Orde do 6 de novembro de 2009 pola que se regulan as operacions de cerramento do exercicio de 2009. - Diario Oficial de Galicia, de 09-11-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 219
  • Fecha de Publicación: 09/11/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 47 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.

Estando próxima a finalización do exercicio de 2009, faise necesaria a regulación dos prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de cerramento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos.

Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación:

a) Á Administración xeral da Xunta de Galicia.

b) Aos organismos autónomos a que se refire o artigo 11 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

c) Ás sociedades públicas autonómicas a que se refire o artigo 12 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ás que se lles aplicará o previsto nos artigos 15 e 16 desta orde.

d) Ás axencias públicas autonómicas reguladas na disposición adicional quinta do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) Ás entidades que non figuren en ningún dos puntos anteriores e que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei estatal 18/2001, xeral de estabilidade orzamentaria, formen parte do sector administracións públicas, ás que se lles aplicará o previsto no artigo 15 desta orde.

Artigo 2º.-Sinalamento de haberes no mes de decembro.

2.1. As nóminas elaboradas polo CIXTEC para a percepción de haberes activos e da paga extraordinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 11 do dito mes e remitiranse o día 14 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e á tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 18 do mesmo mes; para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 4 de decembro.

2.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ao mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 21 do mesmo mes.

Artigo 3º.-Modificacións orzamentarias.

Os expedientes de modificación terán como data límite de entrada na Consellería de Facenda o día 11 de novembro, agás os que afecten créditos do capítulo I Gastos de persoal e ás seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

Estes expedientes deberán estar completos. En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.

Artigo 4º.-Recepción e tramitación de documentos contables.

4.1. Os documentos contables con cargo aos créditos dos capítulos II, IV, VI e VII terán como datas límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 13 de novembro: documentos en fase RC para A e todos os que conteñan a fase A (documentos A, AD e ADOK).

b) O día 27 de novembro: documentos que conteñan a fase D (documentos D, DOK).

c) O día 11 de decembro: resto de documentos de exercicio corrente.

4.2. Os documentos relativos a expedientes de tramitación anticipada terán como data límite de entrada o día 15 de decembro.

4.3. Os documentos contables relativos aos capítulos III, VIII e IX e os do capítulo I non incluídos no artigo 2º desta orde, terán como data límite de entrada o 30 de decembro.

4.4. Quedarán exceptuados do disposto no apartado 4.1 deste artigo os seguintes gastos:

a) Os que correspondan a expedientes que veñan impostos por imperativo legal.

b) As transferencias de financiamento previstas no artigo 45 da Lei 16/2008, de orzamentos para 2009.

c) Os correspondentes ao Plan de Medidas de Dinamización fronte á Crise aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 30 de xullo de 2009.

d) Os expedientes de gasto con cargo ás partidas correspondentes á dependencia, renda de integración e pensións non contributivas.

e) Os expedientes de gasto correspondentes ás aplicacións orzamentarias incluídas no programa de investimentos produtivos.

f) Os expedientes de gasto correspondentes a comedores escolares, transporte escolar e subvencións a centros concertados.

g) Os expedientes correspondentes a farmacia hospitalaria e receitas médicas.

h) Os expedientes financiados polo Feaga.

i) Os correspondentes as seccións 01, 02 e 21 do orzamento de gastos.

j) Os pagamentos que hai que xustificar.

A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais para estes expedientes será o 30 de decembro, agás os pagamentos que hai que xustificar, para os que se aplicará o disposto no artigo 6 da desta orde.

4.5. Os documentos e expedientes a que se refiren os puntos anteriores deste artigo deberán remitirse ás intervencións acompañados da totalidade da documentación que preceptúe a normativa que hai que aplicar en cada caso.

No suposto de remisión de documentos contables que incumpran o anteriormente sinalado, a intervención delegada procederá á súa devolución ao órgano xestor sen contabilizar, absténdose de contabilizalos no caso de que volvesen ter entrada unha vez transcorrida a data límite establecida.

As intervencións delegadas e territoriais velarán moi especialmente polo cumprimento desta norma.

Artigo 5º.-Tramitación de obrigas recoñecidas.

A tramitación de expedientes que impliquen o recoñecemento de obrigas realizarase conxuntamente coa correspondente proposta de pagamento. Os interventores delegados e territoriais velarán especialmente polo cumprimento deste punto.

Artigo 6º.-Pagamentos que hai que xustificar.

6.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais dos documentos con fase OK a xustificar será o 14 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas e territoriais os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o día 18.

6.2. As cantidades libradas a xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas no 2009, debendo reintegrar ao Tesouro da Comunidade Autónoma os importes non aplicados e presentar as contas xustificativas e os documentos contables de formalización dentro do mes de xaneiro de 2010.

Artigo 7º.-Remanente de tesouraría dos organismos autónomos e axencias.

Autorízase á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para que, unha vez se coñezan os datos da liquidación provisional dos organismos autónomos, das axencias e dos entes públicos e, en función do remanente de tesouraría obtido, realice as operacións contables necesarias para axustar as obrigas ao seu favor, co fin de consolidar na Administración xeral o dito remanente de tesouraría.

Artigo 8º.-Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

8.1. O último día do exercicio de 2009 en que a Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá satisfacer pagamentos será o 30 de decembro.

8.2. Ata que as intervencións delegadas e territoriais deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2009, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.

8.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2010.

Artigo 9º.-Contabilidade financeira.

A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao cerramento do exercicio de 2009, como de 2008.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da Conta Xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100, Patrimonio.

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

Artigo 10º.-Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo que respecta aos dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realizar o ingreso en período voluntario exceda o 31 de decembro.

Artigo 11º.-Operacións de fin de exercicio.

11.1. Con anterioridade ao cerramento do exercicio, os centros xestores procederán á anulación dos saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.

11.2. Unha vez realizadas estas operacións, os centros xestores remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o anexo que figura ao final desta orde no que se comunicará o cerramento do exercicio e a autorización para a anulación dos saldos existentes nas fases A e RC.

11.3. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

11.4. Polo tanto, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes.

11.5. Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

11.6. Todas estas anulacións realizaranse de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

Artigo 12º.-Obrigas pendentes de propoñer o pagamento procedentes de exercicios anteriores.

Co obxecto de que á fin do exercicio queden regularizados os saldos de obrigas de exercicios pechados, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá aos distintos centros xestores do orzamento de gastos a relación de acredores.

Os centros xestores xustificarán, antes do día 15 de xaneiro de 2010, aqueles saldos que se correspondan coa existencia dunha obriga real. En caso de que non quede acreditada dita circunstancia, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma procederá a dar de baixa en contas estes saldos.

Artigo 13º.-Propostas de pagamento pendentes de realización.

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, indicando á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 15 de xaneiro de 2010, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.

Artigo 14º.-Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios.

As intervencións delegadas e territoriais e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables dependentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.

Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.

Artigo 15º.-Imputación de gastos no exercicio de 2010.

Os centros xestores comunicarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 15 de xaneiro, as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2009, con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.

Artigo 16º.-Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público.

As entidades que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei estatal 18/2001, xeral de estabilidade orzamentaria, formen parte do sector administracións públicas, para os efectos do cumprimento do criterio de estabilidade orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia, remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 26 de xaneiro a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo acordo do Consello de Política Fiscal e Financeira do 10 de abril de 2003.

Artigo 17º.-Elaboración da conta das sociedades públicas.

As sociedades públicas autonómicas a que se refire o artigo 12 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, procederán ao cerramento da contabilidade do exercicio de 2009 coa antelación suficiente para garantir que as súas contas estean formuladas antes do día 31 de marzo de 2010.

Artigo 18º.-Apertura do exercicio de 2010.

18.1. Unha vez pechado o exercicio de 2009, procederase ao traspaso ao de 2010 dos expedientes procedentes de exercicios anteriores de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) Anualidades de 2010 e futuros consecuencia de compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

b) Compromisos, autorizacións e retencións de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

c) Expedientes que alcanzasen en 2009 a fase de compromiso, polo importe polo que non se recoñecera a obriga.

18.2. Cando estes expedientes se correspondan con créditos desconcentrados, o centro xestor procederá á desconcentración do crédito necesario para a súa contabilización.

18.3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma contabilizará de oficio estas operacións. No caso de que non proceda a contabilización dalgún destes expedientes, o órgano xestor tramitará as correspondentes operacións de anulación.

18.4. Só cando se realizasen estas operacións, comezaranse a tramitar expedientes con imputación ao exercicio de 2010 nas aplicacións afectadas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Logo de avaliación do estrito cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a conselleira de Facenda poderá autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado, na que se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.

A solicitude de excepcións deberá dirixirse á Dirección Xeral de Orzamentos para as modificacións orzamentarias e, para o resto dos casos, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. A data límite para solicitar estas excepcións será o 15 de decembro.

Segunda.-Autorízase á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil nove.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO

1. Ponse en coñecemento da Intervención Xeral que a.. concluíu coa tramitación de todos os expedientes con imputación aos orzamentos de 2009.

2. Quedan sen efecto as autorizacións de gasto que non acadaron a fase de compromiso.

3. Así mesmo, infórmase que os créditos que figuran como retidos, pendentes de utilización (fase RC) non van ser utilizados no exercicio, polo que pode procederse á súa anulación.

Santiago de Compostela,.. de.. de 2010.

O/A Director/a xeral O/A Secretario/a xeral


No hay versiones para esta norma