Orde do 27 de marzo de 2009 pola que se regulan os ficheiros de datos de caracter persoal existentes na Conselleria de Presidencia, Administracions Publicas e Xustiza. - Diario Oficial de Galicia, de 03-04-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 65
  • Fecha de Publicación: 03/04/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e establece no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación, modificación e supresión daqueles.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regula os ficheiros de carácter persoal que se especifican nos anexos.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación, modificación e supresión de ficheiros, está contida nos anexos desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da consellería regulados por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados nos anexos e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os detallados nos anexos. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros regulados por esta orde correspóndelle aos distintos centros directivos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que se detallan nos anexos para cada un dos ficheiros.

Así mesmo, nos anexos detállase o centro directivo ante o que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O nivel dos ficheiros regulados por esta orde atópase clasificado atendendo ó disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. O detalle da clasificación dos ficheiros está nos anexos desta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 7º.-Modificación de ficheiros.

A evolución da actividade administrativa supuxo a modificación dos ficheiros detallados no anexo II e conforme a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, publícanse nesta orde as modificacións realizadas nestes ficheiros.

Artigo 8º.-Supresión de ficheiros.

No anexo III desta orde relaciónanse aqueles ficheiros para os cales será solicitada a súa supresión ao Rexistro da Axencia de Protección de Datos. O titular do órgano responsable destes ficheiros establece no citado anexo o destino que se vaia dar aos datos ou, se é o caso, as previsións que se adopten para a súa destrución.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma