ORDE do 29 de xaneiro de 2015 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2015., - Diario Oficial de Galicia, de 06-02-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 25
  • Fecha de Publicación: 06/02/2015
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Na Orde do 16 de marzo de 2011, da Consellería de Economía e Industria, establécese que a consellería competente regulará mediante orde o procedemento e a convocatoria para a realización dos exames encamiñados á obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial.

O acordo de coordinación asinado o 9 de abril de 2010 entre a Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (actualmente Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) para establecer un procedemento co fin de que o proceso de obtención de determinados carnés profesionais se articule a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establece que esta última adoptará as medidas necesarias para que nos centros integrados de formación profesional ou naqueles outros dependentes desta consellería que se estableza, que impartan formación profesional, se realicen as xestións encamiñadas á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais nas especialidades que conxuntamente se determinen.

Así mesmo, faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para realizar as convocatorias anuais para a obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais polo procedemento de exame.

Igualmente, a Orde do 5 de decembro de 2011 establece que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento e a convocatoria para a realización das probas teórico-prácticas para a obtención da certificación persoal da competencia para a manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga e de carga inferior a tres quilogramos de gases fluorados, e para manipulación de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

En virtude do anteriormente exposto, co fin de regular a organización e o desenvolvemento dos exames para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais,

Dispoño:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer o procedemento que seguirá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a realización dos exames encamiñados á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais para o ano 2015 nas seguintes especialidades:

- Operador/ora industrial de caldeiras.

- Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.

- Instalador/ora de gas, categoría A.

- Instalador/ora de gas, categoría B.

- Instalador/ora de gas, categoría C.

- Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

- Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

- Reparador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.

- Carné profesional de operador/ora de guindastre torre.

- Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

- Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

- Manipulador/ora de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

- Manipulador/ora de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

- Manipulador/ora de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida exixir a normativa sectorial correspondente.

b) Requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

1. As persoas aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia, segundo o modelo que figura no anexo I. No caso de teren interese na obtención de máis dun carné ou habilitación profesional, presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes cumprirá o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Xunto coa solicitude cumprirá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou NIE, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

b) Copia compulsada do título ou certificación académica oficial da titulación requirida, na cal conste ter efectuado o depósito do título, no caso de non ter realizado os estudos correspondentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

c) Cando así o estableza a normativa que regula a especialidade, certificado de superación do curso teórico-práctico impartido por unha entidade recoñecida pola Consellería de Economía e Industria. No caso de estar a cursalo, certificado desta situación. Neste caso, cumprirá presentar a certificación de superación o día do exame teórico.

d) Xustificante de aboamento das taxas.

e) No caso de acreditación da experiencia laboral:

- Informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

- Certificación das empresas onde se adquirise a experiencia, que se describirá mediante a relación de actividades desenvolvidas nos termos recollidos na normativa da especialidade que corresponda, segundo o modelo que figura no anexo II.

f) Certificado médico, cando así se exixa e nos termos establecidos no Real decreto 560/2010, do 7 de maio, polo que se modifican diversas normas regulamentarias en materia de seguridade industrial.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 4. Taxas

1. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 38,37 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. O modelo de impreso, así como os datos e os códigos que se deben indicar son os seguintes:

Modelo A.

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código 07.

Delegación de Servizos Centrais. Código 13.

Servizo de Xestión da Formación Profesional. Código 03.

Taxa: denominación: capacitación profesional para o exercicio de actividades en materia de industria. Código 320701.

2. A non presentación dentro de prazo deste xustificante, no cal debe figurar o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

1. Para a convocatoria ordinaria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 9 ao día 20 de febreiro de 2015, ambos os dous incluídos.

2. Para a convocatoria extraordinaria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 1 ao día 13 de xullo de 2015, ambos os dous incluídos.

Artigo 6. Admisión de solicitudes

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, coas causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

2. As persoas excluídas, así como as que non figuren nin nas relacións de admitidas nin nas de excluídas, disporán de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para a emenda de defectos.

3. Logo de transcorrido o prazo de reclamacións e revisadas estas, publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas coas datas, a hora, os lugares de realización dos exames e as causas de exclusión daquelas persoas que non resultaran seleccionadas.

Esta listaxe publicarase nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

Artigo 7. Tribunais cualificadores

1. Constituirase, como mínimo, un tribunal para cada especialidade. Cada tribunal estará formado por un presidente ou unha presidenta, e como mínimo dous ou dúas vogais, que serán membros do departamento didáctico da familia profesional correspondente e con destino no mesmo centro. Cando cumpra, poderá formar parte do tribunal profesorado con destino noutro centro, sempre que pertenza á mesma familia profesional.

Os membros titulares e suplentes do tribunal serán designados pola dirección do centro onde se desenvolvan os exames. O presidente ou a presidenta serán preferentemente o xefe ou a xefa do departamento didáctico da familia profesional do IES ou CIFP onde se realicen os exames, e actuará como secretario ou secretaria o vogal ou a vogal de menor idade.

2. Logo da convocatoria do presidente ou da presidenta, constituirase o tribunal respectivo, coa asistencia da maioría simple dos seus membros, titulares ou suplentes. Na devandita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que corresponda para garantir o correcto desenvolvemento das probas.

3. A partir da súa constitución, para que o tribunal poida actuar validamente requirirase a presenza dun mínimo de tres membros, dos cales un será obrigatoriamente o presidente ou a presidenta. Os membros titulares e os suplentes poderán actuar indistinta e concorrentemente.

4. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no ámbito destas convocatorias. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, os tribunais terán a súa sede na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

5. Os membros dos tribunais percibirán as indemnizacións correspondentes segundo o establecido no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. O tribunal poderá dispor a incorporación de persoal asesor especialista para cada un dos carnés convocados, que lle prestará a súa colaboración ao tribunal nas especialidades técnicas de cada materia, e deberá emitir un informe sobre a documentación de cada aspirante que se unirá á acta correspondente. As actuacións de tales asesores ou asesoras deberán quedar reflectidas nas actas. Así mesmo, o tribunal poderá valerse da actividade de persoal auxiliar durante a realización dos exercicios.

Artigo 8. Desenvolvemento dos exames

1. Os exames realizaranse nos centros a que se fai referencia no punto 3 do artigo 6 desta orde.

2. Para a realización do exame as persoas candidatas deberán ir provistas do documento oficial que acredite a súa identidade e bolígrafo negro ou azul.

3. Os exames estarán constituídos por dúas partes, que se desenvolverán xeralmente na mesma xornada:

a) Primeira parte. Exercicio teórico escrito consistente na resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal sobre as materias e a regulamentación establecidas para cada especialidade. Poderá incluír cuestións sobre coñecementos tecnolóxicos e cálculos básicos no ámbito da competencia do carné profesional ou da habilitación profesional.

b) Segunda parte. Poderá consistir, segundo determine o tribunal, nun suposto práctico escrito ou nunha proba real de manipulación ou manexo, e versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requisitos prácticos propios de cada especialidade. Nesta proba, o tribunal cualificador poderá permitir o uso do regulamento técnico ou de calquera material adicional que considere necesario para o desenvolvemento da proba. A relación deste material comunicaráselles ás persoas participantes de cada especialidade, de ser o caso, a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

En calquera caso, poderase utilizar calculadora científica, excepto as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos.

Para os carnés de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, a segunda parte consistirá nunha demostración real de destreza no manexo do guindastre baixo as instrucións e as indicacións especificadas polo tribunal. Será condición imprescindible ter superada a primeira parte da proba para poder concorrer a esta segunda parte. O tribunal publicará a relación de persoas seleccionadas para realizar a segunda parte da proba e informará da data e do lugar de realización na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp

Artigo 9. Cualificación dos exames

1. A puntuación mínima para superar cada parte corresponderá á metade do valor da puntuación máxima posible da devandita parte. Na parte teórica a nota formarase de acordo coa expresión: número de respostas correctas - (número de respostas incorrectas/3).

2. Os exames cualificaranse como apto/a ou non apto/a. Para considerarse apto/a deberanse aprobar as dúas partes independentemente.

Artigo 10. Listaxes de cualificacións

1. O tribunal cualificador publicará a listaxe provisional de cualificacións na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. Tamén se poderá publicar nos respectivos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Disporase dun prazo de cinco días hábiles desde a publicación da listaxe provisional de cualificacións para formular reclamacións ante o presidente ou a presidenta do tribunal cualificador, que resolverá as reclamacións. Para garantir o anonimato e a obxectividade da corrección, non se permitirá, agás circunstancias excepcionais que deberán estar claramente xustificadas, a revisión presencial dos exames.

3. Finalizado o prazo, o tribunal enviará a proposta da listaxe de cualificacións por especialidades ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen a elevará a definitiva mediante unha resolución. A listaxe definitiva de cualificacións publicarase na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. Tamén se poderá publicar nos respectivos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

4. Contra a resolución definitiva poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes desde a súa publicación.

Artigo 11. Expedición de carnés e habilitacións profesionais

Logo de elevada a definitiva a listaxe, as persoas aprobadas recibirán por correo certificado o carné profesional ou a habilitación profesional correspondente no enderezo indicado na súa solicitude. No caso de certificacións ou habilitacións con código de verificación electrónica e sinatura electrónica, poderán ser enviadas ao correo electrónico indicado na solicitude ás persoas que superaran a proba.

Artigo 12. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento e informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxfp@xunta.es

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Xa que logo, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberanse achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou as informacións que prevé esta norma, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia onde foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, en ausencia desta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 14. Modelos normalizados de formularios

Para calquera outro trámite distinto da presentación da solicitude, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2015

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria


No hay versiones para esta norma