Orde do 29 de xuño de 2007 sobre aprobacion definitiva da modificacion puntual do Plan Xeral de Ordenacion Municipal do Concello da Coruña relativa a norma zonal 9 de actividades economicas. - Diario Oficial de Galicia, de 26-07-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 144
  • Fecha de Publicación: 26/07/2007
  • PDF de la disposición

O Concello da Coruña remite o proxecto de modificación puntual referido, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello da Coruña dispón na actualidade de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o

19-10-1998.

2. Antecedentes administrativos:

-O Concello Pleno, en sesión de 2-10-2006, acordou a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM. Non foi solicitado informe previo á Dirección Xeral de Urbanismo por entender que o proxecto atópase dentro dos supostos regulados no artigo 93.5 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.

-O expediente foi sometido a información pública logo de publicación de anuncios nos xornais El Ideal Gallego, La Voz de Galicia e La Opinión de A Coruña todos eles en data do 20-10-2006, e no Diario Oficial de Galicia nº 210 do 31-10-2006, presentándose un total de tres alegacións durante o dito trámite, segundo certificado do secretario xeral do concello que se inclúe no expediente para o efecto.

-No expediente constan os seguintes informes:

Ministerio de Fomento. Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, de data 28-11-2006, en sentido favorable.

Dirección Xeral de Obras Públicas da CPTOPT de data 5-2-2007, en sentido favorable.

Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que comunica a Decisión do 8-3-2007, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible segundo a que «non é necesario someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual».

Así mesmo, consta no expediente informe-proposta de data 23-2-2007 asinado entre outros polo asesor técnico, e o arquitecto xefe do departamento de planeamento en sentido favorable á aprobación provisional, co que se dá cumprimento ao establecido no artigo 85.4º da Lei 9/2002.

-O Pleno do concello, en sesión de data 5-3-2007, acordou a aprobación provisional da modificación puntual do PXOM relativa á norma zonal nº 9.

3. O proxecto, redactado e asinado en data marzo 2007 polo arquitecto xefe do departamento de planeamento do concello, consta dun tomo escrito integrado por 35 follas nas que consta a dilixencia acreditativa de que o documento «dá cumprimento ao acordo plenario de 5-3-2007 polo que se aprobou con carácter condicional e provisional a modificación puntual do PXOM en canto á norma zonal nº 9 Actividades económicas».

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 27-6-2007, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no que se expresa o seguinte:

1. A modificación é formulada polo Concello da Coruña e ten por finalidade modificar as determinacións da norma zonal nº 9 de actividades económicas. Por unha parte incorpórase a regulación das condicións de edificación na norma zonal nº 9 grao 3 («Grandes superficies»), que actualmente carece de contido normativo, e ademais proponse incluír dentro dos usos alternativos da norma zonal 9 grao 2, as categorías 4ª (Establecementos asociados espacialmente: Mercado de abastos. Galerías comerciais, conxunto de tendas sen limitación de número por especialidade. Centros comerciais. Conxunto de tendas planificadas como totalidade e que poidan conter grandes superficies) e 6ª (Establecementos de exposición e venda de vehículos con ou sen pequenos talleres anexos) do uso terciario comercial.

2. Razóns de interese xeral nas que se fundamenta a modificación (artigo 94.1º da Lei 9/2002):

As razóns sinaladas no proxecto céntranse na necesidade de regular as condicións edificatorias da norma zonal nº 9 no seu grao 3 «Grandes superficies» dado que, se ben esta norma zonal está grafada nos planos de ordenación do PXOM vixente, carece de contido no texto normativo. A xustificación achegada respecto da incorporación das categorías 4ª e 6ª do uso terciario comercial como usos alternativos dentro da norma zonal nº 9, grao 2, é a existencia de gran número de establecementos comerciais e concesionarios de automóbiles que non están recollidos pola norma zonal actualmente de aplicación.

Respecto da definición das condicións edificatorias do grao 3 da norma zonal nº 9 considérase que está xustificado o interese xeral da modificación nos termos establecidos no artigo 94.1 da Lei 9/2002. Non obstante respecto da incorporación das categorías 4ª e 6ª do uso terciario comercial dentro dos usos alternativos non se achegan datos concretos que permitan avaliar a necesidade e interese xeral desta modificación, se ben trátase dunha determinación que se inscribe no ámbito das competencias urbanísticas municipais.

3. A modificación limítase a establecer ou alterar contidos das ordenanzas (normas zonais) do plan xeral e, por tanto, as funcións que lle encomenda o artigo 85.7º da Lei 9/2002, a esta consellería para resolver sobre a aprobación definitiva deben cinguirse a tales cuestións.

A modificación non expresa en detalle ningunha xustificación sobre algúns dos contidos relativos ás condicións de edificación no grao 3 da norma zonal 9, como a coherencia da tipoloxía construtiva permitida coa tipoloxía arquitectónica característica no contorno, o feito de que a proposta de ordenación estableza ata tres supostos de edificabilidade diferentes, ou o feito de que no grao 3º se fixen unhas condicións de ocupación e altura máxima superiores ás que corresponden aos graos 1º e 2º da mesma norma zonal. O Concello debería explicitar as razóns nas que se fundamentan as propostas de modificación, se ben se trata de aspectos discrecionais propios da competencia municipal respecto da definición do modelo de ordenación.

Sen prexuízo do antedito, non se detectou ningunha circunstancia que impida outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual, se ben cómpre indicar que o punto b.4)-edificabilidade-da norma zonal 9 grao 2º (páxina 25) establece unha excepción para o cómputo de edificabilidade das plantas de semisoto que non se axusta ao que establece o artigo 46.6.a) da Lei 9/2002, polo que debe ser suprimida tal excepcionalidade.

II.2. De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal lle corresponde á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5.a do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual relativa á norma zonal 9, de actividades económicas, do PXOM do Concello da Coruña, quedando expresamente suprimida a excepcionalidade que se establece no punto b.4)-edificabilidade-da norma zonal 9 grao 2º (páxina 25), respecto ás plantas de soto e semisoto.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes


No hay versiones para esta norma