Orde do 3 de maio de 2007 pola que se regula o exercicio de dereito ao voto dos traballadores por conta allea nas eleccions locais convocadas para o dia 27 de maio de 2007 polo Real decreto 444/2007, do 2 de abril. - Diario Oficial de Galicia, de 07-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 87
  • Fecha de Publicación: 07/05/2007
  • PDF de la disposición

Convocadas eleccións locais polo Real decreto 444/2007, do 2 de abril, da Presidencia do Goberno, e ao abeiro do establecido no artigo 37.3.

d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, cómpre regular as diversas situacións que se poidan presentar para o exercicio do dereito ao voto daqueles traballadores que non gocen do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, pois que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

Para este fin, e logo do acordo co delegado do Goberno de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Estas normas seranlles de aplicación a aqueles traballadores por conta allea que teñan a condición de electores e non gocen do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37.1º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo , e a aqueles en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do 27 de maio de 2007.

Artigo 2º

Para que os traballadores por conta allea poidan participar nas eleccións locais, que se levarán a cabo o día 27 de maio de 2007, no suposto de non gozaren en tal data de descanso semanal, terán un permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:

a) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais, ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

Correspóndelle ao empresario a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores disporán de permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º

No suposto de traballadores por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atopen na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira que o establecido no artigo anterior, para que poderen formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuaren a remisión do voto por correo.

Artigo 4º

Os traballadores por conta allea nomeados presidente ou vogal das mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozaren en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores a que se refire o parágrafo anterior tivesr que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º

Os traballadores por conta allea que acrediten a súa condición de apoderados, de acordo co previsto no artigo 76.4 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación se non gozaren en tal data do descanso semanal.

Artigo 6º

Os empresarios poderán solicitar dos traballadores que exerzan os dereitos regulados na presente orde a certificación de voto ou, de ser o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo


No hay versiones para esta norma