Orde do 28 de xullo de 2005 pola que se modifica a do 27 de maio de 2005, pola que se regula a descarga, transporte e primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas dos que non sexa obrigada a súa primeira venda en lonxa, e se establece o procedemento para a autorización. - Diario Oficial de Galicia, de 08-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 151
  • Fecha de Publicación: 08/08/2005

Publicada a Orde do 27 de maio, pola que se regula a descarga, transporte e primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas dos que non sexa obrigada a súa primeira venda en lonxa e se establece o procedemento para a autorización, (DOG nº 105, do mes de xuño pasado) e vistas algunhas dificultades da súa posta en marcha, xa que é a primeira vez que se regulan este tipo de actividades na comunidade autónoma, antes da súa entrada en vigor, e tendo en conta propostas efectuadas por determinadas asociacións directamente afectadas por ela e co fin de facilitar a súa aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 1º, 3º e 4º así como a disposición derradeira segundal que quedan redactados da seguinte forma:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito. O obxecto desta orde é regular no ámbito territorial da comunidade autónoma, a descarga, o transporte e a primeira venda dos produtos pesqueiros conxelados, ultraconxelados, sen transformar ou transformados a bordo ou en instalacións de acuicultura, envasados ou non, e os produtos da acuicultura que non sexan obxecto de primeira venda en lonxa, incluíndo a flora mariña.

Para os efectos do disposto nesta orde, establécese o procedemento de autorización das empresas, os establecementos ou centros que realicen ou pretendan realizar a primeira venda destes produtos.

Artigo 3º.-Solicitudes de autorización. Aquelas empresas que realicen ou pretendan realizar a primeira venda de produtos da acuicultura que non son obxecto de venda en lonxa, produtos conxelados, ultraconxelados, sen transformar, transformados a bordo ou en instalacións de acuicultura, deberán solicitar a correspondente autorización á consellería competente en materia pesqueira, segundo o modelo do anexo I desta orde.

Xunto coa solicitude establecida no anexo I presentarase a solicitude de alta no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias, segundo o establecido no Decreto 420/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de rexistro de buques e de empresas halioalimentarias, cando non estea xa inscrito.

Así mesmo, presentará unha declaración xurada conforme posúe equipos informáticos suficientes e adecuados para a obtención e transmisión de datos á consellería competente en materia pesqueira de todas as transaccións efectuadas en primeira venda.

Calquera cambio nas condicións sinaladas na solicitude deberá serlle comunicado á consellería competente en materia pesqueira.

Artigo 4º.-Establecementos onde se realiza a primeira venda.

Para os efectos desta orde, todos os establecementos ou centros onde se realicen primeiras vendas deberán figurar no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias regulado polo Decreto da Xunta de Galicia 420/1993, do 17 de decembro polo que se refunde a normativa vixente en materia de rexistro de buques e de empresas halioalimentarias.

Disposición derradeira segunda

A orde entrará en vigor aos 120 días seguintes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2005. Enrique César López Veiga Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos


No hay versiones para esta norma