Orde do 7 de febreiro de 2006 pola que se regula o proceso de incorporación para o curso 2006-2007 dos estudantes ao nivel universitario do ensino nos centros das tres universidades galegas. - Diario Oficial de Galicia, de 16-02-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 33
  • Fecha de Publicación: 16/02/2006
  • Este documento NO tiene versiones

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á comunidade autónoma competencia en materia de universidades. Estas com petencias foron asumidas pola comunidade autónoma

e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril) . A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto) , de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG) , determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a de Santiago de Compostela, a da Coruña e a deVigo.

A disposición derradeira quinta da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, determina que, entre tanto non sexa expresamente derrogada a Lei 30/1974, do 24 de xullo, sobre probas de aptitude para o acceso ás facultades, escolas técnicas superiores, colexios universitarios e escolas universitarias, con valor regulamentario en virtude do punto 4 da disposición derradeira cuarta da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, manterase vixente o actual sistema de acceso aos estudos universitarios. Pola súa banda, o artigo 2 f) da mesma lei determina que a admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos dos estudantes é competencia da autonomía das universidades. Así mesmo, o acceso exixe a superación dunhas probas de aptitude que ten reguladas o Estado. Hai, daquela, unha regulación específica do acceso aos centros universitarios e hai unha regulación propia dos procedementos de ingreso aos centros universitarios.

As normas que establecen os procedementos de ingreso son competencia estatal e universitaria, así o din o artigo 2 f) da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro) , o Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro (BOE do 22 de xaneiro) e o Real decreto 990/2000, do 2 de xuño, polo que se modifica e completa o Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro, polo que se regula a proba de acceso a estudos universitarios (BOE do 3 de xuño de 2000) . No procedemento de ingreso, este real decreto establece no artigo 3 que serán as universidades as que adoptarán as medidas necesarias para o exacto cumprimento do disposto neste, e elas resolverán todas as solicitudes e incidencias que puidesen presentarse.

De acordo co disposto na disposición adicional cuarta do Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios dos estudantes que reúnan os requisitos legais necesarios para o acceso á universidade (BOE do 22 de xaneiro) , para o acceso ao curso académico 2006-2007, os estudantes a que se refire o punto 1º do artigo 1 do Real decreto 69/2000, que vaian cursar o primeiro ciclo de estudos universitarios, poderán solicitar praza en calquera universidade, con independencia daquela na que, por aplicación do establecido nos artigos 5 a 8, teñan superado a proba de acceso.

As normas que regulan o acceso son competencia da universidade e do Estado. Por unha parte, a determinación do límite de prazas polas universidades, atendendo á súa capacidade, condiciona o acceso.

Por outra, o acceso exixe a superación dunha proba de aptitude que xa regulou o Estado. O Real decreto 406/1988, do 29 de abril, regula a organización das probas de aptitude para o acceso. O artigo 1 deste real decreto establece que as universidades organizarán as probas. No artigo 2 determínase que, así mesmo, as universidades establecerán o procedemento para a elaboración dos enunciados dos exames. O Real decreto 807/1993, do 28 de maio, que modifica parcialmente o artigo 4 do Real decreto 406/1988, do 29 de abril, determina a constitución dos tribunais das probas. A orde ministerial do 9 de xuño de 1993 (BOE do 10 de xuño) , desenvolve o citado real decreto e establece a composición da comisión coordinadora das probas en cada universidade, e da Comisión Interuniversitaria, no suposto de que varias universidades teñan a consideración de única para os efectos de ingreso nos seus centros.

Nesta situación propia do acceso e do ingreso, ten sentido afirmar que o Estado ten reservadas as competencias no que atinxe á normativa xeral e a universidade ten reservada a competencia no que atinxe á resolución e execución concreta desa normativa.

Pola súa parte, a comunidade autónoma tamén ten competencia no acceso e no ingreso á universidade de xeito específico. O Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro, subliña, na disposición adicional segunda, que as comunidades autónomas poderán establecer que todas ou algunha das universidades que delas dependan, logo da súa conformidade, e respecto das ensinanzas e da porcentaxe que, de ser o caso, se determinen, sexan consideradas como unha soa universidade, para os estudantes que soliciten iniciar estudos nelas. Así mesmo, o Real decreto 807/1993 e a Orde do 9 de xuño de 1993 determinan a posibilidade de existencia da Comisión Interuniversitaria.

No caso concreto de Galicia, a Lei 11/1989, de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG) , do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto) , establece no seu artigo 10 o sistema universitario de Galicia como unha realidade material e humana planificada e coordinada que aplica o principio do distrito único para os estudantes. Isto quere dicir que os estudantes en Galicia se incorporan a calquera centro de ensino universitario de Galicia con independencia do lugar da comunidade onde cursasen os estudos de secundaria ou realizasen as probas de acceso.

De todo o antedito deriva a necesidade de conxugar, no momento da incorporación dos estudantes ao ensino universitario e nos procedementos de acceso e ingreso, os principios de distrito autonómico, distrito aberto, autonomía universitaria e coordinación dos procedementos e das competencias.

Cómpre, polo tanto, que se regulen para o curso 2006-2007 o acceso e o ingreso, de xeito que se salienten os principios anteditos, pois, no seu conxunto, responden ás exixencias legais e reforzan

a idea de sistema nas institucións universitarias galegas.

En consecuencia, logo de oída a Comisión Interuniversitaria, verbo do proceso de incorporación de estudantes ao sistema universitario de Galicia, e atendendo ao traballo que conxuntamente e de xeito coordinado se vén facendo para o desenvolvemento do sistema universitario de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-O proceso de incorporación dos estudantes ao curso 2006-2007 nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias do sistema universitario de Galicia definido na Lei 11/1989 (DOG do 16 de agosto) , será organizado polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo de acordo co establecido no convenio asinado polos tres reitores das devanditas universidades en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria con data do 12 de marzo de 2001.

Segundo.-As universidades, que participan por dereito propio na coordinación e organización do proceso, adoptarán todas as medidas conxuntas que sexan necesarias verbo dos procedementos e tarefas propias da incorporación do alumnado ao ensino universitario para mellorar a racionalidade do proceso, aplicando os principios de distrito aberto e distrito autonómico, autonomía universitaria e coordinación.

Terceiro.-O modelo de actuación, as tarefas e os procedementos acordados polas universidades quedaron recollidos no convenio específico asinado por elas, en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria o 12 de marzo de 2001.

Cuarto.-Tendo en conta que o proceso de incorporación dos alumnos ao ensino universitario fai converxer diversos procedementos coñecidos como probas de aptitude para o acceso, probas de maiores de 25 anos, solicitude de admisión para o ingreso, distrito aberto e distrito autonómico, estes ordenaranse temporalmente, de xeito que se posibilite o normal comezo do curso 2006-2007. As universidades, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia, farán público o calendario e os prazos correspondentes a cada fase do procedemento.

Quinto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará a prestación de servizos de apoio ao sistema universitario de Galicia (Sasuga) , a través do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia especificada en convenio coas universidades do 5 de marzo de 1993, para darlles cumprimento ás funcións de apoio que lles son propias e que afectan o procesamento informatizado dos aspectos comúns das tarefas e procedementos de incorporación dos estudantes ao ensino universitario. En todo caso, por medio da prestación de servizos no Sasuga realizarase a conxunción das listas de solicitude de

admisión para o ingreso presentadas en cada universidade para elaborar progresivamente as listas de asignación de prazas e de espera que correspondan.

Sexto.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá ao dispor das universidades, en forma e prazo procedente, a aplicación informática para realizar o proceso de incorporación dos estudantes ao sistema universitario.

2. A aplicación informática, que é propiedade da consellería, non pode ser modificada polas universidades nas súas copias e será revisada e rectificada coordinadamente.

Sétimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cubrirá os gastos que deriven da prestación de servizos do Sasuga.

Oitavo.-Os centros de ensino secundario deberán colaborar no proceso que se regula nesta orde, para os efectos de facilitar a información e a documentación que lles atinxe e que forma parte dos expedientes para o acceso.

Noveno.-Os reitores das tres universidades da Comunidade Autónoma de Galicia ditarán as resolucións de carácter específico que sexan necesarias para o desenvolvemento do proceso, tendo en conta as competencias delegadas na Comisión Interuniversitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para que dite as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2006. Laura Sánchez Piñón Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Procedementos I. Procedementos que se deben seguir para coordinar e executar o proceso de incorporación dos estudantes ás titulacións universitarias.

I. A. Normas xerais. Os principios básicos derivados do exposto anteriormente levan a defender catro principios na conxugación das cuestións que atinxen á incorporación ás universidades.

-Distrito autonómico.

-Distrito aberto.

-Autonomía das universidades.

-Necesaria coordinación do proceso e das competencias.

1. De acordo co principio de distrito autonómico, as probas e o calendario serán comúns e os procedementos serán homoxéneos en todo o territorio.

2. A autonomía das universidades implica que cada unha delas asuma as súas funcións nas tarefas e procedementos de incorporación dos estudantes ao ensino universitario, tanto no deseño e control deles como na súa execución, sen prexuízo das competencias da Comisión Interuniversitaria.

Tamén é obriga da autonomía universitaria propiciar a competencia administrativa de cada universidade para a custodia dos expedientes, a execución das probas e a verificación dos coñecementos dos estudantes.

3. A complexidade das tarefas fai imprescindible dotar o sistema universitario galego dunha infraestrutura informática (máquinas e aplicacións) que actúe conxuntamente para as tres universidades e que estea operativa cos seus técnicos, para prestarlle, con prioridade e disposición absoluta, os servizos de apoio requiridos pola Comisión Interuniversitaria de cara ao cumprimento dos principios de distrito aberto e distrito autonómico.

4. A incorporación dos estudantes ao ensino universitario comporta neste documento os seguintes procedementos:

-Probas de aptitude para o acceso á universidade para alumnos de bacharelato e de COU.

-Solicitude de admisión para o acceso na universidade en titulacións con límite de prazas.

-Solicitude de admisión por distrito aberto.

-Probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

5. O traballo administrativo xerado no proceso de incorporación, nun prazo curto de execución, aconsella, na procura da eficacia administrativa, ter en conta, ao mesmo tempo, un tratamento común do conxunto do alumnado que solicita a súa incorporación ás universidades e a diversificación dos puntos de recepción de documentación en función da situación dos centros de ensino medio. Esta territorialización administrativa non xera dereito ningún de preferencia verbo da admisión de alumnos no sistema universitario de Galicia.

6. Anualmente revisaranse os procedementos e maila aplicación informática en función dos correspondentes informes técnicos que deberán emitir tanto as universidades como a propia comisión para acadar un produto continuamente mellorado.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cobre a prestación de servizos de apoio ao sistema universitario galego (Sasuga) a través do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia de cara

ao cumprimento dos principios de distrito aberto e distrito autonómico.

Con independencia da prestación de servizos ou apoio que efectúe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ao sistema universitario de Galicia, as universidades, facendo uso da súa autonomía, desenvolverán as aplicacións informáticas propias, compatibles co resto da xestión académica que lles é propia.

8. Os elementos que se deben conxugar nas tarefas e procedementos propios do proceso de incorporación dos estudantes ao ensino universitario, baixo os principios xerais de autonomía, distrito autonómico, distrito aberto e coordinación, dado o entendemento acadado e a experiencia dos cursos anteriores, permiten xerar un modelo conxunto de actuacións definido en procedementos idénticos e únicos para todo o distrito.

9. O proceso de incorporación dos estudantes iníciase coa publicación da correspondente orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de asinado o convenio entre os reitores e de estaren nomeados os membros da Comisión Interuniversitaria.

I. B. Procedemento propio das probas de aptitude para o acceso á universidade.

1. As probas de aptitude para o acceso á universidade (PAAU) organízanse, de acordo co establecido neste convenio, conxuntando os seguintes órganos e tarefas:

-Comisión Interuniversitaria.

-Un tribunal único para o sistema universitario.

1. Comisións delegadas.

2. Comisións de avaliación.

-Grupos de traballo LOXSE das diferentes materias obxecto de exame das PAAU.

-Diversificación dos puntos de captura de datos, para os efectos administrativos, tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria.

-Recepción dos datos enviados polas universidades, seguindo as instrucións do Sasuga para explotar informaticamente.

-Exame, calendario e temario único. A Comisión Interuniversitaria para todo o sistema, que está recollida na orde ministerial do 9 de xuño de 1993, estará constituída por tres profesores de universidade, cada un deles delegado do reitor correspondente, e tres profesores de educación secundaria nomeados pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

As funcións da Comisión Interuniversitaria á que se fai referencia no parágrafo anterior, correspóndense coas funcións atribuídas á comisión organizadora á que se fai referencia no artigo 5 do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro (BOE do 27 de outubro) , modificado e completado polo Real decreto 990/2000, do 2 de xuño (BOE do 3 de xuño) .

Esta comisión ten competencias para resolver os asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para cumprimento dos principios de distrito aberto e distrito autonómico, no ámbito das competencias que lle foron delegadas.

Para a realización material das probas de acceso, así como para verificar os seus coñecementos e revisar a súa cualificación trala presentación das reclamacións, a Comisión Interuniversitaria nomea o tribunal único das PAAU, que estará constituído por:

-Un presidente, un secretario e, se é o caso, un vicepresidente.

-Comisións delegadas para actuaren en cada un dos centros nos que se realicen as probas que, segundo o criterio de aproximación aos alumnos dos procedementos de incorporación, estarán necesariamente territorializadas.

-A Comisión Interuniversitaria establecerá o número destas comisións, determinará a súa composición e funcións, así como a situación destas, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

-Comisións de avaliación de cada materia obxecto de exame nas PAAU, presididas polos directores de grupos de traballo LOXSE e constituídas, así mesmo, por vogais especialistas da materia en número suficiente para o seu correcto funcionamento, de acordo coa normativa vixente.

2. Constitúense grupos de traballo LOXSE das diferentes materias obxecto de exame nas PAAU coa finalidade de asesorar á comisión organizadora na definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame e no establecemento dos criterios xerais de avaliación das probas.

A Comisión Interuniversitaria, xunto coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establecerá o número de grupos de traballo e nomeará os seus compoñentes.

Cada grupo de traballo estará composto polos seguintes especialistas na materia ou materias correspondentes:

-Un profesor numerario de universidade que desempeñará a función de director do grupo, podendo estar asistido por un subdirector e sendo nomeados ambos os dous pola Comisión Interuniversitaria.

-Un membro da Inspección Educativa que será nomeado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un representante da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un máximo de catro profesores de ensino secundario que estean impartindo a materia e que serán nomeados conxuntamente pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e pola Comisión Interuniversitaria.

O director do grupo enviará á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a través da Comisión Interuniversitaria, unha memoria final das actividades desenvolvidas polo grupo de traballo antes do 30 de setembro.

3. O calendario das probas de acceso fixarase coordinadamente en reunión da Comisión Interuniversitaria cos servizos administrativos das universidades e co Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. O exame será común e fixado por sorteo pola Comisión Interuniversitaria a partir de alomenos, seis propostas solicitadas a cada director de grupo de traballo LOXSE da materia correspondente. A Comisión Interuniversitaria fará un sorteo público das propostas para determinar os exames que se van empregar. Non haberá anulación das probas como primeira resolución, senón suspensión preventiva e/ou aprazamento dunha determinada proba, sempre que se dese o caso.

5. Para efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria, establécense LERD territorializados, onde se instrúan os expedientes e executen os procedementos administrativos e informáticos ao nivel do usuario (solicitante-centro de educación secundaria) que van asociados á xestión do alumnado no acceso (captura de datos, matrícula, solicitudes, etc.) .

6. A captura de datos, tanto académicos como persoais, será responsabilidade da Comisión Interuniversitaria a través das tres universidades, nos formatos previamente acordados co Servizo de Apoio ao Sistema Universitario de Galicia para a xestión informática. Os centros de educación secundaria facilitaranlle á Comisión Interuniversitaria as actas e as certificacións das cualificacións do bacharelato, no soporte informático correspondente cos datos persoais e académicos necesarios para o proceso, segundo as instrucións e dentro dos prazos establecidos pola Comisión Interuniversitaria.

7. O deseño dos documentos correspondentes á solicitude de matrícula das probas de acceso é competencia da Comisión Interuniversitaria, tendo en conta as posibilidades informáticas do sistema. A Comisión Interuniversitaria establecerá para cada centro de ensino secundario os lugares, datas e procedemento da matrícula das PAAU.

Para facer efectiva a matrícula, os alumnos aboarán os prezos públicos de matrícula establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

8. Os alumnos poderán presentar, no prazo de tres días hábiles contados a partir da data de publicación das cualificacións, as solicitudes de dobre corrección ou de reclamación nas materias nas que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais e específicos de corrección. No devandito prazo, os alumnos non poderán presentar simultaneamente

solicitude de dobre corrección e de reclamación sobre unha mesma materia.

8.1. Procedemento das solicitudes de dobre correción: 8.1.1. O prazo de presentación desta solicitude de dobre correción, perante o presidente do tribunal único, será de tres días hábiles contados a partir da data de publicación das cualificacións. Os exercicios sobre os que se solicitase esta segunda corrección serán avaliados por un profesor especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación resultará da media aritmética de ambas as correccións, agás nos casos de erros de suma, nos que a cualificación será a que resulte correcta e non a media aritmética. No suposto de que existise unha diferenza de tres ou máis puntos entre ambas as cualificacións, un tribunal distinto efectuará unha terceira corrección, outorgando a cualificación que resolverá a revisión solicitada. Este procedemento efectuarase no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo establecido anteriormente.

8.1.2. No prazo de tres días hábiles contados a partir da data de publicación da resolución do tribunal a que se refire o punto anterior, os alumnos poderán presentar, ante a comisión organizadora, solicitude de reclamación nas materias nas que previamente teñan solicitado a dobre corrección. A cualificación será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da dobre corrección, agás nos casos de erros de suma, nos que a cualificación será a que resulte correcta.

8.2. Procedemento das solicitudes de reclamación: O prazo de presentación desta solicitude de reclamación, perante a comisión organizadora, será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións. Os exercicios sobre os que se solicitase esta reclamación serán revisados por un profesor especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da primeira corrección, agás nos casos de erros de suma, nos que a cualificación será a que resulte correcta.

8.3. As solicitudes de dobre corrección e de reclamación deberán presentarse nos lugares de entrega e recollida de documentación (LERDs) , empregando os impresos específicos contidos nos sobres de matrícula.

8.4. Contra a resolución adoptada pola comisión organizadora, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante a propia comisión. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición.

9. As actas das probas de acceso á universidade serán elaboradas polo Sasuga a partir das cualificacións outorgadas polo tribunal único e da resolución das reclamacións a estas por parte da CIUG.

A custodia dos expedientes dos alumnos que concorren ás PAAU, correspóndelle á universidade respectiva segundo o LERD que teña utilizado o alumno. O arquivo e a custodia das actas das probas de acceso correspóndelles ás tres universidades. Nestas actas deberán figurar todos os datos necesarios para a certificación e o traslado dos alumnos. Cada alumno que queira iniciar estudos noutro distrito, presentará para os efectos de traslado a solicitude na universidade respectiva segundo o LERD que teña elixido o alumno. Esta universidade será a encargada de tramitar o traslado e arquivar os datos correspondentes e comunicalo á CIUG.

I. C. Procedemento propio das solicitudes de admisión para o ingreso no sistema universitario de Galicia.

1. As solicitudes de admisión para o ingreso en titulacións con límite de prazas do sistema universitario de Galicia, en cumprimento da normativa vixente, serán controladas no seu procedemento pola Comisión Interuniversitaria, co fin de que se cumpran os principios de distrito autonómico e distrito aberto.

A Comisión Interuniversitaria estará composta neste caso só polos delegados dos reitores e terá a mesma responsabilidade xeral que nas PAAU. Para a xestión deste procedemento contarase cos medios informáticos do Sasuga, que, en todo caso, non impedirá que as universidades, facendo uso da súa autonomía, utilicen as súas aplicacións informáticas, compatibles co resto da xestión académica que lles é propia.

2. O calendario para a presentación de solicitudes de admisión para o ingreso, e mailo desenvolvemento do procedemento, será fixado pola Comisión Interuniversitaria de Galicia. Para todo o sistema universitario abriranse os mesmos prazos e datas de solicitude de admisión, que serán fixados nas respectivas convocatorias de preinscrición que se farán públicas nos LERD, na sede da CIUG e nos reitorados das tres universidades de Galicia, e que terán efectos de notificación oficial aos interesados. Os documentos formalizados da solicitude serán comúns e deseñados coordinadamente. En todo caso, para os alumnos que superen as PAAU na convocatoria de xuño abrirase o prazo para as solicitudes de admisión despois de publicados os límites de prazas e as cualificacións correspondentes. Unha vez publicadas as cualificacións de setembro, abrirase un prazo de solicitude de admisión para aqueles alumnos que non o fixesen en ningún outro prazo no curso actual.

O alumnado que presente a súa solicitude de admisión para o ingreso na convocatoria de setembro,

terá prioridade de setembro na adxudicación de prazas, aínda que teña superadas as PAAU na convocatoria de xuño do ano en curso ou en anos anteriores.

3. A solicitude de admisión para o ingreso, debidamente cuberta e dirixida á Comisión Interuniversitaria, entregarase nalgún dos LERD existentes. Dado que hai titulacións repetidas en campus distintos, cada alumno poderá indicar na súa solicitude ata cinco titulacións diferentes cun máximo de dez localizacións, no caso de titulacións autorizadas en máis dun centro. A CIUG, a través das universidades, encargarase de que todas as solicitudes sexan transmitidas ou enviadas ao Sasuga, segundo o procedemento establecido pola CIUG e que, en todo caso, non pode impedir o desenvolvemento das aplicacións informáticas propias de cada universidade.

A universidade determinará a non admisibilidade a trámite das instancias que non reúnan os requisitos legais ou regulamentariamente establecidos. Contra a non-admisibilidade a trámite poderase presentar ante o presidente da CiUG reclamación nos prazos establecidos.

4. O Sasuga, seguindo as instrucións da Comisión Interuniversitaria, fará a listaxe de asignación de prazas por titulacións e centros, segundo as opcións manifestadas polos alumnos no impreso de solicitude e atendendo aos seus datos académicos introducidos. Todos os alumnos serán asignados nas listas de convocados á matrícula ou de espera, tendo en conta, de entre as súas opcións, a primeira das posibles. Esta asignación estará condicionada ao cumprimento dos requisitos.

Na convocatoria de setembro non se ofertarán as titulacións que teñan todas as prazas esgotadas coa matrícula dos alumnos da convocatoria de xuño ou aquelas nas que a CIUG considerase que existen datos obxectivos que permitan prever esa circunstancia. En todo caso, non se poderán deixar vacantes prazas previamente ofertadas mentres existan solicitudes formalizadas dentro dos prazos establecidos.

5. O Sasuga transmitiralles ás universidades, para que a incorporen ao seu sistema informático, toda a información respecto das listas completas de asignación de prazas no sistema universitario, indicando as posibilidades de ingreso en relación co distrito autonómico e co distrito aberto.

6. A Comisión Interuniversitaria, ben por si ou por medio das universidades, procederá a facer pública a relación de alumnos que foron admitidos nas distintas titulacións, establecendo o prazo para formalizar a matrícula.

7. Cada universidade custodia a documentación correspondente aos alumnos que presentaron a súa solicitude en calquera dos LERD desa universidade.

8. Os titulados universitarios, os de FP2, os de módulos profesionais de nivel 3 e os deciclos formativos de grao superior, que soliciten a súa admisión en titulacións universitarias con límite de praza, deberán acharse en posesión do título que os habilita para o acceso no momento de facer a solicitude. Estes solicitantes, así como os estranxeiros, os alumnos de anos anteriores e os alumnos doutros distritos universitarios, dos que non se dispón de datos informatizados, xa que achegan un expediente novo, teñen que presentar a solicitude anticipada de admisión, nun dos LERD da universidade da súa elección. As universidades recollerán os datos persoais e académicos destes colectivos e introduciranos no soporte informático como determine a Comisión Interuniversitaria, de acordo coas posibilidades informáticas da aplicación. No caso de estudantes con titulación universitaria ou equivalente e de estudantes nacionais de países non comunitarios nin do espazo económico europeo, haberá un único prazo de solicitude correspondente á convocatoria de xuño.

No caso de que os solicitantes provenientes da formación profesional (FP2, módulos profesionais de nivel 3 e ciclos formativos de grao superior) presenten a mesma nota media final para os efectos de acceso a ensinanzas universitarias, de xeito que a demanda de prazas sexa superior á oferta, resolverase o desempate aplicando o procedemento descrito nos puntos 1º a 7º da Resolución do MEC do 4 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Universidades, pola que se establecen as normas para o cálculo da nota media no expediente académico dos alumnos que acceden a ensinanzas universitarias conducentes á obtención de títulos oficiais desde a formación profesional (BOE do 12 de xuño) .

De persistir o empate, trala aplicación desta normativa, resolverase a admisión utilizando como criterio de adxudicación a realización dun sorteo público para obter a letra inicial do primeiro apelido dos solicitantes a partir da cal se efectuará a distribución das prazas, de acordo co procedemento descrito na Resolución do 4 de xuño de 2001 (BOE do 12 de xuño)

Este procedemento de desempate aplicarase tamén aos alumnos que teñan cursado módulos profesionais de carácter experimental, unha vez obtida a nota media final cuantitativa na forma establecida no punto sexto da devandita resolución, e aos alumnos procedentes de ciclos formativos de grao superior.

A equivalencia entre a nota final obtida polos alumnos que cursen formación profesional de segundo grao e os que cursen ciclos formativos de grao superior para efectos de acceso á universidade, de acordo cos puntos 5º e 7º da Resolución do 4 de xuño de 2001, realizarase multiplicando a nota final obtida en formación profesional de segundo grao polo factor 1,42857 e ao resultado restaráselle 2,85714. A cifra final obtida contará cun só decimal, de xeito que se a centésima é superior ou igual a 5 tomarase a décima incrementada nunha unidade, en caso con trario deixarase a décima no seu valor, tal e como

se establece no punto 9º da Resolución do 4 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Universidades (BOE do 12 de xuño) .

9. A reclamación dun alumno respecto da resolución da súa solicitude de admisión dirixirase ao presidente da Comisión Interuniversitaria, a través do LERD no que presentou a súa solicitude. A resolución da reclamación corresponde á CIUG e será asinada polo delegado do reitor da universidade á que pertence a titulación que motivou a reclamación e seralle comunicada ao interesado, a través das listas de asignación, ou dunha notificación persoal indicándoselle, se é o caso, o prazo para matricularse.

A resolución da reclamación ao procedemento de ingreso en titulacións con límite de prazas será resolta pola CIUG e será asinada polo seu presidente. Contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante a propia comisión, que porá fin á vía administrativa. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición.

No caso de impugnación xudicial para o ingreso nunha titulación, a Administración demandada será a universidade responsable da titulación na que pretende ingresar o alumno. En materia de persoal, a responsabilidade, no caso de demanda, corresponderá a cada universidade.

Unha vez considerada a resolución da reclamación dentro do sistema universitario, o Sasuga procederá, seguindo as instrucións da Comisión Interuniversitaria, a actualizar as bases de datos existentes e as listas de asignación. Posteriormente, cada universidade recibirá a nova lista de asignación.

10. Os estudantes que reúnan os requisitos para solicitar a admisión por máis dunha vía de acceso (xeral e/ou porcentaxe de reserva) poderán facer uso da devandita posibilidade.

11. Das prazas totais de cada titulación, as universidades reservarán para os distintos colectivos as porcentaxes de prazas que se sinalan a continuación:

Distrito aberto: para o acceso ao curso académico 2006-2007, os estudantes aos que se refire o punto 1º do artigo 1 do Real decreto 69/2000, que vaian cursar o primeiro ciclo de estudos universitarios, poderán solicitar praza en calquera universidade, con independencia daquela na que, por aplicación do establecido nos artigos 5 e 8, teñan superado a proba de acceso.

Para os estudantes que posúan unha titulación universitaria ou equivalente que non lles permita o acceso ao segundo ciclo dos estudos que pretendan cursar, reservarase unha porcentaxe do 2 por 100 das prazas totais de cada titulación.

Para os estudantes nacionais de países non comunitarios nin do espazo económico europeo que teñan superadas as probas de acceso ás universidades españolas no ano en curso ou no inmediatamente anterior e sempre que os seus respectivos estados apliquen o principio de reciprocidade nesta materia, reservarase unha porcentaxe do 2 por 100 das prazas totais de cada titulación.

Para os estudantes que teñan superados os estudos de formación profesional que facultan para o acceso directo ás ensinanzas universitarias, de acordo co disposto na Orde ECI/2527/2005, do 4 de xullo (BOE do 5 de agosto de 2005) pola que se actualiza e se amplía o anexo X de acceso a estudos universitarios desde os ciclos formativos de grao superior, do Real decreto 777/1998, do 30 de abril, as porcentaxes de prazas para reservar serán as seguintes:

Cando se trate de estudos universitarios conducentes á obtención de títulos oficiais de só primeiro ciclo, a porcentaxe de prazas para reservar será dun 15 por 100 das totais de cada titulación.

Cando se trate de estudos universitarios conducentes á obtención de títulos universitarios de primeiro e segundo ciclo, a porcentaxe de prazas para reservar será dun 7 por 100 das totais de cada titulación.

Para os estudantes con discapacidade reservarase un 3 por 100 das prazas totais de cada titulación cando teñan recoñecido un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 por 100, ou padezan menoscabo total da fala ou perda total da audición, así como para aqueles estudantes con necesidades educativas especiais permanentes asociadas a condicións persoais de discapacidade que durante a súa escolarización anterior teñan precisado recursos extraordinarios. O certificado, ditame ou procedemento de valoración da minusvalidez terá que realizalo o órgano competente de cada comunidade autónoma. Os alumnos con só COU, sen PAAU, que desexen solicitar por este colectivo, deberán presentar a súa solicitude de admisión na convocatoria de xuño.

Para os estudantes que, reunindo os requisitos académicos correspondentes, o Consello Superior de Deportes cualifique e publique como deportistas de alto nivel antes do 15 de xuño do ano que corre, así como aqueles que a Comunidade Autónoma de Galicia clasifique como deportistas galegos de alto nivel e que figuren como tales na relación publicada no Diario Oficial de Galicia, ou que cumpran as condicións que estableza o Consello de Coordinación Universitaria, reservarase unha porcentaxe de prazas do 3 por 100 das prazas totais de cada titulación e, adicionalmente, o 5 por 100 das prazas correspondentes á licenciatura en ciencias da actividade física e do deporte.

12. En virtude do disposto no artigo 13.4º do Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro (BOE do 22 de xaneiro) , as prazas obxecto de reserva que queden sen cubrir serán acumuladas ás ofertadas polas universidades polo réxime xeral, en cada unha das convocatorias de preinscrición.

13. Para os estudantes maiores de 25 anos que teñan superadas no sistema universitario de Galicia as probas específicas de acceso á universidade previstas no artigo 53.5º da Lei orgánica 1/1990 (LOXSE) , reservarase unha porcentaxe do 2 por 100 das prazas totais de cada titulación.

I. D. O procedemento propio do distrito aberto.

1. Ningún alumno do distrito aberto ingresará cunha nota inferior á nota de corte determinada pola solicitude de admisión ordinaria en cada titulación, agás nos casos en que queden prazas vacantes que fagan que o número de matriculados sexa inferior ao aprobado polo Consello de Coordinación Universitaria.

2. As solicitudes de distrito aberto para cursar titulacións do sistema universitario de Galicia serán presentadas por cada alumno polo procedemento ordinario que estableza a Comisión Interuniversitaria de Galicia.

3. A Comisión Interuniversitaria de Galicia comunicará a admisión na forma que teña establecida para o efecto.

4. As universidades notificaranlle ao interesado a súa admisión na titulación a través das listaxes de admitidos e de espera que se farán públicas na CIUG e nos LERD e o prazo de matrícula establecido.

A CIUG establecerá, ao inicio do proceso e, seguindo a normativa legal vixente, o calendario de admisión e matrícula.

5. A reclamación dun alumno ao que se lle denegue unha opción irá dirixida ao presidente da CIUG, que resolverá o que proceda.

6. A CIUG é a responsable de notificarlle ao alumno a estimación ou desestimación da súa reclamación.

I. E. Procedemento propio do ingreso dos maiores de 25 anos.

1. As probas dos maiores de 25 anos teñen a súa regulación no Real decreto 743/2003, do 20 de xuño, polo que se regula a proba de acceso á universidade dos maiores de 25 anos (BOE do 4 de xullo) . Así mesmo, a Lei 1/1990, do 3 de outubro, fai unha referencia a estas probas igual que o Real decreto 704/1999, do 30 de abril e mailo Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro (BOE do 22 de xaneiro) , coas peculiaridades establecidas nas súas convocatorias.

2. A Comisión Interuniversitaria realizará anualmente unha convocatoria da proba de acceso para os maiores de 25 anos.

3. Para homoxeneizar o procedemento, cómpre fixar o modelo do seguinte xeito:

-Convocatoria xeral única de probas de maiores de 25 anos para acceder ao sistema universitario de Galicia, dirixida aos que, tendo cumpridos 25 anos antes do día 1 de outubro do ano natural no que se realizan as probas, non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente.

Os alumnos que estean en posesión do título de bacharelato establecido pola Lei 1/1990, poderán presentarse ás probas de acceso para maiores de 25 anos unicamente no caso de ter esgotadas as catro convocatorias das PAAU.

-Comisión Interuniversitaria única para o sistema universitario para os efectos de directrices comúns de calendario, temario, exame, etc. A Comisión Interuniversitaria estará composta polos tres delegados dos reitores.

-Exame único elixido ao chou na Comisión Interuniversitaria a partir de, alomenos, tres propostas do tribunal.

-Tribunal nomeado pola Comisión Interuniversitaria.

4. A Comisión Interuniversitaria deseñará os impresos normalizados de matrícula coordinadamente co Sasuga. A gravación de datos destes alumnos farase no LERD que elixa o alumno para matricularse nas probas. Estes datos serán enviados ou transmitidos ao Sasuga seguindo as instrucións da CIUG.

Cada universidade é depositaria e custodia os expedientes dos alumnos que se matriculen nela nas probas de maiores de 25 anos.

A realización dos trámites de matrícula para as probas nunha universidade non xera dereito de preferencia de prazas.

5. Haberá un tribunal único e común para o exame e convocarase, sempre que sexa posible, a un único lugar de exame. O tribunal ten competencias para realizar a proba e verificar os coñecementos dos alumnos.

6. As actas das probas serán elaboradas polo Sasuga a partir das cualificacións outorgadas polo tribunal único, unha vez resoltas as reclamacións interpostas a estas. O arquivo e a custodia das actas das probas de acceso correspóndelles ás tres universidades e á Comisión Interuniversitaria.

Todas as reclamacións respecto das cualificacións das probas serán dirixidas ao presidente da Comisión Interuniversitaria a través dos LERD. As reclamacións serán resoltas pola Comisión Interuniversitaria trala revisión dos exames reclamados por parte dos membros do tribunal designados pola devandita comisión. A resolución será asinada polos tres delegados dos reitores na comisión.

Esta resolución, que esgota a vía administrativa, faraa pública a Comisión Interuniversitaria na sede da CIUG e seralles comunicada aos LERD e aos reitorados das tres universidades. Tamén se dará conta desta ao Sasuga. Contra esta poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, previo ao contencioso-administrativo, no prazo dun mes perante a propia comisión, que porá fin á vía administrativa. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición. O recurso de reposición será resolto polo presidente da CIUG.

7. Para os alumnos aprobados nestas probas, a Comisión Interuniversitaria establecerá os prazos para a presentación das solicitudes de admisión para o ingreso que, debidamente cubertas, se dirixirán á Comisión Interuniversitaria e entregaranse nalgún dos LERD existentes. Dado que hai titulacións repetidas en diferentes campus, cada alumno poderá indicar na súa solicitude ata cinco titulacións diferentes cun máximo de dez localizacións, no caso de titulacións autorizadas en máis dun centro.

A superación das probas habilita o alumno para matricularse en calquera das tres universidades do sistema universitario de Galicia, de acordo coa opción pola que se supere.

8. O procedemento que se seguirá no caso de reclamación e/ou impugnación xudicial será o establecido no ingreso en centros do sistema xeral.

ANEXO II

A Comisión Interuniversitaria terá a seguinte composición:

1. Para as probas de aptitude para o acceso á universidade: un presidente e dous vicepresidentes, por parte das universidades, e tres vogais por parte dos centros de ensino secundario designados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

Presidente: Manuel R. Bermejo Patiño (delegado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela) .

Vicepresidentes: Santiago B. Tarrío Carrodeguas (delegado do reitor da Universidade da Coruña) . Carlos Hervés Beloso (delegado do reitor da Universidade de Vigo) .

Vocais: Juan Luis Saco Cid. Pablo Porta Martínez. María Dolores Vázquez Froján.

2. Para o resto dos procedementos, a comisión estará composta polos tres membros designados polas universidades.

3. Os membros da Comisión Interuniversitaria organizadora das probas, para desenvolver as atribucións ás que fai referencia o artigo 5 do Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro, terán, para efectos académicos e administrativos, a consideración e as atribucións que lles permitan o cumprimento das obrigas correspondentes á citada función.

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

As vías do bacharelato e as opcións do curso de orientación universitaria (COU) que figuran no cadro anterior son as seguintes:

* Vías do bacharelato:

1. Científico tecnolóxica.

2. Ciencias da saúde.

3. Humanidades.

4. Ciencias sociais.

5. Artes.

* Opcións do COU: A. Científico tecnolóxica. B. Biosanitaria. C. Ciencias sociais. D. Humanidades.

Para o alumnado que teña superadas as probas de acceso á universidade no ano académico 2003-2004 ou posteriores non será de aplicación a vinculación das opcións de COU recollidas neste anexo III. Para este alumnado terase en conta a vía ou vías de acceso polas que concorre á proba.

Cando no conxunto de materias optativas cursadas polo alumno, na súa opción de COU figuren as obrigatorias doutra, terá os dereitos de preferencia que conceden as dúas opcións (só alumnado de COU que teña superadas as PAAU no ano académico 2002-2003 ou anteriores) .

A vinculación das titulacións universitarias coa vía de acceso cursada no bacharelato e coa opción cursada no COU regúlase pola O. M. do 30 de maio

de 1995 (BOE do 7 de xuño) , O. M. do 26 de decembro de 1996 (BOE do 10 de xaneiro de 1997) , O. M. do 28 de agosto de 1998 (BOE do 9 de setembro) , O. M. do 6 de maio de 1999 (BOE do 8 de maio) , O. M. do 25 de novembro de 1999 (BOE do 30 de novembro) , O. M. do 27 de xuño de 2000 (BOE do 4 de xullo) e O. M. do 14 de maio de 2001 (BOE do 22 de maio) .


No hay versiones para esta norma