Orde do 27 de xuño de 2007 sobre a aprobacion definitiva da modificacion puntual numero 1 do Plan Xeral de Ordenacion Municipal do Concello da Laracha (A Coruña). - Diario Oficial de Galicia, de 09-08-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 154
  • Fecha de Publicación: 09/08/2007
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Concello da Laracha (A Coruña) remite a modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello da Laracha dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 30/06/2003 ao abeiro da disposición transitoria 3ª da Lei 9/2002.

2. A modificación é formulada polo Concello da Laracha e ten por finalidade a alteración da ordenación dos cuarteiróns situados entre as rúas Rosalía de Castro, Lino Gómez Canedo e Manuel Murguía, no núcleo urbano da Laracha, nunha extensión de 12.830 m2, substituíndo a ordenación en vivenda unifamiliar prevista sobre solo urbano consolidado (superficie edificable 4.898 m2) por un bloque de B+3 plantas (7.004 m2 edificados) e máis espazos libres públicos (4.530 m2 de solo) e equipamentos públicos (740 m2 de solo). A área pasa de solo urbano consolidado a non consolidado, como área de repartición AR-L 17.

Os terreos afectados son resultado da execución do Plan parcial da zona Z-10 (uso residencial), sector A Laracha 1, aprobado definitivamente polo Concello o 26/3/1997. O vixente plan xeral incorpóraos a solo urbano consolidado e establece a ordenación detallada de aplicación, prescindindo do devandito plan parcial.

3. O concello suspendeu o outorgamento de licenzas no ámbito da modificación, anunciándoo no DOG do 12-8-2005 e en El Ideal Gallego do 2 e 3-8-2005.

4. O proxecto foi sometido a informe desta consellería previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1º da Lei 9/2002), que foi emitido o 31-5-2006 con observacións.

5. O Pleno do Concello aprobou inicialmente o proxecto o 22-8-2006. Sometido a información pública polo prazo dun mes (DOG do 12-9-2006, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 13-9-2006), foron presentadas cinco alegacións, segundo o certificado incluído para o efecto no expediente. Así mesmo, deuse audiencia aos concellos limítrofes (Carballo, Culleredo, Arteixo e Cerceda), mediante oficios do 23-8-2006.

6. Na documentación remitida consta a decisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 5-3-2007 que declara que non é necesario someter a modificación proposta a avaliación ambiental estratéxica.

7. No expediente figuran informes da Secretaría do Concello do 22-7-2005, relativo á suspensión de licenzas, da arquitecta técnica municipal e da Secretaría do Concello do 11-8-2006, previos á aprobación inicial, e do 6-11-2006, previos á aprobación provisional (artigo 85.4º da Lei 9/2002).

8. O Concello Pleno aprobou provisionalmente o proxecto o 16-11-2006.

9. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio número 4692 do 21-12-2006 e previo requirimento desta consellería, completou a documentación o 19-3-2007 e o 26-4-2007.

II. Consideracións e fundamentación

II.1. Con data do 27-6-2007, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no cal se expresa o seguinte:

1. Razóns de interese público para a modificación (artigo 94.1º da Lei 9/2002):

As razóns alegadas na memoria do proxecto encaixan nas razóns de interese público consistentes na mellora da articulación dos espazos libres públicos e dos volumes construídos e na creación de novas dotacións urbanísticas públicas.

Con independencia do indicado, dada a entidade da modificación, que afecta a ordenación dun ámbito do solo urbano inserto na malla urbana do núcleo da Laracha, enténdese que a valoración dos aspectos discrecionais relativos á concorrencia de tales razóns entra na competencia municipal.

2. Límites de sustentabilidade, calidade de vida e cohesión social:

O proxecto cumpre tanto os límites de sustentabilidade como as reservas de solo para dotacións urbanísticas establecidas respectivamente nos artigos 46 e 47 da Lei 9/2002.

Así mesmo, o proxecto prevé unha parcela de 340 m2 de solo con 1.401 m2 edificables, co que se supera o 20% da edificabilidade residencial exixida no artigo 55.3º da Lei 9/2002.

3. Outros aspectos do proxecto:

O proxecto non establece o prazo máximo para a execución da urbanización do ámbito contado desde a aprobación definitiva da modificación puntual, tal como exixe o artigo 128.1º da Lei 9/2002.

Tendo en conta a entidade da actuación, proponse establecer un prazo de tres anos para a completa execución das obras de urbanización, que se contará a partir da entrada en vigor da modificación puntual.

II.2. De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Laracha (A Coruña), coa seguinte condición:

-Para os efectos previstos nos artigos 128.1º e 188.2º da Lei 9/2002, establécese un prazo de tres anos para a completa execución das obras de urbanización, que se contará a partir da entrada en vigor da modificación puntual.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes


No hay versiones para esta norma