Orde do 29 de maio de 2009 reguladora de aprazamentos e fraccionamentos de pagamentos de debedas que correspondan a ingresos de dereito publico da Comunidade Autonoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 10-06-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 112
  • Fecha de Publicación: 10/06/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Decreto lexislativo 1/1990, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece, no artigo 20.5º, a posibilidade de aprazar ou fraccionar as cantidades debidas á Facenda da Comunidade nos casos e cos procedementos que regulamentariamente se establezan. A continuación prevé a posibilidade de excepcionar garantías cando sexan inferiores á cifra que fixe a Consellería de Facenda.

O desenvolvemento regulamentario a que antes se alude está composto no ámbito da nosa Comunidade pola Orde do 5 de febreiro de 1997, pola que se determina competencias en materia de aprazamento e fraccionamento do pagamento de débedas tributarias, e a Orde do 17 de febreiro de 2003 pola que modifica a contía das débedas para as que non se exixirá garantía nas solicitudes de aprazamento ou fraccionamento de pagamento e a competencia para a súa concesión.

A recente reforma da organización da Administración periférica da Comunidade Autónoma de Galicia, e a adopción de medidas que favorezan as empresas, autónomos e familias que poidan ter problemas de liquidez, sen perder rigor na xestión das débedas da Comunidade, xustifican a modificación das dúas ordes antes citadas, que se reúnen nunha.

De conformidade coa competencia atribuída polo artigo 7 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Competencia.

As débedas tributarias e demais de dereito público cuxa xestión recadatoria estea atribuída aos órganos da consellería competente en materia de facenda poderán ser aprazados ou fraccionados, mediante resolución, polo director xeral de Tributos, subdirector xeral de Recadación, xefes territoriais dos departamentos de Facenda, xefe do servizo central de recadación, xefes dos servizos de recadación e xefes dos servizos de xestión tributaria, de acordo coas seguintes contías, natureza das débedas e tipos de garantía exixibles:

Director/a xeral de Tributos.

Correspóndelle a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento cando, non estando expresamente atribuída a outros órganos:

A contía total da débeda exceda os 300.000 €.

Se solicite a dispensa total ou parcial de garantías.

Subdirector/a xeral de Recadación e xefes/as territoriais dos departamentos de Facenda.

Correspóndelles a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento cando, non estando expresamente atribuída a outros órganos, a débeda total non exceda os 300.000 €.

Xefe/a do Servizo Central de Recadación e xefes/as dos Servizos de Recadación.

Correspóndelles a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento cando lles sexa de aplicación a exención de garantías en atención á contía da débeda.

Xefes/as dos servizos de Xestión Tributaria.

Correspóndelles a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento solicitados que, ao abeiro do disposto na normativa reguladora dos impostos sobre sucesións e doazóns e transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, se atribúen especificamente aos órganos competentes para a xestión e liquidación destes.

Artigo 2º.-Avocación.

O/a director/a xeral de Tributos poderá avocar a competencia para acordar o aprazamento ou fraccionamento de pagamento en expedientes cuxa especial transcendencia o aconselle e cuxa xestión corresponda aos órganos de recadación.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento, con independencia do órgano competente para a súa resolución, presentarase ante o Servizo de Recadación en cuxo ámbito territorial estea situado o órgano de que proceda o acto que orixina a débeda.

Artigo 4º.-Garantías.

Non se exixirán garantías para as solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento de débedas que constitúan ingresos de dereito público de Comunidade Autónoma de Galicia cando o seu importe en conxunto non exceda de 18.000 euros e se encontren tanto en período voluntario coma en período executivo de pagamento, sen prexuízo do mantemento, neste último caso, das trabas existentes sobre bens e dereitos do debedor no momento da presentación da solicitude.

Para os efectos da determinación da contía, acumularanse no momento da solicitude tanto as débedas a que se refire a propia solicitude como calquera outra do mesmo debedor para as que conste que se solicitase e non resolvese o aprazamento ou fraccionamento, así como o importe dos vencementos pendentes de ingreso das débedas aprazadas ou fraccionadas, salvo que estean debidamente garantidas.

Disposición transitoria

As solicitudes de aprazamento e fraccionamento pendentes de resolución no momento da entrada en vigor desta orde seguirán rexéndose polo establecido na normativa vixente na data de presentación da correspondente solicitude.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes da Consellería de Economía e Facenda do 5 de febreiro de 1997 que determina competencias en materia de aprazamento e fraccionamento do pagamento de débedas tributarias e do 17 de febreiro de 2003 pola que se modifica a contía das débedas para os que non se esixirá garantía nas solicitudes de aprazamento ou fraccionamento de pagamento e a competencia para a súa concesión.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda


No hay versiones para esta norma