ORDE do 29 de xuño de 2011 pola que se publican os modelos oficiais de declaración responsable e comunicación de datos ao Rexistro Galego de Comercio., - Diario Oficial de Galicia, de 15-07-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 136
  • Fecha de Publicación: 15/07/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 29 de decembro de 2010 e entrou en vigor o 19 de xaneiro de 2011.

O artigo 8.1, da devandita lei crea o Rexistro Galego de Comercio, adscrito á dirección xeral competente en materia de comercio, que ten por obxecto a inscrición dos establecementos comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das asociacións comerciais por eles constituídas. Regulamentariamente determinaranse as seccións que integren este rexistro, así como a forma e os datos requiridos para levar a cabo a devandita inscrición.

O artigo 8.2, recolle que o Rexistro Galego de Comercio será público e a inscrición nel gratuíta, e considerada condición indispensable para optar a calquera das liñas de axuda convocadas pola Administración da comunidade autónoma ou para participar activamente nos programas específicos.

Unha aplicación informática permitirá a inscrición, modificación e baixa de forma telemática no rexistro, no enderezo seguinte:

http:/economiaeindustria.xunta.es

No que atinxe ao funcionamento do rexistro haberá que aterse ao disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei de sinatura electrónica, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e nas normas que se diten en desenvolvemento do portelo único en relación coa aplicación da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

O artigo 71.bis.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, determina que as administracións públicas terán permanentemente publicados e actualizados modelos de declaración responsable e de comunicación previa.

Os modelos que se publican teñen carácter provisional mentres non se desenvolva regulamentariamente o Rexistro Galego de Comercio.

Á vista do exposto, e en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

1. Aprobar e dar publicidade aos modelos oficiais de declaración responsable e comunicación de datos para a inscrición no Rexistro Galego de Comercio, que se inclúen como anexos I, II e III a esta orde, de forma provisional, mentres non se produza o desenvolvemento regulamentario para os efectos do cumprimento no disposto no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia.

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2011.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma