Orde do 5 de xuño de 2009 pola que se establecen as condicions da emision de bonos da Comunidade Autonoma de Galicia por importe de 200 millons de euros. - Diario Oficial de Galicia, de 10-06-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 112
  • Fecha de Publicación: 10/06/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Con base no artigo 32 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá así mesmo autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. A dita facultade correspóndelle na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 14 de maio, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 200 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de bonos da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a continuación:

Importe: 200 millóns de euros.

Data de emisión: 12 de xuño de 2009.

Data de desembolso: 12 de xuño de 2009.

Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

Nominal dos bonos: 50.000 euros.

Subscrición: realizarana directamente as entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 11 de xuño de 2009.

Cupón: o cupón será anual e vencerá o día 12 de xuño de cada ano. Non obstante, cando estas datas teñan a consideración de inhábil no sistema Target2, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización dos bonos efectuarase o día hábil seguinte segundo o calendario do devandito sistema. O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia deste atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública en anotacións (Iberclear) na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización: dunha soa vez á par, aos cinco anos da data de emisión.

Tipo de xuro: 4,10%.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda serán realizados polo Banco de España, conforme o establecido no convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Liquidez: polo menos dúas das entidades financeiras aseguradoras garantirán durante a vida da emisión a liquidez dos bonos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda


No hay versiones para esta norma