Orde do 30 de abril de 2007 pola que se convoca a realizacion de proxectos de anticipacion da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo de educacion infantil. - Diario Oficial de Galicia, de 10-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 90
  • Fecha de Publicación: 10/05/2007
  • PDF de la disposición

No contexto europeo, multilingüe e multicultural, o dominio de linguas estranxeiras constitúe un dos piares básicos na construción da identidade europea e na formación dos futuros e futuras cidadáns e cidadás. O estudo da lingua estranxeira afiánzase no currículo escolar comezando en idades cada vez máis temperás e incrementando o tempo de exposición ao feito plurilingüe. A primeira etapa da vida é a idónea para aprender outras linguas, alén da materna, xa que a capacidade cognitiva dos/as nenos/as nesa idade constitúe un campo fértil que se pode cultivar de diferentes maneiras e adaptar ás particularidades requiridas para os idiomas. Todo isto, sumado ao interese que os/as nenos/as demostran por todo o novo, favorece unha rápida asimilación e comprensión dunha lingua estranxeira.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación no artigo 18 establece a lingua estranxeira como área obrigatoria para toda a educación primaria, e no seu artigo 14.5º determina que lles corresponde ás administracións educativas fomentar unha primeira aproximación á lingua estranxeira nas aprendizaxes de segundo ciclo da educación infantil, especialmente no último ano.

Desde o curso 1999-2000, a nosa comunidade vén apostando pola impartición das linguas estranxeiras desde as etapas máis temperás ao terse implantado con carácter experimental, no segundo ciclo de educación infantil e primeiro ciclo de primaria, o ensino da primeira lingua estranxeira. A devandita Lei orgánica 2/2006 xeneraliza a impartición da primeira lingua estranxeira desde o primeiro ciclo de educación primaria. Debido a este cambio e dada a experiencia acumulada para o ensino da primeira lingua estranxeira en educación infantil, convén establecer unha nova convocatoria de proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira referida unicamente ao ensino infantil. Por isto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar a realización, con carácter experimental, de proxectos de impartición da primeira lingua estranxeira nos tres cursos do segundo ciclo de educación infantil, co fin de iniciar o alumnado da nosa comunidade no contacto temperán coa lingua inglesa, por ser esta a primeira lingua estranxeira de estudo maioritario en Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Poderán participar nestes proxectos todos os centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan a etapa de educación infantil.

Artigo 3º.-Requisitos de participación.

Os centros interesados en participar nesta experiencia deberán presentar a súa solicitude, anexo II desta convocatoria, de acordo co establecido no artigo 5º desta orde. Xuntarase á devandita solicitude:

1. Descrición do proxecto que se pretende desenvolver, especificando os obxectivos, contidos, estratexias metodolóxicas, distribución espacio-temporal e as pautas de avaliación formativa.

2. Certificación do centro na que conste o número de alumnos/as e grupos que participarán na experiencia.

3. Certificación da aprobación do proxecto polo claustro e o consello escolar.

4. Relación do profesorado especialista de lingua estranxeira con dispoñibilidade horaria que se compromete a participar.

5. Acreditación de habilitación na lingua estranxeira do profesorado participante.

Artigo 4º.-Condicións de participación.

1. O inicio da experiencia deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. O proxecto deberá desenvolverse ao longo dos tres cursos do ciclo.

3. O proxecto renovarase automaticamente sempre que se cumpran as condicións de autorización, agás renuncia expresa. No caso de non cumprirse as condicións, a delegación provincial deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

4. A distribución temporal en cada un dos cursos será de sesenta minutos semanais, distribuídos preferiblemente en tres sesións semanais de 20 minutos, en ningún caso nun período semanal único. Os contidos para o ensino da lingua estranxeira serán consensuados polo profesorado do ciclo, conxugando criterios que se referirán, por unha parte, á adecuación deles ás características psicoevolutivas do alumnado ao que van dirixidos e, por outra, á relación que se poida establecer entre estes contidos e os correspondentes ás restantes áreas de coñecemento do ciclo, de maneira que sexa posible abordar o seu ensino, simultaneamente, tanto desde a Área de Comunicación e Representación como desde outras áreas de coñecemento coas que estean relacionados.

5. O profesorado que participe nesta experiencia deberá ser especialista no idioma estranxeiro ou estar habilitado para impartir a devandita especialidade. Terá preferencia o profesorado que, ademais, teña experiencia docente en educación infantil.

6. Dado o carácter experimental do plan, cabe a posibilidade de que os centros educativos próximos poidan compartir profesorado sempre que conten coa autorización da Inspección educativa.

Artigo 5º.-Tramitación de autorización e resolución.

1. Deberá enviarse unha copia da solicitude de autorización á delegación provincial correspondente e outra á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. O prazo para a súa presentación rematará o día 15 de xuño.

2. As delegacións provinciais remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa un informe da Inspección educativa, que deberá facer constar:

a) Se o proxecto recolle todos os requisitos que se establecen nos artigos 3º e 4º desta orde.

b) Se as propostas pedagóxicas e organizativas son adecuadas para o nivel de desenvolvemento dos nenos e das nenas.

c) O número de grupos e de alumnos/as que van participar na experiencia.

d) A relación de profesores/as especialistas en lingua estranxeira, con dispoñibilidade horaria, dos que dispón o centro e que se comprometen a participar no proxecto.

e) O informe debe concluír se é favorable ou desfavorable.

3. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa resolverá a convocatoria antes do 1 de setembro.

4. Unha vez autorizado un centro, a súa autorización renovarase automaticamente cada ano sempre que se continúen a cumprir as condicións necesarias. No caso dos centros que deixen de satisfacer os requisitos, deberán comunicalo ao Servizo Provincial de Inspección Educativa, e a delegación provincial correspondente comunicarallo á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa antes do 30 de xuño.

Artigo 6º.-Criterios de autorización.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, á vista do informe pertinente do Servizo Provincial da Inspección Educativa, a selección e autorización dos proxectos, para o que se atenderá aos seguintes criterios:

a) Adecuación do proxecto aos aspectos sinalados nos artigos 3º e 4º desta convocatoria.

b) Adecuación das propostas pedagóxicas e organizativas ao nivel de desenvolvemento madurativo dos nenos e das nenas aos/ás que se dirixen (ver anexo I coas recomendacións metodolóxicas).

Artigo 7º.-Apoio e certificación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prestará apoio ao profesorado que participe nos proxectos que resulten autorizados a través dos/as asesores/as do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa, o Servizo de Formación do Profesorado e os centros de formación e recursos. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá ofrecer formación específica para o profesorado participante nos proxectos de anticipación e certificará como actividade de innovación educativa a participación dos profesores e profesoras implicados con 20 horas de formación, segundo a Orde do 1 de marzo de 2007, (DOG do 11 de abril). Así mesmo, o profesorado participante terá preferencia para participar nas actividades de formación no estranxeiro organizadas pola devandita dirección xeral. Para a emisión das certificacións será requisito imprescindible a entrega da memoria final no prazo indicado no artigo 8º.

Artigo 8º.-Memoria final.

Os centros enviarán anualmente unha memoria xustificativa do proxecto. Nesta farase constar o grao de consecución de obxectivos, contidos, distribución horaria empregada así como o número de alumnado e grupos participantes na experiencia. A memoria deberá remitirse ao Servizo de Ordenación e Innovación Educativa antes do 15 de xuño.

Artigo 10º

No mes de setembro a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa solicitará dos servizos provinciais de Inspección a relación actualizada de centros participantes na experiencia, na que figurará o número de alumnado por grupo e nivel, a distribución horaria, o número de profesorado implicado e os datos do profesorado.

Disposición transitoria

Única.-Todos os centros xa autorizados a levar a cabo o proxecto de anticipación na etapa de educación infantil pola Orde do 26 de xullo de 2001 (DOG do 14 de agosto) deben solicitar de novo a autorización pola necesidade de adaptar o seu proxecto aos tres cursos do segundo ciclo de educación infantil.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas a Orde do 26 de xullo de 2001, pola que se convoca a realización de proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, e a Circular 10/2002 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para a realización do plan experimental de anticipación de linguas estranxeiras nos centros que imparten os ciclos de educación infantil e primaria; así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Primeira.- Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para que dite as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Proposta metodolóxica para o ensino de inglés en educación infantil

O obxectivo estará centrado no achegamento dos nenos e das nenas a unha nova lingua e cultura. Considérase necesario construír todas as linguas baixo un mesmo marco conceptual polo que os obxectivos e contidos da lingua estranxeira quedarían integrados na Área de Comunicación e Representación a través da comunicación oral , con dous elementos novos:

-O uso dun código lingüístico diferente, especialmente centrado en audición e produción de novos sons e o coñecemento de distintos aspectos socioculturais.

-O desenvolvemento de capacidades e estratexias para a adquisición da lingua inglesa.

O alumnado vai ser quen constrúa a súa aprendizaxe lingüística coa axuda e mediación do profesor ou profesora, do contorno, das compañeiras e compañeiros, etc. Isto supón que a lingua se deberá practicar en contextos comunicativos reais e funcionais nos que o alumnado se implique e participe activamente nun clima de intercambio. É necesario crear un ambiente no que o alumnado sinta pracer por escoitar e participar, evitando o risco de que se cansen ou se inhiban. Para que a súa participación sexa comprensiva é necesario aproveitar experiencias significativas, rutinas, imaxes, personaxes de ficción dos debuxos animados ou contos, cancións, etc., tendo en conta que na educación infantil, os aspectos afectivos e de relación adquiren un relevo especial, sendo imprescindible a creación dun ambiente cálido, acolledor e seguro, no que o alumnado se sinta querido e confiado para poder afrontar as novas aprendizaxes.

Sen dúbida, é necesario potenciar o maior número de ocasións para usar a lingua, aproveitando as rutinas e a vida da aula, xa que a aprendizaxe se produce e xeneraliza co seu uso. Desde esta metodoloxía a énfase recae na significatividade das tarefas, na resolución de problemas, na experimentación e no aprender facendo. Á hora de planificar as actividades, teranse en conta os diferentes tipos de contidos e procurarase que a súa construción progresiva se faga desde a actuación do neno e da nena, ao redor de problemas e situacións concretas nas que poida encontrar sentido porque conecten cos seus intereses e motivacións.

Deben iniciarse na aprendizaxe da nova lingua a través da imitación e repetición de sons, palabras e enunciados significativos sempre cunha intención lúdica, reparando que na educación infantil, no xogo conflúen, por unha parte, o carácter motivador e, por outra, importantes posibilidades para que o neno e a nena establezan relacións significativas, ao tempo que o profesorado pode organizar contidos diversos e sempre con carácter global.

A comprensión e a expresión oral deben ser o punto de partida para o ensino da lingua estranxeira, onde o alumnado ten que aprender de maneira natural e a través do xogo, escoitando, practicando e participando o maior tempo posible coa primeira lingua estranxeira. As destrezas básicas desenvolvidas serán as receptivas e darase prioridade ao uso comunicativo e funcional da lingua. Insistirase no uso do idioma, é dicir, na posibilidade do falante de comunicar unha mensaxe. Por iso, os erros considéranse parte natural do proceso de aprendizaxe e, como tales, son tratados de xeito didáctico e como fonte de coñecementos.

A aprendizaxe da nova lingua será intuitiva, presentándoselle ao alumnado mensaxes reais ou adaptadas vinculadas aos seus intereses: producións multimedia coas que teñan que interaccionar, fotografías, contos, dramatizacións, cancións, xogos, etc. A variedade de producións ou modelos presentados será fundamental non só para manter a motivación senón tamén para atender ás diferenzas de nivel, de desenvolvemento e de formas de aprender.

Outra das estratexias para a aprendizaxe dun novo idioma consiste en recrear situacións e contextos nos que o alumnado teña que responder actuando: resposta física total (TPR: Total Physical Response). Trátase dun modelo similar ao que se emprega para o ensino da lingua materna, baseándose no desenvolvemento das destrezas orais. Este modelo basea a súa crenza en que a comprensión auditiva debe ser desenvolvida na súa totalidade antes de calquera participación oral. Considérase que a adquisición de habilidades na segunda lingua poden ser rapidamente asimiladas se se estimula o sistema cinestésico-sensorial, defendendo que a comprensión da linguaxe falada debe ser desenvolvida antes da expresión oral da mesma. Considérase necesario presentar propostas nas que se exixa unha resposta de movemento; de aí que as interaccións que aparecen durante a práctica de xogos, actividades plásticas, musicais e físico-deportivas se revelen como valiosos instrumentos cognitivos para a adquisición da competencia comunicativa na nova lingua. Proporanse actividades que combinen e propicien o uso da lingua e a acción física implicada pola orde emitida. A metodoloxía das sesións consistirá na introdución gradual de mandatos por parte do docente ou mediante cancións e rimas, pedindo ao alumnado que responda a elas. Estableceranse unhas rutinas como marco de referencia para desenvolver as actividades que se van realizar durante as sesións, posto que os nenos e nenas se senten máis seguros cando coñecen o ambiente no que se moven. As actividades que se leven a cabo deben ser atractivas para os nenos e nenas, facendo que se sintan integrados ao tempo que intenten potenciar as súas destrezas orais. Ademais, repetiranse con certa frecuencia ao comezo da sesión, para repasar o aprendido, e ao final dela para insistir nos novos termos.

Tratarase de poñer en práctica un ensino integrado no que se aborden todos os aspectos que inflúen no desenvolvemento dos alumnos e das alumnas a nivel expresivo, psicomotor, social e intelectual, de tal xeito que as aprendizaxes se complementen entre si, para tratar de facilitar a súa asimilación por parte do alumnado, de xeito que a lingua estranxeira non será unha materia illada senón que terá que estar relacionada co resto das materias. O método que se vai empregar debe favorecer o desenvolvemento das destrezas orais do alumnado, potenciando o seu desenvolvemento intelectual, expresivo, psicomotor e social, ao tempo que se debe fomentar a interacción entre os nenos e nenas.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma