepcional, e coa finalidade de facilitarlles ás persoas adultas a permanencia no ensino de bacharelato, cando se dean circunstancias acreditadas documentalmente que impidan asistir ás titorías dalgunhas materias, a Inspección educativa, logo do informe da dirección do centro e por petición do interesado, poderá autorizar a exención da obrigatoriedade de asistir regularmente a elas.

4. Os horarios para as titorías lectivas de cada materia son os recollidos no anexo desta orde.

5. As titorías de orientación dedicaranse a solucionar as dúbidas que suscite no alumnado o estudo da materia e os problemas atopados no desenvolvemento do seu traballo autónomo, así como a realizar as orientacións que se aconsellen para o mellor aproveitamento do seu estudo. En cada centro ofertarase unha titoría de orientación con periodicidade quincenal nas materias comúns, de modalidade e optativas.

6. Dadas as necesidades e intereses das persoas adultas, as titorías reguladas neste artigo impartiranse, con carácter xeral, entre as dezaoito trinta horas e as vinte e tres horas, de luns a venres. Cando polas necesidades do alumnado sexa conveniente establecer outro horario para estas titorías, o equipo directivo do centro realizará a proposta do novo horario, que deberá contar coa autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, logo do informe da Inspección Educativa.

7. A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar, logo do informe da Inspección Educativa, a concentración do horario en tres días, cando as dispoñibilidades de tempo do alumnado o fagan recomendable.

Artigo 12º.-Titorías no bacharelato a distancia.

1. A acción titorial característica do bacharelato de adultos a distancia realizarase a través dos medios ofrecidos polas tecnoloxías da información e da comunicación ou por outros medios de comunicación.

2. Eses medios ofrecerán ao alumnado a posibilidade da xestión da súa propia axenda de actividades lectivas, o acceso aos materiais de información escrita e audiovisual relacionados coas súas materias de estudo e os mecanismos de comunicación e interacción cos seus titores e co resto do alumnado.

3. Cada alumno do bacharelato a distancia terá asignado un titor ou titora para cada unha das materias en que estea matriculado.

4. Cando as circunstancias o aconsellen e exista dispoñibilidade de medios persoais e materiais, a atención titorial telemática poderá completarse coa atención individual telefónica. Neste caso, o alumnado recibirá información puntual do horario de dispoñibilidade dos titores para esta tarefa.

Artigo 13º.-Avaliación.

1. Realizaranse, como mínimo, tres avaliacións de carácter formativo ao longo do curso. Rematado o período lectivo, e coincidindo coa sesión da última avaliación, procederase á realización da avaliación final do alumnado.

2. O alumnado que non se presente a algunha ou a todas as avaliacións parciais poderá presentarse directamente ás avaliacións finais ordinaria ou extraordinaria.

3. Para a realización destas avaliacións no bacharelato a distancia con apoio de titorías telemáticas, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, por proposta do centro autorizado, poderá designar centros colaboradores nas catro provincias da comunidade autónoma e comisións de profesorado para a cualificación de probas. Este profesorado poderá percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

4. Os alumnos matriculados en materias de segundo curso que teñan materias de primeiro non superadas, terán dereito cada ano académico a dúas avaliacións destas últimas:

a) Unha ordinaria, que se celebrará na segunda quincena de maio para o alumnado que teña a posibilidade de acceder ao título de bacharelato na convocatoria ordinaria, e no mes de xuño para o resto do alumnado.

b) Unha extraordinaria, que se celebrará no mes de setembro.

5. As materias en que o alumnado obteña cualificación positiva consideraranse definitivamente superadas.

6. Para as posibles reclamacións do alumnado sobre as cualificacións obtidas nas avaliacións aplicarase o disposto para as ensinanzas do bacharelato de réxime ordinario.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada, de forma expresa, a orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 23 de agosto de 2001 (DOG do 13 de setembro) e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e de Ordenación e Innovación Educativa a ditar as instrucións precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma