Orde do 5 de febreiro de 2010 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundacion Futbol Sala Gallego. - Diario Oficial de Galicia, de 25-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 38
  • Fecha de Publicación: 25/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Fútbol Sala Gallego con domicilio na avenida de Glasgow, número 13 da Coruña.

Feitos.

1. Juan Ángel Probaos Barral, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o quince de decembro de dous mil nove, ante a notaria María Mercedes Bermejo Pumar, con número de protocolo mil setecentos noventa, pola Federación Gallega de Fútbol Sala, representada neste acto por Juan Ángel Probaos Barral.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fomentar os valores inherentes á práctica deportiva, en especial do fútbol sala, e a promoción desta como instrumento educativo susceptible de contribuír ao desenvolvemento integral da personalidade dos que o practican, e tamén como factor de integración social en beneficio dos que padecen calquera tipo de marxinación, así como promover e difundir todos os aspectos culturais vencellados ao deporte.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Juan Ángel Probaos Barral como presidente, José Manuel Rivas Casal como vicepresidente, Sonia Pacios Ferreiro como secretaria, Javier Caldas Otero como vicesecretario, Juan Marcos Cagigas Ansean como tesoureiro, e José Manuel Pereira Crespo e Manuel Franco Martínez como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Fútbol Sala Gallego, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xenerais na súa reunión do día 25 de xaneiro de dous mil dez.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Fútbol Sala Gallego, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma